A visita de Víctor Freixanes a Bos Aires transformouse nunha data esperada. O mes de abril, ademáis do outono xa instalado, sempre trae a Víctor Freixanes que vén participar das actividades da ?Feria del libro de Buenos Aires?. Como a estas alturas xa se trata dun ?parente? querido e agardado, Víctor vai de percorrido por tódolos colectivos que están traballando para manter e espallar a cultura galega nesta cidade.
Dende que se creou o Terzo da Fala, alá polo ano 2009, o autor veu sempre falar con nós, sen preguntar nunca nin cantos eramos, nin se falabamos galego, nin se tíñamos coñecemento da súa obra. Con total xenerosidade, dedicounos o máis valioso: o seu tempo.
E esta vez non foi a excepción. Aproveitamos para face-la presentación do seu libro Cabalo de ouros cunha conversa aberta ó publico. Organizamos o acto en conxunto cos Lectores Galegos e coa colaboración da Federación de Asociacións Galegas de Bos Aires que puxo á nosa disposición a súa fermosa Biblioteca da rúa Chacabuco.
A emoción agardábao ó entrar porque alí, nunha listaxe de represaliados na provincia de Pontevedra, Freixanes atopou o nome do seu tío Xoaquín ( mencionado no libro ) e foi quen de compartir con todos nós a homenaxe que a memoria lle ditaba e as palabras non chegaban a describir. Alí estabamos todos, os Lectores do Tortoni, os alumnos do Santiago Apóstolo (que viñan de premialo coa súa Rosa dos ventos) co seu profesor Rodríguez Brandeiro, algunhas autoridades de centros da colectividade, e os estudantes de galego de tódolos niveles, desde o que pode ler e comprender pero non se anima a falar ata os que temos que ser calados á forza. Todos compartindo a marabilla da palabra, a dona das fantasías e das ilusións, capaz de levarnos a outro tempo na Vilanova de Alba mítica onde o medo era amo e señor, dono de vidas e mortes, e onde a única fuxida era o barco cara ás Américas.
Con todo, esta vez falouse máis do futuro, da nova editorial que terá sede en Bos Aires, da posibilidade de mercar libros en galego e ter acceso ás novidades que hoxe non dan chegado aquí, das accións a prol da lingua levadas a cabo nesta cidade que foi centro da cultura galega durante os tempos escuros.
Para todos nós, cada visita que chega desde a Terra é unha festa; ese anaco de Galicia que vén falar connosco trae o bosque e o mar, as aldeas dos nosos pais, os peiraos dos portos e as rúas das vilas, o fouciño do labrego e o libro. Todo cabe na palabra que vén da terra. Aínda os que nunca tiveron a sorte de volver a Galicia, todos participamos da cerimonia do encontro.
Non estivo ausente a morriña. Nós somos o mellor exemplo dela -??a vida toda suspirando por volver?- di Freixanes no libro e tanta razón ten que ata os que vimos a luz primeira nesta beira, pasamo-la vida enteira volvendo á Terra. O sábado na Biblioteca, estivemos todos a carón da lareira nun lugar indefinido de Galicia, escoitando un longo conto que oxalá non remate.
Alicia Lago Roca |