O pé da porta


O pé da porta é un lugar da parroquia de Combarro.Concello de Poio.Pontevedra.Galiza.

O meu perfil
combaraxo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os Campaneiros

O gran grupo de gaitas Os Campaneiros de Vilagarcía de Arousa elixiron estes hórreos emblemáticos de Combarro para a realización dunha das cubertas dos seus discos.Nesta ocasión un single do ano 1966 con catro pezas de música tradicional ( muiñeira, alborada, xota e vals). Escóitaos son únicos.

Durante este ano, tódolos artigos ou posted públicados en O Pé da Porta e que estean relacionados directa ou indirectamente con Combarro, levaran o logotipo “ Combarro. Conxunto Histórico 1972 – 2012 a propósito da Conmemoración do 40 Aniversario.

01 - Muñeira de Albariña de Cambados by user8562746 02 - Alborada pequeña by user8562746

03 - Jota de aires gallegos by user8562746

04 - Vals picado by user8562746

BIOGRAFÍA DOS CAMPANEIROS
Foi polo ano 1926 cando os irmáns José e Ramón Valiñas Oubiña, naturais do Sixto, Vilagarcía, comezaron a actuar nas festas da zona co nome de Os Campaneiros. Na súa familia non había tradición musical e aprenderon a tocar cunhas frautas de cana que construíron eles mesmos. Logo mercaron un punteiro e metéronlle unha vixigade porco (para que fixera as veces de fol) e un soprete. O padriño de José, ó ver que o rapaz tiña afección e dotes, regaloulle unha gaita grileira, mercada en Pontevedra a Poceiro, famoso artesán da provincia. Pouco despois, Ramón mercou outra igual, e foi entón cando comezaron a actuar para o público.
O nome de Campaneiros era o alcume da familia, pois un bisavó deles fora un dos fabricantes de campás de Arcos da Condesa (Caldas). O repertorio que interpretaron durante os primeiros anos de andadura estaba composto por pezas populares ou copiado dos gaiteiros da comarca.
Co tempo foron creando o seu propio repertorio, hoxe en parte recopilado en varias cintas de cassette e disco. A técnica que utilizaban é a que se chama, entre gaiteiros, semi-pechado.
Acompañando ós Campaneiros, coa caixa e o bombo, pasou moita xente polo grupo, pero quen máis perdura na memoria da xente e con quen gravaron os discos que teñen editados foron os irmáns José e Celestino, fillos de Pallamallada.
Foi no ano 1983 que a súa aldea natal lles fixo unha homenaxe popular, na que actuaron grupos como MILLADOIRO, FUXAN OS VENTOS, AIRIÑOS DO PARQUE DE CASTRELOS, OS ROSALES…e na que recibiron diversas distincións das mans do Presidente da Xunta, Real Academia Galega, Deputación Provincial, Concello de Vilagarcía, etc…, nunha xornada chea de emocións e lembranzas, durante a cal descubriuse unha escultura conmemorativa do acto. Meses despois, na Festa do Marisco no Grove, OS CAMPANEIROS ofreceron a súa derradeira actuación, pois a enfermidade obrigou a Ramón a retirarse. Ramón morrería un ano despois, mentres que José finou no ano 1993.
En contraste coa grande producción artística do grupo está a escasa obra que teñen gravada. O pasado ano o grupo de gaitas OS TERRIBLES DE AROUSA editaron un CD con 15 temas inéditos dos CAMPANEIROS e, próximamente, publicarase un libro coa súa biografía e obra, xusta homenaxe á que foi unha das mellores agrupacións de gaitas de Galicia do século XX.
Carlos Rei
Fonte www.treixadura.com
Comentarios (0) - Categoría: Música - Publicado o 16-11-2012 19:18
# Ligazón permanente a este artigo
Ábum de cromos



Algúns rapaces coleccionabamos cromos. Os cromos eran unha forma de socialización dos nenos por aqueles anos, cumprían o obxectivo do coleccionable pero tamén trocábanse e sobre todo xogábase con eles. Xogar os cromos ocupaba un espazo estacional entre outros xogos tradicionais. Lembro dúas maneiras destes xogos, unha era deixalos ir caendo por quendas de xogadores dende unha parede en vertical buscando a monta dalgúns dos que estaban no chan, o gañador recollía todos para si. Nesta modalidade existían varias tácticas como o “revoloteo” ou a “plan” e outros tantos recursos como cromos máis ou menos pesados dependendo das necesidades modificadas eventualmente polo vento. A outra máis utilizada en días de choiva era coñecida como “ o almendrullo” , consistía en esconder un montón de cromos entre as mans e por quendas dicir “ almendrullo, abre o puño” apostar por un número e pagar a diferencia. A temática das coleccións era moi variada. A liga de fútbol tiña un lugar preferente, ano tras ano, pero tamén series televisivas exítosas deses anos como Daniel Boone, Flipper ou Viaxe ó fondo do mar . Outras veces publicitábanos como ferramenta útil para o estudo dos nenos como o coleccionable “Vida e color”de gran éxito editorial.
Neses anos os cromos viñan xa en sobres como os de agora e tiñan o seu álbum correspondente pero non eran autopegables polo que como non sempre abundaba a cola arábica ou o pegamento e medio e a necesidade era causante da estimulación da astucia dos rapaces para pegalos con pataca cocida ou resina dos pinos.

Teño un de Combarro, sen álbum, por iso vou abrir unha nova sección en fotoblogoteca por se queredes participar. Envías a copia ao e-correo de opedaporta@terra.es e eu posteo en Álbum de cromos. Tamén vou compartir Álbum do ano 1943 de fauna ibérica que atopei no faiado da casa, neste caso son cromos que case con toda seguridade acompañaban os chocolates e o coleccionista tivo que improvisar incluso o álbum.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-11-2012 17:31
# Ligazón permanente a este artigo
Guiso de xabarín con setas

A RECEITA
Así o fixen:
O día anterior lavei e repasei os cachiños de xabarín, logo adereceino con sal, tomiño, ourego e loureiro. Así estivo 8 h aproximadamente. Namentres aproveitei para lavar e saltear cun pouco de allo e sal as setas,( neste caso eran dous quilos de níscaros de dous tipos o lactarius deliciosus e sanguifluus) e tamén para refogar na tixola con aceite tres cebolas , un pemento vermello, un porro e dúas guindiñas picantes. Ben, a continuación proseguín fritindo os cachos de xabarín na tixola para facer firme a carne, unha vez feito isto engadín a tarteira a fritada de cebola, pimento e porro, unha garrafa de viño seco ( neste caso foi Tio Pepe) igual cantidade de auga, e medio vaso de vinagre de tipo Módena. Estivo cocendo a lume non forte moi durante tres horas e repouso. O día seguinte dúas horas antes do xantar, retirei unicamente salsa do guiso onde cocín cenorias e patacas en anacos que engadín xunto coas setas de novo a tarteira para rematar o guiso previa rectificación do sal

O COMENTARIO
O guiso chegou na tarteira aínda quente a casa de Ana e Xavier onde os dezaseis reunidos despois de comezar cuns entrantes de polbo e camaróns, acompañado dun equilibrado viño mencía, continuamos co proceso deglutivo do xabarín que rematou con postre de doces e dixestivos varios. Durante a cea falouse da escasede da cantidade de patacas mo guiso, alguén criticou un déficit de sal na maceración previa ( eu mesmo). Tamén se fixeron comentarios a raíz das intoxicacións destes días por setas na zona de Vigo (¡ tranquilos chicos só son níscaros!) e na necesidade de conseguir outro bravo para unha nova reunión (¡ para comer hai xente ¡), “Se non hai setas pois con fabas”, dicía Xosé Ramón. Finalmente recibín moi agradecido un modelo de diploma de gratitude polo traballo que me fixo sentirme realizado, sobre todo ao comprobar que a tarteira quedaba baleira. ¡Grazas Suso!. Saímos compracidos na madrugada de Santos. Chovía a chuzos.
Comentarios (0) - Categoría: Comidas e bebidas - Publicado o 01-11-2012 22:50
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

clocks for websitecontadores web