O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CONSERVAMOS F- inicial de palabras do latín

Conservación do F- INICIAL

En galego, hai moitas palabras procedentes do latín que conservan o F- inicial, cousa que sucede nas demais linguas romances da península salvo no castelán. Algúns exemplos son:

 Facer < FACERE
 Falar < FABULARI
 Fame < *FAMINE
 Fariña < FARINA
 Fartar < FARTARE
 Feder < FOETERE
 Femia < FEMINA
 Fender < FINDERE
 Ferir < FERIRE
 Fiar < FILARE
 Fibela < *FIBELLA
 Fígado < *FICATU
 Foder < FOTUERE
 Fogar < FOCARE
 Fondo < FUNDU
 Forno < FURNU
 Foxo < FOVEU
 Fozar < *FODIARE

Raquel Rodríguez Amigo do IES Padre Sarmiento.

Conservamos o f- inicial , pero entre vogais evoluciona

O meu apelido é Devesa buscando, buscando atopei a súa etimoloxía que é latina.
Devesa en galego asóciase a lugares fértiles na beira dos ríos ou nos montes. En moitos casos estes lugares son terreos resgardados defendidos dos ventos ou acoutados polo propio home. En castelán dise dehesa < defensa era a forma orixinaria en latín. En defensa como podes comprobar o -f- en sílaba interior tende a desaparecer transformándose nun son bilabial en lingua galega, pero en castelán evolucionou de xeito semellante ao f- inicial en latín, é dicir, un h-.

DEVESA NO DICIONARIO:

1 s f BOT/XEOG Carballeira que pode estar coutada e na que pasta o gando.

2 s f BOT/XEOG Ecosistema de creación humana, a partir do bosque mediterráneo espontáneo, formado por pradarías con árbores do xénero Quercus e no que existe unha produción simultánea de gando, caza, leña, carbón e cortiza. A maioría localízanse en solos delgados e pobres, sobre lousas e granitos, xa que os máis produtivos se destinan á agricultura.

Raquel Devesa Acuña do CPR. San Narciso.


Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 11-07-2009 23:03
# Ligazón permanente a este artigo
UN TRAZO INNOVADOR: PERDA DO "L" e "N" intervocálicos
Desaparición do -L- intervocálico:

Unha das características máis típicas da evolución do latín galaico é a perda do L intervocálico, dando lugar a numerosos hiatos ou ditongos:

 candea < CANDELA
 coar < COLARE
 cor < COLORE
 doer < DOLERE
 dor < DOLORE
 fío < FILU
 moa < MOLA
 moer < MOLERE
 muíño < MOLINU
 néboa < NEBULA
 pau < PALU
 saír < SALIRE
 saúde < SALUTE
 só < SOLU
 soa < SOLA
 táboa < TABULA
 tea < TELA
 xear < GELARE


Desaparición do "N" intervocálico:

Outra das características máis significativas da evolución do latín galaico foi a desaparición da consoante "n" sempre que aparecía entre vogais.



 area < ARENAM
 boa < BONAM
 coroa < CORONAM
 la < LANAM
 lúa < LUNAM
 soar < SONARE
 ter < TENERE

Observa agora que lles ocorre a estas palabras en castelán: arena, buena, corona, lana, luna, sonar, tener. Si, todas elas conservaron o "n" intervocálico que xa existía no latín.

Observa agora estas palabras en castelán: volar,cielo,hilo,pila,muela,sólo. Todas conteñen un "l" entre vogais que xa existía no latín e que en galego se van perder:

? Voar: en latín era VOLARE
? Ceo: en latín era CAELUM
? fío: en latín era FILUM
? pía: en latin era PILAM
? moa: en latín era MOLAM
? só: en latín era SOLUM



CONCLUSIÓN

O Galego normalmente é máis conservador coas palabras latinas que o castelán, pero neste caso non foi asi, presenta un trazo de innovación ao facer desaparecer o "l" e "n" que estaban no latín entre vogais.

