O pé da porta


O pé da porta é un lugar da parroquia de Combarro.Concello de Poio.Pontevedra.Galiza.

O meu perfil
combaraxo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A de Quinco

Durante cincuenta e tres anos, a taberna de Quinco, en Raxó, permaneceu aberta tódolos días de tódolos anos, sen descanso. Hoxe pechou a porta. O antigo local de Sofía foi durante este tempo ademais de tenda, ultramariños, casa de comidas e bar, un punto de encontro en Raxó. Miles de menús de obreiros foron cociñados e ofrecidos no local, outras tantas empanadas foron degustadas por clientes, sobre todo, turistas que as mercaban para o xantar do día ou para levar como agasallo os lugares de orixe cando remataban as súas vacacións.
Os comezos, sempre dificultosos, foron o lume débil dunha pequena cociña de petróleo antes de que o butano se distribuíra como hoxe o coñecemos e as mans como as únicas ferramentas dispoñibles, pero por riba de todo un proxecto e unha capacidade de traballo indescritible. Fina foi o cerebro e a maquinaria que o fixo posible.
Raxó naqueles tempos era un pobo primordialmente mariñeiro e eran eles os clientes habituales e os protagonistas das conversas e rifas. Era o viño, as copiñas de augardente de herbas, e o chato de viño doce a granel con galletas de coco o máis demandado. Máis tarde chegaría a cervexa e o vermouth que bebían os mozos nos fins de semana.
Polo serán de cotio pero máis os fins de semana eran as partidas de subastado, truco, brisca ou dominó os que enchían a taberna de xogadores e olleadores dando calor o local carente de outros métodos para tal fin. A taberna era lugar de encontro tamén para os persoaxes singulares do pobo, Constante “ O Carroña” que un día convulsionou alí, Francisco “de Roque” e o seu irmán Manuel, Ricardo “ Catoca”, Señor Emilio “O Rosareiro” que sempre educadamente despedíase cun “Ata mañá non se almorza” e moitos máis, todos moi boa xente. Alí falábase, escoitábase, ríase e chorábase a historia do pobo de Raxó.
No verán reuníanse na taberna os veraneantes, mal chamados señoritos, que elixiran Raxó como destino turístico desde o seu inicio aló polos anos cincuenta, e a de Quinco como centro de reunión, ano tras ano detíñanse a tomar o aperitivo o subir da praia e a xogar a partida con ou sen café despois da comida. Chegaron incluso a formar unha sociedade anónima con fins unicamente gastronómicos chamada Quincosa.
Pero a tenda de Xoaquín e Fina non só era un negocio senón que durante anos fixo de almacén de paqueteria e de correos remitidos dende Pontevedra, dispensatorio de medicamentos traidos dende a botica de Combarro, oficina de información turística e de horarios de autobuses, portal de esquelas necrolóxicas etc.
De todo isto so queda a imaxe do Quinco apoiado na porta fumando un pitillo, da Fina a correr de aquí para alá e dun neno en triciclo que sempre estaba metido no medio.



Comentarios (0) - Categoría: Comidas e bebidas - Publicado o 31-01-2012 21:43
# Ligazón permanente a este artigo
Strollin

Chet Baker & Philip Catherine - 02 - Strollin by user8562746

Gravado no 7º Festival de Jazz de Muenster, Alemania en Xuño de 1985. por:
Chet Baker (vocals, trumpet); Phillip Catherine (guitar); Jean-Louis Rasinfosse (bass).

Aínda lembro a pancarta que anunciaba o seu concerto en Santiago no balcón do Pazo de Bendaña na Praza do Toural.Baker enfermou non tocou en Compostela, pero si o seu grupo con Phillip Catherine como solista, eso si, polo mesmo prezo.Impresionante concerto na eirexa de Santa Clara.
STROLLIN É UN TEMA PREFERIDO


Comentarios (0) - Categoría: Música - Publicado o 11-01-2012 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
Castelao BIC




Nós é un álbum de 49 estampas realizadas por Castelao entre 1916 e 1918, estampas que amosan un gran realismo e preocupación polas condicións de vida do pobo. Inclúe ademais un autorretrato.
O contido do álbum apareceu primeiro en exposicións, a primeira na Coruña do 2 ao 22 de marzo de 1920. Posteriormente, expúxose nese ano en Madrid (setembro) e Ourense (novembro), en Vilagarcía de Arousa (finais de 1921), Monforte de Lemos (febreiro de 1922), Ferrol (abril), Pontevedra (maio e xuño), Barcelona (xaneiro de 1923), Vigo (xuño) e Santiago de Compostela (abril e maio de 1924).

A exposición do álbum Nós deu pé a numerosas conferencias e actos culturais ó seu redor nas cidades onde se presentou. No caso da presentación en Santiago serviu de feito para o recoñecemento oficial do Seminario de Estudos Galegos, coa presenza do máis selecto da intelectualidade galega e do propio arcebispo de Santiago, Manuel Lago.

O álbum Nos foi moito máis que un evento de arte. Foi o redescobrimento de un pobo, que leva o drama de vivir ás costas. Foi unha campanada, a máis forte e a máis fonda, que se deu na conciencia colectiva. Foi un estremecimento social que viría destinado a soerguer o esprito de Galicia. —Valentín Paz Andrade
En 1931 editouse en libro, no prelo de Hauser y Menet de Madrid, cunha moi boa calidade. E en 1975, a editorial Akal, tamén de Madrid, publicou unha edición facsimilar.

No prólogo, asinado por Castelao en 1931, este insiste na actualidade da mensaxe que quixo transmitir con esta serie de láminas:

Cicáis hoxe atacase as nosas mágoas c'un humor menos acedo; mais ninguén pode negarme que as vellas inxusticias siguen en pé: velahí porqué me arrisco a publicar esta obra. Ela foi amostrada en todal-as cibdades e vilas de Galiza e sirveu de pretesto para "conferencias" que influiron no actual rexurdimento da galeguidade

Fontes: http://www.museocastelao.org
Galipedia


O Consello da Xunta decideu declarar Ben de Interese Cultural inmaterial o conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Buenos Aires 1950), unha actuación para protexer, conservar e difundir este legado que constitúe o patrimonio de Galicia. CASTELAO É MÁIS

Comentarios (0) - Categoría: Persoeiros - Publicado o 04-01-2012 16:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

clocks for websitecontadores web