O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Celebrada a 5ª Escola Fermín Penzol no Bierzo

O programa da 5ª Escola Fermín Penzol organizada pola Universidade de Vigo desenvolveuse como estaba previsto en tres lugares emblemáticos das terras bercianas.
A primeira das Xornadas en Ponferrada centrada na figura de "Antonio Fernández Morales e a súa inserción no sistema literario galego", unha conferencia inaugural do poeta e profesor Anxo Angueira
Acto seguido presentouse o número 4 da revista da asociación Xarmenta, presentación que realizou Ricardo López Témez.
Despois tivo lugar un brillante Recital poético sobre textos de Morales a cargo dos rapaces e rapazas dos IES de Ponferrada que cursan galego acompañados da música do Ensemble de saxos do Conservatorio desta mesma localidade. Podedes ver un resumo na crónica que realizou a cadea comarcal Bierzo TV.

Rematou esta xornada no Teatro Bergidum cun magnífico monólogo de Quico Cadaval o coñecidísimo actor e director teatral que tamén ten unha longa, recoñecida e prestixiosa traxectoria como contador de acontecidos. Narrou no seu estilo habitual cargado de ironía e reflexión dende o sucedido cos presos na guerra na Illa de San Simón ata o mito de Edipo, memoria histórica e mitoloxía grega que cobraron vida a partir do entorno familiar da taberna que rexentaba a súa nai en Ribeira.

A segunda xornada trasladouse ao Teatro Vilafranquino e comezou, tras un saúdo de cortesía do Alcalde de Vilafranca, cunha Mesa redonda sobre os 8 anos do ensino do Galego no Bierzo e as Portelas mesa na que estiveron Rafa Adán de Xarmenta que en esencia describiu cal é o acordo entre a Xunta e a Junta e como se concreta en número de horas en Primaria e Secundaria, indicando o éxito que supuxo que hoxe contemos con máis de 1000 matriculados a este ensino de carácter voluntario. Alfonso Díaz, profesor de Lingua Galega do IES Europa fixo fincapé no terreo avanzado e tamén citou varias eivas como é o tema da falta de continuidade do profesorado que está realizando este programa coa conseguinte dificultade para os profesores que se incorporan ex novo ao mesmo. A continuación foi Héctor Silveiro, membro da Comisión Martín Sarmiento, que afondou na complexidade e pluralidade de iniciativas nas que se asentou a posta en marcha e o éxito do programa, a madurez que manifestou unha parte considerable das familias e rapaces que se apuntaron a esta oferta (no caso de Vilafranca é algo máis do 25% do alumnado do IES Padre Sarmiento) a pesar de certas trabas como a falta de información á hora de matricularse, a certa pasividade no seguimento da experiencia por parte das administraciois educativas implicadas e o valor que ten a profesionalidade dos profesores para superar ano tras ano o éxito deste programa. Falou a continuación a profesora Marta Louzao da demanda na Escola Oficial de Idiomas do Bierzo do idioma galego, por parte de ensinantes e profesionais da sanidade e tamén de persoas que con agarimo queren cultivarse no idioma dos seus maiores. Unha demanda que fai do galego o segundo idioma que se cursa e arredor de 80 solicitantes cada ano. Rematou esta Mesa coa intervención de Felipe Lubián en calidade de alcalde de Lubián (Zamora) e como dixo Rafa Adán un dos impulsores de propostas no Parlamento de Castela e León sobre a introdución do galego tanto no Bierzo como nas Portelas, lugar este último ao que chegaría máis tarde despois de vencer tamén varios obstáculos que Felipe coa retranca que o caracteriza describiu sucintamente.
Tampouco faltou un recital poético de textos do poemario de Fernández Morales , presentados de novo por Anxo Angueira, que tamén recitou, e esta vez os rapaces e rapazas do IES Padre Sarmiento de Vilafranca, acompañados polo Ensemble de saxos do Conservatorio ponferradino. Ao rematar os asistentes ao acto desprazáronse a Cacabelos onde no cemiterio da Hedrada ante a tumba do poeta e militar fixéronse varias alocuciois e a Banda de Gaitas de Lubián interpretou varios temas na honra do autor dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” momento en que tamén se lembrou a figura do tristemente desaparecido gaiteiro Firme de Batribán.
Á tarde houbo outra Mesa redonda sobre os partidos políticos e a lingua no Bierzo que foi precedida por una curiosa sorpresa da que daremos conta en próximas entradas, varias intervenciois de alumn@s da 2ª promoción de galego no Bierzo que deron a súa opinión sobre o porque escolleran no seu día esta opción. A mesa redonda á que estaban invitados todos os partidos con representación no Bierzo, asistiron Susana Carballo de IU, concelleira en Cacabelos e Iván Alonso polo Partido do Bierzo e tamén concelleiro en Ponferrada. Ademais participou en calidade de membro do grupo do PSOE en Castela e León, Felipe Lubián. Os participantes da mesa deron o seu apoio ao proceso de incorporación do galego nos centros de educación e volveron os seus ollos fundamentalmente cara o Consello Comarcal e a futura revisión da Lei da comarca onde debería estar explícito un apoio á lingua galega no Bierzo como lingua propia e riqueza patrimonial que nos identifica e singulariza, Finalmente saíu, como non podía ser doutro xeito, a reivindicación da garantía na recepción na comarca da TVG, tras do apagón analóxico e a importancia de reivindicar para o autor berciano Fernández Morales o próximo Día das Letras Galegas, ano 2011 cun dobre propósito o da difusión da súa obra fóra do Bierzo, en toda Galicia especialmente, e, por outra banda, a solicitude que aquí o noso Consello Comarcal na Lei da Comarca que se pensa aprobar no 2011 teña un recoñecemento como se debe a lingua que Fernández Morales utilizou ata facer súa, a lingua dunha boa parte dos bercianos.
Chegou finalmente a Conferencia sobre “ Frei Martín Sarmiento, Fernández Morales, Martínez Salazar, Fermín Penzol e outros arrainos” coa que comezaba a recta final da 5ª Escola, non sen antes outorgar o II Premio Fermín Penzol deste ano ex aequo: a Marisa Cela, polo seu labor a prol da “música da lingua no Bierzo” e a Paco Velasco neste caso polo seu doce e consistente aporte a do “ mel da lingua no Bierzo”. Ambos falaron, Marisa facendo extensivo o premio aos seus compañeir@s da Escola de Gaitas de Vilafranca e Paco reivindicou a ausencia de fronteiras entre Valdeorras e O Bierzo, como el sempre di “o antigo Marquesado de Villafranca”. Fixo entrega dos diplomas acreditativos o profesor Henrique Costas que a continuación pronunciou a conferencia antedita.
Desculpado a non asistencia por motivos de saúde de Pablo Carpintero, foi Anxo Pintos quen realizou o concerto didáctico sobre a Zanfona co que se concluía esta edición da 5ª Escola Fermín Penzol. Anxo Pintos que pasa por ser un dos mellores instrumentistas , compositor de grande sona e recoñecido mestre deste instrumento fixo un repaso da historia da zanfona ilustrado con numerosas intervenciois: cantigas de Santa María, música do Barroco, composiciois modernas, de autores europeos e de autores galegos como Antón Seoane a a supercoñecida “ A bruxa” e rematou cun tema de creación propia, en parte musicado e gravado en traballos de Berrogüetto, a petición do entregado público que enchía o teatro.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 17-03-2010 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
5ª-ESCOLA FERMÍN PENZOL NO BIERZO
Os próximos 12 e 13 de marzo en Ponferrada, Cacabelos e Vilafranca terá lugar a 5ª edición da Escola Fermín Penzol que organiza a Universidade de Vigo coa colaboración de diversos entes bercianos e que se trata dunha iniciativa itinerante que realiza un seguimento , unha análise da situación na que se encontra o galego fóra da Galicia administrativa, é dicir, no Bierzo, no Eo-Navia, nas Portelas e do val do Ellas en Estramadura.
Esta edición contará cunha conferencia inaugural sobre Antonio Fernández Morales a cargo de Anxo Angueira, especiallista en literatura galega e un gran coñecedor da obra do autor, acompañada dun recitado por parte dos alumn@s de galego dos IES de Ponferrada que é o lugar onde se desenvolverá a primeira das Xornadas e que rematará no Teatro Bergidum cunha actuación do actor e director Quico Cadaval, actividade que organiza o depatrtamento de Galego da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.
Ao día seguinte o sábado 13 a escola trasládase ao Teatro Vilafranquino onde se farán varias Mesas Redondas, Unha sobre o ensino do galego no Bierzo, e outra sobre os Partidos políticos bercianos ante a lingua, ademais dun recitado de poemas con alumn@s de galego de Vilafranca e Cacabalos e unha homenaxe a Fernández Morales para o que a Escola se trasladará ao Cemiterio de Cacabelos onde repousan os seus restos. A xornada rematará de novo en Vilafranca cunha conferencia sobre Sarmiento, Morales e Fermín Penzol e outros arraianos a cargo de Xosé Costas, profesor da Universidade de Vigo. O broche final será un concerto didáctico do coñecido músico Pablo Carpintero.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 12-03-2010 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
Un ano máis sen a súa casa, pero o Proxecto Sarmiento segue avanzando en Galicia
Levamos anos reivindicando a recuperación da Casa Natal, mellor dito a construcción dun edificio no solar onde estaba a casa onde naceu Sarmiento en Vilafranca do Bierzo. Será algún día, iso esperamos, un lugar onde este personaxe fundamental das Letras Galegas e da Ilustración Europea, en pleno Camiño a Compostela teña unha referencia permanente para os milleiros de peregrinos que seguen pasando a Compostela que entran a Galicia pola Portaxe de Vilafranca e pasan sen saber que a poucos metros do río que cruzan naceu un insigne ilustrado, un mestre erudito que nos pode servir de magnífico guía por estas terras as do Bierzo e as de Galicia que tanto amaba, polas que el tamén foi viaxeiro incansable e das que elten escrito miles e miles de páxinas, de curiosidades e de tratados específicos, algúns moi importantes (como os referidos á súa lingua materna, o galego) outras máis anecdóticos e chocantes ( como o referido a un misterioso animal, exemplar cazado en San Pedro de Montes. Sarmiento segue a ser unha signatura pendente das Comunidades Autónomas de Castela e León e de Galicia, unha asignatura pendente do Xacobeo e o propio Concello de Vilafranca incapaces de comezar unha obra que contaba con informes e planos e á que só restaba poñer data para colocar a acostumada primeira pedra.
Namentres na súa vila natal nada se move, mesmo está gardada a Exposición que sobre Sarmiento e a Galicia do seu Tempo foi cedida ao Concello de Vilafranca polo Consello da Cultura Galega para a súa colocación na Casa Natal, cando o proxecto de rehabilitación do espazo estaba xa en trámites da aprobación definitiva e que segue sen atoparse para ela unha ubicación nos locais dos que o goberno municipal dispón.
No seu día o Congreso Internacional Sarmiento e o seu tempo realizado polo Consello da Cultura Galega foi un fito fundamental para realizar posteriormente outros poñer en marcha outras iniciativas como a que se denomina "Proxecto Sarmiento" unha das fontes máis completas para coñecer en profundidade a vida e mais a obra do erudito e ilustrado galego-berciano.
Comentarios (0) - Categoría: CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 12-03-2010 10:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal