O Refraneiro


aviados imos!
fonte: avantarAnte todo, quixera desculparme por este tempo de ausencia. Certas actividades inaprazables fixeron que non atopara oco para escribir neste caderno.

Deixei un artigo anterior na véspera da grande manifestación pola lingua que, malia a chuvia (polo galego hai que mollarse!), vivimos en Compostela. Hoxe retomo O Refraneiro xusto despois de regresar desa outra concentración de repulsa pola primeira puñalada mortal que recibe a nosa lingua: a modificación da Lei de Función Pública que o PP ven de aprobar no Parlamento.

Entre unha mobilización e outra non fixeron máis que cumprirse os malos augurios e vimos como, paseniño, lentamente, a nosa lingua vai sendo humillada, maltratada, condenada á morte por quenes ostentan o goberno da Xunta na actualidade.

Aviados imos! ou, o que é o mesmo, a que nos espera!

Aviados é o participio do verbo aviar, que, segundo o dicionario galego de Ir Indo en liña, ten estes significados:

1.v.t. Proporcionar a alguén o que precisa para un determinado fin.

2. v.t. Dispor dun xeito ordenado algunha cousa ou algún lugar.

3.v. t. Preparar a comida ou condimentala.

4.v. t. Apresurar algunha acción.

5.v. t. Arranxar ou prepararse con vestidos, adornos e enfeites. Tm v pron.

6.v. pron. Estar en condicións para realizar algunha acción ou resolver algún problema debido a que se posúen os medios ou se está preparado.

7.v. pron. Darse présa no desenvolvemento dalgunha acción.

SIN: amañar, arranxar, ordenar, preparar, aderezar, adobar, adubar, aliñar, sazonar, apurar, amañar, arranxar, gobernar, apresurarse, apurarse, bulir, espelirse.


Non debe confundirse "aviar", o verbo galego, con "aviar", palabra española que se utiliza para designar algo que ten a ver coas aves. En galego a palabra correcta sería "aviario/a". É dicir, en galego non podemos dicir "gripe aviar", posto que a expresión non tería moito sentido. O correcto sería dicir "gripe aviaria".

Tamén existe a expresión derivada dese verbo "facer avío", é dicir, "ir ao xeito", "vir ben".

O participio "aviados" dese verbo tomou o significado contrario na expresión que comentamos (aviados imos!) precisamente pola retranca, pola ironía ou sorna con que se dí. É dicir, estamos a dicir que estamos preparados ou dispostos, pero en realidade, a retranca implica que o que queremos dicir é xusto o contrario.

A todo isto, eu o que quería comentar é precisamente iso, que este goberno non nos fai avío, con este goberno o galego vai aviado!
Cousas que se din... (1) - de que falamos? expresións - dito o 23-06-2009 21:13
# conta, conta...
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Houben caer!
Debuxo de Abraham BalcazarTemos en galego unha serie de expresións que teñen como significado que unha acción estivo a piques de pasar pero finalmente non pasou.

Seguramente todo o mundo diría, escoitaría ou pensaría algunha vez a cada vez máis utilizada frase do estilo de "case caio!". Esta é, obviamente, moi similar á mesma expresión española. Un calco dela, que se podería dicir.

Pero a nosa lingua, rica como é, agacha outras expresións, máis nosas, menos usadas, para expresar esta mesma idea. Unha delas é "houben (de) caer!", utilizando o verbo HABER conxugado en pretérito e o infinitivo do verbo da acción que non chegou a suceder (neste caso "caer"). Nalgunhas zonas engádeselle unha preposición "de" entre un verbo e o outro.

Tamén está aquela de "por pouco caio!", ou inda "pouco lle faltou para caer!", ámbalas dúas co adverbio de cantidade "pouco" formando parte da expresión. Esta última frase, sen ir acompañada do verbo da acción (pouco lle faltou!) úsase do mesmo xeito que estoutras: "cómo lle andou!" e "andoulle perto!", para exclamar cando se é testemuña no momento unha situación que non chegou a suceder.

Inda hai algunha outra expresión para explicar que algo estivo a un tris de suceder e finalmente non pasou. Últimamente volvín oir despois de moito tempo sen escoitala, a frase "quixo caer!", referíndose exactamente ao mesmo. O mellor é que a escoitei da boca dun cativo de pouco máis de 8 anos, o cal dá azos para pensar que inda a lingua está viva, que inda estamos a tempo de cambiar o rumo e non ter que chegar a dicir do noso idioma: "houbo desaparecer!".

Xa vedes que fun remarcando outras expresións (a piques de, a un tris de) e inda podería dicir unha outra: a punto de, que cun verbo en pasado, teñen o mesmo significado que as que vimos falando.

En resumo, poderíamos dicir de todos estes xeitos unha mesma idea:

-Estiven a piques de perder o bus da manifestación do domingo.
-Case perdo o bus da manifestación do domingo.
-Houben (de) perder o bus da manifestación do domingo.
-Por pouco perdo o bus da manifestación do domingo.
-Pouco lle faltou para perder o bus da manifestación do domingo.
-Perto lle andou para perder o bus da manifestación do domingo.
-Estiven a un tris de perder o bus da manifestación do domingo.
-Estiven a punto de perder o bus da manifestación do domingo.


Fixádevos que non puxen a frase: Quixen perder o bus da manifestación do domingo. E non o fixen porque esta expresión só se emprega con verbos de accións involuntarias, como é "caer".
Évos ben rica a nosa lingua.

A todo isto... non perdades o bus!
Cousas que se din... (5) - de que falamos? expresións - dito o 16-05-2009 17:10
# conta, conta...
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
volta e dalle
Xa falaramos algunha vez, xa choveu!, da expresión "outra vaca no millo", que indica contrariedade pola repetición teimosa de algo.

Existen outros equivalentes que naquela ocasión non comentaramos. Un deles é moi similar, posto que tamén é un bicho que volve andar nun cereal: "volta a burra ao trigo", quizais máis acaido pola teimosía coa se caracteriza a este simpático animal.

Ademáis existe esoutra expresión que pon o título neste artigo: "volta e dalle" e que, non sei se saberedes, tamén lle dá nome a unha compañía de teatro galega.

Pois a todo isto, ando volta e dalle a convidarvos para que vos acheguedes a Compostela o domingo pola mañá, para participar na manifestación en defensa da nosa lingua que convoca A Mesa pola Normalización Lingüística. E vós diredes: "volta a burra ao trigo!", e se o dicides, ben dito está, que a teimuda non hai quen me gañe. Alí nos vemos.

Cousas que se din... (0) - de que falamos? expresións - dito o 12-05-2009 21:51
# conta, conta...
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
o galego ao carrelo
o idioma que nos une!A raiz da campaña da Mesa pola Normalización Lingüística deste ano para o 17 de maio, ocorreuseme comentar aquelas palabras que teñen a ver con esa parte do corpo que nos sustenta, que nos mantén en pé (algo similar ao que fai o galego, susténtanos, mantennos en pé como galeg@s).

A parte posterior do torso vense denominando de varios xeitos na nosa lingua:

Costas: con "o" aberto e en plural: dóenme as costas. Esto ten relación tamén coas costelas. Cando falamos de "costal" estamos a referirnos a algo relacionado con algunha destas dúas partes do corpo e tamén se lle chama así a un saco que se leva ás costas.

Lombo: dóeme o lombo. Se se trata dun porco, tamén se lle chama lombo a ese anaco tan saboroso de carne que se atopa nesa zona do corpo, tamén chamado raxo ou lombelo. Da palabra lombo tamén podemos dicir que se lle chama así á parte do libro onde se unen as follas, e a un outeiro ou elevación do terreo; e tamén a un monte de area que se forma no leito dun río ou no mar (pensade nos "lombos do Ulla").

Falando de lombo, existen varias expresións como son:
-Lombo de ovella: ceo con nubes que parecen de algodón.
-Levar ao lombo: transportar nas costas.
-Irlle a un ao lombo/andarlle a un no lombo: baterlle, pegarlle.
-Saírlle a un do lombo: custarlle sacrificio.

Carrelo: dóeme o carrelo. É outro xeito de chamarlle ao lombo.

Dorso: quizais a forma máis culta e técnica de chamarlle a esta parte do corpo. Niguén diría "dóeme o dorso". O prefixo culto que se utiliza en medicina para falar do lombo, ademáis de dorso, é not- ou noto-, que é un prefixo grego.

Tamén podemos falar doutra palabra:

Lomba: chepa, corcoba, xiba. Vulto das costas dalgunhas persoas por unha deformación do esquelete.

Pero se nos centramos no obxecto da campaña da Mesa, "O galego, a nosa columna vertebral", falaremos de:

Columna vertebral: que vén sendo o conxunto de vértebras que enlazadas convenientemente forman o eixe central do esquelete humano e que facilita a bipedestación (é dicir, o poder andar de pé e non a catro patas).

Outros xeitos de chamarlle: espiñazo, fío do lombo, espiña dorsal e mesmo soá (chámaselle asi á dalgúns animais, nomeadamente á do porco, que tan saborosa é). O prefixo culto para ela é raqui-, usado habitualmente en medicina.

A todo isto, qué sacamos de conclusión? Pois que a columna vertebral é a que nos mantén en pé, a que nos mantén unid@s. Igual que o galego. Mantennos en pé, e unid@s como galegas e galegos.
E do mesmo xeito que se coida a columna vertebral, debemos coidar o noso idioma.
Cousas que se din... (0) - de que falamos? palabras - dito o 07-05-2009 16:33
# conta, conta...
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
imos a ver/vamos ver: amémonos
Veño pensando moito últimamente nesta situación tan anómala que se produce cando un galegofalante di algo asi como: vou a traballar, vouvos a dicir, vai a buscar leña... con ese "a" totalmente fóra de lugar; e tamén cando un castelanfalante di: "vete comprar queso", "vas estudiar o leer", "te voy dar".

Paréceme non só anómalo senón tremendamente significativo. O galego, cada día máis, tende a asemellarse ao castelán por ese complexo de inferioridade, por ese auto-odio que nos fai remedar o que supoñemos superior. E logo está a outra versión: o castelanfalante cun grande sotaque galego, que fala castelán polo mesmo motivo: autoodio, sentimento de inferioridade, e, claro está, fálao como sabe, é dicir, introducindo xiros e frases propias do galego (y luego?).

Conclusión: sexa como for, a orixe dos dous fenómenos está nese querer "non ser" ou "non parecer" galegos, por supoñer que se é menos se se ten esa condición. A orixe está nese maldito auto-odio. E a solución? Deixar de auto-odiarse:

QUERÁMONOS A NÓS MESM@S!!!
Cousas que se din... (5) - de que falamos? ideas, pensamentos, reflexións... - dito o 03-05-2009 18:08
# conta, conta...
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
a lingua lixeira, costela dura
malas linguas!Xa nunha ocasión, hai ben tempo, comentabamos certos ditos sobre a fala nosa.

Hoxe, en vista da proximidade desa data sinalada para festexar as nosas letras, e tamén en vista dos últimos acontecementos e declaracións, por parte do goberno entrante e certas asociacións que o encirran, sobre a súa situación e a "liberdade lingüística", toca facer outro artiguiño sobre a lingua.

Ante tanta declaración contra o galego, o primeiro que habería que respostarlles a estes supostos "gobernantes" é que "a lingua larga é sinal de man escasa". Pero seguramente o que mellor definiría a estes elementos sería aquel dito de "cadaquén fala coma quen é", ou inda mellor: "falou o burro e orneou"; xa quitaron as carautas, e esta Xunta do PP non é, nin como mínimo, a Xunta do PP de Fraga. Esta Xunta é máis de Madrid, se cabe.

Tamén sería aplicable aquilo de "fala pouco e ben e serás alguén" a certos membros de asociacións anti-galego (obviamente, ninguén traga con iso de que están polo bilingüismo, porque nin iso tiñamos ata agora, e inda se queixan).

Pode que "falando enténdense os homes", pero neste caso, non sei se haberá posibilidades de raciocinio. Coido que xa ten habido debates abondo para dármonos conta de que "falar sen pensar é tirar sen apuntar".

Como queira que "lingua marmuradora, nunca falta e sempre sobra", a min, esta xente e as súas ideas sóbranme, pero "a lingua vaia e veña, as mans secas e quedas". Non serei eu logo quén use as mans, senón a lingua. E os pés chegado o momento, porque non vou deixar de pedirvos, unha vez máis, que acudades á manifestación do 17 de maio, co lema "o galego,a nosa columna vertebral, o idioma que nos une!". Máis que nunca, os galegos e galegas temos que estar en Santiago ese día para demostrarlles a eses que queren convertela en mostra de museu que a nosa lingua merece un respeto, e que ela nos fai ser o que somos: galegas e galegos.

Cousas que se din... (2) - de que falamos? ditos e refráns - dito o 29-04-2009 19:26
# conta, conta...
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
a cor violeta está de moda
Acabo de voltar e xa recibin, de mans do blog "Mil primaveras" un agasallo de cor violeta. E como queira que a min a cor violeta sempre me gustou moito, pois acepto o enredo encantada!

Disque a cor violeta representa a maxia, o encantamento, o magnetismo... e seica por iso mesmo merezo esta cor no meu blog, porque semella máxico. Non sei se o é, pero a min paréceme maxia, facer unhas pequenas anotacións e recibir anacos de ledicia envoltos en papel violeta!

Como sexa que hai que cumprir unhas normas (exhibir o Selo Violeta no blog xunto coas regras, indicar os blogs que considero que merecen este selo, avisárllelo aos indicados, non hai que esquecerse diso!, e escribir dous poderes máxicos que imaxino ter), e teño que designar os blogs que para min merecen ser violetas, velai van:

Medrar en galego, porque me parece que a mellor maneira de gardar a nosa lingua, de recuperala e de transmitila é que os que medren o fagan en galego. Iso é maxia!

O falar non ten cancelas
, precisamente porque a esencia da lingua está en falala, sen cancelas. Existe un maior encantamento?

Os bibliosbardos, blog do CPI de Carral, porque conseguir nos tempos de hoxe, loitando cos divertidos e absorbentes trebellos electrónicos, que os máis pequenos lean, e que lean en galego, non é tarefa fácil.

Seica teño tamén que dicir qué poderes máxicos ten este blog... pois seguramente a teimosía e a capacidade de falar unha fermosa lingua milenaria.
Cousas que se din... (2) - de que falamos? ideas, pensamentos, reflexións... - dito o 24-04-2009 14:24
# conta, conta...
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
ao abeiro, ao colleito
haberá que poñerse ao colleito!Neste ano que pasou non deixei de recoller palabras, un dos praceres cos que me entreteño en calquera momento. Alí onde estea e oia unha palabra, unha expresión que non coñeza ou que me resulte diferente ou interesante, saco do peto papel e boli e tomo nota.

Inda non hai moito, nunha fermosa zona da serra de Meira, nun día chuvioso, oínlle dicir a dúas persoas (casualmente irmás) dúas expresións para gardarse da chuvia. Unha delas dixo: imos para a porta da igrexa, ao abeiro e a outra: poñédevos para alí, ao colleito.

Chamoume poderosamente a atención que sendo as dúas persoas irmás, se expresaran de xeito diferente para a mesma acción, velaí a riqueza desta nosa lingua.

Para dicir o mesmo podemos dicir: abrigarse, ampararse, gorecerse, abeirarse, acubillarse...

Velaqui estou, outra vez ao abeiro da lingua.
Cousas que se din... (4) - de que falamos? expresións - dito o 23-04-2009 17:45
# conta, conta...
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
un ano despois e volta ao rego
Estrañeino moitas veces. Estrañei facer comentarios ou definir verbas. Estrañei facer xogos de palabras ou buscarlle o xeito aos ditos. Pero o que máis estrañei foron as conversas, os debates, os engádegos, as achegas, a xente toda que facía parte disto. E aqui estou outra vez.
Non sei se é ou non é unha boa idea retomar este caderno. Apetecíame moitísimo e neste momento, fágoo.

Abrimos outra vez o libro do refraneiro.
Cousas que se din... (6) - de que falamos? ideas, pensamentos, reflexións... - dito o 23-04-2009 17:45
# conta, conta...
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Lembrar é revivir
libro pechado non fai letradoHai algún tempo que lle veño dando voltas. Hoxe hai dous anos que encetei esta andaina e acontece que últimamente os artigos son máis espaciados a cada vez. Non me dá o tempo para todo, e boto os días dicindome: "teño que publicar un artigo", pero xa se sabe "Hoxe irei, mañá irei, mal a casa coidarei".

Asi que decidin cambiar este dito polo de "Hoxe voume, mañá voume e non sei cándo nin sei para onde".

Porque, xa o di esoutro refrán, "non hai día que non chegue nin prazo que non se acabe". E o desta xeira penso que xa chegou.

Non é este un "adeus para sempre". É máis ben un "ata vernos". Porque nunca se sabe, igual nalgún outro momento se me dá por recomezar. Igual. Ou igual non. Porque "naufragar e voltar embarcar, tolo tense que estar".

O que sí teño por seguro é que "navegar contra o vento, custa traballo e tempo", e, ainda que a min o traballo non me asusta, o tempo fáltame por todos os lados.

Asi que hoxe, precisamente hoxe, 23 de abril, día do libro, pecho polo momento este caderno virtual que durante dous anos fomos enchendo entre tod@s páxina a páxina.

Non quero despedirme sen pedirvos a todos e todas @s que amades esta lingua coma min; aqueles e aquelas que estades de acordo comigo en afirmar que con cada vello que morre, morre tamén un anaco de lingua e que temos que axudar a que permaneza con nós; vós que sabedes que hai por ai xente que ainda vendo esmorecer esta parte de nós que é o idioma, ainda lle poñen pexas e atrancos e non contenta con iso, esa xente ergueu unha cruzada en contra dunha lingua tan fermosa, que non acerto a comprender que dano lles fixo; a calquera de vós que ledes isto, se de verdade o entendedes, se pensades asi, acudide o próximo domingo día 18 de Maio ás 12 hs á Alameda de Santiago e berrade comigo, berrade con tod@s "polo dereito a vivirmos en galego".


Non di máis a lingua có que sente o corazón.




Cousas que se din... (10) - de que falamos? ditos e refráns - dito o 23-04-2008 17:40
# conta, conta...
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
meu dito, meu feito
eis a miña mirada ás fontes de onde bebemos

de tal xente, tal semente
 de que falamos?
 estivemos a comentar
 o pendello
 tamén podes atopar refráns ou expresións en...
 onde hai, sae
 o que algo busca, algo atopa

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

o refraneiro
o refraneiro


free web counter

















© by Abertal