O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Patrimonio natural e cultural do Bierzo: Home e paisaxe.

A asociación BURVAl convoca o V encontro sobre Patrimonio Natural e Cultural do Bierzo. Nesta edición xirará arredor do Home e a Paisaxe. E terá lugar o 10-12 de xullo en Vilafranca do Bierzo.

Neste documental da tv francesa vese moi ben a comuñon entre o home e a paisaxe, mesmo percébese a forza da fala popular que se deixa oir nas distintas intervenciois dos veciños da Peno do Seo.

Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 30-06-2015 20:21
# Ligazón permanente a este artigo
O Parlamento de Galicia solicita a non discriminación da materia de galego no ensino do Bierzo

No BierzoDiario recóllese así a nova.
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 16-06-2015 20:16
# Ligazón permanente a este artigo
Carta dun alumno de galego no Bierzo

Está a difundirse pola rede esta carta dun alumno de galego de Vilafranca do Bierzo:

Carta dun alumno que quere estudar galego

"É obvio que o galego non é totalmente inmune aos cambios propios dunha lingua, pero cando falamos dunha rexión que está fóra de Galiza onde tamén se fala galego a situación aínda se volve máis precaria.

Falo da rexión do Bierzo, no noroeste de Castela e León, lugar onde o galego forma parte da súa cultura e onde, desde hai algo máis dunha década, está presente no ámbito educativo grazas ao convenio de colaboración entre a Junta de Castela e León e a Xunta de Galicia para fomentar a lingua galega dentro da educación primaria e secundaria deste territorio galegofalante.

Este convenio entre as dúas rexións parecía que volvía recuperar o galego, pero foi un espellismo. Coa chegada da LOMCE á educación pública déixase o galego desprotexido, contradicindo o propio Estatuto de Castela e León que, no seu artigo número 5, di: “Gozarán de respecto e protección a lingua galega e as modalidades lingüísticas nos lugares en que habitualmente se utilicen”.

Para chegar á situación actual vou describir como foi o meu paso por este programa. Cando ía entrar no instituto, descubrín que o programa de promoción da lingua galega no Bierzo tiña continuidade na ESO. Ante a miña sorpresa o que me atopei na súa presentación ante o equipo directivo foi un intento de evitar que collésemos a opción “Ciencias sociais en galego”. Poñían argumentos que para min soaban ridículos como que o galego só serve para Galiza, esquecendo que a través do galego temos acceso a 200 millóns de falantes de portugués, pero que fixeron que de 30 alumnas e alumnos que estabamos no programa en educación primaria tan só dous elixísemos cursar Ciencias Sociais en lingua galega.


Nos dous anos seguintes seguimos sendo dous os “pioneiros”, cunha continuación da campaña de disuasión, difamatoria da nosa lingua, que conseguiu o seu obxectivo. Cando eu xa estaba en 2º da ESO, os novos alumnos de 1º sentiron temor e esta opción acabou quedando sen alumnos.

Na miña promoción a cousa recaeu en 3º da ESO cando xa só era eu o que cursaba CCSS en galego coa miña profesora actual, apoiando a lingua galega dunha maneira digna, tan digna como todos os profesores de galego que se aventuraron a dar clase alí.

O clímax da situación chega este ano, cando a Junta considera o galego como unha materia de “Libre configuración autonómica”, unha denominación que quere enmascarar una clara intención de nos facer perder o programa de galego. Este ano somos tres os que cursamos CCSS en galego e uns 15 os que escollemos Lingua e Cultura Galega. Pero agora esta última materia deberá saír do horario lectivo, o que implica vir unha hora antes que o resto de alumnos que non escolleron galego en Bacharelato. As clases empezan ás 8:40, pero eu en 1º de Bachelerato terei que vir tres días á semana ás 8:45 da mañá e en 2º catro veces por semana a esa hora. É unha total discriminación contra o alumnado que escolle Lingua e cultura galega e ao mesmo tempo contra o Bierzo.


O que provoca este cambio é obvio, aos alumnos que veñan de vilas máis pequenas ou aldeas en autocar (o alumnado de Bachelerato xa non ten o dereito a vir nel) seralles imposible vir a esa hora, pois se teñen que recorrer ao transporte escolar será porque seus pais non os poden traer ou ben viven demasiado lonxe. A conclusión final é un descenso do número de alumnado que curse galego no Bachelerato.

Todas estas medidas, que se toman con case 800 alumnos que estudan galego aquí no Bierzo e Sanabria e con 47 profesores que están dentro do Programa de Promoción da lingua galega no Bierzo, fan que nos indignemos totalmente ante esta situación. Iso é o que queremos nós para o galego? E a Xunta de Galicia vai facer algo ou dicir que todo vai ben mentres o galego queda ferido? Se non loitamos, non hai galego forte, así de sinxelo.
"

A carta foi publicada no xornal dixital SERMOS onde aparece outro acompañado doutro artigo, nestes caso dunha docente de galego no Bierzo
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 12-06-2015 21:35
# Ligazón permanente a este artigo
Traballo para os estudantes de galego no Bierzo
Agora que a aplicación da LOMCE está poñendo en perigo a subsistencia do galego nos institutos do Bierzo provocando unha clara discriminación negativa cara a aqueles alumnos7as que desexan cursar voluntariamente esta materia, sabemos que os matriculados en galego en Bacharelato poden ter acceso a unha serie de prazas laborais no propio Bierzo como podemos ler na seguinte nova que publican hoxe os diarios dixitais:

Huaris CC reclama titulados en galego para cubrir 70 postos novos de teleoperador tras da sinatura con Mesos o que provocou que a empresa berciana busque novos empregados con bacharelato e que dominen o galego.

No Diario de León.

Os bercianos/as deberíamos esixir que as autoridades de Castela e León sexan respectuosas cos dereitos lingüísticos dos que gozamos segundo reza no propio Estatuto de Autonomía e asuman que o galego debe deixar de ser unha materia marxinal, cunha carga lectiva a maiores e nun horario de tarde nos bacharelatos, cousa que non ocorre con ningunha outra optativa, como pretende a LOMCE no curso que vén.
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 01-06-2015 22:07
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal