|
|
|
|
| As bolachas e o pobo. |
|
Fago un pequeno parón no silenzo para plaxiar un artigo de Carlos Callón publicado no seu blogue, así como no xornal Galicia Hoxe. Penso que é clarificador e que nos pode servir de guía.
As bolachas e o pobo
Sobre o portugués, a diglosia e as palabras inventadas
Foi un destes días na praia. Eu levei as bebidas fresquiñas e o meu mozo trouxo a merenda. Algo de froita, dous bocadilliños e unhas pequenas tortas feitas de fariña que, xunto coas habituais roscas, son moi tradicionais das nosas romarías, aínda que estas non son doces. Acababan de ser as festas de San Roque e de aí procedían. Como el sabe do meu interese polas palabras que aparentan perdidas e nesa semana parecía existir certa polémica sobre a neodialectalización do galego, preguntoume, mentres sostiña unha desas cunha man: “Sabes como lle chama miña nai a estas ‘galletas das festas’?” Neguei. “Pois chámalle bolachas.”
Quedei cunha delas. Esa mesma noite amoseilla a miña nai e pregunteille: “Ti como lle chamas a isto?” Meu irmán Xoán Xosé, que estaba por alí, respondeu antes ca ela: “Bolachas”. Nosa nai sentiu curiosidade polo motivo da miña pregunta, mais antes de eu explicar nada, xa meu irmán se adiantou tamén nesa resposta, amosando os seus dentes nun sorriso pillabán: “Pregúntacho porque as chamamos igual que en portugués”. Pareceume tamén curioso que Xoán Xosé, levándome só tres anos, soubese designar ese comestíbel polo seu nome, algo que eu ignoraba de vez. Para min foi toda unha sorpresa que o termo bolacha estivese vivo ao norte do río Miño. Que digo ao norte do río Miño! Que estivese vivo na miña propia casa!
Procurei a palabra nalgúns manuais e dicionarios de galego e non a achei por ningures. Tampouco figura no Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa), que a Academia dispoñibiliza na rede. En galego estándar disque se debe dicir galleta, como a forcada. Finalmente, meu irmán levaba razón: estaban a usar un lusismo! Será que, de súpeto, tanta xente se tornou reintegracionista sen o saber?
Máis que a un andazo de lusofilia, este exemplo lémbrame a como se foron e van substituíndo determinadas palabras galegas por outras formas españolas que son totalmente desnecesarias. Son moitos os casos nos que convive o vocábulo do noso idioma co introducido a partir do castelán, mais especializando os usos de cada un de acordo cun esquema diglósico. Deste xeito, a forma xenuína fica reservada para o máis tradicional e primario, mentres a interferencia do español ten unha acepción unida ao mundo urbano e moderno. Así, hai quen fala das luras que se pescan e dos *calamares conxelados como se fosen especies diferentes, das billas dos bocois e dos *grifos da auga corrente, da corte das vacas e da *cuadra da equitación, da vasoira elaborada con xestas e da *escoba industrial, da randeeira feita á machada e do *columpio dos parques... E, en fin, das bolachas das romarías e das galletas de mil sabores e formas que se compran no supermercado. A distribución de funcións, con certeza, é un paso previo até a suplantación total da forma propia pola allea.
Haberá quen diga que ao usar lura, corte, billa, randeeira, vasoira ou bolacha se sente como se estivese a falar a través dun tradutor automático e que son termos artificiais, polo que nunca os utilizará, a non ser para os usos primarios antes sinalados. Haberá quen diga que son formas inventadas, que nunca existiron porque nuncas as ouviron ou nunca repararon nelas. Haberá quen diga que a maioría destas palabras son lusismos máis ou menos disimulados. Mais a verdade é que fan parte do tesouro do noso idioma e que podemos aspirar a restauralas para todas as funcións.
O pobo
Algúns dos artigos que publiquei nesta sección en Galicia Hoxe nas semanas pasadas desencadearon unha polémica totalmente inagardada por min. Pouco máis ou menos fixen que procurar divulgar reflexións sobre a progresiva hibridación do galego e subliñar a importancia de tentarmos coidar a lingua. Como dicía no primeiro deses textos –o que tentei que fose máis retranqueiro con esa forma de decálogo brincallón–, poderiamos pórnos como obxectivo factíbel falar no galego coloquial co mesmo grao de corrección que nos autoimpomos cando falamos o castelán coloquial. Esa idea pódese aplicar, é claro, aos outros rexistros.
