O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

INFORME DE URXENCIA
Informe de urxencia sobre o Programa de Promoción do Galego nos centros de ensinanza do Bierzo

Un informe que foi enviado á Administración Educativa nestes días nos que están realizándose as matrículas para o curso 2011/2012 que será o décimo no que se imparta de xeito optativo gaelgo nos centros docentes do Bierzo. Unha nota de prensa enviada por Héctor M. Silveiro Fernández, como académico correspondente da Real Academia Galega, que reproducimos a continuación explicaba os obxectivos e contidos deste informe:

"Redactamos este informe de urxencia antes de que comece o que será o décimo ano de aplicación exitosa do Programa para a Promoción do Idioma Galego nos centros do Bierzo. A intención que nos move é a de superar os defectos, dinámicas que se veñen repetindo e denunciando, a pesar de chegar a ter 1000 alumnos/as matriculados. O Informe invita a pensar nunha revisión que garanta unha mellora substancial, en sintonía con outras denuncias aparecidas nestes días e por coherencia con outras propostas de mellora que temos enviado en anteriores cursos dirixíndose ás autoridades educativas tanto de Castilla y León como de Galicia.
O desenvolvemento natural do Programa cremos que ten hoxe tres grandes atrancos para medrar e asentarse firmemente na nosa comarca:

1) A falta de información obxectiva que chegue realmente a totalidade dos alumnos/as bercianos sobre o dereito a matricularse e os beneficios de cursar a optativa de galego.
2) A oposición de certos cargos directivos que veñen estando dispostos a boicotear o seu avance nas denominadas charlas informativas das ofertas educativas e/ou no proceso de matrícula nos centros de ensinanza.
3) A pasividade das administracións educativas tanto de Castilla y León, como de Galicia que lonxe de corrixir estes defectos permiten que se repitan curso tras curso crendo tensións innecesarias.

Pola contra e por fortuna, este Programa conta con dous grandes aliados:
1) A cidadanía berciana que soubo captar as vantaxes que ten para o futuro dos seus fillos e fillas, esas máis de 1000 familias sensibles a este enriquecemento que supón esta optativa e que apoian o programa a día de hoxe.
2) Os propios profesores de galego comprometidos co seu desenvolvemento, a súa divulgación e bo resultado do mesmo.

Unha das cuestións máis urxentes a solucionar sería polo tanto que non se impida de ningún xeito exercer por activa ou por pasiva un dereito a cidadáns que deberían estar obxectivamente informados e deberían estar libres á vez de dirixismos totalmente arbitrarios como vimos apuntando.

Tres son as actuacións de urxencia que propoñemos e detallamos no informe:

1) UNHA IMPLICACIÓN REAL DA ADMINISTRACIÓN EDUCATIVA NO DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA.
Que se dea un novo impulso ao Programa coa incorporación de novos centros ao mesmo e que se organicen reunións cos pais e nais dos alumnos destes centros bercianos onde aínda non se imparte para informarlles do contido e as vantaxes que supón cursar este Programa. Que ditas reunións poidan ser organizadas polos profesores do Programa avalados para tal fin pola Administración Educativa, xa que estes poden aclararlles moitas das dúbidas referidas aos aspectos máis prácticos e estritamente docentes do mesmo.

2) UNHA CAMPAÑA DE INFORMACIÓN DO PROGRAMA PROMOVIDA DESDE A ADMINISTRACIÓN EDUCATIVA
Toda a comunidade escolar berciana ten dereito á información adecuada e efectiva sobre a oferta educativa da materia do idioma galego nos seus centros educativos. Esta campaña institucional debería constar de publicidade nos medios de comunicación (prensa, televisión, radio e internet), cartelería específica nos colexios e institutos, e folletos de reparto individualizado entre o alumnado e as súas familias. Neste sentido, recordamos que ante as denuncias sobre a falta de información do Programa unha Resolución do Procurador do Común de Castilla y León, de 12 de novembro de 2004, xa instaba ao “incremento de la publicidad de la enseñanza de la lengua gallega a través de trípticos informativos, carteles y cualesquiera otros medios o instrumentos que se consideren oportunos”. Consideramos que a Consejería de Educación, sete anos despois, coincidindo co décimo ano do programa podería realizar esta actuación acorde co contido daquela resolución. Dita campaña podería ser sufragada a medias coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

3) UN MODELO ÚNICO DE MATRÍCULA
Trátase de que a Consejería de Educación formalice a oferta de galego, cun modelo de matriculación uniforme para os centros escolares do Bierzo. Ademais incluiría información adicional sobre a titulación que adquiren os alumnos que cursan o programa, titulación oficial de Galicia (títulos CELGA) que se conseguirá ao final de cada nivel educativo superado. Trátase de que a Junta de Castilla y León garanta un currículo escolar no que o alumnado berciano que así o desexe poida escoller o galego na educación non universitaria.

Preséntanse ademais unha batería de propostas a poñer en marcha a curto prazo para ir solucionando outras eivas detectadas na implantación do Galego optativo nas aulas:

Un calendario de discusión e de dinamización do Programa para o curso 2011/12 na liña de crear unha materia optativa de lingua galega en todos os niveis educativos seguindo os criterios que establece a Carta Rexional das Linguas minoritarias de Europa; recuperación dos intercambios de centros galegos e bercianos, e un acto de celebración do Décimo curso da Promoción do galego no Bierzo, delimitación de garantías e programación do Profesorado de Galego así como crear unha estrutura permanente e o tempo precisos para vertebrar e coordinar aos docentes como grupo de traballo, seguimento da xestión dos títulos CELGA no Bierzo entre outras propostas.

Deste informe, do que esta nota é un breve resumo, ten coñecemento a propia Presidencia da Real Academia Galega, foi remitido ao órganos competentes da Consejería de Educación de Castilla y León tanto de Valladolid como de León, mesmo de Ponferrada, ademais da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia coa vista posta no desenvolvemento pleno do potencial que este Programa presenta para a nosa comarca."


Comentarios (1) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 04-07-2011 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
BURVAL E AS UNIVERSIDADES DE VIGO E LEÓN POLO PATRIMONIO NATURAL DO BIERZO
Os días 1, 2 e 3 de xullo reunironse en Vilafranca do Bierzo baixo o título Patrimonio natural do Bierzo: conservar o pasado para construír o futuro O curso de extensión Universitaria que coordinan as Universidades de León e Vigo conta coa colaboración e a iniciativa da asociación vilafranquina BURVAL.


O programa é o que segue:

DÍA 1 de Xullo

12:00 – Entrega de documentación aos asistentes.
12:30 – Inauguración do curso: Excmo. e Magnífico Sr. Rector da Universidade de Vigo. Excmo. y Magnífico Sr. Rector de la Universidadde León. Excma. Alcaldesa de Vilafranca do Bierzo
Presentación do Vídeo: Visita guiada ao Museo de Ciencias Naturais e Etnográfico dos PP. Paúles de Vilafranca do Bierzo (León). Josefina Garrido González e José Eduardo Nieto Santín.
16:30 – Os materiales arqueolóxicos do Museo de Ciencias Naturales r etnográfico dos PP. Paúles de Vilafranca do Bierzo (León). Carlos Fernández Rodríguez – Univ. de León
18:30 – Plantas entre dous mundos; flora e vexetación do Bierzo. J. María Sánchez Fernández – Univ. de Vigo

DÍA 2 de Xullo

9:30 – Aproveitamento mineiro dos recursos xeolóxicos do Bierzo. Javier Taboada Castro – Univ. de Vigo
11:45 – Especies exóticas invasoras de invertebrados. Casos no Bierzo. Luis Felipe Valladares – Univ. León
16:00 – Carnívoros da montaña Cantábrica e do Bierzo. Métodos xerais de estudo. Benito Fuertes Marcos – Univ. de León
18:15 – O souto, cara a recuperación dunha paisaxe biocultural. Alfonso Fernández-Manso – Univ. de León

DÍA 3 de Xullo

9:30 – Proxecto Life Margal Ulla: conservando o mexillón de río, recuperando o río. María Paz Ondina Navarret – Univ. Santiago de Compostela
11:45 – Repercusión do cambio climático na vida cotiá. Salvador Fojón Polanco – Univ. de A Coruña
15:00 – Excursión ás Médulas [Patrimonio da Humanidade]. Clausura do curso.

Para maior información:

http://webs.uvigo.es/jgarrido/noticias.es.html

http://apv.uvigo.es/cursos_extension/publico/publico.php?funcion=amosa_info_curso&tipo=1&id_curso=517

http://www.unileon.es/cursos

Os expertos da universidade de Vigo súmanse á mobilización da plataforma "Salvemos o Bierzo" contra a planta de incineración de Cosmos.
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO NATURAL - Publicado o 04-07-2011 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal