Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.
Non todas as palabras da lingua galega proveñen do latín. Hainas que seguro están entre nós desde hai máis de 2000 anos. Os lingüístas estudan as orixes das palabras. O Padre Sarmiento foi un dos primeiros en interesarse por este tema e atopou unha resposta certeira para moitas das palabras que usamos comunmente. Imos reparar en palabras que podemos consideralas como das máis antigas da nosa lingua.
As linguas de substrato son aquelas que había no territorio antes da chegada dos romanos co latín. Estas linguas tamén deixarán a súa pegada no noso idioma, sobre todo na toponimia. No noso caso hai moitas palabras de diversa procedencia segundo a antigüidade de que se trate. As que máis influíron no latín da Gallaecia foron as linguas indoeuropeas, particularmente a lingua ou linguas dos celtas.
Unha palabra de substrato é CARQUEIXA. A etimoloxía desta palabra pode ser o latín CARCHESIUM (?copa de dúas asas, ancha de boca e estreita na parte central?), que á súa vez provén do grego KARCHESION. A carqueixa tomaría este nome pola forma da súa copa, que recorda ao obxeto que lle dá nome.
Pero para outros autores o nome CARQUEIXA ten que ver coa raíz preindoeuropea CARR- que aparece tamén noutras palabras como carrasco, carballo, cárcava, etc., e mesmo nomes como Carracedo ou Carracedelo,; e que significaría ?duro?.
A planta Carqueixa, cuxo nome científico é Pterospartum Tridentatum, é unha planta arbustiva, de ata 50 cm. cuxas follas paceren continuación dos talos e que terminan en espiña. As flores son marelas. Vive en matos sobre substratos ácidos.
Os bafos da súa cocedura alivian a dor de moas e de cabeza. Tamén se usa para darlle de beber aos leitóns que quedaban paralíticos de atrás por vivir en sitios húmidos e reducidos.
A infusión das súas flores tomábase para trastornos circulatorios, purificar e mellorar a circulación do sangue, baixar a tensión, para suar e ouriñar, contra a reuma, como calmante e laxante. Aos que padecían de gota e reumáticos recomendábaselles darse baños nas zonas doridas. Mesmo se chegou a receitar a raíz cocida en vinagre para dar fretas sobre calquera vulto benigno ou maligno.
O padre Sarmiento, que dá nome ao noso instituto di que se empregaba como cama para o gando e tíñaa por boa forraxeira, xa que segundo el, producía moi bo esterco, ademais as flores tenras eran un bo complemento ao pastar o rabaño. El confiaba plenamente na carqueixa, chegando a convertela nunha especie de panacea que o curaba todo, o mesmo golpes que enfermidades. Segundo el esta planta estaba dotada da benigna omnipotencia de Deus. O prestixio de Sarmiento fixo que a noticia de que a carqueixa tiña altas virtudes curadoras se estendese rapidamente por toda España e mesmo polo estranxeiro. Chegou a dicirse que o mesmo confesor do rei, que estaba eivado, tirara as muletas que levaba, despois de someterse a unha cura a base de carqueixa.
Á parte destes usos medicinais, tamén se usaba para acender o forno ou para queimar os pelos dos cochos despois de matalos, e tamén para fregar os pratos, debido a que é moi áspera, por iso en galego tamén se lle chama "lavacuncas".
Pero aínda hai máis, pois as abellas séntense fortemente atraídas polo pole e o colorido das súas flores.
Pero, na súa contra hai que dicir que en caso de incendio favorece a expansión do lume, debido a que é moi combustible, pero provoca que o lume arda moi rapidamente co cal non dana en exceso a capa fértil.
Como xa dixen, o noso instituto leva o nome do sabio ilustrado, Sarmiento, e debido ao interese e admiración que este frade sentía pola carqueixa, a revista do noso centro chámase así: Carqueixa, podedes visitala en http://www.carqueixadigital.es/ .
O substrato é polo tanto un continxente de realizacións fonéticas, palabras e usos gramaticais que unha lingua anterior desaparecida deixou incrustado no interior dunha lingua falada.
No galego actual hai apelidos que teñen substrato céltico.Algúns apelidos que veñen do substrato son: Páramo,Veiga,Andrade,Viana,Ulloa,Toxo,Osoiro,Busto,Abalo,Serrante.E outros centos máis que se reproducen no rexistro Civil.
Na palabra CARBALLO volvemos a atopar a raíz preindoeuropea "Car-", "Car-b" significa ?pranta dura?,Kar-sería ?rocha,pedra? (Unha das alineacións prehistóricas máis coñecidas de Europa é a de Karnag). Con esta raíz estarían relacionadas palabras da flora como a carqueixa ou topónimos como Carracedo,Carnota,Carrasco?
Tamén podes ver outras nun traballo do departamento de galego sobre a historia da lingua
Varias plantas relacionadas coa flora autóctona conservan a súa denomonación dende tempo remotos pois os falantes seguiron nomeándoas dun mesmo xeito aínda que aprendesen e usasen a lingua dos novos conquistadores. En Marín o arbusto que se usaba para as cortes das vacas non era a carqueixa, era o TOXO unha raíz relacionada coa flora, pero de aparición posterior. Provocou pola súa abundancia moitos derivados relacionados con nomes de lugar onde había matas de toxo, como por exemplo: Toxal: Unha zona das Insoas e é un terreo labradío.Toxeira: Predio preto do anterior, camiño da Toxeira ou Toxeiriña: Perto dos anteriores,Toxeiriña xunto a Insua.
SILVIA MORAL CARDOSO (IES. Padre Sarmiento) e IVÁN SANTIAGO CALVIÑO (CPR. San Narciso)
Toponimia, ou dito doutro xeito, os nomes de lugar foron para o Padre Martín Sarmiento nas súas viaxes un dos seus centros de interese. Sarmiento foi un dos primeiros en preocuparse pola toponimia berciana. Ao seu paso polo Bierzo vémolo apuntando notas e facendo indagacións sobre topónimos como Trabadelo, Burbia ou Compostilla.
Burbia:
O seu nome procede da primeira poboación pola que pasa, Burbia, situada no norte da comarca do Bierzo, na provincia de León. Os afluentes do Burbia son o Valcarce e o Balboa.
Respecto á etimoloxía deste nome, a documentación é tan abundante desde o século VI que non é posible recollela toda. Algunhas das formas que aparecen son: ?Bumbae fontem, Buruia, Urbia e mesmo Burdua (como aparece no Codex Callistinus).
Manéndez Pidal di que provén de BURU ?montaña? e BIDE ?camiño?, polo que significaría ?camiño da montaña?.
P. Flórez di que se chama así por ser moi estreito.
Becerro de Bengoa di que deriva de URBIA e que significa ?dúas augas?.
Pero a palabra BURBIA parece que ten a mesma base que BULBULLITARE ?facer burbullas? , esta base está próxima á base celta WORM ?quente? (porque a auga quente fai burbullas).
Este río pasa por Vilafranca do Bierzo, a localidade máis importante pola que pasa e onde conta cunha praia fluvial, á parte de outros lugares onde a mocidade vai bañarse e que ten nomes tan significativos como: pozo do sol, pozo do sapo ou pozo da moto (porque alí caeu alguén coa moto).
Río Cúa:
O nome deste río aparece citado moitas veces na documentación medieval, porque nas súas proximidades había numerosos mosteiros como o de Carracedelo, San Guillermo de Villanueva, S. Andrés de Espinareda, S. Pedro e S. Pablo de Orria.
A palabra Cúa está emparentada coa palabra portuguesa COA ?río?, que estuda Luis Chaves.
A súa etimoloxía podería ser CAUDA ?cola?. Existen outros termos románicos que Tamén poderían ser a orixe deste nome: CUDA ?muralla, trincheira? ou CUTA ?lugar oculto?.
A localidade máis importante pola que pasa este río é Cacabelos, situado entre Vilafranca e Ponferrada. Ten varios afluentes, pero quizais os dous máis importantes son o Ancares e o Anllares.
Trabadelo:
É unha pequena poboación situada ao Oeste do río Burbia, na comarca do Bierzo, ao lado de San Fiz do Seo, Parada de Souto, Pradela e Perexe.
