O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DE ENTROIDO AOS MAIOS: DE MARÍN AO BIERZO
Con esta entrada remata a experiencia didáctica de intercambio colectivo na rede que titulamos "O camin de Sarmiento de Marín ao Bierzo". Máis de 40 rapaces e rapazas de Vilafranca e de Marín, do Morrazo e do Bierzo que agora coñecen máis e mellor estes territorios xeográficos distintos, un de mar e o outro de montañas, mais os dous cun idioma que os une. Foron 25 entradas que podedes consultar cando queirades porque aquí quedan, con esa finalidade naceron.



OS MAIOS
por David García López IES Padre Sarmiento)


Esta festa primaveral xeralmente facíase coincidir co primeiro domingo do mes de maio e tiña antigamente connotaciois rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores que se foron perdendo co paso do tempo.
A celebración das festas de maio é común en moitos países de Europa onde existen variantes similares da mesma festividade.

AS ORIXES.

As orixes desta festa remóntanse ás antigas civilizacións dos fenicios e aos gregos que manifestaban a súa adoración aos seus deuses e o que estes significaban en festas conmemorativas da exaltación de acontecementos que para aqueles homes tiñan transcendencia, tales como os cambios de estaciois.

OS MAIOS NA PENÍNSULA IBÉRICA.

Na Península Ibérica celébranse en case todas as rexións, predominando que se celebre a principios do mes de maio ou durante todo el. Xeralmente adoita celebrarse a noite do 30 de abril ao 1 de maio en numerosas vilas da Península Ibérica.

OS MAIOS EN GALICIA.



En Galicia, esta festa recibe o nome de Festa dos Maios e son populares as celebraciois que teñen lugar en Vilagarcía de Arousa, Redondela, etc. Organízase unha competición na que se premian os mellores maios, que son composiciois que se fan con flores, herba, fentos, froitas e ovos como materiais máis habituais, que se poden empregar en dúas clases de traballos: os tradicionais, en forma de cono de grande altura recuberto de vexetación, e os artísticos, que constitúen auténticas esculturas vexetais.

OS MAIOS NO BIERZO.



A festa dos Maios no Bierzo, concretamente en Vilafranca do Bierzo, consiste principalmente en que a unhas persoas que se presentan voluntarias, póñenselles unhas canaveiras ao redor do corpo, para facer unha especie de traxe utilizando a vexetación. Estas persoas despois desfilan pola rúa acompañados dunha banda de gaitas e tambores, e a xente que está nas casas tíralles diñeiro desde as ventás e os balcois.
A xente tamén adoita tirarlles, ademais de diñeiro, castañas, caramelos, e algunhas veces outro tipo de cousas para xantar.
Dependendo das cousas que lles tire a xente, cántanlles unha canción.
Co diñeiro que sacan, os que participan nos Maios van xantar ou cear a un restaurante todos xuntos, onde xa lles teñen preparadas tortillas e demais cousas.
En Vilafranca o mesmo que nos demais lugares tamén se celebran o 1 de maio, debido a que é o mes da luz e das flores, celébrase esta festa con motivo de que é a mellor época para a agricultura. É un espertar da primavera e a fin do inverno, por iso se lle canta aos Maios: Levántate Maio que moito durmiches, pasou o inverno e non o sentiches. En Vilafranca din: "pasou un burro e non o sentiche".

A PALABRA ENTROIDO
por Sandra Rea González (CPR. San Narciso)


Tamén chamado Antroido, Introido, Entruido, Entrudo, Entrudio (por ser a entrada á Cuaresma)

As orixes das palabras que denominan a esta festa son: o termo "Carne Vale" (é dicir "o adeus á carne"), do que despois derivou a palabra "Carnaval"; ó termo "Introitum" (que significa "a entrada á Coresma!) do que vén a palabra "Entroido" ou "Antroido".

O entroido fai referencia a unha época de "carne" , tomando o sentido literal da palabra. O Entroido quere significar, dende sempre, a volta ó mundo do revés, a subversión, a ruptura das convencións sociais e o cambio de roles. As características comúns destes días son o comer, beber e cantar, rirse do máis sagrado, é dicir , as cousas que non se fan habitualmente.

En sentido relixioso trátase do triunfo de "don Carnal" sobre "dona Coresma", que reinará nos seguintes corenta días, ata a celebración do Xoves Santo. Pero o Entroido foi deixando pouco a pouco o seu sentido relixioso como festa preparatoria da Coresma para converterse nun acontecemento cheo de xolda e desenfreo.




As denominacións destas festas na maior parte de Europa teñen este sentido orixinal: desde o "Carne Vale" (Adeus á carne") ó "Introitum" co significado de entrada á Coresma, todos os calificativos para o Entroido fan referencia a que esta é unha época de carne (no sentido literal e no metafórico da Igrexa): "Carnal" na Idade Media, "Canestoltes" en Cataluña, "Carnestollendas" (de "carne" e "tolere", "levar a carne"). Carnisprivium, Canelevamen e formas semellantes en Francia, "darrers dies" (de carne) en Baleares...
O entroido é desde sempre a subversión, a volta ó mundo do revés, a ruptura das convencións sociais e o cambio de roles. O comer, beber e cantar ata rachar, o rirse do máis sagrado... todas son características comúns destes días.

A festa recibe en galego os nomes de entroido, antroido, intruido, entruido, entrudo e entroiro. Todos estes vocábulos teñen a súa orixe no termo latino introitus, co significado de entrada ou comezo. Daquela, o étimo fai referencia a un significado da festa como entrada ou comezo nunha nova estación -a primavera-, independentemente de que a súa apropiación por parte do cristianismo nos faga pensar na entrada na Coresma -sendo preciso, polo tanto, despedirse da carne-.
No noso idioma é admisible tamén a voz carnaval, con dous posibles étimos distintos. Para uns este termo procede do vocábulo italiano carnevale, e este, á súa vez, da expresión antiga carne levare -sacar a carne-. Para outros, a súa orixe está na expresión latina carrus navalis, ou sexa, unha carroza decorada que posiblemente saíse en desfile durante estas datas. Dunha ou doutra maneira, non cabe dúbida de que calquera das dúas acepcións fai referencia a elementos asociados ao carnaval actual.




Outras interpretacións:
Pero a finais do século XX varios autores comezaron a sospeitar a orixe pagá do nome. Carna é a Deusa Celta das fabas e o toucino. Tamén estaría conectada con festas indoeuropeas, dedicadas ao Deus Karna (que no Mahabharatá aparece como un ser humano, irmán maior dos Pándavas, fillo do deus Sol e a raíña Kuntí). Algunhas personas creen que a palabra carnaval fai referencia a unha suposta antiga tradición pagá na que se ofrecía carne ao deus Baal (carna-baal) nunha festa onde todo o vale.


O ENTERRO DA SARDIÑA de Marín

Centos de persoas participaron no "Enterro da Sardiña" que recorreu as rúas Jaime Janer, Bastarreche, Exército e Mariña e Praza de España onde se leu a letanía ou ladaíña.O desfile abríanno os estandartes e os restos da Sardiña seguidos da tradicional Banda do Enterro. Autoridades e veciños, que con anterioridade acudiron ó velorio instalado no palco da música da Alameda, acompañaron despois ó féretro ata o paseo marítimo onde foi votado ó mar entre inmesos choros de dor. Trala morte da Sardiña, Marín pon fin ó entroido.

Cada quen faino como pode, como sabe ou como manda a tradición, pero cada vila ten o seu costume para despedir o entroido. Hainos con forma de animais e de figuras ou sen ningunha relación paarente nin simbólica nin de proximidade. O Meco en Santiago e Lugo, a Parrocha en Coruña, o Felipe en Ribeira, o Ravachol en Pontevedra e, máis común, a sardiña en numerosas localidades. Todos actos simbólicos e rituais para poñer colofón e punto e final a cinco días de escarnio, comparsas e celebración. Agora tempo de cuaresma.

“Sardiñas” por todos os sitios

A máis común e tradicional forma de despedir o entroido son os numerosos "enterros da sardiña" que encheron de lumeiras e de cor a despedida do Entroido. As sátiras e as críticas sociais foron os predominantes e en cada cidade e localidade houbo tamén un repaso aos temas de actualidade municipal. Por exemplo, na Coruña a parrocha foi enterrada no mar (desde a praia de Riazor) mentres que o deus Momo. En Santiago, queimaron o Meco que estivo na fachada do Pazo de Bendaña durante o tempo no que duraron os festextos. E de capital a outra, a Ourense, onde as viúvas do entroido enxoitaron o seu pranto cun cocido que se reparteu na alameda ourensá.






Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 12-07-2009 10:08
# Ligazón permanente a este artigo
TRADICIÓNS ou TRADICIOIS:
A importancia da fala e a ferramenta da norma son hoxe unha das claves que os nosos alumn@s de galego deben comprender.



Este proxecto de intercambio a través da Rede seguindo o camiño ou o camín de Sarmiento, o seu "modus operandi",é dicir, o seu modo de traballar coa lingua, foi un dos obxectivos que nos marcamos e da súa consecución estamos realmente moi satisfeitos.




Moitos ou muitos son os temas que se poderían seguir traballando conxuntamente para saber máis sobre a lingua que nos une e, á vez, coñecermos mellor a nós mesmos. Desde aquí agradecemos ás direcións ou direciois dos centros que colaboraron neste proxecto (o IES Padre Sarmiento de Vilafranca e CPR San Narciso de Marín) a súa disposición, pero especialmente temos que agradecer aos alumn@s que participaron o seu interese e esforzo por levar a cabo este proxecto que estamos seguros terá continuidade en próximos cursos.

Imos, pois, rematar esta serie de traballos compartidos entre alumn@s de 4º da Eso de Marín e do Bierzo por este curso con dúas tradicións(no Bierzo dise tradiciois) que están presentes nos dous lugares, o entroido e os maios.




Xosé Álvarez e Héctor Silveiro. profesores de galego no IES Padre Sarmiento e CPR San Narciso
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 12-07-2009 10:07
# Ligazón permanente a este artigo
O SUPERESTRATO II : Cocho ou Xabarín?
PORCO BRAVO ou XABARÍN ?

A min tocoume falar do superestrato árabe, polo que tiven que elixir unha palabra diferente entre Marín e Bierzo. Escollín o porco bravo, pero antes teño que falar do superestrato.

No ano 711 os árabes entran na nosa península polo sur chegando ata as mesetas centrais axiña e realizando mesmo incursións polo norte peninsular. O seu caudillo Muza apodérase de Lugo no 714 e doutros lugares durante o reinado de Afonso I. Os árabes permanecen uns 40 anos en Galiza, até que son expulsados por Alfonso I. O seu sucesor, o rei Fruela I (757-768) repoboa Galiza até o Miño con mozárabes e tivo que facer fronte a unha rebelión dos galegos. Os árabes chamaron Jalîkîya (Galiza) a todo o territorio norteño que non estaba baixo o seu dominio.
Galiza só padeceu unha serie de incursións de castigo por parte dos árabes de Al-Andalus. A máis sonada foi a que dirixiu Almanzor no ano 997, cando levou as campás da Catedral de Santia-go a Al-Andalus.

Deste contacto cos árabes e a súa lingua, van quedar algunhas palabras na nosa lingua, moitas menos que en castelán, aínda que posteriormente por influencia deste tamén cheguen outras moitas ao galego.

Vexamos algún exemplo de palabras de orixe ou superestrato árabe no galego:
O xabaril procede de < ár ğabalī, proba de que os arabismos son poucos é que exista tamén unha denominación de distinta orixe para esta especie. En galego tamén se lle chama ao xabarín, porco bravo, especialmnete nas zonas da Galicia costeira.

