Falar galego como afirmación e sostén da herdanza que levamos no corazón.
Unha susbstancial aposta de alumnos dos cursos de idioma galego de Bos Aires pola cultura de Galicia

O meu perfil
oterzodafala@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O DOMINGO DA VITORIA AZUL E BRANCA




Domingo cando a tarde xa vai sendo noite. A marea humana dirixíndose cara a Catro Camiños envolta nas cores da bandeira galega. Camisetas, bufandas, caras pintadas, cintas no pelo e na fronte, calquera cousa vale para facer saír o sentimento.
A decepción primeira cando nas pantallas instaladas onde a mítica fonte non transmiten o partido. Seica lles pediran 42000 euros polos dereitos da transmisión. A multitude conflúe nos numerosos bares buscando dúas cousas: un sitio libre e un televisor sintonizado na ?Plus?. Case collemos no Hollywood xunto ás portas de saída, máis adiviñando que vendo as imaxes da televisión e, de súpeto, o mundo do revés, gol da visita no campo de Riazor. O berro na gorxa, os pantasmas todos de antigas decepcións e a frase que o resume todo: ?A estes hailles que dar dúas viaxes para que espabilen un pouco?. Non falta a infiltrada que vén da fin do mundo soltando un non moi galego ?la concha de la lora? con perdón dos presentes. Perde o equipo e gañan os dous perseguidores inmediatos: catástrofe en porta, de novo o penalty marrado, as meigas en contra e a pregunta repetida: canto falta para o descanso ?
Ás veces, as fadas aparecen no momento xusto, antes do remate do primeiro tempo, o berro conxunto multiplicado nos bares do Centro Comercial, das rúas que o limitan e de tódolos recunchos da cidade, estoupa nun GOL prolongado. No Hollywood, o alivio do ?Carallo, era hora?, mestúrase cos cánticos copiados dos ?números 12? arxentinos. É a hora do soño porque o empate a 1 permite ver máis preto o desexado ascenso. Cando o heroe da noite marca o 2-1 desátase a tolemia e ?o Dépor é de primeira? enche o aire da cidade herculina ata a fin do partido. Para que a festa sexa completa empata a 2 o Valladolid ( chamado Fachadolid polos retranqueiros) e o ascenso xa é un feito. Tanto ten que o outro equipo galego estea máis preto da fazaña, ata poden permitirse ser xenerosos e disimular un pouco o sentimento de rivalidade que os anima. ?Non creas, eu tamén quero que suban? di o meu curmán Arturo sen crer nas súas propias palabras. ?Acabade dunha vez?, ?coidado rapaces que nos empatan?, ?tranquilos que agora vén o terceiro?, ?Deportivo alé?, ? é de primeira, o Dépor é de primeira?.
A marea humana vén dos catro puntos e a fonte de Catro Camiños é un organismo vivente, saltando e cantando como nas épocas gloriosas da Copa do Rei ou da primeira liga gañadas. Miles de nenos vestindo as cores do Dépor,decenas de cans coas bufandas no pescozo, señoras que xa forman parte da terceira idade coa camiseta do equipo e as caras pintadas. Case tres horas despois, fartos de cantar e de garda-lo sitio, a culminación da noite: o autobús cos xogadores aparece e alí si que todo é do Deportivo. Os cánticos emocionan á xente e potencian a festa pero son dous os que máis impresionan polo que representan: o ?Valerón, Valerón, Valerón? repetido ata o cansazo e usado como verdadeiro berro guerreiro e o ?Quedate, Colotto, quedate? coma homenaxe ó xogador arxentino do equipo que aínda non ten claro o futuro. Fartos de cantar enriba do autobús, de lanza-las bufandas ó aire e anima-las multitudes, os xogadores son recibidos como auténticos heroes modernos destas loitas once contra once que tiveron a toda a cidade e a súa contorna pendente dos resultados. E na primeira fila, alá onde poucos poden estar, Eugenia, 14 anos fartos da inseguridade e do medo, levada polos seus curmáns ve pasa-los xogadores a centímetros e non pode crer que a tía cumprise a palabra de levala ve-la festa do Deportivo.
A xente compórtase de maneira exemplar. Malia os litros de viño e de cervexa que beberon, non hai incidentes que lamentar, agás algún que outro pasado de alcohol tirado no chan, desmaiado nunha rúa, durmindo o soño ledo da volta a primeira. Ninguén aproveita os feitos para roubar ou para face-lo parvo molestando os demais; cada quen coa súa felicidade participando da festa do conxunto.
Só unha cousa que salientar: a pena de que o máis galego dos equipos de fútbol fose agasallado cos cánticos en castelán e que a lingua empregada pola inmensa maioría das xentes que o acompañaron fose a dos conquistadores. Non chega co ?Forza Dépor? que aparece por toda a cidade, deberiamos ter máis amor polo noso e máis respecto polo que nos fai pobo. Non serve de consolo que espontaneamente se cante a Rianxeira ou que ?anden miudiño? porque a lingua de Castela volve no ?Coruña entera se va de borrachera?. ?Éche o que hai? diría algún filósofo posto a analiza-la realidade das cousas; non se poden cambiar séculos de crenzas nin se lle pode meter na cabeza a todo un pobo o orgullo de empregar unha lingua máis rica e máis fermosa, nin se pode volve-lo tempo atrás porque as novas xeracións utilizan o castelán case como a única lingua que senten súa mentres o tempo fai o seu traballo e os vellos van morrendo, como ten que ser.
Calamidades á parte, a festexar que o Deportivo xa está de volta; tremen o Barcelona e o Madrid; o equipo coruñés volve despois dunha campaña impecable, con moitos puntos e a só un ano de ter descendido de categoría. E o mellor de todo é que o domingo próximo a festa do fútbol galego será completa; o Celta vai ocupar seguramente o segundo posto do ascenso directo e para o seguinte campionato teremos Derby galego dúas veces ó ano na máxima categoría. Quen nos quita o cantado, ata ese ?Celtarra el que no bota? que desminte os bos desexos e proclama ós catro ventos que os ?portugueses? non son benvidos no olimpo dos deuses do fútbol galego. A festa foi toda dos "cascarilleiros" que cun só berro tentaron chegar de Turquía a Portugal ( como dixo o adestrador Oltra).
Si señor, a cantar que hoxe toca festa. Éche o que hai.
Alicia Lago Roca
Coruñesa
Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 02-06-2012 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0