O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

Un segredo a voces
Estes días se hai algún tema de índole político presente en todos os medios de comunicación e do que se fala ese é o posible adianto electoral.

Dentro do Psde-G as cousas non están nada claras, ou iso é o que queren facer ver, sobre cal vai ser a data dos comicios galegos. Uns que o adianto é algo obvio e benficioso, e decidido desde Madrid, outros que o curso político vai seguir o ritmo que ten que seguir e que o único que ten capacidade de elección é o Presidente da Xunta de Galiza. A cuestión é que xa levamos un tempo con este asunto e o único que conseguen coas súas declaracións, ou silencios, é crear controversia e confusión na cidadanía.

De ser efectivo este adianto moitos dos plans e proxectos de gran importancia e calado para o desenvolvemento do noso país quedarían sen executar, xa que nin daría tempo a retomar as sesións parlamentarias. Para empezar Galiza quedaría sen orzamentos para o ano 2009, o que significa que habería que prorrogar os deste ano vixente e, por tanto, non podería contar con novos investimentos. Tampouco se poderían sacar adiante, entre outros, proxectos como a adxudicación do maior concurso eólico do noso país, a Lei de Servizos Sociais, a Lei do Monte Galego, a Lei de Vivenda, a Lei de Protección do Litoral.

Con unhas hipotéticas, e case seguras, eleccións en outono Touriño estaría rompendo o compromiso adquirido cos electores de estar no goberno durante unha lexislatura completa e, sobre todo, a súa promesa de que so habería adianto se fose polo interese de Galiza. Aquí o único interese visible son os seus propios de índole electoral, por riba dos intereses de todos os galegos e galegas, por riba dos intereses do noso país.

O que se saca en claro, unha vez máis, de todo este ruxe ruxe é que o PSOE en Galiza non é máis que unha mera sucursal do partido de Madrid e das directrices e ordes que desde alá lles marcan, e que todas aquelas decisións que os de aquí tomen e poñan en marcha teñen que ser supeditadas e ter a aprobación desde Ferraz.

Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2008 00:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Nova andaina
Sempre tiven claro que para estar en política tes que sentirte ideolóxicamente ben onde estás, con un equipo de persoas coas que te sentes ben e compartes unha ilusión e uns proxectos. Non teño dúbidas de que estou no lugar correcto e axeitado.

Recoller a testemuña de Xabier Míguez como nova voceira do grupo municipal do BNG supón un reto persoal importante que asumo con moita ilusión e ganas de traballar. Teño un listón moi alto: un líder moi querido pola xente, que foi voceiro municipal durante 11 anos, acadando os mellores resultados do BNG no noso concello e sendo alcalde durante catro anos. Entre nós, isto é algo que me causa moito respecto.

Sei que a noticia suscitou sorpresa, e que teño que romper moitos tópicos existentes na vida política, de igual forma que na vida diaria: muller, xuventude e inexperiencia, pero nada me asusta, todo o contrario, ainda máis me motiva nesta nova andaina. Non teño que demostar nada a ninguén, considérome moi capacitada e preparada para esta nova responsabilidade. Todo se demostra co tempo.

Teño os meus obxetivos moi claros, compartidos por todo o grupo. O BNG quere seguir sendo referencia para a solución de problemas de todos os veciños de Vilaboa, como ata agora o está a facer. Vilaboa ten que ter un goberno forte e estable que poña en marcha proxectos de futuro para o noso concello. Un goberno que aproveite as políticas sociais, empresariais e de innovación que veñen da Xunta. Un goberno dialogante, bo xestor e de forza ante o goberno de Madrid.

Vilaboa non se pode permitir estar máis tempo con esta situación actual de parálise. O goberno do PSOE está desaproveitando oportunidades e non podemos quedar cos brazos cruzados. Seguiremos aportando ideas e propostas en positivo, proxectos de futuro.

Como nova voceira do BNG vou traballar para que todos estes obxetivos se vexan reflexados, e para consolidar a mensaxe e o proxecto nacionalista no noso concello. Ese é o meu reto.
Comentarios (7) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-07-2008 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Reforma xa!
Días atrás recibín un comentario no que nos demandabades a reforma da N-554 e que exerceramos con profesionalidade o noso cargo.

Nos non gobernamos, e como tal non temos a posibilidade de negociar ou xestionar este proxecto. O BNG sempre estivo, dende un principio, dende que comezaron as mobilizacións alá polo ano 99, de lado dos veciños na reforma da N-554. Sempre reinvindicamos e traballamos por un proxecto beneficioso para todos os veciños de Vilaboa.

Xa estamos no mes de xuño, xa pasaron máis de dous meses do prazo dado por Fomento para a entrega do modificado definitivo e, unha vez máis, o goberno estatal non cumpliu.

Vilaboa leva máis de dous anos esperando pola reforma da N-554 e o único que recibimos por parte de Fomento e do goberno municipal son promesas, prazos e esperas.

Onte, na asemblea convocada pola Plataforma pola N-554, máis de un centenar de veciños e afectados dixeron ata aquí chegou a nosa paciencia, xa estamos cansos de falsas promesas. Fartos de esperar polo proxecto final e o posterior comezo das obras, os veciños de Vilaboa decidiron reiniciar as reivindicacións e protestas pola reforma da N-554.

Botouse en falta a presencia do alcalde, e non é unha opinión miña, senón que é compartida por parte dos presentes. Na última reunión convocada polo goberno municipal, o propio alcalde recoñeceu diante dos asistentes que o “goberno central lle estaba tomando o pelo” e que se os veciños decidían saír á rúa , el comprometíase a encabezar as mobilizacións. Pois parece ser que recuou. El é o q ten a capacidade e obriga de demandar celeridade e compromiso por parte do goberno de Madrid e, por tanto, informar á xente de como está o proxecto.

O vindeiro venres, unha vez máis e ata que nos fagan caso, todos os veciños sairemos á rúa para protestar, para demandar unha Reforma xa! Dende o BNG secundaremos e participaremos en todas aquelas mobilizacions que os veciños leven a cabo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-06-2008 18:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Por que son nacionalista?
Partidos de ámbito estatal e asociacións e medios de comunicación próximos a eles levan meses facendo campaña en contra da nosa lingua e atacando ao nacionalismo galego. O delito que cometemos, segundo eles, é defender a nosa lingua, e darlle a posición e importancia que debe ter no noso propio país, Galiza.

Vista a problemática suscitada e con motivo da estrea do meu blog considerei oportuno compartir convosco o motivo de porque son nacionalista. Esta é unha cuestión que, persoalmente, non me suscita ningunha dúbida ou incertidume contestar. A miña ideoloxía política está moi clara.

Son nacionalista porque entendo que os galegos temos uns sinais de identidade propios que nos diferencian do resto e que forman parte da nosa propia personalidade (a cultura, a historia, a lingua, o territorio…).

Son nacionalista porque entendo que a existencia dunha nación, como Galiza, ten como finalidade básica e primordial a constitución dun proxecto autónomo político como reflexo e defensa desa realidade. Como país, temos dereito a defender a nosa soberanía e, por tanto, a loitar por un Novo Estatuto que no-la garanta.

Son nacionalista porque entendo que somos nós, os galegos, os que temos que ter a potestade de decidir sobre todos aqueles asuntos e problemas que nos afectan directa ou indirectamente, sen necesidade de estar subordinados a decisións externas tomadas arbitrariamente. Alguén confía en aqueles que, segundo lles marquen as directrices centrais, votan unha ou outra cousa sen importarlle que é o mellor ou o peor para Galiza?

Son nacionalista por todo isto e por moitas cousas máis, pero ante todo porque Galiza, a miña nación, sexa o país que ten dereito a ser. Permitirme que remate cunha frase que Castelao escribiu en Sempre en Galiza, obra cume do nacionalismo galego, e que reflexa, claramente, o porque do meu nacionalismo, “Os galegos non discutimos o dereito de Galiza a ser unha nacionalidade, porque Galiza xa é unha nacionalidade. Discutimos os dereitos que como tal se lle deben e exercemos un deber cando reclamamos ese dereito”.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-06-2008 21:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Vilaboa, a pesar de todo, ten futuro
O meu nome é Ornela Fernández Salgado.

Nacín un 3 de xuño do ano 1983 no concello de Vilaboa (Pontevedra).

Son licenciada en Ciencias Políticas na Universidade de Santiago de Compostela, e dende o ano 2007 son concelleira do BNG no meu concello.

O obxetivo deste blog é dar a coñecer unha parte do meu traballo como política.

Na actual sociedade da información, as tecnoloxías e internet están revolucionando cada día máis a comunicación, polo que é necesario e interesante facer uso delas.

Esta é unha bitácora persoal na que verto as miñas opinións sobre a vida política do meu concello, e sobre todos aqueles temas de actualidade que nos afectan e nos interesan. Estou aberta a opinións de todo tipo, respetándoas por encima de todo e intentando comprendelas ainda que non as comparta.

Invítote a entrar, a que escribas o que pensas. Sempre respetando, sen insultar e sen facer críticas e comentarios persoais. Para todo o demáis, aquí tendes o meu espazo que comparto convosco.

Un saúdo e benvido/a ao meu blog.

Vilaboa, a pesar de todo, ten futuro
Comentarios (2) - Categoría: Benvida - Publicado o 06-06-2008 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal