|
|
|
8 DE MARZO: SETE MULLERES CON LUZ PROPIA NA CIENCIA |
|
O día 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller Traballadora, tamén chamado Día Internacional da Muller, no que se conmemora a loita da muller pola súa participación, en pé de igualdade co home, na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa. O lema deste ano «Empoderando ás Mulleres, Empoderando á Humanidade: Imaxínao!» recrea un mundo no que cada muller e cada nena poden exercer as súas opcións e tomar as súas decisións, tales como participar na política, educarse, ter os seus propios ingresos e vivir en sociedades sen violencia nin discriminación.
En todos os centros escolares ponse de relevancia esta data coa finalidade de que esta mensaxe enchoupe o alumnado e agrome, por fin, unha sociedade xusta e igualitaria.
Ao longo da historia da humanidade as mulleres non tiveron doado incorporarse ás distintas áreas do coñecemento, polo que resulta imprescindible poñer en valor esas mulleres que, remando contra corrente, foron capaces de acadar as máis arduas metas, e así, canda elas, elevar ao resto do seu xénero.
Co título "Sete mulleres con luz propia na ciencia", ao fío do noso PDI deste curso, a biblioteca do centro propón ao alumnado investigar e recadar información sobre sete mulleres que fixeron importantes achegas no ámbito científico, e completar, entre tod@s, un mural situado na entrada do cole para que luza ben fermoso a partir do día 8 de marzo.Por suposto, foi o noso amiguiño MIK o que puxo en movemento a nenos, nenas e profes coa súa carta. Axiña comezaron as pescudas... E aí andan, entre libros, enciclopedias e "gugle" (como eles din) para conseguir averiguar moitas cousas sobre estas mulleres fantásticas. Xa estamos desexando ver o mural rematado. Ánimo, rapaces!!!
Podedes ver máis fotos AQUÍ |
|
|
|
E ti que dis? |
|
|
|
|