Sorprendeume que algunha xente considerase tal proposta como unha iniciativa por elaborar unha lingua máis artificial ou artificiosa e que, no entanto, habería que apostar por un idioma “como o que fala o pobo”. Cando lin esa opinión veu á miña mente a polémica que xa no século XIX existiu porque a palabra pobo moitos a consideraban ou unha reliquia que non compensaba resucitar ou, sobre todo, unha portuguesización que traizoaba a fala popular. N’O Tio Marcos da Portela do 13 de abril de 1884 dábanse argumentos sobre iso que aínda están de plena actualidade e que poden ser aplicados a moitos outros exemplos alén do aí exposto: “¿En que xuncras de badamecos viu vosté que pobo non era palabra gallega? N-os dous dicionarios que temos pode atopala sin moito traballo. Como quen di algo oponse ô emprego d’esa palabra porque a ten a lingua portuguesa. Por ese camiño chegariamos á non poder falar en gallego, pois as mais d’elas d’unha e d’outra fala son o mesmo”.
A polémica fíxose moi forte cando se debateu sobre o lema en galego para o monumento que se ergueu na memoria dos asasinados en Carral. Houbo quen considerou lusismos formas como ao e o propio pobo, que hoxe están perfectamente recoñecidas polo estándar oficial do galego. É máis. Se botarmos un ollo ao proceso de elaboración da normativa da lingua galega veremos que moitas palabras ou solucións morfolóxicas que hoxe se admiten sen discusión como correctas foron no seu día penalizadas como lusismos: século, liberdade, estudante, animais, galego...
No acordo ortográfico e morfolóxico ao que se chegou no ano 2003, tras o proceso de diálogo impulsado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, recoñécese de forma explícita a importancia do portugués como modelo a seguir na incorporación de novas palabras, mais iso aínda non tivo a plasmación debida. Así, é incomprensíbel a enorme preocupación que se pon nalgúns ámbitos académicos para varrer todo o que poida parecer un lusismo, cando na dura realidade do día a día nos encontramos abafados por riba, por baixo e por toda a parte de léxico do castelán. Non vaia ser que, de tanto fumigar academicamente contra calquera trazo do portugués, contribuamos tamén a destruír algunhas das seivas nutricias e das defensas da lingua da Galiza. Como se puido ver onte co pobo e hoxe coa bolacha. |
|
|
|
|
| Que se acabe a deleiba! |
|
Copio e pego, hoxe, un artigo publicado no xornal El Pais, escrito por Henrique Monteagudo, que con sutil ironía e, desgraciadamente, verdades coma puños, debulla a situación actual da nosa lingua. Suscribo ao cento por cento o que nel se di.
Que se acabe a deleiba!
Henrique Monteagudo
A voz deleiba, de uso corrente na miña terra de Muros, significa desfeita, desastre. Tráioa a conto porque a lideira lingüística leva camiño de converterse nunha auténtica deleiba. Acabamos de recuperarnos do acoro causado polo discurso presidencial no acto do 25º aniversario do Consello da Cultura Galega, e regresamos das vacacións asistindo pampos aos incendios provocados na Coruña e Vigo. De máis a máis, por unha entrevista xornalística coa súa voceira máis lareta, informámonos da trastenda mental ("argumentos de fondo" vaille grande) da cruzada contra o galego. Velaí a auténtica doutrina do bilingüismo: si a Galicia bilingüe, pero non aos galegos bilingües. Como din os brasileiros para expresar abraio: "Nossa!". E os nosos paisanos: "Amodo!".
- Un orixinal concepto de bilingüismo.
Disque cada galego debe falar só unha lingua, se esta é o castellano; noutros casos é o seu problema. A explicación cae de caixón: adquirir unha competencia fluída en dúas linguas tan enormemente distintas coma o castelán e a outra (evítese citala polo seu nome) é imposible, ao menos para os castelanfalantes. O bo que ten esta peculiar opinión é que os que nos damos apañado nas dúas podemos andar cheos de vento. Somos uns xenios. Non é de estrañar que tamén se nos acaben apegando un chisco o portugués, o inglés ou o francés. Pásalle, por exemplo, aos nosos emigrantes; algúns, mesmo aprenden o alemán. Manda truco!
Coñécese que todas estas brillantes reflexións veñen destiladas dunhas xornadas internacionais sufragadas pola douta Deputación de Pontevedra, en que se debullou a xeito a mazaroca. Xuntáronse unha morea de expertos seica moi acreditados. Tamén falaron os movementos pola liberdade lingüística, ou sexa, radicalmente partidarios de que os castelanfalantes utilicen o seu idioma cando lles dea a gana, en canto que os outrofalantes se amolen e non toquen máis o zoco. Tendo en conta que, segundo se acaba de explicar, os malpocados dos primeiros arrastran eivas irreversibles que lles impiden aprender os outros idiomas, sería abuso, aldraxe e sacrilexio violar o seu sacrosanto dereito a ignoralos. É o que ten ser español, que os idiomas se che dan fatal.
- Aprender o galego: Non queren, non lles peta, e non lles sae dos fociños
Así e todo, o argumento máis persuasivo foi este: os da liberación idiomática non queren aprender os outros idiomas porque non lles peta, e morra o conto! Afortunadamente, hai políticos valentes que están polo labor de facer realidade os prexuízos clasistas, digo as nobres arelas, destas pobres xentes asoballadas polo outro idioma: sobreviven sen televisións, radios nin xornais en castelán, maltratados a feito por causa do seu coitado idioma cervantino, inicuamente excluído da publicidade e vetado nos lugares de maior visibilidade pública (hipermercados, espectáculos, clubes financeiros, estadios de fútbol, salas de cine...). Menos mal que hai líderes que toman conta do problema, movidos por puro idealismo; o que no seu caso significa que a ver se remexendo na pota conseguen gañar unhas eleccionciñas.
Por exemplo, un persoeiro moi documentado sabe de certo que A Coruña sempre foi La Coruña (por moito que os pailáns, xa desde a Idade Media, se empeñasen en luxar este lustroso nome con aquela rústica pronuncia), e por tanto está disposto a derrogar unha totalitaria Lei de Normalización Lingüística culpablemente impulsada un día polo seu propio partido (daquela cripto-nacionalista, hoxe xa encarreirado na Recta Vía), e aprobada con sospeitosa unanimidade polo Parlamento de Galicia. É que en tempos estaba de moda un abafante galeguismo (cousa dun tal Ramón Piñeiro), hoxe felizmente superado. O caso é que o actual alcalde da cidade, socialista por sinal, xa se lle adiantou, e el tamén reivindica o topónimo castellano. Mesmo ao secretario do PSdeG, home de mensaxes sólidas e coherentes, lle deu por apuntarse ao carro para recuar despois. Non, se por este camiño imos acabar naquilo de que "tanto me ten Xan coma Pericán".
Outra. Un edil olívico quere chimpar a ordenanza municipal de uso do galego inspirada noutra opresiva lei do mesmo Parlamento que precisamente se aprobou co voto da súa formación política. Pero aqueles eran os tempos do ultraesquerdoso e furibundo antiespañol Manolo Fraga, o mesmo que impulsou o funesto Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado tamén por unanimidade baixo a ditadura separatista do PP(G). Non hai que esquecer que daquela imperaba unha noxenta afección ao consenso para tratar asuntos fundamentais do país, na actualidade asisadamente desbotado. Así e todo, isto foi hai moitísimo tempo, alá por 2004, e desde aquela Galicia evolucionou que mete medo. Tamén é mala pata, home, que a vixencia do tal Plan Xeral fose ratificada polo propio Parlamento o sete de outubro de 2008, co voto de todos os grupos, PP incluído. Un mal paso dáo calquera...
Ah! Está tamén un director xeral da Xunta de Galicia (no seu momento alistado na Falange Española Independiente, digna continuadora da ilustre organización que nos saudosos tempos do franquismo promoveu con fervor o bilingüismo cordial, máis tarde vergoñentamente deturpado pola fedorenta partitocracia xudeu-masónico-separatista), un director xeral de Administración Local da Xunta, digo, que amoesta o Concello de Vigo porque este pretende nada menos que requirir o coñecemento do galego nas probas de acceso á función pública. Pero para que quererá saber o outro un funcionario municipal, se todo o mundo entende o castellano?
Como dixo Castelao, non vos riades que o conto é triste. O vindeiro 18 de outubro estamos convocados en Compostela os que queremos galego, máis galego, para proclamalo con respecto, diálogo e desexo de convivencia. Oxalá sexa unha grande festa civil, con moita e plural participación, unha declaración masiva de amor ao idioma, sen exclusivismos, afáns de monopolio nin molestas provocacións. Para que remate a deleiba, canto antes e para sempre. |
|
|
|
|
| o salto interxeneracional ou de como a lingua se vai perdendo... |
|
Mentres o tempo vai pasando sen que eu actualice (ás veces por falta de ocasión, outras por falta de tempo e outras, tamén, por falta de ganas) a lingua segue a esmorecer. Algúns e algunhas seguen a axudar á súa desaparición, mesmo desde os poderes públicos, e malia ás broncas en forma de discurso que poida haber de cando en vez. Outros e outras tentamos facer o que podemos, o que está nas nosas mans, para evitalo; ás veces cansos, ás veces mesmo derrotadas. E os máis, o que fan é esperar. Non facer nada.
O caso é que hoxe comendo, esganeime cunha argana. E cando falei non dixen tal, senón que dixen que "tragara unha espiña". Quedei pensando na razón pola que sempre lle sentira á miña avoa dicir "tén coidado coas arganas" cando comiamos peixe e, porén, a miña nai me transmitiu a min a palabra "espiña" no canto da correcta e fermosísima "argana". E púxenme a pensar en todas cantas palabras lle sentira á miña avoa e que a miña nai xa non dicía, cambiándoas por outras máis "españolas". A avoa dicía "rolla" para referirse ao que hoxe a miña nai chama "trapo". A avoa falaba de varrer o curral coa "vasoira", hoxe varrémolo coa "escoba". Á avoa a "saia" quedáballe grande ou pequena, pero a miña nai arranxáballe a "falda". A avoa se caía "escordaba" un artello, a mamá "tórceo". A avoa precisaba dos "lentes" para ler, pero a miña nai acaba de mercar unhas "gafas" moi chulas.
E asi, paseniño, sentir falar á miña avoa e á miña nai a un tempo faise moi duro, porque é coma se falaran idiomas distintos. É coma se houbese algo que fixese que se perdesen tantas e tantas expresións e palabras que hoxe ás veces sí que da a sensación que o que falamos é un dialecto do español. E nada máis lonxe da realidade. Temos un idioma fermoso e rico que se nos vai esvarando entre os dedos. Entre @s que tentan eliminalo e @s que tratamos de evitar tal crime, están @s que non fan nada. Seguirán a esperar mirando ou van tomar partido? Deixarán morrer unha parte de nós dun xeito tan sinxelo?
O dito, coidado coas arganas! |
|
|
|
|
| no pico da noite de cada segundo día |
|
Hai certas expresións temporais, moi propias de pequenas zonas do territorio, e que se están a perder irremediablemente. Cando pase o tempo e a alguén con bo siso se lle ocorra recuperalas, haberá quen diga que son inventadas, como sucede hoxe con moitas expresións e léxico que por terse recuperado para o uso do galego normativo, algunha xente considera "inventadas". O caso é que porque de onde nós somos non se diga unha palabra non significa que non exista.
Pero en fin, imos ao conto. Como dicía, hai certas expresións temporais moi peculiares e das que gosto moitísimo. Hoxe falarei dalgunhas delas escoitadas (e ainda bastante usadas) en Valdeorras, lugar que, por outra banda, goza dun galego moi "de seu" que se perde a marchas forzadas.
Unha das expresións das que falo é "cada segundo día" (ou "cada segunda semana", "cada segunda noite" ou "cada terceiro día" etc...) para expresar a alternancia. Cun exemplo práctico entenderase moi ben: teño que ir facer a cura cada segundo día; o que equivale a dicir que hai que facer a cura cada dous días.
A outra expresión que vos quería comentar é "no pico da noite" (ou "no pico do més" ou "no pico da semana") que, inda que teño escoitado moitas veces, non acabo de saber se se refire ao final (da noite, da semana, do mes) ou máis ben ao punto medio; inclínome máis por esta última opción.
Descoñezo se algunha destas formas que eu escoitei exclusivamente en Valdeorras se conserva tamén noutras zonas da nosa xeografía.
Agardo poder disertar neste caderno de lingua "cada segundo día" ou, cando menos, "no pico da semana" e non botar tanto tempo sen actualizar. Agárdoo, pero non o prometo! |
|
|
|
|
| lagañas |
|
A miña nai sempre dicía que eu era moi lagañosa cando se quería meter comigo. E non lle faltaba razón á muller. Hai xente que ten certa tendencia a acumular lixos dos lacrimais nas beiras dos ollos. Eu son unha desas persoas.
Falemos, logo, de lagañas. A definición ven sendo a que acabo de comentar: Humor que segregan as glándulas das pálpebras e calla nos ángulos da apertura ocular.
Para falar delas existen outras dúas palabras: lepas e remelas. A forma remelas é tamén a que se utiliza no portugués. Lagaña, pola contra, é moi similar á forma usada en castelán (legaña).
Tamén podemos atopar algunha curiosidade sobre estas verbas. Como sinónimo do "lagañosa" que me dicía a miña nai, existe "remelada" que ademais úsase para falar da persoa "que non ten pestanas" e tamén da "mal coidada".
E existe o verbo "remelar" que non significa botar lagañas, inda que poida parecelo, senón "abrir moito os ollos sen parar de movelos dun lado para o outro" ou mesmo "mirar de reollo".
Pois nada, vou limpar as lagañas, que xa me toca! |
|
|
|
|
| aviados imos! |
|
Ante todo, quixera desculparme por este tempo de ausencia. Certas actividades inaprazables fixeron que non atopara oco para escribir neste caderno.
Deixei un artigo anterior na véspera da grande manifestación pola lingua que, malia a chuvia (polo galego hai que mollarse!), vivimos en Compostela. Hoxe retomo O Refraneiro xusto despois de regresar desa outra concentración de repulsa pola primeira puñalada mortal que recibe a nosa lingua: a modificación da Lei de Función Pública que o PP ven de aprobar no Parlamento.
Entre unha mobilización e outra non fixeron máis que cumprirse os malos augurios e vimos como, paseniño, lentamente, a nosa lingua vai sendo humillada, maltratada, condenada á morte por quenes ostentan o goberno da Xunta na actualidade.
Aviados imos! ou, o que é o mesmo, a que nos espera!
Aviados é o participio do verbo aviar, que, segundo o dicionario galego de Ir Indo en liña, ten estes significados:
1.v.t. Proporcionar a alguén o que precisa para un determinado fin.
2. v.t. Dispor dun xeito ordenado algunha cousa ou algún lugar.
3.v. t. Preparar a comida ou condimentala.
4.v. t. Apresurar algunha acción.
5.v. t. Arranxar ou prepararse con vestidos, adornos e enfeites. Tm v pron.
6.v. pron. Estar en condicións para realizar algunha acción ou resolver algún problema debido a que se posúen os medios ou se está preparado.
7.v. pron. Darse présa no desenvolvemento dalgunha acción.
SIN: amañar, arranxar, ordenar, preparar, aderezar, adobar, adubar, aliñar, sazonar, apurar, amañar, arranxar, gobernar, apresurarse, apurarse, bulir, espelirse.
Non debe confundirse "aviar", o verbo galego, con "aviar", palabra española que se utiliza para designar algo que ten a ver coas aves. En galego a palabra correcta sería "aviario/a". É dicir, en galego non podemos dicir "gripe aviar", posto que a expresión non tería moito sentido. O correcto sería dicir "gripe aviaria".
Tamén existe a expresión derivada dese verbo "facer avío", é dicir, "ir ao xeito", "vir ben".
O participio "aviados" dese verbo tomou o significado contrario na expresión que comentamos (aviados imos!) precisamente pola retranca, pola ironía ou sorna con que se dí. É dicir, estamos a dicir que estamos preparados ou dispostos, pero en realidade, a retranca implica que o que queremos dicir é xusto o contrario.
A todo isto, eu o que quería comentar é precisamente iso, que este goberno non nos fai avío, con este goberno o galego vai aviado! |
|
|
|
|
| Houben caer! |
|
Temos en galego unha serie de expresións que teñen como significado que unha acción estivo a piques de pasar pero finalmente non pasou.
Seguramente todo o mundo diría, escoitaría ou pensaría algunha vez a cada vez máis utilizada frase do estilo de "case caio!". Esta é, obviamente, moi similar á mesma expresión española. Un calco dela, que se podería dicir.
Pero a nosa lingua, rica como é, agacha outras expresións, máis nosas, menos usadas, para expresar esta mesma idea. Unha delas é "houben (de) caer!", utilizando o verbo HABER conxugado en pretérito e o infinitivo do verbo da acción que non chegou a suceder (neste caso "caer"). Nalgunhas zonas engádeselle unha preposición "de" entre un verbo e o outro.
Tamén está aquela de "por pouco caio!", ou inda "pouco lle faltou para caer!", ámbalas dúas co adverbio de cantidade "pouco" formando parte da expresión. Esta última frase, sen ir acompañada do verbo da acción (pouco lle faltou!) úsase do mesmo xeito que estoutras: "cómo lle andou!" e "andoulle perto!", para exclamar cando se é testemuña no momento unha situación que non chegou a suceder.
Inda hai algunha outra expresión para explicar que algo estivo a un tris de suceder e finalmente non pasou. Últimamente volvín oir despois de moito tempo sen escoitala, a frase "quixo caer!", referíndose exactamente ao mesmo. O mellor é que a escoitei da boca dun cativo de pouco máis de 8 anos, o cal dá azos para pensar que inda a lingua está viva, que inda estamos a tempo de cambiar o rumo e non ter que chegar a dicir do noso idioma: "houbo desaparecer!".
Xa vedes que fun remarcando outras expresións (a piques de, a un tris de) e inda podería dicir unha outra: a punto de, que cun verbo en pasado, teñen o mesmo significado que as que vimos falando.
En resumo, poderíamos dicir de todos estes xeitos unha mesma idea:
-Estiven a piques de perder o bus da manifestación do domingo.
-Case perdo o bus da manifestación do domingo.
-Houben (de) perder o bus da manifestación do domingo.
-Por pouco perdo o bus da manifestación do domingo.
-Pouco lle faltou para perder o bus da manifestación do domingo.
-Perto lle andou para perder o bus da manifestación do domingo.
-Estiven a un tris de perder o bus da manifestación do domingo.
-Estiven a punto de perder o bus da manifestación do domingo.
Fixádevos que non puxen a frase: Quixen perder o bus da manifestación do domingo. E non o fixen porque esta expresión só se emprega con verbos de accións involuntarias, como é "caer".
Évos ben rica a nosa lingua.
A todo isto... non perdades o bus!
(a imaxe que acompaña este artigo é un fermoso deseño de Abraham Balcazar) |
|
|
|
|
| volta e dalle |
|
Xa falaramos algunha vez, xa choveu!, da expresión "outra vaca no millo", que indica contrariedade pola repetición teimosa de algo.
Existen outros equivalentes que naquela ocasión non comentaramos. Un deles é moi similar, posto que tamén é un bicho que volve andar nun cereal: "volta a burra ao trigo", quizais máis acaido pola teimosía coa se caracteriza a este simpático animal.
Similar a esta anterior existe outra que di: "volta á bola que é de millo toda!", que lembra o amasado do pan, e fai referencia precisamente ás voltas que se lle dá á masa no momento de amasala, relacionándoa coa pesadeza do traballo.
Ademáis existe esoutra expresión que pon o título neste artigo: "volta e dalle" e que, non sei se saberedes, tamén lle dá nome a unha compañía de teatro galega. Hai unha variante que di: veña e dalle!
Pois a todo isto, ando volta e dalle a convidarvos para que vos acheguedes a Compostela o domingo pola mañá, para participar na manifestación en defensa da nosa lingua que convoca A Mesa pola Normalización Lingüística. E vós diredes: "volta a burra ao trigo!", e se o dicides, ben dito está, que a teimuda non hai quen me gañe. Alí nos vemos.
|
|
|
|
|
| o galego ao carrelo |
|
A raiz da campaña da Mesa pola Normalización Lingüística deste ano para o 17 de maio, ocorreuseme comentar aquelas palabras que teñen a ver con esa parte do corpo que nos sustenta, que nos mantén en pé (algo similar ao que fai o galego, susténtanos, mantennos en pé como galeg@s).
A parte posterior do torso vense denominando de varios xeitos na nosa lingua:
Costas: con "o" aberto e en plural: dóenme as costas. Esto ten relación tamén coas costelas. Cando falamos de "costal" estamos a referirnos a algo relacionado con algunha destas dúas partes do corpo e tamén se lle chama así a un saco que se leva ás costas.
Lombo: dóeme o lombo. Se se trata dun porco, tamén se lle chama lombo a ese anaco tan saboroso de carne que se atopa nesa zona do corpo, tamén chamado raxo ou lombelo. Da palabra lombo tamén podemos dicir que se lle chama así á parte do libro onde se unen as follas, e a un outeiro ou elevación do terreo; e tamén a un monte de area que se forma no leito dun río ou no mar (pensade nos "lombos do Ulla").
Falando de lombo, existen varias expresións como son:
-Lombo de ovella: ceo con nubes que parecen de algodón.
-Levar ao lombo: transportar nas costas.
-Irlle a un ao lombo/andarlle a un no lombo: baterlle, pegarlle.
-Saírlle a un do lombo: custarlle sacrificio.
Carrelo: dóeme o carrelo. É outro xeito de chamarlle ao lombo.
Dorso: quizais a forma máis culta e técnica de chamarlle a esta parte do corpo. Niguén diría "dóeme o dorso". O prefixo culto que se utiliza en medicina para falar do lombo, ademáis de dorso, é not- ou noto-, que é un prefixo grego.
Tamén podemos falar doutra palabra:
Lomba: chepa, corcoba, xiba. Vulto das costas dalgunhas persoas por unha deformación do esquelete.
Pero se nos centramos no obxecto da campaña da Mesa, "O galego, a nosa columna vertebral", falaremos de:
Columna vertebral: que vén sendo o conxunto de vértebras que enlazadas convenientemente forman o eixe central do esquelete humano e que facilita a bipedestación (é dicir, o poder andar de pé e non a catro patas).
Outros xeitos de chamarlle: espiñazo, fío do lombo, espiña dorsal e mesmo soá (chámaselle asi á dalgúns animais, nomeadamente á do porco, que tan saborosa é). O prefixo culto para ela é raqui-, usado habitualmente en medicina.
A todo isto, qué sacamos de conclusión? Pois que a columna vertebral é a que nos mantén en pé, a que nos mantén unid@s. Igual que o galego. Mantennos en pé, e unid@s como galegas e galegos.
E do mesmo xeito que se coida a columna vertebral, debemos coidar o noso idioma. |
|
|
|
|
| imos a ver/vamos ver: amémonos |
|
Veño pensando moito últimamente nesta situación tan anómala que se produce cando un galegofalante di algo asi como: vou a traballar, vouvos a dicir, vai a buscar leña... con ese "a" totalmente fóra de lugar; e tamén cando un castelanfalante di: "vete comprar queso", "vas estudiar o leer", "te voy dar".
Paréceme non só anómalo senón tremendamente significativo. O galego, cada día máis, tende a asemellarse ao castelán por ese complexo de inferioridade, por ese auto-odio que nos fai remedar o que supoñemos superior. E logo está a outra versión: o castelanfalante cun grande sotaque galego, que fala castelán polo mesmo motivo: autoodio, sentimento de inferioridade, e, claro está, fálao como sabe, é dicir, introducindo xiros e frases propias do galego (y luego?).
Conclusión: sexa como for, a orixe dos dous fenómenos está nese querer "non ser" ou "non parecer" galegos, por supoñer que se é menos se se ten esa condición. A orixe está nese maldito auto-odio. E a solución? Deixar de auto-odiarse:
QUERÁMONOS A NÓS MESM@S!!! |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|