A orixe deste nome parece remitir a TABULATUM, de onde se tería formado TABULADELO, e de aí Trabadelo, onde Martín sarmiento dí que hai as mellores "táboas"(terras de cultivo)do Valcarce. Testemúñase en León e en leonés como Tabuladielo.
Compostilla:
É un barrio pertencente a Ponferrada, capital do Bierzo, e está atravesada polo río Sil.
A orixe deste nome parece estar relacionada co topónimo Compostela. A Sarmiento lle chamara a atención en San Pedro de Montes a inscrición "ISTA PETRA FUIT CPOSTELLA", facendo constar a relación entre Compostilla e Compostela. O seu étimo parece que pode ser un derivado do verbo PONO, concretamente COMPOSITA. A partir de tal étimo formaríase un *Compostiella, que significaría ?casa ou vila linda, xeitosa?, acrecentada co sufixo ?ELLA que adozaría o nome e o faría amabilísimo. Polo tanto atopámonos ante un nome de lugar que foi nomeado de xeito meliorativo polo seu orgulloso propietario.
Corullón:
É unha poboación pequena situada preto de Cadafresnas, Dragonte, Horta, Hornixa e Vilafranca.
O nome procede da palabra latina CORULLU, que significa ?pico de serra?, máis o sufixo aumentativo, tendo en conta que está situado na aba da montaña.
Se temos en conta que ao seu lado se estende unha feraz e deliciosa veiga poderiamos pensar que o seu nome procede de CORULUS ?abeleira?.
O nome de Corullón podería proceder do nome que tiña un castro situado nesta vila, chamado San Sadurnin. Sarmiento di que "Curulium" aparece así en latín no becerro do Mosteiro de Samos que consulta e ademais deixa a cita de orónimos ( nomes dos montes) como o monte dos Mouriños que sitúa ao mediodía, sendo o máis alto e o máis perto de Vilela.
Beatriz Ares López (IES. Padre Sarmiento)
A TOPONIMIA de Marín: Elixio Rivas
O tamén erudito P. Elixio Rivas estudou os nomes de lugar ao igual que Sarmiento, publicando un libro titulado Toponimia de Marín no ano 1982. Cremos que pensa e actúa dun xeito moi semellante ao que Sarmiento facía cos topónimos. Deixemos pois falar a Elixio na súa introdución a este traballo:
?Os nomes de lugar supoñen ao home con todos os seus afáns, enfrontado a un anaco de terra. Ten que chamala por un nome para entenderse e ata para expresar as súas ideas e sentimentos, e non o fai por azar; será expresando as súas calidades físicas; sería reflectindo un momento histórico con el relacionado; sería dándolle o seu propio nome humano como documento de posesión?sempre existe unha razón suficiente. A partir de aí, haberá un diálogo continuo coa terra concreta, pronunciada pola palabra e aberta e acariñada pola man.?
? O estudoso da toponimia, ciencia dos nomes de lugar, ten que volver ao pasado, ás veces moi afastado, e facer revivir cada nome coas motivacións que lle deron principio. Isto supón penetrar na entraña do pobo para dar coa alma da palabra, coa semántica. Claro que hai que seguir un camiño, a fonética, pero esta, necesaria como é,non é mais que o externo. Ata pode que haxa que librarse de incongruencias aparentes polo paso do tempo. Fonética e semántica irán facendo a luz no afán por conectar a voz petrificada co presente.?
?E ciencia na que non podemos despegarnos do chan para evitar espellismos. E así tentar alumear, explorar o pasado. Tanto os acertos como as hipótesis se irán confirmando ou rectificando, en ningún caso, se o traballo está feito a conciencia, non será tempo perdido.?
Historia local: a orixe e significado do nome de Vilafranca
Hoxe en día existen dúas posibilidades para o significado etimoloxico de Vilafranca. Unha é a de vila "franca", isto quere dicir ?libre de impostos?, grazas ao favor dalgún rei para os seus habitantes. A outra posibilidade etimolóxica é a de "vila dos francos" por ser unha vila con gran cantidade de franceses a causa do Camiño de Santiago.
Aínda hai outra etimoloxía, pero esta de carácter lendario, popular, e sen base científica, pero non por iso menos interesante. Esta teoría popular relaciona a orixe de Vilafranca cos vaqueiros de Tineo e Luarca que baixaban ás brañas de Valdeprado e Leitariegos e que, desexando vales de maior bonanza, confiaron a procura nunha vaca branca que veu asentarse en Vilafranca.
A orixe máis propia asóciase ao mosteiro de Santa María de Cluniaco ou Cruñego, onde benedictinos franceses de Cluny -os monxes negros- se asentaron en 1070, baixo o reinado de Afonso VII, para atención dos peregrinos franceses e que trouxeron, entre outras cousas, o cultivo da vide.
Xunto co anterior, foise formando un burgo de francos, peregrinos franceses que permanecerían nestas terras e que daría o nome ?VILA FRANCORUM-(?vila dos francos?) e importancia á poboación. Sen dúbida estableceríanse tamén xudeus, galegos e xentes doutras terras.
Tamén se fala de vila sen franquías. Durante varios séculos tería dous corrixidores, un para os francos e outro para os do lugar.
Adxunto unha imaxe do castelo de Vilafranca.
Jorge Franco Fernández (IES.Padre Sarmiento)
O TOPÓNIMO ?MARÍN?
Do latín villam vallis Marini, ?vila do val de Mariño?,unha "vila" ou granxa que sería propiedade dun tal Mariño. Xa no 1112 aparece como Marín a secas, cando a raíña Doña Urraca dá este lugar a Diego de Arias( Ego Urraca Regina?facio cartam donationis de illas hereditates quas habeo in terra Morrazo, videlicet Marin?)Rivas Quintas publicou un libro coa toponimia de Marín(Verba, anexo 18, Santiago de Compostela 1982) que reúne o que se sabe de gran parte da toponimia do municipio e lugares veciños.
O que hoxe é Marín o seu centro urbano foi, por longo tempo, non máis ca un hangar ou cobertizos para unhas lanchas e aparellos. O Marín de entón, o primitivo e evolucionou dunha vila ou explotación agraria da época do Baixo Imperio Romano que estaba terra adentro, no Sancto Juliano de Valle Marini. Nunha granxa romana, coma dez máis, de nome vila no municipio. Coa seguridade da zona lindante co mar, aumenta a poboación; fanse tomadas e roteas. Nace o Marín de hoxe. É o ano 1112, cando por primeira vez vémolo nomeado, cuns poucos veciños e o seu alfoz e mar en fronte.
Un cabaleiro rico que posuía estas terras, meteuse monxe e legará ao mosteiro do Oseira as súas propiedades de Marín.
Antigamente, Marín chamabase San Xián de Ancorados polos barcos que fondeaban na súas cercanias, pero é seguro que se trataba dunha deformación popular de ?encoirados? que significa curtidurías de coiro, como as que había na beira do río Lameira, que desauga no núcleo urbano da vila.
O pai Sarmiento afirma que o seu nome vén da palabra latina "mare" que significa mar, pero hoxe se sabe que deriva do nome dun antigo dono destas terras chamado Marinus; Marín deriva entón de (terram) Marini: ?a propiedade de Marinus?. Ambas referencias ao mar son, polo tanto, puras coincidencias, aínda que leve no seu escudo de feitura moderna unha inscrición en latín IN MARE NOSTRA FORTUNA que quere dicir: no mar a nosa fortuna!
GALLAECIA un topónimo moi antigo Gallaecia é o nome que os romanos lle puxeron ao que agora chamamos Galicia. O nome de Gallaecia deu lugar ás actuais formas Galicia/Galiza. pero non son sinónimos. Pois o territorio ao que denominaron Gallaecia os romanos era maior ao que hoxe é Galicia. Gallaecia ocupaba o actual norte de Portugal atá chegar ao río Douro`polo sur, sendo máis discutidos os lindes orientais, incluíndo para algúns unha boa parte das actuais Asturias, León e Zamora. Era un territorio onde floreceu a cultura castrexa entre os séculos VI a.C. e a chegada dos romanos no ano 137 a. C. no que un tal Décimo Xunio Bruto realiza unha operación de castigo contra os lusitanos e ataca aos galaicos que lles foran a axudar matando a milleiros deles e sendo o primeiro romano en cruzar o río Limia. O Triunfo militar de Bruto fixo que os romanos o denominasen a partir da victoria cun curioso título: Gallaicus, presentándose en Roma como vencedor deste pobo.
O nome de Galicia é, segundo parece unha raíz céltica que viría a significar "terra de montañeses"
GALEGO DE GALLAICUS
Gallaicus ou callaicus, é o nome que recibía un dos pobos que habitaban entre o Miño e o Douro á chegada dos romanos. É un xentilicio, o nome das xentes que habitan un territorio ocupado polos pobos castrexos, con clara influencia celta, e que os romanos xeralizaron para denominar a calquera dos habitantes das distintas tribos castrexas tanto do norte do Miño como do Sur ata chegar ao Limia ou mesmo ao Douro.
O sufixo aic-, aec- que evoluciona a -ego é moi característico do noroeste penínsular e está moi presente en multitude de xentilicios ( vilego de Vilar de Aceiro) e topónimos.
UN MICROTOPÓNIMO EN -EGO: CRUÑEGO
O Cruñego ou Cruñiego é o nome que se lle dá á colexiata situada en Vilafranca. Dise que o nome podería provir da unión de Cluny máis o sufixo -ego (procedente de -AIKU > -ECO > -ego), que é un sufixo que proven do indoeuropeo, pero non do celta. Tamén podería vir do nome Cluniaco, por ser a colexiata de Vilafranca mosteiro cluniacense noutro tempo, ligada ao fenómeno xacobeo.
Pero se neste topónimo poderiamos ver a pegada do indoeuropeo, noutros que hai por toda Galicia podemos atopar pegadas das linguas celtas, como por exemplo Biobra, que é unha pequena poboación de Valdeorras, situada na provincia de Ourense, no concello de Rubiá, que presenta o sufixo ?OBRA, procedente do celta ?OBRE. Con este sufixo existen moitos nomes estendidos por toda a xeografía galega, como por exemplo Añobre, que se encontra na provincia de Pontevedra, Callobre, que se encontra na Coruña, Sillobre, tamén na Coruña, Alcabre, que se encontra no concello de Vigo, Xiabre, en Pontevedra...
Belén Diz Juncal( Marín) e Diego Díaz Poncelas ( Vilafranca)
DESCRICIÓN XEOGRÁFICA DO BIERZO:
O Bierzo é unha comarca situada no noroeste da provincia de León, e abarca uns 3.000 quilómetros cadrados. Limita ao leste e ao sur con León, polo norte con Asturias, e polo oeste con Galicia. O máis característico da comarca é a súa forma de foxa, por estar rodeado por montañas.
Ten un turismo rural baseado na beleza das súas paisaxes naturais como os Ancares, ou creados polo home como As Medulas, unha explotación de ouro realizada polos romanos e agora declarada Patrimonio da Humanidade.
Para facernos unha idea de como é o Bierzo, o mellor é propoñer unha un percorrido por algúns dos seus lugares (de Leste a Oeste). Para empezar, sairemos de Balboa, onde cabe destacar a Igrexa Parroquial con mestura de estilos (románico, renacentista) en cuxo interior atópanse varios retablos, as ruínas dun Castelo, do cal téñense referencias xa no século XIV, e como non, as pallozas, que imita nas vivendas dos nosos antepasados. A continuación visitaremos Vilafranca do Bierzo, coñecida polas súas numerosas igrexas, e onde poderemos visitar a rúa da Auga, o castelo ou gozar das súas festas e celebracións, como a dos maios ou a festa da mestizaxe; e os vales do Burbia e do Valcarce. Seguiremos por Cacabelos que conta cunha ampla variedade de ofertas culturais, turísticas e gastronómicas, destacando as súas festas patronais (A Pascua) e as feiras de maio. Ademais, conta cun Museo de recente inauguración, no que se poden visitar diversos bens patrimoniais. E por último, estaremos en Ponferrada, onde merece a pena destacar o seu castelo, a basílica da Encina, e o Morredero (un monte).
HISTORIA É SIGNIFICADO DA PALABRA BIERZO:
Relacionase este nome co da cidade prerromana ?BERGIDUM?. Nun discutido documento das Actas do Concilio de Lugo do ano 569 ao dar os limites entre as dioceses de Lugo e Astorga, atribúese a esta: (Se Ventosa é o actual Castroventosa, probaría que Bérgido non estivo neste monte). A partir de aquí desaparece o nome atribuído á cidade e empeza a atribuírse a toda a comarca.
ORIXE DO NOME
Adóitase ver na palabra ?BERGIDUM? un composto de dúas bases prerromanas: por un lado a forma ?DUNUM, que significa cidade; e por outro a forma BERG-, que presenta maiores dificultades:
Segundo Abelardo Moralejo trátase dunha base céltica co significado de ?lugar alto?, mentres que Corominas di que a base BERGO significa ?montaña?.
En calquera caso significa ?lugar elevado?, polo que Bierzo podería significar ?cidade nun lugar alto ou rodeado de montañas?. Podes ver un vídeo que fala do topónimo "Bierzo" nos enlaces de máis abaixo.
NATALIA FERNÁNDEZ GONZÁLEZ ( desde IES. Padre Sarmiento)
O MORRAZO
A comarca do Morrazo, na provincia de Pontevedra, está formada polos concellos de Bueu, Cangas, Marín e Moaña. Limita ó norte coa ría de Pontevedra, ó leste coa comarca de Pontevedra, ó sur coa ría de Vigo e ó oeste co Océano Atlántico.
É a comarca máis pequena de Galiza, pero ten 81.228 habitantes, e é unha das cinco máis densamente poboadas.
Na miña opinion é unha das comarcas con máis beleza, pois conta coas illas Cíes e Ons patrimonio cultural, o castro de Cabo Home, ademais dunhas espectaculares vistas da súa costa.
É unha das comarcas máis turísticas, xa que se encontra nas Rías Baixas e é moi pesqueira.
Os principais produtos do mar consumidos e explotados na zona son: o percebe, a navalla, a vieira, o ourizo, o polbo e todo tipo de peixes.
A COMARCA E OS SEUS NOMES:
A palabra comarca provén posiblemente dunha raíz xermánica "marka" que significa: país, fronteira.
MORRAZO: é unha palabra moito máis vella é preindoeuropea seguramente dunha raíz "morr-" que significa rocha ou monte, pois a península do Morrazo remata no Facho de Donón sobre as Illas Cíes, unha especie de espiñazo longo , ´máis ancho no centro e que ten alturas como as de Domaio de 560 mts.
Sobre os nomes dos seus concellos direi que:
Bueu,é un hidrónimo ( nome relacionada coa auga) paleoeuropeo precelta, é dicir, moi antigo. Pode proceder de Budetu(pasando por unha forma intermedia Buedo "lugar onde hai moita buda que en latín era a espadana, planta que nace en zonas de lagoas como defende o Elixio Rivas.
Cangas semella ser un nome de orixe céltica que vén significando "torto ou curvo" aínda que hai 3 teorías sobre a procedencia do nome Cangas:
De Marín xa falaran outros. Cangas é o lugar onde vivo e onde paso os meus mellores momentos da miña vida. En definitiva, para min é o mellor lugar do mundo.
Trátase dun proxecto didáctico de comunicación e estudo sobre a cultura e a lingua galegas a desenvolver en conxunto entre alumn@s do Bierzo e de Marín, atendendo a unha invitación da Comisión Cultural Martín Sarmiento de Vilafranca.
Os centros que van participar desta iniciativa son o IES. Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e o CPR. San Narciso de Marín .
Os alumn@s que participan inicialmente son de 4ºda ESO coordinados polos seus profesores de galego en Vilafranca e en Marín, que son Xosé Álvarez e Héctor Silveiro,respectivamente.
Imos dar comezo cunha presentación das comarcas e localidades para logo entrar sempre seguindo o "modus opperandi" do Padre Sarmiento nunha peculiar panorámica da historia da lingua a través das súas palabras, procurando palabras que contrasten ou se complementen entre si.
Cada entrada será asinada polos seus autores que son un/unha do Bierzo e outr@ do Morrazo.
Unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia fixo posible este mes de abril do 2009 que unha das solicitudes dos centros e dos colectivos que apoian a introdución do galego nos Centros se levase a cabo. Trátase pois dunha experiencia para alumn@s de primaria e secundaria de distintas localidades do Bierzo que ao longo dunha semana percorrerán lugares emblemáticos de Galicia ( castros, mosteiros , cidades monumentais e paisaxes naturais) ademais de procurar o contacto directo coa lingua en diversos centros de ensino con outros alumn@s galeg@s cos que, especialmente os estudantes de secundaria, teñen realizado intercambio por carta, lazos de comunicación na lingua que os une. Para un maior detalle podedes consultar máis abaixo algunhas das reseñas que recolleu a prensa nestes días.
Cando se cumpre o 314 aniversario do nacemento de Pedro Xosé García Balboa Gosende Sarmiento un 9 de marzo de 1695 en Vilafranca do Bierzo a súa Casa Natal que foi derruída a causa de que ameazaba con caerse a casa veciña en 1999. A casa daquela xa era propiedade da Xunta de Galicia que a mercara no ano do tricentenario(1995).
Foi no día 18 de maio ano 2002, ano da conmemoración do Día das Letras Galegas na honra de Sarmiento cando se asinou un acordo entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León para erguer un centro dedicado a difundir, neste enclave tan simbólico do Camiño a Compostela como é Vilafranca do Bierzo, a vida e a obra do ilustrado galego-berciano.
Nas pasadas Xornadas Martín Sarmiento, convocadas pola Comisión Cultural do mesmo nome, un dos actos logrou reunir nunha mesa a representantes da administración local, ao arquitecto do Proxecto de rehabilitación e a un representante da Xunta e do Xacobeo, confirmando o compromiso de Galicia para levantar a Casa, pero faltou a outra administración autonómica implicada que optou por non estar na mesa que analizaba a situación pola que atravesa este convenio para a construción dun Centro Cultural no solar da Casa Natal.
Nos enlaces que che proporcionamos máis abaixo podes consultar algunha das biografías de Frei Martín Sarmiento e un dos artigos reivindicando o cumprimento do acordo que contemplaba que no ano 2004 estaría rehabilitada a Casa onde veu á luz e escoitou por vez primeira a lingua que tanto amou dos beizos da súa nai Clara Balboa Sarmiento que posiblemente fose nativa da comarca berciana, aínda que descoñecemos o lugar.
A Asociación Berciana da lingua Xarmenta vén de anunciar a próxima entrega dos premios que anualmente convoca para prestixiar o labor que a prol da lingua realizan tanto diversas personalidades ou entidades do Bierzo como de Galicia.
Este ano os premios foron para a gaiteira galega Susana Seivane, na categoría de personalidade que máis esforzos fixo a prol da defensa da lingua galega fóra da Galicia administrativa. Por outra banda, o Grupo Aira da Pedra, conxuntamente coa Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca,recibirán o galardón na categoría de institución que máis colaborou co desenvolvemento do galego no Bierzo. A gala celebrarase o vindeiro 15 de xaneiro no Teatro Bergidum de Ponferrada e será presentada polos xornalistas Ricardo López Témez e Soledad Figueroa.
No IES Padre Sarmiento de Vilafranca este curso 08/09 van cursar galego de xeito optativo e voluntario aproximadamente un 25% dos alumn@s matrículados no centro.
Dende que comezou a impartirse o galego ano a ano vai medrando a cifra e a pesar das dificultades e malentendidos que presenta a presenza do galego no ensino no Bierzo é unha evidencia do éxito do programa que se vén aplicando dende que, tamén en Vilafranca, se asinara o primeiro convenio entre as autoriaddes da "Junta de Castilla y León" e da Xunta de Galicia, no mesmo ano que era homenaxeado no Día das Letras Galegas o Padre Sarmiento.
Este número de rapaces, rapazas e familias interesadas no estudo e coñecemento da cultura e da lingua galega, lingua patrimonial do Bierzo, favorecerá a súa conservación e dignificación á vez que permite un enriquecemento persoal e colectivo deste importante número de persoas que vén de confirmar,curso tras curso, a súa sensibilidade cara a lograr un achegamento útil e práctico ao que o galego como idioma ofrece a día de hoxe.