PALABRAS QUE NOS DEIXARON OS ÁRABES

En galego temos tamén moitas palabras que veñen do superestrato árabe, ben sexa por contacto directo, ou por medio de préstamos doutras linguas. Algún exemplos de palabras procedentes do superestrato árabe son:

 albanel < AL-BANNA
 alcalde < AL-QADI
 alfaia < AL-HAJA
 alfaiate < AL-KHAIIAT
 alfombra < AL-KHUMRA
 alguacil < AL-WAZIR
 almofada < AL-MUKHADDA
 atalaia < AT-TALAI´A
 cenoria < SAFUNARIYA
 laranxa < NARANYA
 limón < LAYMUN
 maquía < MAKILA
 oxalá < WA-XAALLAH
 xabaril, xabarín < GABALI

Precisamente esta palabra, xabarín, é unha das palabras que os galego-falantes do Bierzo aportaron ao galego común de hoxe; palabra que un programa da TVG fixo moi popular para toda Galicia.

Jessica Pastoriza del Río, CPR San Narciso
Sandra Valcárcel Pereira, IES Padre Sarmiento

Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 12-07-2009 09:46
# Ligazón permanente a este artigo
O SUPERESTRATO DA LINGUA I
A HERDANZA DOS SUEVOS E DOS GODOS

En lingüística denomínase superestrato ao conxunto de características léxicas, fonéticas e gramaticais deixadas nunha lingua por outra invasora. En contraposición, denomínase substrato ás características deixadas pola invadida na invasora. Así, por exemplo, pódense considerar como superestrato do galego as palabras e estruturas incorporadas ao dialecto romance das distintas tribos xermanas e o árabe tralas súas respectivas conquistas da península Ibérica.






Os Suevos:
Son xermanos occidentais que chegan a Galiza no 409, onde fundan o 1º reino europeo occidental independente (con capital en Braga) tras a caída do Imperio Romano. O Reino Suevo durou até o 585, cando son vencidos polos visigodos, outro pobo xermánico. Os suevos chegados á Gallaecia non foron máis de 25 ou 30 mil. O seu escaso número e a súa débil formación cultural fixo que axiña adoptasen a lingua e a cultura dos galaico-romanos que era o latín.

Os Visigodos:
Son xermanos orientais orixinarios de Dinamarca e Suecia. Asentáronse no S. V na península des- pois de residir en Lombardía e loitar xunto aos romanos na fronteira búlgara. Despois de vencer aos suevos no 585, o seu reino (con capital en Toledo) rematou coa invasión árabe (711). Pero, máis que polo que nos deixaron, a importancia lingüística dos xermanos radica en que causaron un importante declive cultural e debilitaron as comunicacións entre os distintos reinos do que fora o Imperio Romano. Por isto, o latín de Hispania ficou abandonado ás súas propias tendencias, e, polo tanto, en situación de come- zar unha evolución autónoma a respecto dos demais lugares latinizados de Europa.

Diego Muñoz Barcia, CPR San Narciso



Palabras do superestrato de orixe Sueva ou Visigoda

Na nosa toponimia (nomes de lugar) atopamos moitas palabras que fan referencia aos pobos xermánicos, suevos ou visigodos, que poboaron estas terras cando o Imperio romano non foi capaz de contelos. No Bierzo tamén temos algúns destes nomes que fan referencia a un pasado xermánico.
Así temos Guimil, cuxa raíz , -MIL, procede de MIRUS, MIRI, procedente do xermánico MEREIS, que significaba “poderoso. O mesmo podemos dicir para Vilasumil. Outro exemplo é Ransinde, cuxa terminación, -SINDE, provén de SINDUS, SINDI, que procede de SINTHS, co significado de “camiño. No mesmo caso estaría tamén Vilasinde, coa mesma terminación.

Natalia Soto López, IES Padre Sarmiento
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 12-07-2009 09:27
# Ligazón permanente a este artigo
MOITO ou MUITO?


Evolución do grupo LT a it

En latín existen varios grupos consonánticos: unións de dúas consonantes xuntas que evolucionaron dunha maneira específica. Entre eles están o KT, o PT, o FT, o BL-, o GL- ou o LT do que falarei agora:
O grupo consonántico LT evoluciona en galego a -oi- ás veces (coma en multum, que evoluciona en moito) e outras evoluciona a –ou- (é o caso de alterum, que evoluciona en outro; saltu a souto, altarium a outeiro)
Pois iso é o que pasa co grupo consonántico LT, a evolución éche así.

Alejandro Roldán Fraga, CPR San Narciso

Moitas ou muitas palabras que no latín tiñan o grupo -LT- acabaron convertendo o L nunha vogal, normalmente I, pero tamén U. Dareiche algúns exemplos bastante frecuentes:

 coitelo < CULTELLU
 escoitar < ASCULTARE
 moito < MULTUS
 outeiro < ALTARIU
 outro < ALTERU
 souto < SALTU
 voitre < VOLTÛRE

Patricia Farelo López, IES Padre Sarmiento
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 12-07-2009 09:10
# Ligazón permanente a este artigo
ÍMOSLLE AO LOMBO

Conservación do grupo –MB-

En galego tamén temos exemplos de palabras que conservaron o grupo -MB- do latín, e aínda que non son moitas, si que son palabras de uso bastante cotián.

 cambiar < CAMBIARE
 chumbo < PLUMBU
 combater < *COMBATTERE
 embigo < UMBILICU
 embude < (TRAIECTORIUM) IMBUTUM
 lamber < LAMBERE
lombo < LUMBU
 pomba < *PALUMBA
 sombra < *SOLUMBRA
 tumba < TUMBA

Kevin García Sampedro, IES Padre Sarmiento

REDUCIMOS GRUPOS NASAIS

Unha consoante é un son da lingua oral orixinado polo peche o estreitamento do tracto vocal por acercamento ou contacto dos órganos da articulación de tal maneira que cause unha turbulencia audible.

O termo consoante provén do latín e orixinalmente referíase a “soar xunto con” dando a idea que as consoantes non tiñan son en si mesmas, xa que en latín só aparecían a carón dunha vocal.

O galego ten a tendencia a simplificar ou reducir as consoantes xeminadas ou de sons semellantes, como, por exemplo, grupos de nasais ou con algunha nasal.

mensa > mesa – desaparece o “n”
annum > ano – desaparece o n dobre
grammaticam > gramática

Leticia Filgueira Garrido, CRP San Narciso
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 12-07-2009 08:59
# Ligazón permanente a este artigo
AO FEITO PEITO
CREANDO DITONGOS:Evolucion do grupo -CT- a -it-:

"Ao feito peito"

Hoxe temos en galego algúns ditongos que non existían en latín. Moitos deles son resultado da evolución dalgunha consoante que acabou converténdose nunha vogal, por un proceso que se chama vocalización. Un exemplo disto é o grupo latino CT que acabou vocalizando en it:

 Bieito < BENEDICTU
 deitar < DEIECTARE
 dereito < DIRECTU
 enxoito, enxuito < EXSUCTU
 estreito < STRICTU
feito < FACTU
 froita, fruita < FRUCTA
 leite < LACTE
 noite, nuite < NOCTE
peito < PECTU
 troita, truita < TRUCTA
 xeito < IACTU

Sergio Ares López, IES Padre Sarmiento



"E cun biscoito ata mañá ás oito"

Imos falar dun grupo consoántico moi peculiar o grupo –ct en interior de palabra que como verás evoluciona de forma moi distinta en galego que en castelán.

NOCTEM dá en galego noite e en castelán noche.
OCTO dá en galego oito e en castelán ocho.
LACTE dá en galego leite e en castelán leche.
PECTU dá en galego peito e en castelán pecho.

biscoito (que procede do prefixo "BIS"- e "COCTUM") e remato cun biscoito ata mañá ás oito.

Raquel Devesa Acuña, CPR San Narcsio

Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 12-07-2009 08:40
# Ligazón permanente a este artigo
O CH- DE QUEN VÉN SENDO?

Palatalización dos grupos PL-, CL-, FL- > CH-

Sabemos que moitas palabras latinas que comezan polos compostos PL, FL e CL pasaron en galego a ter CH.
Como exemplos poñemos estes vocábulos:

 Chaga < PLAGA
 Chama < FLAMMA
 Chamar < CLAMARE
 Chan < PLANUS
 Chantaxe < PLANTAGINE
 Chave < CLAVE
 Chavella < CLAVICULA
 Chegar < PLICARE
 Cheirar < FLAGRARE
 Cheo < PLENU
 Chocar < CLOCCARE
 Chorar < PLORARE
 Chorima < FLORISIMA
 Chousa < CLAUSA
 Chover < *PLOVERE
 Choza < PLUTEA
 Chuvia < PLUVIA



-Pl-fl-cl- nas palabras cultas, semicultas e patrimoniais

As palabras cultas da nosa lingua que proveñen do latín e que se incorporan ao léxico sen sufrir as transformacións fonéticas que os falantes ao longo da historia si que provocaron en palabras denominadas patrimoniais,ou populares por ser as usadas de xeito habitual polo pobo tempo atrás. Aínda hai palabras que sendo incorporadas por influencia dos falantes sofren pequenas transformacións ou evolucións dende a súa palabra en orixe, son as semicultas.

Estes grupos latinos en sílaba inicial evolucionan nas palabras patrimoniais como xa vimos:
pluvia> chuvia/choiva
Flamma> chama
Clamare> chamar

Nas palabras semicultas o “l”pasa a “r” pero mantén a consoante orixinaria do latín:
Platea> praza
Flaccu> fraco
Claricu> crego

Mais nas palabras cultas o grupo antigo consérvase: pluviómetro,flexible,clamar…


Observa a evolución distinta que se dá en galego e castelán destes grupos consoánticos en sílaba inicial:

PLORARE:chorar/llorar.
CLAMARE:chamar/llamar
FLOREM:chor/flor
FLAMMA:chama/llama
BLANDUM:brando/blando


Lidia Muriente Canedo, IES Padre Sarmiento
Iván Santiago Calviño, CPR San Narcsio
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 12-07-2009 08:23
# Ligazón permanente a este artigo
SIMPLIFICACIÓN DE LL- e do NN-

VILAR, VILELA e VILAFRANCA (do ViLLa latino)
Simplificación do -LL- latino > -L-




O latín tiña moitas consoantes dobres que se opoñían ás consoantes simples e que permitía distinguir parellas de palabras. Pero no paso do latín ao galego estas consoantes dobres fóronse simplificando e hoxe podemos atopar exemplos disto que estamos a dicir

 anel; elo < ANELLU
 belo < BELLU
 bola < BULLA
 cabelo < CAPILLU
 cadela < CATELLA
 calar < CALLARE
 calo < CALLU
 castelo < CASTELLU
 colar < COLLARE
 colega < COLLEGA
 colexio < COLLEGIU
 ela < ILLAM
 estrela < STELLA
 galego < GALLAECU
 ola < OLLA
 polo < PULLU
 sela < SELLA
 vila < VILLA


Lucía Sobredo Raposo, IES. Padre Sarmiento






A ORIXE DO Ñ
Simplificación de diversos grupos latinos como( -gn-, ni-


Esta letra nace da necesidade de representar un novo son, inexistente en latín. Determinados grupos consonánticos como gn, nn ou ni evolucionaron nas linguas derivadas do latín cara un son nasal palatal. Cada unha destas linguas adoptou unha grafía distinta para representar este son: gn en italiano e francés; ny en catalán, e nh en portugués. O castelán medieval escolleu o dígrafo nn, que se adoitaba representar abreviadamente mediante un só n cunha raia máis ou menos ondulada enriba.
Neste apartado traballamos sobre a evolución do "ñ", unha curiosa letra que como poderemos comprobar non se representa así en todos os alfabetos, se non que se representa con equivalencias.

A letra “ñ” provén dunha abreviatura do latín.Unha innovación propia da lingua castelá.
Cando se tiñan que escribir dúas enes (nn), coma nas palabras anno, empezouse a montar a segunda N sobre a primeira para aforrar espazo e co tempo derivou nunha simple virguliña que é un signo ortográfico a modo de til, deu lugar á palabra "año" en castelán, que como sabedes en galego é "ano", é dicir, o galego preferiu simplificar o dobre n, como tamén fixo con outras consosantes que aparecían dobres en latín (gallaecum> galego, differentiam> diferenza, mesmo cando se xuntaban dúas nasais como "mn" tenden a simplificarse somnum> sono, pero en castelán dará sueño).

O ñ tamén pode evolucionar de grupos diversos de consoantes como o grupo -gn- (ligna > leña, pugnum > puño)evoluciona do grupo ni- por exemplo Hispania que dará o nome España.

Naqueles tempos era importante aforrar tempo, espazo, tinta e papel, e era un costume realizar estas abreviaturas ao final das palabras, que significaba a desinencia “orum” ou “eorum”.
A letra “ñ” foi tomada do castelán nos seguintes idiomas, como parte do seu alfabeto:
• Aragonés.
• Asturiano.
• Aymara.
• Bretón.
• Bubi.
• Chamorro.
• Galego.
• Guaraní.
• Mapudungun.
• Mixteco.
• Quechua.
• Tagalo.
• Zapoteco.
• Euskera.
*O inglés admite o “ñ” en préstamos do castelán como cañón, piñata, etc.


MIRIAM Martínez Iglesias, CPR. San Narciso




Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 11-07-2009 23:34
# Ligazón permanente a este artigo
DA BODEGA ÁS PATACAS
B,D,G dos P, T, C do LATÍN

Exemplos da sonorización de consoantes oclusivas xordas intervocálicas –p-t-c > -b-d-g

As consoantes xordas intervocálicas P, T, K acabaron volvéndose sonoras ao ir entre dúas vogais, e hoxe podemos comprobalo en moitas palabras galegas.


 Antigo < ANTICUS
 Auga < AQUA
 Bodega < APOTHECA
 Caber < CAPERE
 Cabeza < CAPITIA
 Cabo < CAPUT
 Cadea < CATENA
 Cedo < CITU
 Cóbado < CUBITU
 Crego < CLERICU
 Dedo < DIGITU
 Dúbida < DUBITA
 Embigo < UMBILICU
 Frade < FRATRE
 Lobo < LUPU
 Logo < LOCO
 Lograr < LUCRARI
 Meiga < MAGICA
 Pega < PICA
 Pobo < POPULU
 Poder < POTERE
 Polbo < POLYPU
 Saber < SAPERE
 Sobrar < SUPERARE
 Todo < TOTU
 Vida < VITA
 Xabón < SAPONE

Cristina Ares Martínez do IEs P. Sarmiento


Oclusivas xordas e sonoras

Entre as palabras “as” e “os” só existe unha diferenza de significado e de forma que é a que representa a distinción entre os fonemas [a] e [o]. O mesmo sucede entre pala, para, paga, pana e pasa, as diferenzas de significado apoianse nos diferentes fonemas que as distinguen, isto é, [l], [r], [g], [n] e [s].

A única diferenza que existe entre o fonema [p] que corresponde a unha consoante bilabial, oclusiva, xorda e o fonema [b] que corresponde a unha consoante bilabial, oclusiva sonora, é o seu modo de articulación: xorda a primeira, frente á segunda que é sonora.

Non sempre se manteñen como fonemas distintos as diferenzas que proceden dun só rasgo distintivo, por exemplo, o primeiro d- da palabra dedo corresponde a unha consoante dental oclusiva sonora, e a segunda é dental fricativa sonora. Neste caso non estamos ante dous fonemas senón ante dous valores do mesmo fonema; ás veces dous fonemas diferentes nunha lingua dada son o mesmo noutra, por exemplo, o castelán manten a diferenza fonética entre os sons [r] e [l], pero o xaponés non, nin a fala andaluza tampouco.

De acordo con todo isto hai que distinguir entre fonemas e letras, aínda que existen moitas coincidencias tamén hai desacordos moi importantes que apoian esta difereza. A letra v actual corresponde ao fonema /b/ que é unha consoante bilabial, oclusiva, sonora; pero o fonema /v/ que corresponde a unha consoante labiodental, fricativa, desapareceu no sistema fonético actual.

Florencia Corvalán García do CPR. S. Narciso

Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 11-07-2009 23:29
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal