O pé da porta


O pé da porta é un lugar da parroquia de Combarro.Concello de Poio.Pontevedra.Galiza.

O meu perfil
combaraxo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Camel alive



Aproveito a miña humilde colaboración con entradasdeconciertos.blogspot.com/, creado este co fin de expoñer unha colección de imaxes de entradas de concertos, coa do de Camel de 1981 en Pontevedra, que encherá un espazo en dito blog.
Camel actuou en dúas ocasións no Pavillón Municipal dos Deportes en Pontevedra. O primeira na xira do 1979 con Michel Chapman como teloneiro,concerto que recordo cun magnífico son. O segundo o cal corresponde a imaxe da entrada foi 22 de marzo 1981, un concerto que defraudou sobre todo os que asistimos o anterior; o son era malo e os músicos ben parecía que querían rematar antes de empezar a tocar, o cal non é de estrañar porque dous meses despois disolveuse o grupo. Camel, Andrew Latimer, volvería posteriormente con novos músicos, discos e concertos.
Comentarios (1) - Categoría: Música - Publicado o 28-03-2012 22:15
# Ligazón permanente a este artigo
A entallada

É moi probable que as dúas imaxes sexan obra de Joaquín Pintos, aínda que só este firmada polo autor a inferior (Entallada. Combarro 1918). Ambas están feitas dende a Pinela en Combarro e recollen a modo de documento a actividade da entallada, o cal e lóxico que o autor fixera imaxes en preamar e en baixamar. Sábese tamén que fotógrafos que visitaron Galiza contratados pola Hispanic Society of América (inscrición na foto superior), ademais das propias, ampliaron os seus arquivos con fotos compradas a fotógrafos galegos de renome, como xa comentei no post Nosa Señora a propósito de Ruth Matilda Anderson, fotografa e investigadora americana que plasmou en imaxes a Galiza no 1925.

A entallada é unha arte de pesca, hoxe en desuso, que consistía nunha rede de aproximadamente 100 a 200 brazas de largo por 10 de alto que se sostiña sobre varas espichadas na area e colocábase coa marea chea en esteiros co fin de que coa baixamar quedasen mallados os peixes nela ou sobre as charcas e area da praia. O peixe mallado e mais o que sobre a superficie da praia queda a dúas brazas de distancia da rede era para os mariñeiros que traballaban a entallada e o restante era para quen o apañara.

A etimoloxía da palabra Combarro pode estar ligada a esta ancestral arte de pesca. O étimo Camboa/Comboa fai referencia segundo Eladio Rodríguez González (1958-1961): Dicionario enciclopédico galego-castelan, Galaxia, (Vigo) a un esteiro, pequeno lago artificial que se forma na beiramar e que se enche o subir a marea, quedando en seco na baixamar. Ademais Eligio Rivas Quintas (1988): Frampas, contribución ao dicionario galego, Alvarellos, (Lugo), define Camboa/Comboa como pesqueira na beiramar con estacada ou parediña de pedras, onde quedan presos os peixes cando baixa a marea.

Joaquín Pintos
Nosa Señora
Comentarios (0) - Categoría: Combarro - Publicado o 11-03-2012 23:11
# Ligazón permanente a este artigo
Metamorfose
Mater Gallaeciae (1961) Luis Seoane


Metamorfose (relato)

O vello estaba de repouso cos cóbados apoiados no valado lembrando cara o mar, quen sabe que cousas. Sen apenas mover o pescozo, - di - ¿ fixécheslle de comer o teu home? – Aínda non, contestou ela - sen deter a marcha. Hoxe é ben doada de facer – rematou -.
A moza subía rúa arriba de camiño a tenda, pouco tempo tiña para entreterse coa veciñanza , xa que apuráballe facer o xantar do seu home e mais o do seu único fillo. Como tódolos días eles chegaban sobre as dúas e media de sitios ben distintos , o home pasaría a mañá limpando os aparellos no peirao e o neno un día máis chegaría abafado de correr pola beirarrúa despois dun lectivo día na escola do concello.
- A mañá corre que voa e pola tarde teño que ir a axudarlle e miña comadre a collelas patacas – díxolle á rapaza encargada de despezarlle un cacho de carne -
- Non a envexo nada. Coa calor que fai… – dixo a moza –
O tempo era o xusto para amañar a carne cuns chícharos e cenorias e namentres ir facendo unha tortilla de patacas para cando chegase pola noitiña cansa do seu traballo.
O día é caloroso en setembro e na veiga, ás tres da tarde, aínda máis. Hai que traballar duro se queremos que non quede faena que nos obrigue vir mañá.- dixo a comadre - As patacas que foron sementas co legón rego a rego uns meses antes van ser apañadas hoxe da terra coa mesma ferramenta, esforzo de cavar unha e outra vez nela, seca e dura, e co sol como inimigo engadido. Logo, recollelas e xuntalas en sacos a beira do camiño esperando a que veñan co carro para carrexalas para casa.
O sol está máis baixo, a comadre elixe un lugar sombrío onde estender o ras da terra
un mantel vello pero limpo, sobre o que con coidado e cerimoniosamente pon uns pratos con peixe frito e ovos cocidos, pan, viño e gasosa. A merenda e a charla prolongase ata case agacharse o sol. Xa é tarde, ata mañá – di ela – aos seus compañeiros mentres colle o teléfono móbil e o cartafol dirixíndose a porta de saída da oficina. Xa no coche, no vial de intersección coa autopista, reflexiona, como tódolos días, sobre as tarefas mercantís que fixo hoxe e vai contenta de non levar traballo engadido para casa. Na autopista síntese satisfeita de como lle responde seu audi TT coupe, e canta con Bob Marley que chega como resucitado, fresco e recíbeo con ledicia polas ondas dende os altofalantes do seu coche ....I wanna love, you and treat you right...I wanna love you every day and every night …pronto chegará a seu piso na cidade – pensa - e farao liberada de actividades laborais, aínda latexantes no anaco de cerebro responsable, pero esquecidas agora que está cantando para ela mesma. Fisicamente só os zapatos que aprisionan os seus pés son prioridade de abandono. Comprende o que ven cantando o ritmo de reagee e desexa por riba de todo compartilo tempo co seu home e o seu fillo.
- Ola cariños , ¿ qué tal ? – pregunta mentres pousa as chaves no moble auxiliar da entrada –
- Ben, ¿ e ti ? Di o home.
- Cansa – contesta -.
- Ola má !. Estou facendo deberes con pá – di o fillo -
- Ben chuliño – Agora estou contigo.Vou cear un pouco de tortilla que quedou feita da mañá, mais antes voume lavar as mans que ben parece que teño algo semellante a terra baixo as unllas.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-03-2012 19:18
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

clocks for websitecontadores web