O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O MODELO DE SARMIENTO NA OBRA DE ROSALÍA



Tras da celebración do acto de presentación do libro de Rosalía de Castro "Cantares gallegos" en edición de Anxo Angueira da editorial Xerais de Galicia no 150 aniversario da publicación do primeiro poemario en galego da autora, o Bierzo volveu a homenaxear a poeta que é símbolo da Literatura galega contemporánea.

No acto interviñeron "distintas Rosalías bercianas" é dicir, un grupo de mulleres de distintas idades que quixeron evocar coa lectura de distintos versos de Cantares a proximidade coa que se sente no Bierzo a Rosalía. Marisa Cela foi quen no nome dos organizadores do acto ( Comisión Cultural MartíN Sarmiento, Fala Ceibe, Xarmenta e a Escola de Gaitas de Vilafranca) ía dando paso ás recitadoras. Tamén interviñeron Mar Palacio, presidenta do Instituto de Estudios Bercianos lembrando ao recentemente homenaxeado, tamén no teatro vilafranquino,Ramón González-Alegre que nos anos difíciles da posguerra fixera un gran labor na reivindicación de Rosalía nos ambientes literarios de Madrid. Por outra banda, Héctor Silveiro fixo fincapé no vencello de autores bercianos coa obra de Rosalía, Sarmiento como modelo, Morales como poeta coetáneo que participa desde o Bierzo do mesmo movemento literario, o Rexurdimento, que Rosalía sitúa no seu punto máis álxido de maduración, á vez que se citaban outros vencellos sentimentais e culturais evidentes como a lingua dos Cantares ou a música que o cantautor berciano Amancio Prada puxo aos versos de Rosalía.

Finalmente Anxo Angueira fixo unha exposición na que ademais de incidir na personalidade de Rosalía como muller libre, independente e solidaria insistindo en distintos datos da súa biografía, argumentou como a súa edición incorpora a importancia que Sarmiento ten para a creación dos Cantares que veñen sendo un punto final dun proceso que na literatura galega nace coas Cantigas medievais, onde a música e a poesía ían da mao, logo virían as coplas de Sarmiento, concebidas tamén como composiciois cantadas e finamente os Cantares de Rosalía. Sinalou logo coincidencias entre autores como Morales e Rosalía nos seus personaxes populares os que veñen da sega de Castela. Angueira tentou á vez explicar como Rosalía facía acopio do cancioneiro tradicional establecendo unha relectura, utilizando a tradición oral, pero tamén sendo crítica coa mesma. Puxo como exemplo o poema dialogado entre unha costureiriña e unha santa, poema que recitou completo e de memoria (como fixo ao longo do seu relatorio con outros poemas que foron correspondidos con cariñosos e fervorosos aplausos do numeroso e entregado publico asistente). Angueira tamén manifestou a importancia do discurso social, feminista e político da autora.

O remate foi cantado. Aínda, o cantautor berciano, coa súa filla no colo, sorprendeu ao público cantando unha cantiga de berce en galego berciano tirada da recolleita realizada por Alicia Fonteboa, ademais do seu coñecido tema "A lingua das bolboretas", atrevéndose finalmente a invitar ao público a cantar con el o "Adiós ríos, adiós fontes..."



O acto tivo ademais o seu seguimento mediático en medios bercianos e galegos fixéronse eco do acto.
Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A ROSALÍA - Publicado o 29-07-2013 04:59
# Ligazón permanente a este artigo
ROSALÍA NO BIERZO: PRESENTACIÓN DOS CANTARES GALLEGOS
Unha serie de colectivos que traballamos pola defensa do galego no Bierzo quixemos lembrar os 150 anos da publicación do seu primeiro traballo en lingua galega a poucos días da celebración do Día de Galicia, nun acto que terá lugar o próximo día 22 de xullo ás 20,30 no Teatro de Vilafranca do Bierzo onde se fará a presentación do libro: Cantares Gallegos en edición do actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, poeta e especialista na obra da gran escritora.

No acto intervirán ademais do autor da edición Anxo Angueira, Marisa Cela, no nome da Comisión Cultural Martín Sarmiento e os restantes colectivos organizadores, Mar Palacio presidenta do Instituto de Estudos Bercianos IEB, Héctor Silveiro, académico correspondente polo Bierzo na Academia Galega e o cantautor berciano Aínda, que interpretará uns temas na honra da poeta.
Estamos seguros de que os bercianos sentimos a Rosalía, a poeta de Padrón (aínda que nacer nacer, naceu en Compostela) de xeito ben diferente ao que a poden sentir un leonés ou un madrileño, ou un catalán, non porque non haxa xente sensible, entre as persoas nacidas nestes lugares, senón porque os bercianos sentimos máis próxima a Rosalía. Muitos, non un, nin dous, un bo número de bercianos descubriron esta proximidade coa poeta da mao do cantautor berciano Amancio Prada que aló polo ano 75 realizara un gran traballo de interpretación e difusión , o seu segundo traballo, que espertou a conciencia desta relación tan especial coa que o Bierzo recibe a Rosalía.

Os argumentos que nos permiten facer tal afirmación son os seguintes: En primeiro lugar, ler con devoción a Rosalía, escoitar os seus versos nun idioma que nos é común a galegos e bercianos, fainos sentila como propia. Esa lingua que a poeta usa conscientemente coa intención de dignificala nos seus Cantares.
En segundo lugar, os Cantares son compostos seguindo o modelo dun ilustrado, Martín Sarmiento, que todo o mundo sabe que é un erudito polígrafo berciano e galego, considerado o Pai das Letras non só por ser o seu primeiro estudoso e documentar o galego dende o Bierzo a Pontevedra, senón e sobre todo , como nos descobre Anxo Angueira detalladamente no prólogo da súa edición, ao constituírse como autor cuxa fórmula será vital para os poetas do Rexurdimento.
E, por último, os Ensayos poéticos en dialecto berciano de Antonio Fernández Morales, composición que vén a demostrar, tres anos antes da publicación dos Cantares de Rosalía de Castro, que o Bierzo contribúe ao nacemento desa nova etapa literaria para o galego, escribindo un canto á Terra e conformando cos poemarios de Rosalía e doutros poetas o chamado Rexurdimento da Literatura galega contemporánea.
Logo, non é estraño que os bercianos interioricemos a Rosalía como se naceramos en Galicia pois, como deixou escrito na súa Historia de Galicia Manuel Murguía, o marido de Rosalía e polo tanto unha persoa ben próxima a ela, o Bierzo pertence non administrativamente, pero si sentimentalmente a ese espazo cultural no que Rosalía é lida con devoción.

ORGANIZAN: Comisión Cultural Martín Sarmiento,Colectivo Fala Ceibe, Asociación Berciana da Lingua Xarmenta e Asociación Cultural Escola de Gaitas.

Colaboran: Editorial Xerais de Galicia e o Concello de Villafranca del Bierzo.
Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A ROSALÍA - Publicado o 17-07-2013 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
XORNADAS DE PATRIMONIO COA PRESENZA DE SARMIENTO

Esta mañá comezan as III xornadas denominadas Patrimonio Natural e Cultural do Bierzo que vén coorganizando Burval, a Universidade de León e a Universidade de Vigo.

A primeira das xornadas vai reparar no Museo de Ciencias Naturais onde tamén a partir de hoxe a presenza de Sarmiento será máis evidente ao lucir un panel que intenta reclamar para este sabio erudito un espazo. A iniciativa da Comisión Cultural Martín Sarmiento á que se sumou a Asociación Burval é tan só un primeiro paso para ir incorporando máis elementos relacionados co "modus opperandi" deste ilustrado adiantado á súa época.

Ademais dunha foto do panel reproducimos a continuación o texto que o acompaña dirixido aos visitantes do Museo:



Atrévete a saber! o lema de SARMIENTO (1695-1772)

O padre Martín Sarmiento naceu en Vilafranca do Bierzo un 9 de marzo de 1695 onde foi bautizado co nome de Pedro Joseph García Balboa. Pasou a súa infancia en Pontevedra e ingresaría na orde dos bieitos aos 15 anos. Como resultado dunha atracción entusiasta polo saber, aquel novicio axiña converteríase nun verdadeiro sabio, deses que manteñen viva a voz do seu pensamento como un home de hoxe, cun discurso vixente na actualidade.
Considerado unha das figuras máis destacadas da Ilustración en España, era un erudito e polígrafo que tivo unha relación moi especial co mundo natural a pesar de vivir unha gran parte da súa vida nunha cela do convento de S. Martín en Madrid. Pero será nas súas viaxes a Galicia cando comece un traballo sistemático sobre dúas das facetas máis salientables do seu dilatado labor ligado ao desenvolvemento e evolución dos estudos modernos das Ciencias e das Letras. Naquelas viaxes ao reino de Galicia, ao seu paso polo Bierzo, é o primeiro en documentar para as Letras e para as Ciencias os nomes locais das plantas e os seus usos, ademais de ir anotando outras muitas curiosidades fruito do seu afán científico. Apuntamentos dos que logo nacerán tanto grandes proxectos (referímonos á creación do Real Jardín Botánico en Madrid (1755) do que Sarmiento, en gran medida, foi promotor), como unha multitude de tratados de Ciencias Naturais (por exemplo “Planos para una Historia Natural”(1751) ou a curiosa “Disertación sobre a carqueixa” (1759), consolidándose así como referente da Ciencia na Europa do XVIII. Mais o seu saber lévao á vez a redactar estudos de Letras. Aquel coidado por recoller os nomes vulgares ou locais das plantas e animais, ou dos lugares por onde pasa, será o comezo de numerosas reflexións sobre a lingua galega, debido ao amor e ao interese polo seu idioma materno, ese que escuitara, por vez primeira, nesta vila berciana e que falaba na súa infancia pontevedresa. Sarmiento convértese así non só no primeiro filólogo do galego, senón que, tras crear o seu “Coloquio dos 24 galegos rústicos”(1746) constituirase autor modelo a seguir para escritores posteriores como a galega Rosalía de Castro ou o berciano Fernández Morales, poetas ambos do Rexurdimento da literatura galega contemporánea.
Sabemos que a súa cela madrileña era un verdadeiro gabinete dun sabio científico onde acumulaba máis de 7000 libros, posuía e usaba varios instrumentos científicos (telescopio, microscopio...) cultivaba plantas, tiña unha boa colección de cunchas mariñas, e mesmo un corno de rinoceronte, ademais dun cariñoso gato. Outramente recibía visitas tanto de humildes paisanos, como de nobres ministros ou embaixadores, de homes de Letras e de Ciencias; estaba subscrito ás publicaciois máis prestixiosas de toda Europa, mantiña correspondencia con científicos notables (Linneo, De Quer...) e era consultado e redactaba estudos sobre animais exóticos como a cebra ou especies mariñas como os atúns, elaborando por veces propostas brillantes e moi avanzadas que hoxe se están a aplicar para animais en perigo de extinción, coma o lince (ese mesmo e misterioso animal feroz que era coñecido como lobo cerval no Bierzo e foi abatido nas proximidades de San Pedro de Montes en 1760).
Sarmiento preocupouse evidentemente pola educación da xuventude, defendía cousas como o uso do galego por parte dos mestres ou un contacto directo e experimental coa natureza para garantir un coñecemento real, “que os discípulos vexan e apalpen”. Concibe o saber como algo integral un encontro entre o ecolóxico e o etnocultural, partindo do local e peculiar camín do universal, invítanos a descubrir o patrimonio nun sentido global, natureza e cultura. Esa é a invitación que queremos que comparta quen se achegue a visitar este Museo, Vilafranca e o Bierzo seguindo os pasos de Sarmiento.
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO NATURAL - Publicado o 12-07-2013 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal