Falar galego como afirmación e sostén da herdanza que levamos no corazón.
Unha susbstancial aposta de alumnos dos cursos de idioma galego de Bos Aires pola cultura de Galicia

O meu perfil
oterzodafala@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CINE E CHOCOLATE: "El Bosque Animado" - 17 de agosto de 2013
Un bosque na xungla
Antes iamos máis ao cine. Todos os venres buscaba o suplemento de espectáculos para ler as críticas das estreas cinematográficas da semana.
Unha noite sinalei co dedo un artigo do xornalista Aníbal Vinelli no que se refería eloxiosamente a un filme “O Bosque Animado” de José Luis Cuerda sobre o libro do galego Wenceslao Fernández Flores.
Nun simpático pero tamén severo fresco de comezos da posguerra civil, contábanse as historias das xentes dunha vila do norte de España; lindas xentes que discorrían polo seu pequeno mundo abafadas por un ambiente no que as carencias da vida en sociedade eran tan grandes como grandes eran as súas resignacións nunha loita que esgotaba, unha a unha, as ilusións por modestas que fosen.
Julia, a miña muller, púxose a ler deseguido e cun sorrisiño cómplice aprobou o programa: “Ah, clarísimo…, ya entendí todo…; si querés, vamos mañana”.
Pero o certo era que, naquel artigo no que se ponderaba una película española,Vinelli non facía máis que entusiasmarse cunha historia onde o principal asunto era Galicia e o pobo galego! Sen esquecer o que entendía como a maxia e nobreza do país, o xornalista facía mención a cada personaxe con gran tenrura e pechaba a nota salientando a excelente participación dun elenco fantástico e o mérito do guión de Rafael Azcona (Premio Goya, 1987), xunto as outras catro distincións: mellor película, mellor actor (Alfredo Landa), mellor música e mellor vestiario.
Pasaron moitos anos e aquelas impresións recobráronse intactas grazas á iniciativa xurdida no Terzo da Fala e ao empeño da nosa compañeira Alicia Lago –outra fanática do Bosque Animado– que foi quen de procurar a copia coa que gozamos o sábado pasado no entrañábel microcine do Centro Lalín.
Atrévome a asegurar que non hai actriz ou actor que ao desfilar por este relato non deixe pegada. Ningún que non se apropiara, artisticamente falando, dese anaco de secuencia fílmica onde aparecera actuando. E todos son cribles… e queribles.
Hermelinda, Malvís (Fendetestas), Geraldo, Fiz de Cotobelo, Pilara, Marica da Fame, D’Abondo, etc. forman parte deste inesquecíbel carrusel humano, cálido e multicolor. Todos moi forte petan; aínda o simpático toliño que non falta nas mellores vilas, (Luis Ciges). Aquel que, nun acto xeneroso e leal, agasalla coa máis prezada das súas pitas a Marica da Fame, nai de Pilara, nun dos grandes momentos da película na que o variado prisma da alma galega se amosa tal cal.
Dende estas liñas, propoño que nos pronunciemos libremente a prol daquel personaxe que deixou maior pegada no modesto entender de cada un dos que vimos a fita. Ao respecto, debo dicir que no remate da tan amábel función, no medio da compracencia xeral, houbo quen botou de menos unha quenda final na que, quen así o desexase, puidese falar a gusto do que experimentou diante da pantalla. Coido que algúns dos presentes devecían por falar.
Será que cumpre principiar antes das catro da tarde?
Será que Cine e Chocolate vai tomando cada vez máis importancia?
Transmito a inquedanza.
Norberto Lema Regini

Comentarios (1) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 01-09-2013 01:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Estou moi contenta con este espacio de cine, mes a mes gozam#blgtk08#os de bo cine galego e a xente veñe con moi boa disposición.
Comentario por Gisela (02-09-2013 03:13)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal