O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

E QUE COMÍAN DAQUELA?
NO BIERZO

Nos tempos antigos adoitaban máis ou menos os mesmos alimentos ca nós, salvo aqueles que chegaron doutros lugares que aínda non se coñecían. Pero hai unha serie de produtos que consumía a xente desta época que seguimos consumindo nós, en maior ou menos medida.
Aquí centrarémonos en tres peixes de auga doce: o salmón, a troita e a anguía; peixes que tamén van aparecer citados máis tarde, na documentación medieval.
O substantivo salmón provén do latín SALMONEN (Acusativo de SALMO, SALMONIS) e refírese ao peixe da familia dos salmónidos de corpo fusiforme, pel prateada e carne rosada.
A palabra troita (que presenta as variantes non normativas truita, truta) deriva do latín TRUCTA, e refírese a calquera das especies da familia dos salmónidos, moi próximas ao salmón, pero distínguese deste, entre outra cousas, porque pode ter crías máis dunha vez. Aquí no Bierzo chamámoslle truita, porque nós convertemos en moitas palabras o ditongo OI en UI como noutras zonas de Galicia, así temos truita, muito, etc. No portugués din truta.
A palabra anguía tamén deriva do latín, concretamente da palabra ANGUILLA, que no paso do latín ao galego perdeu o LL que ía entre vogais, igual que noutras moitas palabras.
Destes peixes os que se poden ver hoxe polos ríos do Bierzo son as troitas, aínda que nos últimos anos a poboación de troitas no Bierzo está diminuíndo por causa das obras que se están a realizar nos ríos co fin de regular o seu caudal e tamén pola pesca excesiva. Tamén desapareceron os cangrexos de río.
Os ríos bercianos nos que hai máis troitas son principalmente O Sil e o Valcarce, pero os dous son coutos de pesca e polo tanto, se se quere pescar neles hai que pagar. Así contrólase a pesca para non acabar con todas as troitas.
No río Burbia, que pasa por Vilafranca, antes tamén había moitas troitas, pero ao non haber ningún couto, polo que agora case non quedan troitas e só se poden pescar e matar nun determinado tramo do río e nos demais pódese pescar con morte ou pódese pescar comprando un couto.



David Díaz Poncelas do IES. Padre Sarmiento



NO MORRAZO

Vouche dicir unha cousa. Buscando palabras antigas pensei en vocablos do substrato celta que tivesen que ver co mar e con Marín, e digo eu, unhas das que máis tiñan que utilizar son as das comidas, e dixen: - por que non?- Vou buscalas e aquí as tes:

Centola: do céltico cintollos ‘o principal e grande’. Animal crustáceo malacostráceo da orde dos decápodos, que presenta unha cuncha de cor vermella, rosa ou branca e un abdome moi reducido, pregado baixo o cefalotórax, que se captura con nasas e arrastre.
Sinónimo: Araña

Rodaballo: do celta *rotoballos ‘de corpo redondo’ Peixe da familia dos escoftálmidos, que presenta contorno case circular, os ollos no lado esquerdo, con formacións óseas dérmicas na parte superior, case sen pedúnculo caudal e de cor gris verdosa, terrosa ou amarelada, con manchas.

As palabras non evolucionaron moito.

Que che parece o meu traballo? Case me deixo unha costela buscando a etimoloxia da palabra centola.


Fandiño Santiago, Noel do CPR. San Narciso
Comentarios (2) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 31-05-2009 08:47
# Ligazón permanente a este artigo
OS NOMES CELTAS DAS ROCHAS

Penedo/penediños
Parece provir da raíz celta PENN- PINN- “rocha, alto”, mesmo “lousa”, que aparece como palabra céltica posiblemente por vía romana.
Corominas fala dun étimo latino para a palabra española “pen”: “PEÑA”, do latín PINNA, “amea”, tamén “pluma”: as rochas que forman a crista dun monte penascoso comparáronse coas ameas dunha fortaleza. A primeira documentación r en Galiza, no século VI, PENNA.
En galego-portugués antigo a forma máis castiza foi pena, hoxe aínda usual no común penedo, peñasco, peñascal…e difundida en toda a toponimia do país.”
Pendediños sería un diminutivo de penedo, ao cal se lle engade o sufixo –iño, procedente do latín –INUM.

Penedelo
Procede de penedo (< pena) + elo (< ellum): pena, penedo-a. O colexio de Primaria San Lorenzo de Brindis a poucos metros do IES Padre Sarmiento de Vilafranca está situado no lugar denominado: o Penedelo. Usáronse noutro tempo en Marín, pero hoxe non se escoitan, substituídos por outeiro (en terra) e por con (no mar) .
No dicionario vemos: pena, penedo-a, penela, por roca; penedal, penasquedo, penasqueira e penedía, por peñascal ; penouco, penouto, como pena que sobresae. En Santiago atopamos, A Porta da Pena, castelanizado en Puerta de la Peña, que está xunto a San Martíño Pinario; este parece un cultismo (pinnariu) por Piñeiro e aquela era na Idade Media Porta Penne. O tema aparece por Galicia adiante en innumerables tautoloxías. Peñedo, peñueco, que equivale ao galego penedo, penouco.

Pedrafita
Significa pedra chantada que pode facer referencia posiblemente a un menhir de época prehistórica.
Procede de PETRA FICTA, en clara alusión a unha pedra fita ou fincada no chan e referida a antigas divisións territoriais. O propio étimo recolle a tradición de delimitar antigos territorios ou comunidades con pedras cravadas. É un nome de orixe latina, pero a palabra PETRA no latín é un préstamo tomado do grego, xa que en latín para o significado de “pedra” usábase LAPIS, de onde temos lápida, lapidar, etc.
En Vilafranca tamén temos un derivado deste PETRA, trátase do topónimo A Pedreira / Pedrera, procedente de PETRA + AREA, que quere dicir un lugar onde hai pedras ou moitas pedras.

A Laxe
Son varios os topónimos situados en lugares evidentemente rochosos que aparecen en Marín e na zona con esta raíz precéltica lab- que segundo Elixio Rivas significaba "esvarar" e que logo aparece na lingua céltica como "lág-ena/Láb-ena (pedra plana).





O Con
esta raíz aínda é máis vella que as restantes palabras célticas. Parece ser que é da etapa preindoeuropea, anterior á chegada dos pobos celtas a Galicia. "con/ cun" significa "rocha, cumio". Adoita aparecer relacionado con pequenas illas e rochas do mar, aínda que tamén esta presente en diversos lugares elevados como as denominadas Veigas do Con na falda de Montecelo.

Seixo
Pola contra esta palabra que dá nome a unha das de Marín procede claramente dunha palabra latina "saxum" que significa "pedra grande, rocha". O seixo parece identificarse principalmente como unha rocha de cuarzo.

ANDREA FERNÁNDEZ SILVA do IES. Padre Sarmiento
ENRIQUE BARROS OTERO do CPR. San Narciso
Comentarios (1) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 31-05-2009 08:43
# Ligazón permanente a este artigo
A TERRA DOS MIL RÍOS (Hidrotopónimos)
Galicia foi chamada polos poetas país dos mil ríos. En Galicia e no Bierzo son moi frecuentes os hidrotopónimos, os nomes dos ríos que nacen na montaña e atravesan vales para ir na procura do mar.

O río LAMEIRIÑA de Marín
Lameiriña nace ao pe do monte das Regueiras, no norte da península do morrazo, no lugar de Pardavila, en Marín, e realiza todo o seu curso no interior deste concello .Despois de cruzar o núcleo urbano de Marín, por onde vai parcialmente canalizado, desemboca no porto da Escola Naval Militar.
Lama significa “terra mesturada con auga, lago, lagoa”. A documentación medieval concentra o uso de lama na actual Galicia e reinos de León e Portugal. O latín lama-ae radica en que a lama latina é escasísima nos textos e só aparece dúas ou tres veces na literatura clásica.

Tamén presenta un sufixo diminutivo -iña, segundo vexo está tamén presente no nome doutros ríos como o río Barburiña do Bierzo.

O río BARBURIÑA de Vilafranca
É un dos ríos, ou máis ben un regueiro, que hai en Vilafranca, que agora mesmo está bastante oculto.
Este nome, segundo os investigadores parece ter relación coa raíz BHER-, que acumula as ideas de “auga a ferver, agurullar, abrollar, nacer” mais a terminación –IÑA, que é un diminutivo. A raíz BHER- aparece en moitos nomes galegos como: Borbella, Gorgullón, Borbén, Barbaña, Barbanza, Barbadás, Bermaña, As Burgas, etc., sen esquecer Borbón.


O RÍO SAR está en Marín
O máis coñecido e o que aparece entre outros lugares, no título do poemario en castelán "En las orillas del Sar" da máis grande autora das Letras Galegas, Rosalía de Castro , referíndose ao que pasa pola capital de Galicia.
Pero en Marín temos varios hidrotopónimos onde aparece a raíz Sar- do substrato precéltico, segundo Elixio Rivas, un pequeno relato que se une ao mar na praia de Mogor.

Hai outro río, tamén en Marín, chamado Sardiña, que seguramente non fai referencia ao peixe, senón que ´procede do mesmo étimo "sar" que significa "corrente que flúe". O étimo Sar- é común aos cursos de auga e ríos. A raíz *sar- "fluir, discorrer" produciu apelativos en diferentes linguas indoeuropeas. A raíz "sar- ou tamén "sor-" ou "ser-" ou pasando o r- a un l- én nomes de ríos como o río Sella, aparece en nomes de ríos de lugares moi diversos.

O río Sar de Rosalía é un afluente do río Ulla pola súa banda dereita. Nace na parroquia de Bando (Santiago de Compostela), e discorre polas parroquias tamén compostelás de Sar, Conxo e Laraño. Posteriormente, tras pasar por Iria Flavia e Padrón, desemboca no río Ulla facendo fronteira entre os concellos de Padrón e Dodro. Un tramo do río Sar está incluído na Rede Natura 2000. No ano 2005 estanse producindo mobilizacións en oposición á minicentral da Silvouta no río Sar, promovidas por un grupo de veciños afectados que viven en San Tomé de Obra, e co apoio da asociación ecoloxista ADEGA.

Por certo no río que antes citamos, río Sardiña, volvemos a atoparnos co sufixo diminutivo en -iña.

O río Sil
Sería moi longo recoller as referencias a este río, xa que desde sempre é o río máis importante que pasa polo Bierzo, concretamente pola súa capital, Ponferrada.
O nome Sil aparece nos diferentes textos antigos como sil; sili; silum; sileo, e incluso sullae. Chámase Sil polo vermello das súas augas. Parece que o nome de SIL é de orixe celta, pero cabe a posibilidade de que a orixe do nome sexa o etrusco SIL que significaría “ocre, óxido de ferro hidratado, que tamén podería chegar ata nós a través de Roma.
Raimundo de Miguel di que pode provir do grego ILUS (lodo de cor amarela ocre). P. Flórez di que deriva da palabra grega SORI. Pola súa parte Becerro de Bengoa di que SIL deriva de SILOA, que significa “o fondo”, porque a el van parar todos os demais ríos.
Da importancia deste río da mostra o refrán que di que “o Sil leva a auga e o Miño a fama”



- Watch more funny videos here




O río Miño
É o río máis importante que hai en Galicia, e a onde vai desembocar o Sil. Hai quen o relaciona coas Médulas, facendo coincidir estas co nome de “Mons Medulius”, polo que o verdadeiro Miño sería a póla berciana, ou sexa o actual Sil, e non a póla lucense. Este río chamaríase na antigüidade “Minio Eminens”. O nome MINIO procede de MINIUM e fai referencia á cor vermella que parece que terían as augas deste río.
Pero para outros autores, como Corominas, o nome do río non vén de MINIUM, senón que tería que ver con MINAS, é dicir, que tería que ver con lugares onde había actividade mineira, así parece indicalo a palabra francesa mine que procede do celta *MINA “metal, mineral”, o que dá lugar ao irlandés méin e ao galés muyn co mesmo significado. Polo tanto os Miño serían topónimos celtas autóctonos que nos falan da extracción mineira.
Por outro lado, Pokorny dános a raíz indoeuropea *MEIN “moverse, cambiar, viaxar” que produce numerosos nomes de río con *MOIN-, *MIN-, *MEIN-.
A historia deste río é moi longa, para min é un dos ríos máis bonitos que coñezo, que desemboca nunha praia que tamén me gusta moito.

GRISEL SANTIAGO GARCÍA do CPR. San Narciso e
DANIEL FERNÁNDEZ AMIGO do IES. Padre Sarmiento.

Comentarios (1) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 30-05-2009 18:14
# Ligazón permanente a este artigo
PALABRAS QUE LOGO SERÁN APELIDOS
Da máis antiga toponimia aos apelidos de hoxe

Barxas: Barxas é una poboación berciana que se encontra ao final da estrada de Veiga do Valcarce, cunha superfice de 62,66 km², na que viven 292 habitantes.



Este nome é una variante da palabra BARCIA, que pode significar “pequeno chan”. A palabra Barcia é considerada precéltica e preindoeuropea. Relaciónanse con o Vasco IBAR que ven sinificar, igual que Barcia “pequeno chan”.
Tanto a palabra Barxa como Barcia teñen numerosas variantes por toda a xeografía galega e portuguesa, a maioría delas diminutivos, así podemos atopar: Barcelos, Bacelar, Barxiña, Barciela, etc.
Como curiosidade podemos dicir que a variante Barciela, por exemplo pasou a ser apelido e hoxe en día teñen este apelido en toda España 1096 persoas, que se reparten polas provincias de Pontevedra, A Coruña e mesmo Valladolid, Biscaia ou Sevilla
Veiga:
A palabra Veiga aparece en numerosos topónimos. No Bierzo a vila de Veiga do Valcarce é a Veiga máis importante, aínda que hai unhas cantas, encóntrase na estrada da Coruña, en dirección a Galicia, saíndo de Vilafranca.
A palabra veiga é de orixe prelatina e propia da península Ibérica, o seu significado pode expresar a idea de “terra fértil” e adoita situarse entre as palabras de posible orixe euroafricana. Por outro lado, a palabra parece que está relacionada co vasco IBAI, que significa “rio”, a partir de aí fórmase IBAIKA, que é un “lugar á beira dun río”, de onde derivará veiga que aparece documentado xa no ano 757. Pero a primeira noticia sobre veiga áchase nunha ara romana sita en Reiriz de Veiga (Ourense).
Tamén este topónimo pasou a ser apelido e hoxe en España hai 2430 persoas co apelido Veiga, repartidas por Lugo, A Coruña, Málaga e Madrid.

Héctor Gallego Rico(IES. Padre Sarmiento)

Lama:Lama significa “terra mesturada con auga, lago, lagoa". A documentación medieval concentra o uso de lama na actual Galicia e reinos de León e Portugal. O latín lama-ae radica en que a lama latina e escasísima nos textos e so aparece duas ou tres veces na literatura clasica.


Bouzas
É un apelido galego. O nome común bouza significa en galego, “terreo inculto, monte baixo”, na documentación medieval latina aparece como bauza:”terras, pumares, soutos, bouzas, pesqueiras”.
Outra interpretación asocia bouza con balsa, palabra que gorentaba moito a Menéndez Pidal. Elixio Rivas esfórzase en ligar ambas voces pro fáltalle a idea de <> na primeira e non ficamos convencidos, alén do incómodo pobrete que é touza. Xerardo Sacau, ao se ocupar do nome da vila de Bouzas, resumiu con moito detalle as diferentes hipótesis que sobre esta palabra se teñen aventurado. Resignémonos: a orixe de Bouzas e o do nome común bouza é descoñecida aínda que poidamos situala no substrato preindoeuropeo.

Leticia Filgueira Valverde (CPR. San Narciso)
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 30-05-2009 17:06
# Ligazón permanente a este artigo
RICAS ANTIGAS PALABRAS DA FLORA
Os merodos
Nos montes do Bierzo, igual ca nos montes de Galicia, existe un arbusto de dous a tres metros chamado érbedo ou morogueira cuxos froitos son os merodos. O seu nome científico é Arbutus Unedo L.
O nome de érbedo vén precisamente de ARBUTUS, que era como se coñecía en latín, mentres que o nome de morogueira coincide co da planta herbácea que produce os amorodos, morotes, etc, precisamente porque os froitos da amorodeira son parecidos aos do érbedo. Polo tanto convén non confundir os merodos ou amorodos do érbedo (madroño en castelán), cos amorodos da amorodeira (fresa en castelán).
O nome de morogueira e merodo, xunto coas súas variantes, provén do latín MORU, que significaba “mouro”, posiblemente facendo referencia á color moi vermella que acada cando está maduro o froito.
A árbore ten o tronco coa cortiza áspera e de cor parda avermellada que se desprende en placas, as follas, que son perennes, de cor verde intensa e brillante, de forma lanceolada, recórdannos ás do loureiro.
Os seus froitos como xa dixemos son os merodos, son redondos, pequenos e rugosos, comestibles e coa polpa de cor laranxa ou vermella. Maduran no outono das flores do ano anterior, é dicir, tardan un ano en madurar. Cando está maduro presenta unha cor vermella intensa e, tanto se os compramos na froitería como se imos recollelos ao campo, hai que escoller os de mellor aspecto visual, sen golpes nin mazaduras, xa que son moi perecedoiros, polo que convén consumilos en pouco tempo despois da súa recolección.
Este froito contén un 10 % de azucre, polo que antigamente empregábase para facer augardente e vinagre. Tamén se adoita utilizar para elaborar xelatinas e marmeladas polo seu contido en pectina e ácido málico, aínda que tamén pode consumirse cru. Unha vez cociñado é apropiado para adubar carnes, caza e tamén para acompañar froitas tropicais.
Tamén ten usos medicinais, e os estudos máis recentes apuntan a unha actividade cardioprotectora grazas ao seu contido en taninos e flavonoides.
Os merodos cando están maduros conteñen certa cantidade de alcol que é a causante da súa infundada toxicidade, xa que se se toman en abundancia poden provocar dor de cabeza ou certa embriaguez . De feito o seu nome latino UNEDO significa “un” e é a orixe que se atribúe á recomendación popular de tomar esa froita con moderación (dun en un).
No Bierzo hai lugares que fan referencia a esta árbore, así atopamos Herbededo, Erbedal en Sanvitul que nos están a falar de lugares onde abundaban os érbedos.
Polo que respecta ao froito, hoxe atopamos persoas co apelido Merodo, que fai referencia precisamente ao froito desta árbore. No dominio lingüístico do galego é bastante frecuente atopar como apelidos nomes de árbores ou froitos.

Os morangos
Desta palabra hai quen asegura que como a de amorodo (coas súas variantes: amorodo, morodo, morote, morogo)>é de SUBSTRATO PREINDOEUROPEO. unha raíz -mor- que está estendida pola Europa meridional,desde o Atlántico até o Cáucaso e quizás sostida por unha etnia (emparentada cos protovascos) chegada a estas terras do Leste.

Aínda hai outras palabras con raíz preindoeuropea como: Coto, outra das nosas antigas palabras (alá polo terceiro milenio a.C.) e tamén sobaco ou unha que usamos en Marín: "cosco" unha curiosa palabra para referirnos ao lixo.

DIEGO RAFAEL SANTÍN (IES. Padres Sarmiento)
e JESSICA PASTORIZA DEL RÍO (CPR. San Narciso)
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 30-05-2009 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
O SUBSTRATO DA LINGUA: Palabras moi antigas
CANTO DURAN AS PALABRAS?

Non todas as palabras da lingua galega proveñen do latín. Hainas que seguro están entre nós desde hai máis de 2000 anos. Os lingüístas estudan as orixes das palabras. O Padre Sarmiento foi un dos primeiros en interesarse por este tema e atopou unha resposta certeira para moitas das palabras que usamos comunmente. Imos reparar en palabras que podemos consideralas como das máis antigas da nosa lingua.

As linguas de substrato son aquelas que había no territorio antes da chegada dos romanos co latín. Estas linguas tamén deixarán a súa pegada no noso idioma, sobre todo na toponimia. No noso caso hai moitas palabras de diversa procedencia segundo a antigüidade de que se trate. As que máis influíron no latín da Gallaecia foron as linguas indoeuropeas, particularmente a lingua ou linguas dos celtas.

Unha palabra de substrato é CARQUEIXA. A etimoloxía desta palabra pode ser o latín CARCHESIUM (“copa de dúas asas, ancha de boca e estreita na parte central”), que á súa vez provén do grego KARCHESION. A carqueixa tomaría este nome pola forma da súa copa, que recorda ao obxeto que lle dá nome.
Pero para outros autores o nome CARQUEIXA ten que ver coa raíz preindoeuropea CARR- que aparece tamén noutras palabras como carrasco, carballo, cárcava, etc., e mesmo nomes como Carracedo ou Carracedelo,; e que significaría “duro”.

A planta Carqueixa, cuxo nome científico é Pterospartum Tridentatum, é unha planta arbustiva, de ata 50 cm. cuxas follas paceren continuación dos talos e que terminan en espiña. As flores son marelas. Vive en matos sobre substratos ácidos.
Os bafos da súa cocedura alivian a dor de moas e de cabeza. Tamén se usa para darlle de beber aos leitóns que quedaban paralíticos de atrás por vivir en sitios húmidos e reducidos.
A infusión das súas flores tomábase para trastornos circulatorios, purificar e mellorar a circulación do sangue, baixar a tensión, para suar e ouriñar, contra a reuma, como calmante e laxante. Aos que padecían de gota e reumáticos recomendábaselles darse baños nas zonas doridas. Mesmo se chegou a receitar a raíz cocida en vinagre para dar fretas sobre calquera vulto benigno ou maligno.
O padre Sarmiento, que dá nome ao noso instituto di que se empregaba como cama para o gando e tíñaa por boa forraxeira, xa que segundo el, producía moi bo esterco, ademais as flores tenras eran un bo complemento ao pastar o rabaño. El confiaba plenamente na carqueixa, chegando a convertela nunha especie de panacea que o curaba todo, o mesmo golpes que enfermidades. Segundo el esta planta estaba dotada da benigna omnipotencia de Deus. O prestixio de Sarmiento fixo que a noticia de que a carqueixa tiña altas virtudes curadoras se estendese rapidamente por toda España e mesmo polo estranxeiro. Chegou a dicirse que o mesmo confesor do rei, que estaba eivado, tirara as muletas que levaba, despois de someterse a unha cura a base de carqueixa.
Á parte destes usos medicinais, tamén se usaba para acender o forno ou para queimar os pelos dos cochos despois de matalos, e tamén para fregar os pratos, debido a que é moi áspera, por iso en galego tamén se lle chama "lavacuncas".
Pero aínda hai máis, pois as abellas séntense fortemente atraídas polo pole e o colorido das súas flores.
Pero, na súa contra hai que dicir que en caso de incendio favorece a expansión do lume, debido a que é moi combustible, pero provoca que o lume arda moi rapidamente co cal non dana en exceso a capa fértil.
Como xa dixen, o noso instituto leva o nome do sabio ilustrado, Sarmiento, e debido ao interese e admiración que este frade sentía pola carqueixa, a revista do noso centro chámase así: Carqueixa, podedes visitala en http://www.carqueixadigital.es/ .


O substrato é polo tanto un continxente de realizacións fonéticas, palabras e usos gramaticais que unha lingua anterior desaparecida deixou incrustado no interior dunha lingua falada.

No galego actual hai apelidos que teñen substrato céltico.Algúns apelidos que veñen do substrato son: Páramo,Veiga,Andrade,Viana,Ulloa,Toxo,Osoiro,Busto,Abalo,Serrante.E outros centos máis que se reproducen no rexistro Civil.

Na palabra CARBALLO volvemos a atopar a raíz preindoeuropea "Car-", "Car-b" significa “pranta dura”,Kar-sería “rocha,pedra” (Unha das alineacións prehistóricas máis coñecidas de Europa é a de Karnag). Con esta raíz estarían relacionadas palabras da flora como a carqueixa ou topónimos como Carracedo,Carnota,Carrasco…

Tamén podes ver outras nun traballo do departamento de galego sobre a historia da lingua
Varias plantas relacionadas coa flora autóctona conservan a súa denomonación dende tempo remotos pois os falantes seguiron nomeándoas dun mesmo xeito aínda que aprendesen e usasen a lingua dos novos conquistadores. En Marín o arbusto que se usaba para as cortes das vacas non era a carqueixa, era o TOXO unha raíz relacionada coa flora, pero de aparición posterior. Provocou pola súa abundancia moitos derivados relacionados con nomes de lugar onde había matas de toxo, como por exemplo: Toxal: Unha zona das Insoas e é un terreo labradío.Toxeira: Predio preto do anterior, camiño da Toxeira ou Toxeiriña: Perto dos anteriores,Toxeiriña xunto a Insua.


SILVIA MORAL CARDOSO (IES. Padre Sarmiento)
e IVÁN SANTIAGO CALVIÑO (CPR. San Narciso)
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 30-05-2009 16:10
# Ligazón permanente a este artigo
CURIOSEANDO NA TOPONIMIA COMO SARMIENTO
Toponimia, ou dito doutro xeito, os nomes de lugar foron para o Padre Martín Sarmiento nas súas viaxes un dos seus centros de interese. Sarmiento foi un dos primeiros en preocuparse pola toponimia berciana. Ao seu paso polo Bierzo vémolo apuntando notas e facendo indagacións sobre topónimos como Trabadelo, Burbia ou Compostilla.

Burbia:
O seu nome procede da primeira poboación pola que pasa, Burbia, situada no norte da comarca do Bierzo, na provincia de León. Os afluentes do Burbia son o Valcarce e o Balboa.
Respecto á etimoloxía deste nome, a documentación é tan abundante desde o século VI que non é posible recollela toda. Algunhas das formas que aparecen son: “Bumbae fontem, Buruia, Urbia e mesmo Burdua (como aparece no Codex Callistinus).
Manéndez Pidal di que provén de BURU “montaña” e BIDE “camiño”, polo que significaría “camiño da montaña”.
P. Flórez di que se chama así por ser moi estreito.
Becerro de Bengoa di que deriva de URBIA e que significa “dúas augas”.
Pero a palabra BURBIA parece que ten a mesma base que BULBULLITARE “facer burbullas” , esta base está próxima á base celta WORM “quente” (porque a auga quente fai burbullas).
Este río pasa por Vilafranca do Bierzo, a localidade máis importante pola que pasa e onde conta cunha praia fluvial, á parte de outros lugares onde a mocidade vai bañarse e que ten nomes tan significativos como: pozo do sol, pozo do sapo ou pozo da moto (porque alí caeu alguén coa moto).
Río Cúa:
O nome deste río aparece citado moitas veces na documentación medieval, porque nas súas proximidades había numerosos mosteiros como o de Carracedelo, San Guillermo de Villanueva, S. Andrés de Espinareda, S. Pedro e S. Pablo de Orria.
A palabra Cúa está emparentada coa palabra portuguesa COA “río”, que estuda Luis Chaves.
A súa etimoloxía podería ser CAUDA “cola”. Existen outros termos románicos que Tamén poderían ser a orixe deste nome: CUDA “muralla, trincheira” ou CUTA “lugar oculto”.
A localidade máis importante pola que pasa este río é Cacabelos, situado entre Vilafranca e Ponferrada. Ten varios afluentes, pero quizais os dous máis importantes son o Ancares e o Anllares.

Trabadelo:
É unha pequena poboación situada ao Oeste do río Burbia, na comarca do Bierzo, ao lado de San Fiz do Seo, Parada de Souto, Pradela e Perexe.
A orixe deste nome parece remitir a TABULATUM, de onde se tería formado TABULADELO, e de aí Trabadelo, onde Martín sarmiento dí que hai as mellores "táboas"(terras de cultivo)do Valcarce. Testemúñase en León e en leonés como Tabuladielo.

Compostilla:
É un barrio pertencente a Ponferrada, capital do Bierzo, e está atravesada polo río Sil.
A orixe deste nome parece estar relacionada co topónimo Compostela. A Sarmiento lle chamara a atención en San Pedro de Montes a inscrición "ISTA PETRA FUIT CPOSTELLA", facendo constar a relación entre Compostilla e Compostela. O seu étimo parece que pode ser un derivado do verbo PONO, concretamente COMPOSITA. A partir de tal étimo formaríase un *Compostiella, que significaría “casa ou vila linda, xeitosa”, acrecentada co sufixo –ELLA que adozaría o nome e o faría amabilísimo. Polo tanto atopámonos ante un nome de lugar que foi nomeado de xeito meliorativo polo seu orgulloso propietario.

Corullón:
É unha poboación pequena situada preto de Cadafresnas, Dragonte, Horta, Hornixa e Vilafranca.
O nome procede da palabra latina CORULLU, que significa “pico de serra”, máis o sufixo aumentativo, tendo en conta que está situado na aba da montaña.
Se temos en conta que ao seu lado se estende unha feraz e deliciosa veiga poderiamos pensar que o seu nome procede de CORULUS “abeleira”.
O nome de Corullón podería proceder do nome que tiña un castro situado nesta vila, chamado San Sadurnin. Sarmiento di que "Curulium" aparece así en latín no becerro do Mosteiro de Samos que consulta e ademais deixa a cita de orónimos ( nomes dos montes) como o monte dos Mouriños que sitúa ao mediodía, sendo o máis alto e o máis perto de Vilela.

Beatriz Ares López (IES. Padre Sarmiento)



A TOPONIMIA de Marín: Elixio Rivas

O tamén erudito P. Elixio Rivas estudou os nomes de lugar ao igual que Sarmiento, publicando un libro titulado Toponimia de Marín no ano 1982. Cremos que pensa e actúa dun xeito moi semellante ao que Sarmiento facía cos topónimos. Deixemos pois falar a Elixio na súa introdución a este traballo:

“Os nomes de lugar supoñen ao home con todos os seus afáns, enfrontado a un anaco de terra. Ten que chamala por un nome para entenderse e ata para expresar as súas ideas e sentimentos, e non o fai por azar; será expresando as súas calidades físicas; sería reflectindo un momento histórico con el relacionado; sería dándolle o seu propio nome humano como documento de posesión…sempre existe unha razón suficiente. A partir de aí, haberá un diálogo continuo coa terra concreta, pronunciada pola palabra e aberta e acariñada pola man.”

“ O estudoso da toponimia, ciencia dos nomes de lugar, ten que volver ao pasado, ás veces moi afastado, e facer revivir cada nome coas motivacións que lle deron principio. Isto supón penetrar na entraña do pobo para dar coa alma da palabra, coa semántica. Claro que hai que seguir un camiño, a fonética, pero esta, necesaria como é,non é mais que o externo. Ata pode que haxa que librarse de incongruencias aparentes polo paso do tempo. Fonética e semántica irán facendo a luz no afán por conectar a voz petrificada co presente.”

“E ciencia na que non podemos despegarnos do chan para evitar espellismos. E así tentar alumear, explorar o pasado. Tanto os acertos como as hipótesis se irán confirmando ou rectificando, en ningún caso, se o traballo está feito a conciencia, non será tempo perdido.”


Belén Diz Juncal(CPR. San Narciso)

Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 13-05-2009 00:53
# Ligazón permanente a este artigo
Vilafranca e Marín dúas vilas nas que se fala galego

Historia local: a orixe e significado do nome de Vilafranca
Hoxe en día existen dúas posibilidades para o significado etimoloxico de Vilafranca. Unha é a de vila "franca", isto quere dicir “libre de impostos”, grazas ao favor dalgún rei para os seus habitantes. A outra posibilidade etimolóxica é a de "vila dos francos" por ser unha vila con gran cantidade de franceses a causa do Camiño de Santiago.
Aínda hai outra etimoloxía, pero esta de carácter lendario, popular, e sen base científica, pero non por iso menos interesante. Esta teoría popular relaciona a orixe de Vilafranca cos vaqueiros de Tineo e Luarca que baixaban ás brañas de Valdeprado e Leitariegos e que, desexando vales de maior bonanza, confiaron a procura nunha vaca branca que veu asentarse en Vilafranca.
A orixe máis propia asóciase ao mosteiro de Santa María de Cluniaco ou Cruñego, onde benedictinos franceses de Cluny -os monxes negros- se asentaron en 1070, baixo o reinado de Afonso VII, para atención dos peregrinos franceses e que trouxeron, entre outras cousas, o cultivo da vide.
Xunto co anterior, foise formando un burgo de francos, peregrinos franceses que permanecerían nestas terras e que daría o nome –VILA FRANCORUM-(“vila dos francos”) e importancia á poboación. Sen dúbida estableceríanse tamén xudeus, galegos e xentes doutras terras.
Tamén se fala de vila sen franquías. Durante varios séculos tería dous corrixidores, un para os francos e outro para os do lugar.
Adxunto unha imaxe do castelo de Vilafranca.

Jorge Franco Fernández (IES.Padre Sarmiento)

O TOPÓNIMO “MARÍN”
Do latín villam vallis Marini, “vila do val de Mariño”,unha "vila" ou granxa que sería propiedade dun tal Mariño. Xa no 1112 aparece como Marín a secas, cando a raíña Doña Urraca dá este lugar a Diego de Arias( Ego Urraca Regina…facio cartam donationis de illas hereditates quas habeo in terra Morrazo, videlicet Marin…)Rivas Quintas publicou un libro coa toponimia de Marín(Verba, anexo 18, Santiago de Compostela 1982) que reúne o que se sabe de gran parte da toponimia do municipio e lugares veciños.
O que hoxe é Marín o seu centro urbano foi, por longo tempo, non máis ca un hangar ou cobertizos para unhas lanchas e aparellos. O Marín de entón, o primitivo e evolucionou dunha vila ou explotación agraria da época do Baixo Imperio Romano que estaba terra adentro, no Sancto Juliano de Valle Marini. Nunha granxa romana, coma dez máis, de nome vila no municipio. Coa seguridade da zona lindante co mar, aumenta a poboación; fanse tomadas e roteas. Nace o Marín de hoxe. É o ano 1112, cando por primeira vez vémolo nomeado, cuns poucos veciños e o seu alfoz e mar en fronte.
Un cabaleiro rico que posuía estas terras, meteuse monxe e legará ao mosteiro do Oseira as súas propiedades de Marín.

Antigamente, Marín chamabase San Xián de Ancorados polos barcos que fondeaban na súas cercanias, pero é seguro que se trataba dunha deformación popular de “encoirados” que significa curtidurías de coiro, como as que había na beira do río Lameira, que desauga no núcleo urbano da vila.

O pai Sarmiento afirma que o seu nome vén da palabra latina "mare" que significa mar, pero hoxe se sabe que deriva do nome dun antigo dono destas terras chamado Marinus; Marín deriva entón de (terram) Marini: “a propiedade de Marinus”. Ambas referencias ao mar son, polo tanto, puras coincidencias, aínda que leve no seu escudo de feitura moderna unha inscrición en latín IN MARE NOSTRA FORTUNA que quere dicir: no mar a nosa fortuna!

Paula García Area (CPR. San Narciso)


Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 13-05-2009 00:18
# Ligazón permanente a este artigo
GALEGO DE GALICIA
GALLAECIA un topónimo moi antigo
Gallaecia é o nome que os romanos lle puxeron ao que agora chamamos Galicia. O nome de Gallaecia deu lugar ás actuais formas Galicia/Galiza. pero non son sinónimos. Pois o territorio ao que denominaron Gallaecia os romanos era maior ao que hoxe é Galicia. Gallaecia ocupaba o actual norte de Portugal atá chegar ao río Douro`polo sur, sendo máis discutidos os lindes orientais, incluíndo para algúns unha boa parte das actuais Asturias, León e Zamora. Era un territorio onde floreceu a cultura castrexa entre os séculos VI a.C. e a chegada dos romanos no ano 137 a. C. no que un tal Décimo Xunio Bruto realiza unha operación de castigo contra os lusitanos e ataca aos galaicos que lles foran a axudar matando a milleiros deles e sendo o primeiro romano en cruzar o río Limia. O Triunfo militar de Bruto fixo que os romanos o denominasen a partir da victoria cun curioso título: Gallaicus, presentándose en Roma como vencedor deste pobo.

O nome de Galicia é, segundo parece unha raíz céltica que viría a significar "terra de montañeses"


GALEGO DE GALLAICUS

Gallaicus ou callaicus, é o nome que recibía un dos pobos que habitaban entre o Miño e o Douro á chegada dos romanos. É un xentilicio, o nome das xentes que habitan un territorio ocupado polos pobos castrexos, con clara influencia celta, e que os romanos xeralizaron para denominar a calquera dos habitantes das distintas tribos castrexas tanto do norte do Miño como do Sur ata chegar ao Limia ou mesmo ao Douro.

O sufixo aic-, aec- que evoluciona a -ego é moi característico do noroeste penínsular e está moi presente en multitude de xentilicios ( vilego de Vilar de Aceiro) e topónimos.


UN MICROTOPÓNIMO EN -EGO: CRUÑEGO

O Cruñego ou Cruñiego é o nome que se lle dá á colexiata situada en Vilafranca. Dise que o nome podería provir da unión de Cluny máis o sufixo -ego (procedente de -AIKU > -ECO > -ego), que é un sufixo que proven do indoeuropeo, pero non do celta. Tamén podería vir do nome Cluniaco, por ser a colexiata de Vilafranca mosteiro cluniacense noutro tempo, ligada ao fenómeno xacobeo.
Pero se neste topónimo poderiamos ver a pegada do indoeuropeo, noutros que hai por toda Galicia podemos atopar pegadas das linguas celtas, como por exemplo Biobra, que é unha pequena poboación de Valdeorras, situada na provincia de Ourense, no concello de Rubiá, que presenta o sufixo –OBRA, procedente do celta –OBRE. Con este sufixo existen moitos nomes estendidos por toda a xeografía galega, como por exemplo Añobre, que se encontra na provincia de Pontevedra, Callobre, que se encontra na Coruña, Sillobre, tamén na Coruña, Alcabre, que se encontra no concello de Vigo, Xiabre, en Pontevedra...




Belén Diz Juncal( Marín) e Diego Díaz Poncelas ( Vilafranca)

Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 12-05-2009 23:22
# Ligazón permanente a este artigo
O BIERZO E O MORRAZO, DA MONTAÑA AO MAR
vista da península do MorrazoDESCRICIÓN XEOGRÁFICA DO BIERZO:
O Bierzo é unha comarca situada no noroeste da provincia de León, e abarca uns 3.000 quilómetros cadrados. Limita ao leste e ao sur con León, polo norte con Asturias, e polo oeste con Galicia. O máis característico da comarca é a súa forma de foxa, por estar rodeado por montañas.
Ten un turismo rural baseado na beleza das súas paisaxes naturais como os Ancares, ou creados polo home como As Medulas, unha explotación de ouro realizada polos romanos e agora declarada Patrimonio da Humanidade.
Para facernos unha idea de como é o Bierzo, o mellor é propoñer unha un percorrido por algúns dos seus lugares (de Leste a Oeste). Para empezar, sairemos de Balboa, onde cabe destacar a Igrexa Parroquial con mestura de estilos (románico, renacentista) en cuxo interior atópanse varios retablos, as ruínas dun Castelo, do cal téñense referencias xa no século XIV, e como non, as pallozas, que imita nas vivendas dos nosos antepasados. A continuación visitaremos Vilafranca do Bierzo, coñecida polas súas numerosas igrexas, e onde poderemos visitar a rúa da Auga, o castelo ou gozar das súas festas e celebracións, como a dos maios ou a festa da mestizaxe; e os vales do Burbia e do Valcarce. Seguiremos por Cacabelos que conta cunha ampla variedade de ofertas culturais, turísticas e gastronómicas, destacando as súas festas patronais (A Pascua) e as feiras de maio. Ademais, conta cun Museo de recente inauguración, no que se poden visitar diversos bens patrimoniais. E por último, estaremos en Ponferrada, onde merece a pena destacar o seu castelo, a basílica da Encina, e o Morredero (un monte).

HISTORIA É SIGNIFICADO DA PALABRA BIERZO:
Relacionase este nome co da cidade prerromana “BERGIDUM”. Nun discutido documento das Actas do Concilio de Lugo do ano 569 ao dar os limites entre as dioceses de Lugo e Astorga, atribúese a esta: (Se Ventosa é o actual Castroventosa, probaría que Bérgido non estivo neste monte). A partir de aquí desaparece o nome atribuído á cidade e empeza a atribuírse a toda a comarca.

ORIXE DO NOME
Adóitase ver na palabra “BERGIDUM” un composto de dúas bases prerromanas: por un lado a forma –DUNUM, que significa cidade; e por outro a forma BERG-, que presenta maiores dificultades:
Segundo Abelardo Moralejo trátase dunha base céltica co significado de “lugar alto”, mentres que Corominas di que a base BERGO significa “montaña”.
En calquera caso significa “lugar elevado”, polo que Bierzo podería significar “cidade nun lugar alto ou rodeado de montañas”. Podes ver un vídeo que fala do topónimo "Bierzo" nos enlaces de máis abaixo.

NATALIA FERNÁNDEZ GONZÁLEZ ( desde IES. Padre Sarmiento)

O MORRAZO
A comarca do Morrazo, na provincia de Pontevedra, está formada polos concellos de Bueu, Cangas, Marín e Moaña. Limita ó norte coa ría de Pontevedra, ó leste coa comarca de Pontevedra, ó sur coa ría de Vigo e ó oeste co Océano Atlántico.
É a comarca máis pequena de Galiza, pero ten 81.228 habitantes, e é unha das cinco máis densamente poboadas.
Na miña opinion é unha das comarcas con máis beleza, pois conta coas illas Cíes e Ons patrimonio cultural, o castro de Cabo Home, ademais dunhas espectaculares vistas da súa costa.
É unha das comarcas máis turísticas, xa que se encontra nas Rías Baixas e é moi pesqueira.
Os principais produtos do mar consumidos e explotados na zona son: o percebe, a navalla, a vieira, o ourizo, o polbo e todo tipo de peixes.

A COMARCA E OS SEUS NOMES:
A palabra comarca provén posiblemente dunha raíz xermánica "marka" que significa: país, fronteira.

MORRAZO: é unha palabra moito máis vella é preindoeuropea seguramente dunha raíz "morr-" que significa rocha ou monte, pois a península do Morrazo remata no Facho de Donón sobre as Illas Cíes, unha especie de espiñazo longo , ´máis ancho no centro e que ten alturas como as de Domaio de 560 mts.

Sobre os nomes dos seus concellos direi que:

Bueu,é un hidrónimo ( nome relacionada coa auga) paleoeuropeo precelta, é dicir, moi antigo. Pode proceder de Budetu(pasando por unha forma intermedia Buedo "lugar onde hai moita buda que en latín era a espadana, planta que nace en zonas de lagoas como defende o Elixio Rivas.

Cangas semella ser un nome de orixe céltica que vén significando "torto ou curvo" aínda que hai 3 teorías sobre a procedencia do nome Cangas:

De Marín xa falaran outros. Cangas é o lugar onde vivo e onde paso os meus mellores momentos da miña vida. En definitiva, para min é o mellor lugar do mundo.

ADRIÁN DAVILA ABAL ( desde o CPR. San Narciso)
VÍDEO TOPÓNIMO BIERZO Ben falado
A MIRADA CIRCULAR SOBRE O BIERZO
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 12-05-2009 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal