;D


Pecado: transgresión voluntaria de normas dadas por unha autoridade dogmática.
Boas, aquí estamos nós, as Pecadoras!
Din que facemos cousas malas: din que pensamos en galego, falamos en galego, que escribimos en galego... Din que estamos no pecado, que non somos virtuosas. Pero a nós o que pense a xente non nos importa. Desde aquí queremos poñervos ao corrente de todos os “pecados” que se andan a cometer por aí: arredemo!

contactar
normaliza.iesms@gmail.com
 CATEGORÍAS
 PECADORAS HISTÓRICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ITALIA: UNHA MARAVILLOSA SEMANA QUE NON ESQUECEROMOS¡¡

Algunhas alumnas de primeiro de bacharelato (en concreto sete rapazas: Alba, Lucila, Cristina, Alicia, Montse, Yanira e eu, Rebeca) fixemos unha viaxe a Salerno (Italia) que durou sete días (dende o 22 de xaneiro ata o 29). Acompañounos a nosa mestra de latín e grego, Flor, que foi quen organizou a viaxe. Ademais, foron connosco algúns alumnos do IES Enrique Murais da Pontenova e a súa mestra, Enedina.
A viaxe foi unha experiencia moi positiva: grazas a ela poidemos ampliar os nosos coñecementos, visitar moitos dos lugares que estamos estudando nas clases, coñecer xente nova, aprender algo de italiano, viaxar en avión, ver o ritmo de vida que levan as grandes cidades…
O primeiro día visitamos Pompeia, unha cidade da Antiga Roma que, xunto con outros lugares como Herculano, foi enterrada pola violenta erupción dun volcán, o Vesubio, no ano 79 d.C. Foi moi interesante imaxinar como era a vida diaria dos romanos, ver a estrutura das súas casas na realidade, e non en fotos, camiñar polas mesmas rúas que eles construíron hai tanto tempo e admirar o bo estado en que se conserva todo. Entre os restos arqueolóxicos da cidade que visitamos destacan o anfiteatro, a palestra, as domus romanas, a Vila dos Misterios, o foro, as termas, o teatro e o lupanar.
Outros sitios que visitamos foron dúas comunas da Costa Amalfitana: Amalfi e Positano. Todos os municipios que integran esta costa foron declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1997. Ámbolos dous lugares son moi fermosos. Os habitantes aproveitaron os cantís e as formas do relevo para construír alí as súas casas. Non existen rúas convencionais no seu interior, senón estreitas canellas, a miúdo formadas por escaleiras. A estreita estrada pola que se accede aos diferentes lugares da costa contribúe ao encanto deste lugar. En Amalfi destaca a catedral, de estilo árabe-siciliano. Foi comezada no século XI. Un produto típico da rexión de Campania é o Limoncello, un licor elaborado en particular cos limóns cultivados na Costa Amalfitana.
Ademais, tamén visitamos a cidade de Salerno (a parte antiga e a moderna), Nápoles e Paestum.
Salerno é coñecida pola Escola Médica Salernitana, que foi a primeira e a máis importante institución médica da Europa medieval, considerada a nai das universidades modernas. Destacan a súa catedral e o paseo marítimo, coñecido como Lungomare Trieste ou Paseo de Salerno. O hotel no que nos hospedamos (Hotel Olimpico) atópase nas aforas desta cidade.
Paestum é o nome romano clásico dunha importante cidade greco-romana. Foi fundada polos gregos de Síbaris co nome de Poseidonia. Entre os seus restos máis importantes destacan as murallas que a rodean e tres importantes templos de estilo dórico, considerados os templos mellor conservados da Grecia Clásica. O máis impresionante dos tres é o templo de Poseidon, no que se poden apreciar moi ben as súas partes: (columnata, arquitrabe, friso, frontón…). Na parte central do complexo arqueolóxico quedan restos do foro romano, que se construíu no lugar precedente á ágora grega. Tamén se poden ver nesta antiga cidade restos das casas e restos doutros edificios, como o anfiteatro, o Bouleuterion, o Ekklesiasterion de época grega… No Museo Arqueolóxico Nacional de Paestum está todo o que se atopou na antiga cidade: capiteis dóricos, obras de arte arcaicas, obxectos do Paleolítico, do Neolítico e da Idade dos metais, frescos que decoraban os teitos das tumbas…
A outra cidade que visitamos foi Nápoles, que é a máis poboada do sur de Italia e a capital da rexión de Campania.Vimos o Castel Nuovo (coñecido popularmente como Maschio Angioino), o Castel dell’Ovo, a basílica de San Francisco de Paula, a fachada da Catedral de Nápoles, a galería comercial de Nápoles, coñecida como Galería de Humberto I, etc. Ademais, camiñamos polas rúas, que estaban cheas de postos, tendas, xente e persoas que cantaban e tocaban instrumentos. Visitamos o Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles, constituído por catro núcleos fundamentais: A colección Farnesia (composta por obxectos que proveñen de Roma e dos seus arredores), as coleccións pompeianas (con testimonios procedentes de Pompeia, Herculano, Estabia e outros antigos recintos arqueolóxicos da área do Vesubio), outros obxectos pertencentes a coleccións menores (adquiridas ou donadas ao museo) e obxectos procedentes de escavacións levadas a cabo pola Dirección Xeral de Arqueoloxía de Nápoles e Caserta (da que depende o museo).
Finalmente, o domingo 29 regresamos a España. A todas nos apetecía quedarnos unha semana máis. Xa estábamos acostumadas á vida en Italia e gustaríanos seguir visitando máis lugares e seguir de compras. Durante os sete días da viaxe pasámolo moi ben, pero sabíamos que tíñamos que regresar, pois as nosas familias estaríannos agardando no aeoroporto de A Coruña ás 22:35. Mentres viaxábamos despedímonos de Italia e recordamos todos os momentos que disfrutamos durante a semana, unha marabillosa semana que non esqueceremos.
Rebeca Villapol Baltar.1º BAC.
Comentarios (0) - Categoría: PECADOS - Publicado o 15-06-2012 11:13
# Ligazón permanente a este artigo
ANDORRA: UNHA GRANDE EXCURSIÓN¡¡

O sábado, día 21 de xaneiro, ás nove e media da noite, a parada de autobús de San Cibrao xa estaba ateigada de xente. E non era para menos, pois en pouco máis de quince minutos tería lugar a esperada saída cara a Andorra. Era, sen dúbida, un dos momentos máis esperados por todos nós, e non era para menos, pois a excursión prometía. Unha semana de esquí, amigos e moitos risos. Definitivamente, todo aquela noite pintaba ben.
Pero a viaxe é longa e, a pesar de intentar durmir, cando chegamos á cidade a iso da unha da tarde, xa todos estabamos cansos. E este cansazo foi a máis cando, despois de pasear polas rúas en busca dun lugar para xantar –no meu caso, e no dalgunhas máis, unhas pizzas-, tivemos que ir alugar todo o material necesario para acceder ás pistas á mañá seguinte. Por suposto, a excitación puido máis que a noite sen apenas pegar ollo e, despois de colocar apresuradamente a roupa na habitación, xuntámonos para xogar ao SingStar, cear, volver a cantar… e volver a pasar unha noite de risos e poucas horas de sono.
Isto non cambiou o feito de que ás dez da mañá do día seguinte comezase o curso de esquí, de tres horas de duración, e que se repetiu durante toda a semana. Cos grupos xa feitos, dedicamos o resto da xornada a percorrer as pistas, entre caídas graciosas e baixadas sen incidentes. Era luns e, como estaba previsto, visitamos tamén o famosísimo balneario de Caldea, co seu jacuzzi ao aire libre e coas luces de infravermellos, que na opinión de todos, eran unha perda de tempo.

A rutina foi parecida o resto da excursión, aínda que, loxicamente, a visita a Caldea cambiouse por paseos por Andorra a Vella que todos aproveitamos para mercar agasallos e, porque non dicilo, algún que outro capricho.
Todos sabiamos que as cousas boas acaban, pero iso non cambiou o feito de que o venres, á hora de partir, vendo o hotel ao que moitos quizais non volveriamos, non puidemos evitar sentir como a tristeza nos inundaba. E nin as risas que se escoitaron durante toda a viaxe non o sono profundo doutros momentos serviron de anestesia para a sensación de baleiro a volver a ver esa parada de autobús da que partimos había unha semana co desexo dunha gran excursión que foi moito mellor do que podiamos soñar.

Rosalia Gil. 1ºBach
Comentarios (0) - Categoría: PECADOS - Publicado o 15-06-2012 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal