O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O GALEGO NO BIERZO NO PARLAMENTO DE GALICIA: Comparecencia do Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta sobre o galego nos centros do Bierzo
Á pregunta do grupo parlamentario do BNG sobre a situación do galego no ensino no Bierzo, compareceu Valentín García Gómez no día de hoxe 28 de novembro para puntualizar as actuaciois que se están levando a cabo. Esperemos que, como di no turno de réplica o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, no que se comprometeu a reclamar no nome de todos os grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia esta solicitude oficial opteña unha resposta positiva por parte da Administración de Castela e León para que o IES Europa poida impartir en Bacharelato a optativa de galego.


Podedes ver a repercusión na prensa no Bierzo á pregunta da parlamentaria Ana Pontón do BNG e a resposta de Valentín García, así como as réplicas correspondentes, nos seguintes vídeos:











Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 28-11-2013 20:51
# Ligazón permanente a este artigo
XUNTA E JUNTA SEGUEN SEN OFERTAR GALEGO NO IES EUROPA

Tras dous meses caóticos con respecto aos problemas que presenta a materia de galego no IES Europa na etapa do Bacharelato,as Administraciois responsables seguen sen solucionar a situación. Cal é o motivo?

Unha situación caótica está sufrindo o IES Europa coa posta en marcha no presente curso do Programa de galego. Comezou, como todos os anos, con alumnos/as matriculados na materia optativa de galego en todos os cursos da ESO e Bacharelato. Pero na segunda semana do mes de outubro pasados máis de vinte días do comezo do curso e de estar impartindo clases nas dúas etapas como noutros anos sucedera, as autoridades educativas comunícanlle á profesora da materia que debe desprazarse a dar unhas horas de galego de Bacharelato aos IES Bergidum Flavium de Cacabelos, deixando sen clases aos rapaces desta etapa nos cursos de 1º e de 2º do IES Europa.
A estes rapaces do Bacharelato, sen facer caso das reclamaciois a Administración educativa de León obrígalles, se queren seguir no centro no que estaban matriculados, a deixar a materia de galego e a escoller outra optativa, ou ben abandonar este centro e incorporarse a outro na mesma localidade para seguir cursando galego. Só un caso cambiou de centro, polo que os demais seguen no Europa, pero sen galego.

A unha semana de rematar outubro, aproximadamente hai un mes, a profesora de galego do Europa volve a ter o horario completo, pois a Junta contrata a outra profesora por horas para dar as clases de Bacharelato en Cacabelos. Todo parecía volver ao seu sitio, despois desta situación surrealista de rapaces matriculados que comezan o curso e que tiveron 20 días de galego e outros 20 doutra materia (esta última forzada. Pero non, os rapaces que esperaban que se lles comunicara por parte da Dirección do centro que a profesora que tiveran, incorporada de novo plenamente ao centro, é dicir, con horas suficientas para impartir as clases de Bacharelato de galego, ía poder darlles a materia, levan máis de vinte días sen que se lles dea a oportunidade de cursar de novo a asignatura na que se matricularan inicialmente.

E dirán vostedes, estes rapaces queren volver a cursar galego a pesar das idas e as voltas da administración? Si, si que queren, téñeno solicitado en distintas ocasiois. Cando llo arrebataron fixeron escritos no centro que a Dirección acumulou nun caixón e entrevistáronse coa Inspección os alumnos e as súas familias. E agora vendo que isto non se arranxa hai unha semana que cursaron escritos en diversas direciois á Direción do IES, á Inspección de León e tamén á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, con que intención? Pois moi simple cursar galego como materia optativa en Bacharelato no IES Europa no que se matricularon.

Debemos lembrar que a Comision de Seguimento do Protocolo que estableceu no seu día o Programa vén de reunirse o pasado día 7 de novembro e pasados case 20 días este tema, que parece sinxelo tras vinte días de caos indicarlle aos rapaces que se queren (e os rapaces queren) poden volver cursar o que solicitaron inicialmente, este asunto, que se puxo enriba da mesa, segue sen resolverse a pesar de que se di na nota de prensa que a Junta e a Xunta remitiron aos medios que "que se confirmou o correcto desenvolvemento do protocolo de colaboración vixente entre ambas as dúas comunidades para a promoción da lingua galega nos territorios limítrofes das zonas do Bierzo e de Sanabria" e que "pola súa banda, a Junta mantén o compromiso de dotar os centros educativos dos docentes necesarios para impartir as clases a todo o alumnado que así o demande".

Esta demanda está nas súas maos, porque os interesados así llelo fixeron saber tanto ás autoridades educativas da Junta como da Xunta de novo e, sinceramente, se non se soluciona nos próximos días pensamos que será por outros motivos distintos da capacidade de reacción que ten a Administración para resolver con axilidade situaciois coma esta.

Por se o motivo de non impartir clase de galego en Bacharelato fose o escaso número de matriculados no Programa, lembramos que este curso volveu a aumentar o número total de matriculados,a pesar destes problemas de xestión por parte da Administración, ás veces dalgúns directores ou equipos directivos dos propios centros, que son unha constante dende que comezou a impartirse galego no Bierzo e Sanabria.

Reclamamos unha maior implicación co Programa por parte destas autoridades, porque o esixen os Estatutos (o de Castela e León e o de Galicia), porque estamos falando de dereitos lingüísticos ante os que non se pode alegar que son poucos os matriculados. O que son poucos, a día de hoxe, os centros educativos nos que se oferta e se publicita convenientemente o Programa para que a Comunidade Educativa coñeza da súa existencia e das súas vantaxes, que se saiba que os rapaces que cursan esta materia optativa ao rematar o Bacharelato obteñen o CELGA III e que isto lles abre posibilidades laborais futuras, beneficio que os que non participan do Programa non teñen. Facer chegar esta publicidade á poboación berciana e de Sanabria é un deber da propia administración. Cremos que se leve a cabo ou non, de todos os xeitos o Programa seguirá medrando, esperemos que as Autoridades educativas de ambas administraciois autonómicas responsables do mesmo, estean logo á altura das circunstancias e sexan quen de evitar atrancos inxustificables e de desamparo como os presentes.
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 24-11-2013 08:34
# Ligazón permanente a este artigo
A JUNTA E A XUNTA NON APRECIAN PROBLEMAS NO IES. EUROPA
Un comunicado tras da reunión da Comisión de Seguimento parece non apreciar ningún problema na posta en marcha do presente curso no Programa de Galego nos Centros do Bierzo. Sabemos que isto non é así, rapaces de Bacharelato deste centro que están matriculados nesta materia optativa á que teñen dereito, foron forzados a cambiar de optativa, quitáronlle a profesora que levaba dándolles clase da materia na que se matricularan, Lingua e Cultura galega, varias semanas despois de comezado o curso, estivo dando clase a outros alumnos en Cacabelos por orde da Administración educativa, agora ( hai dúas semanas) volve a estar no IES Europa, con horas para impartir se se quixera a materia optativa aos alumnos de Bacharelato, que seguen interesados pois teñen ese dereito ademais de que aspiran a que ao rematar a etapa opteñan automaticamente o CELGA III ao que tamén teñen dereito, pero a Administración non o permite. As queixas das familias non son contestadas e pola contra sacan esta nota de prensa.

Deberían ser máis cautos e humildes, non faltar a verdade e dar o seguintes pasos: Pedir desculpas a estas familias, aos alumnos/as implicados e a profesora e solucionar o problema que eles mesmos ocasionaron. Os problemas deste curso co Programa de galego aínda distan un tanto de ser ou estar correctamente resoltos. Esperamos que os acontecementos se desenvolvan con verdadeira corrección e sentidiño e non se consoliden arbitrarias e inxustas aplicacións das leis de racionalización do gasto público.
A cuestión parece que mesmo chegou ao Parlamento de Castela e León a través dos Deputados de Zamora onde nas aulas de galego tamén se detectan problemas.
Comentarios (1) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 08-11-2013 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal