Hoxe é día 10 de decembro. É un día especial para celebrar nos colexios e así se fai desde hai moitos anos. Esta vez os Blogs das Bibliotecas Escolares de Galicia temos a oportunidade de amosarnos unidos no seu 60º aniversario e de compartir co resto das Bibliotecas Escolares este traballo que nos representa a todas. "Dignidade e xustiza para todos nós"é o lema deste ano.
Partindo da cita de Kofi Annan, que podiamos ler hai uns días nos nosos blogs, debemos chegar a comprender que:
Os Dereitos Humanos son o conxunto de prerrogativas inherentes á natureza da persoa, cuxa realización efectiva resulta indispensábel para o desenvolvemento integral do individuo que vive nunha sociedade xuridicamente organizada. Estes dereitos, establecidos na Constitución e nas leis, deben ser recoñecidos e garantidos polo Estado. Poderiamos dicir mesmo que son aquelas esixencias que agroman da propia condición natural do home.
Os dereitos humanos son universais porque pertencen a todos os homes, a todos por igual, en todo tempo e lugar; atópanse de xeito innato ligados á natureza do home. Porén, non son realmente respectados, existindo toda clase de violacións: privacións das liberdades fundamentais, torturas, imposibilidade de acceso aos servizos de saúde e auga potábel, uso de minas antipersoais, discriminación e actos terroristas que xeran catástrofes, xenocidio, nenos soldado, etc.
Ás veces, esquecémonos do realmente importante, ocupados como estamos no noso devir cotián. Pero sabemos que o noso oficio, o noso traballo, a nosa dedicación primeira e fundamental é formar a unha serie de persoas-proxecto, o cerne do futuro, as xeracións que poderán facer do mundo do mañá un universo máis xusto no que habitar.
Somos educadores, e como tales, priorizamos tarefas como a que agora nos une. Debemos procurar que o noso alumnado reteña na súa retina e na súa memoria que días como o 25 de novembro, o 30 de xaneiro, o 8 de marzo? días coma o de hoxe existen porque hai persoas que sofren unha penuria diaria que contravén o espírito do ser humano que deberiamos abandeirar. É o noso labor tentar que eses sufrimentos non existan, que deixen de existiren eses días porque a sociedade do futuro, esa na que tanto temos nós que dicir ?non o esquezamos, co noso propio exemplo- non as necesita.
Por esta razón, aquí estamos, de novo, unidos por unha nova causa común, o Día dos Dereitos Humanos, denunciando a súa violación. Vímolo facendo dende hai tres días. Resulta, sen lugar a dúbidas, moi clarificador, que os nosos blogues estean unidos desde esas datas. Emotivo. Significativo. É o noso desexo seguir a loitar unidos. E conseguirémolo.