O pé da porta


O pé da porta é un lugar da parroquia de Combarro.Concello de Poio.Pontevedra.Galiza.

O meu perfil
combaraxo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A de Quinco

Durante cincuenta e tres anos, a taberna de Quinco, en Raxó, permaneceu aberta tódolos días de tódolos anos, sen descanso. Hoxe pechou a porta. O antigo local de Sofía foi durante este tempo ademais de tenda, ultramariños, casa de comidas e bar, un punto de encontro en Raxó. Miles de menús de obreiros foron cociñados e ofrecidos no local, outras tantas empanadas foron degustadas por clientes, sobre todo, turistas que as mercaban para o xantar do día ou para levar como agasallo os lugares de orixe cando remataban as súas vacacións.
Os comezos, sempre dificultosos, foron o lume débil dunha pequena cociña de petróleo antes de que o butano se distribuíra como hoxe o coñecemos e as mans como as únicas ferramentas dispoñibles, pero por riba de todo un proxecto e unha capacidade de traballo indescritible. Fina foi o cerebro e a maquinaria que o fixo posible.
Raxó naqueles tempos era un pobo primordialmente mariñeiro e eran eles os clientes habituales e os protagonistas das conversas e rifas. Era o viño, as copiñas de augardente de herbas, e o chato de viño doce a granel con galletas de coco o máis demandado. Máis tarde chegaría a cervexa e o vermouth que bebían os mozos nos fins de semana.
Polo serán de cotio pero máis os fins de semana eran as partidas de subastado, truco, brisca ou dominó os que enchían a taberna de xogadores e olleadores dando calor o local carente de outros métodos para tal fin. A taberna era lugar de encontro tamén para os persoaxes singulares do pobo, Constante “ O Carroña” que un día convulsionou alí, Francisco “de Roque” e o seu irmán Manuel, Ricardo “ Catoca”, Señor Emilio “O Rosareiro” que sempre educadamente despedíase cun “Ata mañá non se almorza” e moitos máis, todos moi boa xente. Alí falábase, escoitábase, ríase e chorábase a historia do pobo de Raxó.
No verán reuníanse na taberna os veraneantes, mal chamados señoritos, que elixiran Raxó como destino turístico desde o seu inicio aló polos anos cincuenta, e a de Quinco como centro de reunión, ano tras ano detíñanse a tomar o aperitivo o subir da praia e a xogar a partida con ou sen café despois da comida. Chegaron incluso a formar unha sociedade anónima con fins unicamente gastronómicos chamada Quincosa.
Pero a tenda de Xoaquín e Fina non só era un negocio senón que durante anos fixo de almacén de paqueteria e de correos remitidos dende Pontevedra, dispensatorio de medicamentos traidos dende a botica de Combarro, oficina de información turística e de horarios de autobuses, portal de esquelas necrolóxicas etc.
De todo isto so queda a imaxe do Quinco apoiado na porta fumando un pitillo, da Fina a correr de aquí para alá e dun neno en triciclo que sempre estaba metido no medio.



Comentarios (0) - Categoría: Comidas e bebidas - Publicado o 31-01-2012 21:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

clocks for websitecontadores web