|
|
|
|
| PAZ... DENDE O COLEXIO INMACULADA - MARÍN - |
|
30 de xaneiro:
Día escolar da Non violencia e a Paz
Manifesto pola PAZ
1. Hoxe todos nós estamos aquí por un mesmo obxectivo común: A PAZ.
2. As guerras, pelexas, insultos… e a violencia en xeral, provocan tristura e quítannos esa paz e tranquilidade que desexamos para ser felices.
3. Neste día reunímonos para loitar por esa paz tan desexada pero tan escasa, e temos que loitar por obtela deixando a violencia a un lado, abandonándoa e empezando de novo sendo mellores persoas: máis amables, positivos, obedientes, alegres, tolerantes,… para intentar que medre a paz e , como ben sabemos que a unión fai a forza, se todos colaboramos, conseguirémolo.
4. Para que medre a paz tamén cómpre educar a interioridade e a relación con Deus, con un mesmo e cos demais, para vivir dunha maneira distinta e decatarnos de que a violencia non trae nada bo, e que temos que esforzarnos para que a paz medre en nós, pois ninguén que sexa violento está tranquilo e en paz.
Conseguir a paz non é fácil. Pidámoslle a Deus que nos ensine a sermos boas persoas, para obter esa paz tan importante nas nosas vidas.
JESÚS LEMA VILLANUEVA – 4º ESO B -
Manifesto en contra da violencia
Hoxe quero manifestarvos algo. Algo que seguramente vedes case todos os días, porque seguro que tedes un amigo ou compañeiro de clase que sempre recibe “palmadiñas de ánimo” (Palmadiñas de ánimo ou golpe?) Ou alguén a quen sempre dan “sen querer”(Sen querer?) Ou talvez a alguén que nunca xoga un partido de fútbol sen recibir varias patadas ou balonazos.Ou….
Sei que non vos falo de algo descoñecido e, pensade, aínda que nós non o fagamos, denunciámolo?
Hoxe invítovos a que denunciedes a violencia da que son vítimas silenciosas os nosos compañeiros porque, aínda que non o pareza, esa vítima sofre cada día máis e o culpable non é só o violento: tamén o somos os que non o denunciamos. A paz é cousa de todos, non dunha soa persoa.
Basta xa! Hoxe, no nome de todos aqueles que sempre reciben unha patada xogando ao fútbol, no nome de todos aos que sempre lle dan co estoxo ao pasárllelo, no nome de todos aqueles que reciben “palmadiñas” e no nome de todos aqueles que sempre son vítimas dos “accidentes”, quero dicir: Abonda!
ANABEL MÍGUEZ FARIÑA 3º ESO A
PAZ
A paz é unha forza que todos temos, que nos equilibra. É un recurso vital e é silencio interior cheo de verdade. A paz está composta de pensamentos e sentimentos bos e puros, e tamén de bos desexos. Cando esteamos en equilibrio, sen violencia, estables, estaremos en paz con nós mesmos e con todo o mundo.
A falta de paz comeza con sentimentos intranquilos, sobre todo de ira que, moitas veces, se estende e crea violencia.
A xente di que quere paz, pero non poden ser instrumentos de paz persoas insatisfeitas, desazonadas…. Agora, os políticos queren establecer paz e fan investigacións e empregan recursos para conseguila. Outórganse premios a persoas que conseguen logros pacíficos, coma o Premio Nobel da Paz. Actualmente no mundo hai moi pouca paz; pode sentirse en persoas intranquilas, estresadas e presionadas polos labores e responsabilidades laborais e familiares.
Cando todo o mundo estea en paz consigo mesmo e cos demais e non haxa máis guerras nin inxustizas declararase a paz mundial.
“A paz debe comezar en cada un de nós. A través da amizade, o respecto mutuo e a cooperación por mellorar o mundo por parte de todos nós”
MIGUEL RODRÍGUEZ MÉNDEZ. 1º ESO B
A paz é o que debería ter todo o planeta. Paz é o contrario de envexa, maldade, engaño, discriminación…
A paz, moitas veces non é cumprida en todos os lugares e por todas as persoas do mundo. Que estraño parece que en realidade as guerras son provocadas por “amor”: por amor á súa relixión, por amor á súa forma de facer política, amor ás súas crenzas… Tamén por amor ao diñeiro.
Todas as persoas cren que nas súas formas levan razón e ninguén quere dar o brazo a torcer.
Tamén podería existir a paz se todos, desde os pequenos ata os maiores, aprenderamos a axudar aos demais sen ningún tipo de discriminación.
A paz debería celebrarse todos os días do ano. Entre todos temos que conseguir que sexa posible.
MIGUEL CARBALLEDA CASTRO 1º ESO B
|
|
|
|
|
| "SOMOS O QUE SOÑAMOS SER" |
|

"Somos lo que soñamos ser y ese sueño no es tanto una meta como una energía. Cada día es una crisálida, cada día alumbra una metamorfosis. Caemos, nos levantamos. Cada día la vida empieza de nuevo.La vida es un acto de resistencia y de reexistencia. Vivimos, revivimos. Pero todo se sostiene en la memoria. Somos lo que recordamos. La memoria es nuestro hogar nómada. Como las plantas o las aves emigrantes, los recuerdos tienen la estrategia de la luz, van hacia adelante a la manera del remero que se desplaza de espaldas para ver mejor. Hay un dolor parecido al dolor de muelas, a la pérdida física y es perder algún recuerdo que queremos. Esas fotos imprescindibles en el álbum de la vida. Por eso hay una clase de melancolía que no atrapa, sino que nutre la libertad. En esa melancolía, como espuma en las olas, se alzan los sueños."-Manuel Rivas-.
A vida...uns defínena coma un soño, outros coma un camiño para conseguir as súas metas, ...
É un agasallo, unha oportunidade, lástima que a demasiada xente se lle prive de poder "xogar" con ese regalo.
A cobiza, a corrupción, a avaricia, e moitos factores máis, privan a moita xente dun dereito moi importante, por non dicir o que máis, que é o dereito á vida.
A algúns, quítanlla, e outros a viven por obrigación, tendo que vivir ao longo dela un gran calvario.
Un bo exemplo é o caso do nenos soldado que loitan en guerras das que non tiñan que oír falar. Algúns morren no intento de vingar a morte dalgún dos seus familiares, e outros, vívena esperando a que un "bo" día remate.
Botámoslle a maioría da culpa da desolación deses países aos políticos. E si, en parte, eles teñen a culpa; pero nós, os membros das sociedades supostamente desenvolvidas, que facemos para mellorar as precarias situacións desas persoas? Se o pensamos ben, nada.
Diñeiro, amor, saúde e moitas cousas materiais, é o que desexaría ter todo o mundo. Co paso dos anos, a sociedade occidental converteuse en materialista e superficial, non mirando máis aló das fronteiras dos propios países que a forman, e creando un muro de egoísmo que aos poucos se vai agrandando, facendo que nos centremos máis en nós mesmos e non na xente que nos rodea.
Destruímos, sen darnos conta, o mundo no que vivimos. Algúns, aprecian a uns inconscientemente e outros a conciencia. Lamentámonos e culpamos a outros do caos que toda a sociedade crea. Pensamos no desenvolvemento, nas innovacións e avances tecnolóxicos, pero non pensamos nos miles de nenos que non poden ir ao colexio ou nos miles de pais que traballan máis da metade do día para poder soster á súa familia. Non, neles non pensamos, lamentámonos pero non facemos nin o mínimo esforzo por cambiar a situación desa xente que non se merece as inxustizas que recaen sobre eles.
A cobiza crea guerras inxustas, e nós mesmos somos inxustiza, facendo da vida un simple xogo no que só poden mover as pezas os que máis puntos teñen. O día que pretendamos cambiar a situación, quen moverá a primeira peza?. Inés Couso. Alumna de 4º ESO B Colexio Inmaculada - Marín |
|
|
|
|
| FAME NO MUNDO |
|

Cada catro segundos unha persoa morre de fame no mundo. Malia este dato, os países ricos reduciron a axuda aos máis pobres.
Dos aproximadamente oito millóns de persoas que morren de fame ao ano, cinco son nenos. Segundo datos da Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), 40 países -especialmente en África e Asia-se enfrontan a emerxencias alimentarias graves, que requiren axuda exterior con urxencia.
A FAO propón máis investimento en agricultura para reducir a fame
Con respecto aos Obxectivos do Milenio, a propia FAO admitiu que non conseguirá reducir á metade a pobreza en 2015 e que, ao ritmo actual, non se alcanzará este obxectivo ata polo menos 2150.
Unha triste realidade que resulta simplemente incómoda para os que a contemplamos dende o sofá. E os segundos seguen o seu ritmo ...1,2,3,4... 1,2,3,4... ¿Poderemos vencer esta pandemia entre todos? |
|
|
|
|
| O POZO DE SIQUEM |
|
 Siquem (שְׁכֶם / שְׁכָם) foi unha cidade israelita da tribo de Efraím e a primeira capital do Reino de Israel.
Crese que Siquem foi o primeiro lugar onde se detivo Abraham, Sara e Lot na súa viaxe cara a Canaán.
No pozo de Siquem foi onde Xesús se atopou coa samaritana; modelo de diálogo entre o Mestre e a persoa humana que busca no seu corazón a Deus.
Este blog pretende ser un cauce de comunicación da espiritualidade cristiá e interioridade do alumnado do noso centro e doutros mozos e mozas que queirades compartir connosco as vosas experiencias.
O corazón é punto de chegada no encontro de Xesús coa muller samaritana. Xesús aproxímase e pon a súa mirada no interior, no corazón da persoa. E nós tamén queremos encontrarnos con Xesús e descubrir, no noso interior, o camiño que debemos recorrer;e queremos beber desa auga que Xesús nos ofrece. Esa auga viva é don de Deus, paz, alegría e plenitude.
|
|
|
|
|
|