O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MEMORIA DA 1ª XORNADA MARTÍN SARMIENTO
TOPONIMIA, NATUREZA E LINGUA


A COMISIÓN CULTURAL "MARTÍN SARMIENTO"

Naceu no inverno do 2001 para celebrar unha homenaxe no ano 2002 ao Pai das LETRAS GALEGAS sumándonos aos actos realizados en toda Galicia e solicitar da Xunta de Galicia e a Junta de Castela y León a sinatura dun convenio para a reconstrucción da súa Casa Natal en Vilafranca. A filosofía da Comisión Cultural pretende implicar a todas as asociaciois e entes culturais e educativos de Vilafranca, e mesmo a Concellería de Cultura na defensa do nosos valores patrimoniais, por iso está aberta a todas as persoas que desexen integrarse e colaborar nesta etapa de consolidación deste proxecto de divulgación da obra e figura do ilustrado Martín Sarmiento e un labor de defensa do noso patrimonio natural, histórico, cultural e lingüístico.

AS XORNADAS "MARTÍN SARMIENTO"

As Xornadas "Martín Sarmiento" queren renovar anualmente e dun xeito moi práctico este compromiso con nosos recursos culturais entendidos no sentido máis amplo, para facer un seguimento a diversos proxectos que están madurando e que contribuirán a consolidar infraestructuras moi válidas de estudo e recuperación dos nosos bens patrimoniais. O "audete sapere" é un verdadeiro lema das xornadas. Era unha das máximas de Sarmiento que nos vale para "atrevermos a saber" e a estudar o noso para logo podelo conservar ou transmitir. As Xornadas "Martín Sarmiento" son, en certa medida, debedoras en varios sentidos das Xornadas da Cultura e Lingua galegas no Bierzo que se celebraron en Vilafranca nos anos 90. Coinciden no formato, na defensa da lingua materna de Sarmiento como un elemento central da súa convocatoria e no seu interese por ser unha referencia no movemento cultural do Bierzo.

TOPONIMIA, NATUREZA E LINGUA

A nosa riqueza toponímica pode perderse de non facermos un esforzo real na conservación dos milleiros de nomes de lugar que morrerán cando se calen para sempre as voces dos seus valedores, os nosos maiores. A despoboación, a falta de rigor e interese da administración fan perecer irremediablemente esta parte máis feble do noso patrimonio. Quixemos valorar aquí as posibilidades que temos de manter viva esta parte sustancial do noso patrimonio histórico e cultural. Ademais a toponimia ten derivaciois de gran interese antropolóxico que é un dos aspectos que non desexamos perder no Bierzo, razón pola que incluimos nestas xornadas unha proposta para a realización da cartografía mitolóxica do Bierzo.

Por outra banda, desde o ano 2002 vimos traballando na recuperación do Museo de Ciencias Naturais dos P. Paúles e pola creación dunha Aula da Natureza para o Bierzo co nome de Martín Sarmiento que tería a súa sede en Vilafranca. Sarmiento foi un gran observador da natureza, o seu método de estudo e a súa preocupación polo medio fan del un naturalista de excepción. Comprobarémolo a través dun dos seus traballos e veremos como é posible aplicar o seu modus operandi á hora de observar as peculiaridades da nosa fauna. Hoxe é máis necesario que nunca coñecer para preservar e, no Bierzo, é muito o que podemos facer neste sentido.

VILAFRANCA, O BIERZO E PONTEVEDRA

Se no ano 2002 Vilafranca e Pontevedra se unían para homenaxear ao Padre Sarmiento, daquela percatámonos, bercianos e galegos, da posibilidade de manter unha ligazón activa no terreo cultural e educativo seguindo os pasos do ilustrado nado en Vilafranca e criado en Pontevedra. Nesta ocasión , e confiamos que en anos sucesivos, a Vila de Pontevedra estará presente nas Xornadas comezando así un intercambio cultural que repercuta favorablemente en ambas vilas. Un reto e unha honra que a Comisión agradece publicamente e que está disposta a secundar.

SARMIENTO NA ESCOLA

Precisamente unha das facetas máis prácticas desta Comisión vén ligada a nosa preocupación polo mundo da educación, outra das constantes do pensamento de Sarmiento. Chegar aos centros de ensino con propostas que impliquen a Comunidade Educativa nos fins que perseguimos para que sexan as novas xeraciois de bercianos verdadeiros protagonistas da dinámica de recuperación do noso patrimonio.
Sabes en que lugar vives? Sabes con que animais convives?

"AUDETE SAPERE" Atrévete a saber!

PROGRAMA DE MARZO 2005

9 de Marzo Centros de Ensino

Xornada Escolar "Martín Sarmiento".

12 de Marzo . CASA DA CULTURA

18,00 h. PONENCIAS E COMUNICACIOIS:

" O MEGO DA ESCOLA"por HECTOR M. SILVEIRO, coodinador dun proxecto didáctico da Comisión Sarmiento.

PARA UNHA CARTOGRAFÍA MITOLÓXICA DO BIERZO por ANA FILGUEIRAS REI, arqueóloga e antropóloga.

CSI SARMIENTO. SOS LINCE IBÉRICO por LOLA FDEZ ÁLVAREZ, investigadora e etnobotánica.

PROXECCIÓN:

BIERZO NATURAL por PEPO NIETO SANTÍN estudioso da fauna berciana. Trátase dun traballo fotográfico e de estudo da natureza berciana que conta coa colaboración de Nicanor Nieto Fdez , Nicanor Nieto López, Pedro Valiñas e Alejo Sandes.

20.00 h. CONFERENCIA:

A RECUPERACIÓN TOPONÍMICA E A TOPONIMIA BERCIANA por GONZALO NAVAZA, profesor da Universidade de Vigo, escritor e membro da Comisión Toponímica da Xunta de Galicia.
PROGRAMA DE ABRIL

30 de Abril TEATRO VILAFRANQUINO

Xornada de Clausura

18.00 h Presentación das conclusiois dos traballos didácticos sobre Sarmiento de " O MEGO DA ESCOLA".

20.00 h : Actuación teatral

"A CAÍDA DO CONSELLEIRO" de Anxo Lourido

a cargo da

AULA DE TEATRO MUNICIPAL DE PONTEVEDRA.



NOTA: A representación desta obra é unha colaboración específica coa que a Concellería de Cultura do Concello de Pontevedra quixo estar presente nestas Xornadas coa intención de promover tanto ao uso da lingua materna de Sarmiento, como a un intercambio cultural entre a vila que veu nacer e a vila que veu medrar ao ilustrado galego e berciano.

Organiza: COMISIÓN CULTURAL "MARTÍN SARMIENTO"

Patrocina: Concellería de Cultura do ILMO. AYTO. de VILAFRANCA DO BIERZO.
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 25-02-2008 06:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal