|
|
|
|
| De algúns, mellor non selo |
|
Esta foi a contestación que o alcalde lle deu nunha xuntanza celebrada non hai moitos días, na que estaban presentes representantes veciñais e membros da corporación, entre eles a mesma que escribe, a unha das persoas alí presentes cando se dirixiu a el recordándolle que era alcalde de todos e todas e non só de quen lle votara.
Mellor non selo… de quen non opina de igual maneira ca el, mellor non selo de todos e todas aquelas que optan por protestar pola execución ou non execución de calquera política ou proxecto, mellor non selo de aqueles e aquelas que coas súas reivindicacións e protestas obrígano a tomar posición e póñeno nun aperto ante o seu partido...
En fin, mellor non selo de todas esas persoas que lle demandan que faga o cometido polo que é alcalde: xestionar e defender os intereses dos veciños e veciñas de Vilaboa, e, así, lle fan máis complicado o deleite do seu posto mediante perturbacións diversas. Pero tede por seguro, que, como en todo momento di, el sempre está do lado dos veciños e veciñas, menos dos que non están con el, claro.
Así que xa sabedes, amigos e amigas, se por calquera motivo ou causa vos sentides identificados con calquera desas opcións, podedes dicir que estades orfos e orfas da máxima autoridade municipal. Luís Poceiro non é o voso alcalde.
*Un consello Sr. Alcalde: saber escoitar e respectar as opinións e propostas dos demais é unha das calidades que todo cargo como vostede debe ter, gústelle ou non lle guste e comparta ou non comparta o que escoita. |
|
|
|
|
| Un país novo |
|
Cansos de dezaseis anos de gobernos do PP, que nos deixaron, como única herdanza, un total retroceso económico e social do noso país e unha perda absoluta dos nosos sinais de identidade, o 19 de xuño de 2005 as galegas e os galegos tivemos a oportunidade de comezar unha nova etapa para construír un país novo. Ese foi o único obxectivo que tivo o BNG desde que chegou á Xunta de Galiza.
Desde a Vicepresidencia de Anxo Quintana estase impulsando políticas e iniciativas de benestar e igualdade, como o Servizo Galego de Benestar, poñendo en marcha unha rede Centros de Día e Galescolas, dotando aos nosos maiores dunha maior atención e dun maior benestar, e aos nosos nenos a oportunidade de ter unha educación en galego, ao mesmo tempo de permitir a conciliación familiar e a inclusión no mercado laboral das mulleres galegas.
As galegas e galegos podemos beneficiarnos das políticas que promove a nosa conselleira, Tereixa Táboas. Iniciativas como a posta en marcha dun parque de polígonos industriais e dun Plan Sectorial de Vivenda, dotando de solo industrial e vivenda protexida a todo o país. Galiza conta con unha Lei de Vivenda na que se recolle o dereito que todos os galegos e galegas temos á vivenda.
A posta en valor do rural que a Consellería de Medio Rural está a facer, con iniciativas e medidas que teñen como obxectivo o desenvolvemento do rural. O Banco de Terras, unha medida transformadora e innovadora, dotando de oportunidades, a través do arrendamento de parcelas, a aquela xente que non quere deixar o rural, a través da recuperación do sector agrario, tan importante para o aumento da riqueza do no noso país.
O impulso dunha política cultural digna, promovendo a nosa cultura apoiando ás empresas que a producen e protexendo e pondo en valor o noso patrimonio cultural, deportivo e arqueolóxico.
30 millóns de euros, ese é o beneficio que anualmente vai ter Galiza grazas ao concurso eólico que a Consellería de Innovación e Industria acaba de facer. Como moi ben dixo o Vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, por primeira vez a explotación dun recurso natural de Galiza redunda en beneficio dos cidadáns deste país.
Un país novo, ese foi o lema co que o BNG acudimos á cita electoral de hai catro anos, con ilusión e gañas de traballar, co único obxectivo de ofrecer e pór en marcha un proxecto transformador para Galiza, e así foi: hoxe, tres anos e medio despois, podemos dicir que este é un país con máis autogoberno e con máis benestar, un país no que pague a pena vivir e polo que pague a pena seguir traballando.
|
|
|
|
|
| Despilfarro |
|
“Gastar os cartos na adquisición da Rectoral de Santa Cristina de Cobres, para un posterior uso social, sería un despilfarro”, esta foi a resposta que o Concelleiro de Cultura fixo na prensa á moción presentada polo BNG na que se solicitaba que o concello se fixera cargo da compra da Rectoral de Santa Cristina de Cobres. No debate da moción na sesión plenaria, máis do mesmo.
Despilfarro é gastar 36.000 euros dunha subvención da Consellería de Cultura en porlle unha tarima de madeira á Casa de Cultura de Riomaior, para agora, menos de dous anos despois, cubrila con unha moqueta azul chillón. Cal foi a utilidade que se lle dou? Onde está o beneficio desta inversión?
Despilfarro (e ilegalidade) é pagar con cartos do concello a construcción dun muro dunha propiedade privada. 28.000 euros provenientes dos impostos de todos os veciños e veciñas invertidos na construcción dun fortín a un particular, e incurrindo na ilegalidade. Cal é a utilidade pública ou o uso social que ten esta inversión?
A adquisión da Rectoral de Cobres é pór en valor o noso patrimonio arquitectónico e cultural, é cumprir un compromiso de todos os grupos políticos, é rehabilitar e darlle un uso social a un inmoble histórico que se está derrubando, é evitar que un ben patrimonial do concello caia en mans privadas. Non hai despilfarro de cartos cando o uso que lle das é social, cando a inversión repercute nos veciños e veciñas do noso concello.
Con esa posición o grupo de goberno o único que consigue é acentuar, cada vez máis, o estado ruinoso do edificio, e o seu inminente derrume. |
|
|
|
|
| A persistencia do franquismo |
|
Esta semana fomos testemuñas de como, baseándose na aplicación dunha lei franquista do ano 1975, o Ministerio de Defensa, encabezado pola ministra socialista Carme Chacón, delimitaba unha zona de seguridade ao cuartel da Brilat en Figueirido afectando de forma directa aos veciños e veciñas do noso concello.
A pasada semana o grupo municipal do BNG presentamos unha moción solicitando a aplicación da Lei da Memoria Histórica no noso concello. Vilaboa, como moitos outros concellos de Galiza, segue tendo presenza de simboloxía franquista nos seus lugares públicos. Escudos e insignias falanxistas seguen estando presentes en fontes e lavadoiros do noso concello, esperando a que sexan retirados para así, dunha vez por todas, sexa eliminado todo tipo de legado da represión que veciños e veciñas sufriron durante a dictadura.
Pero, resulta curioso e chamativo que nos atopemos no ano 2008, con 30 anos de democracia e con unha lei aprobada na que se establecen medidas a favor de todos aqueles que padeceron, tanto persecución como violencia durante a guerra civil e a dictadura, pero sen embargo non haxa ningún problema en seguir aplicando leis franquistas.
A persistencia do franquismo non só está vixente e palpable nos símbolos da dictadura que, aínda hoxe en día, seguen estando presentes en edificios ou espazos públicos, o dereito e ordenamento xurídico español está salpicado por todas partes de leis e normativas que veñen desde a dictadura franquista, e que os gobernos de Madrid seguen aplicando sen ningún inconveniente. Remítome a exemplos como o citado ao principio deste artigo ou á Lei de Expropiación Forzosa que, aínda que tivera modificacións nos últimos anos, data do ano 1954, primeira etapa do franquismo.
Acaso non son un símbolo franquista as leis aprobadas durante o seu réxime? Ou é que non se atreven a lexislar sobre este asunto?. |
|
|
|
|
| Que preferides, realidade ou ficción? |
|
Despois de que o culebrón do verán sobre o adianto ou non adianto electoral chegase ao seu fin, vouvos propor un exercicio de memoria e imaxinación. Empecemos.
A piques de chegar ao remate desta lexislatura e levar máis de tres anos de goberno bipartito na Xunta de Galiza, alguén me pode dicir que inversións ou proxectos se sacaron adiante no concello de Vilaboa aproveitando esta cobertura? Aquí tedes que facer memoria, pero tampouco tedes que facer moita porque non hai moito que recordar. O único proxecto salientable que se levou a cabo no noso concello neste periodo de tempo foi a Galescola que Vicepresidencia puxo en funcionamento fai un ano. Si, tamén está a inversión no abastecemento de Paredes, e obras e axudas que Medio Rural fixo debido ás riadas. Ocúrresevos algunha outra máis?... non pensedes, non hai moitas máis.
Agora tedes que dar paso a vosa imaxinación. Imaxinade que o goberno municipal do PSOE, encabezado polo Alcalde, o Sr. Poceiro, fixese ben o seu traballo e o seu cometido de xestionar e sacar adiante proxectos beneficiosos para o noso concello. Se isto fose así, a situación actual de Vilaboa cambiaría para mellor.
Vilaboa sería un concello con un crecemento positivo, pero sustentable e acorde co seu entorno, con un Plan Xeral de Ordenación Municipal (promesa electoral do PSOE para sacar adiante no primeiro ano de mandato) que dotaría ao noso concello de zonas industriais, urbanas e de servizos, e ao mesmo tempo dotaría de infraestructuras eficientes e unha rede viaria acorde cos tempos nos que vivimos.
Vilaboa podería beneficiarse das políticas da Consellería de Vivenda e contaría, por tanto, con polígonos industriais, que faría que o noso concello medrara económicamente e con vivenda protexida, alicientes para que a nosa xuventude e a nosa xente non se vira obrigada a marchar do noso concello. Sumado a isto tamén contaría con un Centro de Día, co que se daría apoio terapéutico aos nosos maiores pero, ao mesmo tempo, tamén un apoio ás familias e aos seus coidadores, na súa maioría mulleres, que desta forma verían a posibilidade de integrarse laboralmente.
Por último, Vilaboa sería un concello que preservaría e valorizaría os seus elementos de valor paisaxístico, histórico-cultural e patrimonial.
O xogo rematou e, máis que nos pese, hai que volver a realidade, unha realidade na que se ve claramente a falta de iniciativas e proxectos que o goberno do PSOE ten para o noso concello. Unha realidade que pon de manifesto a falta de capacidade de xestión de quen nos goberna.
Que preferides, realidade ou ficción?
|
|
|
|
|
| Un segredo a voces |
|
Estes días se hai algún tema de índole político presente en todos os medios de comunicación e do que se fala ese é o posible adianto electoral.
Dentro do Psde-G as cousas non están nada claras, ou iso é o que queren facer ver, sobre cal vai ser a data dos comicios galegos. Uns que o adianto é algo obvio e benficioso, e decidido desde Madrid, outros que o curso político vai seguir o ritmo que ten que seguir e que o único que ten capacidade de elección é o Presidente da Xunta de Galiza. A cuestión é que xa levamos un tempo con este asunto e o único que conseguen coas súas declaracións, ou silencios, é crear controversia e confusión na cidadanía.
De ser efectivo este adianto moitos dos plans e proxectos de gran importancia e calado para o desenvolvemento do noso país quedarían sen executar, xa que nin daría tempo a retomar as sesións parlamentarias. Para empezar Galiza quedaría sen orzamentos para o ano 2009, o que significa que habería que prorrogar os deste ano vixente e, por tanto, non podería contar con novos investimentos. Tampouco se poderían sacar adiante, entre outros, proxectos como a adxudicación do maior concurso eólico do noso país, a Lei de Servizos Sociais, a Lei do Monte Galego, a Lei de Vivenda, a Lei de Protección do Litoral.
Con unhas hipotéticas, e case seguras, eleccións en outono Touriño estaría rompendo o compromiso adquirido cos electores de estar no goberno durante unha lexislatura completa e, sobre todo, a súa promesa de que so habería adianto se fose polo interese de Galiza. Aquí o único interese visible son os seus propios de índole electoral, por riba dos intereses de todos os galegos e galegas, por riba dos intereses do noso país.
O que se saca en claro, unha vez máis, de todo este ruxe ruxe é que o PSOE en Galiza non é máis que unha mera sucursal do partido de Madrid e das directrices e ordes que desde alá lles marcan, e que todas aquelas decisións que os de aquí tomen e poñan en marcha teñen que ser supeditadas e ter a aprobación desde Ferraz.
|
|
|
|
|
| Nova andaina |
|
Sempre tiven claro que para estar en política tes que sentirte ideolóxicamente ben onde estás, con un equipo de persoas coas que te sentes ben e compartes unha ilusión e uns proxectos. Non teño dúbidas de que estou no lugar correcto e axeitado.
Recoller a testemuña de Xabier Míguez como nova voceira do grupo municipal do BNG supón un reto persoal importante que asumo con moita ilusión e ganas de traballar. Teño un listón moi alto: un líder moi querido pola xente, que foi voceiro municipal durante 11 anos, acadando os mellores resultados do BNG no noso concello e sendo alcalde durante catro anos. Entre nós, isto é algo que me causa moito respecto.
Sei que a noticia suscitou sorpresa, e que teño que romper moitos tópicos existentes na vida política, de igual forma que na vida diaria: muller, xuventude e inexperiencia, pero nada me asusta, todo o contrario, ainda máis me motiva nesta nova andaina. Non teño que demostar nada a ninguén, considérome moi capacitada e preparada para esta nova responsabilidade. Todo se demostra co tempo.
Teño os meus obxetivos moi claros, compartidos por todo o grupo. O BNG quere seguir sendo referencia para a solución de problemas de todos os veciños de Vilaboa, como ata agora o está a facer. Vilaboa ten que ter un goberno forte e estable que poña en marcha proxectos de futuro para o noso concello. Un goberno que aproveite as políticas sociais, empresariais e de innovación que veñen da Xunta. Un goberno dialogante, bo xestor e de forza ante o goberno de Madrid.
Vilaboa non se pode permitir estar máis tempo con esta situación actual de parálise. O goberno do PSOE está desaproveitando oportunidades e non podemos quedar cos brazos cruzados. Seguiremos aportando ideas e propostas en positivo, proxectos de futuro.
Como nova voceira do BNG vou traballar para que todos estes obxetivos se vexan reflexados, e para consolidar a mensaxe e o proxecto nacionalista no noso concello. Ese é o meu reto. |
|
|
|
|
| Reforma xa! |
|
Días atrás recibín un comentario no que nos demandabades a reforma da N-554 e que exerceramos con profesionalidade o noso cargo.
Nos non gobernamos, e como tal non temos a posibilidade de negociar ou xestionar este proxecto. O BNG sempre estivo, dende un principio, dende que comezaron as mobilizacións alá polo ano 99, de lado dos veciños na reforma da N-554. Sempre reinvindicamos e traballamos por un proxecto beneficioso para todos os veciños de Vilaboa.
Xa estamos no mes de xuño, xa pasaron máis de dous meses do prazo dado por Fomento para a entrega do modificado definitivo e, unha vez máis, o goberno estatal non cumpliu.
Vilaboa leva máis de dous anos esperando pola reforma da N-554 e o único que recibimos por parte de Fomento e do goberno municipal son promesas, prazos e esperas.
Onte, na asemblea convocada pola Plataforma pola N-554, máis de un centenar de veciños e afectados dixeron ata aquí chegou a nosa paciencia, xa estamos cansos de falsas promesas. Fartos de esperar polo proxecto final e o posterior comezo das obras, os veciños de Vilaboa decidiron reiniciar as reivindicacións e protestas pola reforma da N-554.
Botouse en falta a presencia do alcalde, e non é unha opinión miña, senón que é compartida por parte dos presentes. Na última reunión convocada polo goberno municipal, o propio alcalde recoñeceu diante dos asistentes que o “goberno central lle estaba tomando o pelo” e que se os veciños decidían saír á rúa , el comprometíase a encabezar as mobilizacións. Pois parece ser que recuou. El é o q ten a capacidade e obriga de demandar celeridade e compromiso por parte do goberno de Madrid e, por tanto, informar á xente de como está o proxecto.
O vindeiro venres, unha vez máis e ata que nos fagan caso, todos os veciños sairemos á rúa para protestar, para demandar unha Reforma xa! Dende o BNG secundaremos e participaremos en todas aquelas mobilizacions que os veciños leven a cabo.
|
|
|
|
|
| Por que son nacionalista? |
|
Partidos de ámbito estatal e asociacións e medios de comunicación próximos a eles levan meses facendo campaña en contra da nosa lingua e atacando ao nacionalismo galego. O delito que cometemos, segundo eles, é defender a nosa lingua, e darlle a posición e importancia que debe ter no noso propio país, Galiza.
Vista a problemática suscitada e con motivo da estrea do meu blog considerei oportuno compartir convosco o motivo de porque son nacionalista. Esta é unha cuestión que, persoalmente, non me suscita ningunha dúbida ou incertidume contestar. A miña ideoloxía política está moi clara.
Son nacionalista porque entendo que os galegos temos uns sinais de identidade propios que nos diferencian do resto e que forman parte da nosa propia personalidade (a cultura, a historia, a lingua, o territorio…).
Son nacionalista porque entendo que a existencia dunha nación, como Galiza, ten como finalidade básica e primordial a constitución dun proxecto autónomo político como reflexo e defensa desa realidade. Como país, temos dereito a defender a nosa soberanía e, por tanto, a loitar por un Novo Estatuto que no-la garanta.
Son nacionalista porque entendo que somos nós, os galegos, os que temos que ter a potestade de decidir sobre todos aqueles asuntos e problemas que nos afectan directa ou indirectamente, sen necesidade de estar subordinados a decisións externas tomadas arbitrariamente. Alguén confía en aqueles que, segundo lles marquen as directrices centrais, votan unha ou outra cousa sen importarlle que é o mellor ou o peor para Galiza?
Son nacionalista por todo isto e por moitas cousas máis, pero ante todo porque Galiza, a miña nación, sexa o país que ten dereito a ser. Permitirme que remate cunha frase que Castelao escribiu en Sempre en Galiza, obra cume do nacionalismo galego, e que reflexa, claramente, o porque do meu nacionalismo, “Os galegos non discutimos o dereito de Galiza a ser unha nacionalidade, porque Galiza xa é unha nacionalidade. Discutimos os dereitos que como tal se lle deben e exercemos un deber cando reclamamos ese dereito”.
|
|
|
|
|
| Vilaboa, a pesar de todo, ten futuro |
|
O meu nome é Ornela Fernández Salgado.
Nacín un 3 de xuño do ano 1983 no concello de Vilaboa (Pontevedra).
Son licenciada en Ciencias Políticas na Universidade de Santiago de Compostela, e dende o ano 2007 son concelleira do BNG no meu concello.
O obxetivo deste blog é dar a coñecer unha parte do meu traballo como política.
Na actual sociedade da información, as tecnoloxías e internet están revolucionando cada día máis a comunicación, polo que é necesario e interesante facer uso delas.
Esta é unha bitácora persoal na que verto as miñas opinións sobre a vida política do meu concello, e sobre todos aqueles temas de actualidade que nos afectan e nos interesan. Estou aberta a opinións de todo tipo, respetándoas por encima de todo e intentando comprendelas ainda que non as comparta.
Invítote a entrar, a que escribas o que pensas. Sempre respetando, sen insultar e sen facer críticas e comentarios persoais. Para todo o demáis, aquí tendes o meu espazo que comparto convosco.
Un saúdo e benvido/a ao meu blog.
|
|
|
|
|
|