Ana María Cela do IES Padre Sarmiento
Sandra Rea González do CPR San Narciso
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 10-07-2009 12:32
# Ligazón permanente a este artigo
O DITONGO "AU" DO LATÍN COMO EVOLUCIONARÁ ?
Moitas das palabras que utilizamos no noso vocabulario proveñen do latín, ao pasar do latina ao galego houbo algúns axustes, así o ditongo galego ou normalmente vén do < AU:

 bouza < BAUDEA
 cousa < CAUSA
 couto < CAUTU
 loureiro < LAURARIU
 louro < LAURU
 lousa < LAUSIA
 mouro < MAURU
 ouro < AURU
 ousar < AUSARE
 outono < AUTUMNU
 pouco < PAUCU
 pousar < PAUSAR
 rouco < RAUCU
 touro < TAURU

O ditongo ?au? evoluciona ao galego como ?ou? e en castelán como ?o?. Exemplos:

LATÍN > GALEGO / CASTELÁN
Paucum > Pouco/Poco
Aurum > Ouro/Oro
Causam > Cousa/Cosa

O OURO É POUCA COUSA...
Hai unha inscrición do denominado Crismón de Quiroga en latín dos primeiros cristiáns que apareceu en Galicia, esta terra á que viñeran os romanos na procura do ouro, que di así:

"AVRVM VILE TIBI EST ARCENTI PONDERA CEDANT
PLVS EST QVOD PROPRIA FELICITATE NITES"


Trascrición (libre):

"O OURO É POUCA COUSA PARA TI, A PRATA PERDE PESO, MÁIS VALOR TEN QUE A TÚA PROPIA FELICIDADE(SABEDORIA) BRILLE".

Sergio Ares López do IES. Padre Sarmiento e Flor Corvalán García do CPR. San Narciso
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 10-07-2009 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
DO LATÍN AO GALEGO SEGUINDO A SARMIENTO


Sarmiento ten un libro cun título un tanto curioso " Elementos etimológicos según el método de Euclides" no que vai expoñendo unha serie de regras de evolución do latín ás linguas romances fundamentalmente ao galego e castelán.
Nesta iniciativa de Intercambio Escolar entre Marín e o Bierzo, propuxémonos seguindo o camín trazado polo que se considera pai dos estudos de Filoloxía colgar no blog algunhas desas regras de evolución pois teñen unha gran funcionalidade á hora de saber máis sobre as linguas que usamos día a día.
Escollemos esas que ademaís teñen máis rendabilidade á hora de fixarnos nas diferenzas que exiten entre o galego e o castelán , tal e como Sarmiento fora propoñendo.



CONSERVAMOS O "o" E MAIS O "e" BREVES TÓNICOS DO LATÍN:

En latín había dous tipos de O, o O breve e o O longo. No paso do latín ao galego o O breve latino conservouse, pero fíxose aberto, mentres que o O longos fíxose pechado. Exemplos da conservación do O breve tónico latino son:

 cova < COVA
 escola < SCHOLA
 fogo < FOCU
 fóra < FORAS
 horta < HORTA
 logo < LOCU
 morte < MORTE
 óso < OSSU
 ovo < OVU
 pobo < POPULU
 porco < PORCU
 porta < PORTA


Como podes observar o ?o? breve tónico consérvase en galego, pero evolucionará xeralmente a un ditongo ?ue ?en castelán.

Exemplo:

Latín > Galego / Castelán
Mortem > Morte / Muerte
Pontem > Ponte / Puente
Porto > Porto / Puerto
Fontem > Fonte / Fuente
Forte > Forte / Fuerte

Algo semellante ocorre co E tónico breve do latín. A regra sería a seguinte:En galego conservámolo, en castelán pasa a ditongo "ie"
Martín Sarmiento no seu libro "Elementos Etimológicos" escolleu como exemplos entre outras as seguintes palabras:

Latín > Galego / Castelán
Ventum > vento / viento
Tempus > tempo / tiempo
Cervum > cervo / ciervo
Centum > cento / ciento
Septem > sete / siete
Metum > medo / miedo

Hai tamén casos moi coñecidos nos que se frea a evolución para evitar que unha cidadade creada polos romanos co nome de EMERITA hoxe se chame Mérida. Saberías deducir cal sería a súa evolución natural tendo en conta que o segundo e da palabra latina é breve e tónico e o i nesa posición tende a desaparecer? Si,adiviñaches efectivamente é esa palabra que a ninguén lle gustaría como nome para a súa cidade.

Raquel Suárez González do IES. Padre Sarmiento e Paula García Area do CPR. San Narciso.
Comentarios (1) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 10-07-2009 09:20
# Ligazón permanente a este artigo
A BASE DA LINGUA : O ESTRATO LATINO
O ESTRATO DO GALEGO, O LATÍN (Miriam Martínez Iglesias, CPR. San Narciso e Carlos Butrón López, IES. Padre Sarmiento)

ESTRATO.

Neste traballo veremos a evolución de palabras que veñen directamente do latín, lingua da que derivan unha porcentaxe do 80% aproximadamente das palabras das linguas romances ou románicas en xeral, que, como sabedes,son entre outras o galego e o castelán.

A palabra estrato provén do latín stratus (cuberta de cama).
En etimoloxía, o termo ?Estratos Lingüísticos? refírese ó conxunto de linguas que se integraron para formar unha lingua nova. Outra palabra relacionada é substrato, na cal o sufixo latino sub (baixo) indica que un idioma está debaixo a outro, é dicir, que o cobre, oculta e o extingue.
En meteoroloxía, a palabra estrato refírese a unha cuberta de nubes sobre a terra. De aí a palabra estratosfera para a capa da atmosfera que cobre a troposfera.
A parte de capa, cuberto ou tecido, stratus indica lugar. De stratus vén o sufixo -estre como: campestre (campus stratus), ecuestre (equus stratus), pedestre (pedis stratus), terrestre (terra stratus) e silvestre (silvestris stratus).
A palabra stratus procede á vez do verbo sternere (pór no chan) de onde logo nacerá a palabra consternar (con- sternere, ?botar á terra?, ou ?aterrar? nos dous sentidos: abater e dar medo). Cando algo cae á terra cóbrea, de aí capa, cuberta, tecido, etc.









ESTRATO LATINO.

É a lingua base que logo conformará a lingua galega. A latinización iniciouse coa chegada de exércitos de Décimo Xunio Bruto(denominado precisamente por iso O Galaico) no 137 a. C. O primeiro pobo co que loitan os romanos son os Gallaici, e así chamaron a esta terra Gallaecia. Tamén Xulio César no 61 a. C. fixo unha expedición militar por vía marítima ata Brigantium, e o Emperador Octavio Augusto (29-19 a.C.) fixo operacións militares contra as tribos galaicas, ástures e cántabras que supuxeron a súa submisión a Roma.

Coa romanización comezou a asimilación do latín na Gallaecia (forma vulgar).
A distancia a Roma e o feito de que os romanos que viñeron a Galicia proviñan da Bética, obraron a favor de que o latín da Gallaecia fose tradicional e conservador (conserva, por exemplo, o ditongo au que dará a forma ou, o f- inicial latino, etc...).
Ademais, o latín da Gallaecia distínguese xa do falado noutras zonas peninsulares, cun léxico típico do noroeste e cunha pronuncia peculiar. Este latín galaico comezará a diferenciarse dialectalmente dos outros latíns peninsulares que serán a base do castelán, leonés e do catalán despois do século VI.


A LINGUA LATINA.

O indoeuropeo é a orixe do latín. Un dos numerosos troncos que saíron desta orixe foi o itálico, de onde saíu o latín, o osco (Sur de Italia) e o umbro (Norte de Italia).

O Imperio Romano foi o que lle deu vida e expansión ao latín. Hai outras moitas linguas que influiron no que chamamos latín arcaico. Unha destas linguas foi o etrusco.

*Expansión:
Por onde pasaba o Imperio Romano impoñía o latín.
En Hispania distínguense dúas zonas na expansión da lingua latina:
- Tarraconensis: o latín non era tan culto. Era o que traían os exércitos. Nesta zona concentrouse o populus, que eran os comerciantes, xente vulgar, etc. Este latín era máis receptivo ás influencias doutros pobos e linguas.
- Bética: o latín era máis culto, máis urbano. Nesta zona concentráronse os literatos, a xente culta, etc.


*Evolución das palabras.
o Léxico:
o Arcaísmos:
rostrum>rostro
capitium>capitia>cabeza
cova>cova
cuius>cuxo
nec unum>ningún
Conservación do pluscuamperfecto de indicativo.
o Innovacións: audire>oir
mulier>muller
comedere>comer
cras>maña
equa>egua
magis>máis
o/e>ue/ie>porta>porta/terra>terra
o Innovacións con respecto ao latín clásico: fabulari>falar
afflare>achar
formosus>fermoso
quarere>querer
o Innovacións na época latina: ere>ar
ere>er
ere>ir
a de OD (Amo a María)
o Neoloxismos léxicos na época imperial: formaceus>hormazo
capatare>catar
amarellus>amarelo

*Os cultismos son palabras que, o non ser utilizadas pola maioría, apenas sufriron transformacións, co que se preserva a forma latina ou grega primitiva. Algúns exemplos son:
collocare: colocar.
digitus: díxito/dígito.
femina: feminino/femenino.
frígidus: fríxido/frígido e frío.
clavis: clave (cultismo) e chave(palabra patrimonial: o cl evoluciona como ch en galego e como ll en castelán)/llave.

Como mostra do estrato latino podemos poñer moitos exemplos. Velaí van algúns:


 Ameixa < DAMASCENA
 Cereixa < CERESIA
 Chourizo < SAURICIU
 Colo < COLLU
 Figo < FICU
 Fonte < FONTE
 Moucho < NOCTUOLU
 Olmo < ULMU
 Outeiro < ALTARIU
 Ovella < OVICULA
 Palla < PALEA
 Pega < PICA
 Ponte < PONTE
 Río < RIVU
 Testa < TESTA
 Troita, truita < TRUCTA
 Vila < VILLA
 Viña < VINEA
 Xesta < GENESTA



En conclusión, se non fose polo indoeuropeo e logo o latín a nosa lingua non existiría. A nosa lingua deriva do latín, é dicir, que a maioría das palabras do galego proveñen do estrato latino, aínda que hai outras que proceden do substrato anterior ao latín, e outras do superestrato (linguas que deixaron pegadas despois do latín, como por exemplo o superestrato xermánico ou o árabe).


Comentarios (1) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 09-07-2009 08:53
# Ligazón permanente a este artigo
E QUE COMÍAN DAQUELA?
NO BIERZO

Nos tempos antigos adoitaban máis ou menos os mesmos alimentos ca nós, salvo aqueles que chegaron doutros lugares que aínda non se coñecían. Pero hai unha serie de produtos que consumía a xente desta época que seguimos consumindo nós, en maior ou menos medida.
Aquí centrarémonos en tres peixes de auga doce: o salmón, a troita e a anguía; peixes que tamén van aparecer citados máis tarde, na documentación medieval.
O substantivo salmón provén do latín SALMONEN (Acusativo de SALMO, SALMONIS) e refírese ao peixe da familia dos salmónidos de corpo fusiforme, pel prateada e carne rosada.
A palabra troita (que presenta as variantes non normativas truita, truta) deriva do latín TRUCTA, e refírese a calquera das especies da familia dos salmónidos, moi próximas ao salmón, pero distínguese deste, entre outra cousas, porque pode ter crías máis dunha vez. Aquí no Bierzo chamámoslle truita, porque nós convertemos en moitas palabras o ditongo OI en UI como noutras zonas de Galicia, así temos truita, muito, etc. No portugués din truta.
A palabra anguía tamén deriva do latín, concretamente da palabra ANGUILLA, que no paso do latín ao galego perdeu o LL que ía entre vogais, igual que noutras moitas palabras.
Destes peixes os que se poden ver hoxe polos ríos do Bierzo son as troitas, aínda que nos últimos anos a poboación de troitas no Bierzo está diminuíndo por causa das obras que se están a realizar nos ríos co fin de regular o seu caudal e tamén pola pesca excesiva. Tamén desapareceron os cangrexos de río.
Os ríos bercianos nos que hai máis troitas son principalmente O Sil e o Valcarce, pero os dous son coutos de pesca e polo tanto, se se quere pescar neles hai que pagar. Así contrólase a pesca para non acabar con todas as troitas.
No río Burbia, que pasa por Vilafranca, antes tamén había moitas troitas, pero ao non haber ningún couto, polo que agora case non quedan troitas e só se poden pescar e matar nun determinado tramo do río e nos demais pódese pescar con morte ou pódese pescar comprando un couto.



David Díaz Poncelas do IES. Padre Sarmiento



NO MORRAZO

Vouche dicir unha cousa. Buscando palabras antigas pensei en vocablos do substrato celta que tivesen que ver co mar e con Marín, e digo eu, unhas das que máis tiñan que utilizar son as das comidas, e dixen: - por que non?- Vou buscalas e aquí as tes:

Centola: do céltico cintollos ?o principal e grande?. Animal crustáceo malacostráceo da orde dos decápodos, que presenta unha cuncha de cor vermella, rosa ou branca e un abdome moi reducido, pregado baixo o cefalotórax, que se captura con nasas e arrastre.
Sinónimo: Araña

Rodaballo: do celta *rotoballos ?de corpo redondo? Peixe da familia dos escoftálmidos, que presenta contorno case circular, os ollos no lado esquerdo, con formacións óseas dérmicas na parte superior, case sen pedúnculo caudal e de cor gris verdosa, terrosa ou amarelada, con manchas.

As palabras non evolucionaron moito.

Que che parece o meu traballo? Case me deixo unha costela buscando a etimoloxia da palabra centola.


Fandiño Santiago, Noel do CPR. San Narciso
Comentarios (4) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 31-05-2009 08:47
# Ligazón permanente a este artigo
OS NOMES CELTAS DAS ROCHAS

Penedo/penediños
Parece provir da raíz celta PENN- PINN- ?rocha, alto?, mesmo ?lousa?, que aparece como palabra céltica posiblemente por vía romana.
Corominas fala dun étimo latino para a palabra española ?pen?: ?PEÑA?, do latín PINNA, ?amea?, tamén ?pluma?: as rochas que forman a crista dun monte penascoso comparáronse coas ameas dunha fortaleza. A primeira documentación r en Galiza, no século VI, PENNA.
En galego-portugués antigo a forma máis castiza foi pena, hoxe aínda usual no común penedo, peñasco, peñascal?e difundida en toda a toponimia do país.?
Pendediños sería un diminutivo de penedo, ao cal se lle engade o sufixo ?iño, procedente do latín ?INUM.

Penedelo
Procede de penedo (< pena) + elo (< ellum): pena, penedo-a. O colexio de Primaria San Lorenzo de Brindis a poucos metros do IES Padre Sarmiento de Vilafranca está situado no lugar denominado: o Penedelo. Usáronse noutro tempo en Marín, pero hoxe non se escoitan, substituídos por outeiro (en terra) e por con (no mar) .
No dicionario vemos: pena, penedo-a, penela, por roca; penedal, penasquedo, penasqueira e penedía, por peñascal ; penouco, penouto, como pena que sobresae. En Santiago atopamos, A Porta da Pena, castelanizado en Puerta de la Peña, que está xunto a San Martíño Pinario; este parece un cultismo (pinnariu) por Piñeiro e aquela era na Idade Media Porta Penne. O tema aparece por Galicia adiante en innumerables tautoloxías. Peñedo, peñueco, que equivale ao galego penedo, penouco.

Pedrafita
Significa pedra chantada que pode facer referencia posiblemente a un menhir de época prehistórica.
Procede de PETRA FICTA, en clara alusión a unha pedra fita ou fincada no chan e referida a antigas divisións territoriais. O propio étimo recolle a tradición de delimitar antigos territorios ou comunidades con pedras cravadas. É un nome de orixe latina, pero a palabra PETRA no latín é un préstamo tomado do grego, xa que en latín para o significado de ?pedra? usábase LAPIS, de onde temos lápida, lapidar, etc.
En Vilafranca tamén temos un derivado deste PETRA, trátase do topónimo A Pedreira / Pedrera, procedente de PETRA + AREA, que quere dicir un lugar onde hai pedras ou moitas pedras.

A Laxe
Son varios os topónimos situados en lugares evidentemente rochosos que aparecen en Marín e na zona con esta raíz precéltica lab- que segundo Elixio Rivas significaba "esvarar" e que logo aparece na lingua céltica como "lág-ena/Láb-ena (pedra plana).





O Con
esta raíz aínda é máis vella que as restantes palabras célticas. Parece ser que é da etapa preindoeuropea, anterior á chegada dos pobos celtas a Galicia. "con/ cun" significa "rocha, cumio". Adoita aparecer relacionado con pequenas illas e rochas do mar, aínda que tamén esta presente en diversos lugares elevados como as denominadas Veigas do Con na falda de Montecelo.

Seixo
Pola contra esta palabra que dá nome a unha das de Marín procede claramente dunha palabra latina "saxum" que significa "pedra grande, rocha". O seixo parece identificarse principalmente como unha rocha de cuarzo.

ANDREA FERNÁNDEZ SILVA do IES. Padre Sarmiento
ENRIQUE BARROS OTERO do CPR. San Narciso
Comentarios (1) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 31-05-2009 08:43
# Ligazón permanente a este artigo
A TERRA DOS MIL RÍOS (Hidrotopónimos)
Galicia foi chamada polos poetas país dos mil ríos. En Galicia e no Bierzo son moi frecuentes os hidrotopónimos, os nomes dos ríos que nacen na montaña e atravesan vales para ir na procura do mar.

O río LAMEIRIÑA de Marín
Lameiriña nace ao pe do monte das Regueiras, no norte da península do morrazo, no lugar de Pardavila, en Marín, e realiza todo o seu curso no interior deste concello .Despois de cruzar o núcleo urbano de Marín, por onde vai parcialmente canalizado, desemboca no porto da Escola Naval Militar.
Lama significa ?terra mesturada con auga, lago, lagoa?. A documentación medieval concentra o uso de lama na actual Galicia e reinos de León e Portugal. O latín lama-ae radica en que a lama latina é escasísima nos textos e só aparece dúas ou tres veces na literatura clásica.

Tamén presenta un sufixo diminutivo -iña, segundo vexo está tamén presente no nome doutros ríos como o río Barburiña do Bierzo.

O río BARBURIÑA de Vilafranca
É un dos ríos, ou máis ben un regueiro, que hai en Vilafranca, que agora mesmo está bastante oculto.
Este nome, segundo os investigadores parece ter relación coa raíz BHER-, que acumula as ideas de ?auga a ferver, agurullar, abrollar, nacer? mais a terminación ?IÑA, que é un diminutivo. A raíz BHER- aparece en moitos nomes galegos como: Borbella, Gorgullón, Borbén, Barbaña, Barbanza, Barbadás, Bermaña, As Burgas, etc., sen esquecer Borbón.


O RÍO SAR está en Marín
O máis coñecido e o que aparece entre outros lugares, no título do poemario en castelán "En las orillas del Sar" da máis grande autora das Letras Galegas, Rosalía de Castro , referíndose ao que pasa pola capital de Galicia.
Pero en Marín temos varios hidrotopónimos onde aparece a raíz Sar- do substrato precéltico, segundo Elixio Rivas, un pequeno relato que se une ao mar na praia de Mogor.

Hai outro río, tamén en Marín, chamado Sardiña, que seguramente non fai referencia ao peixe, senón que ´procede do mesmo étimo "sar" que significa "corrente que flúe". O étimo Sar- é común aos cursos de auga e ríos. A raíz *sar- "fluir, discorrer" produciu apelativos en diferentes linguas indoeuropeas. A raíz "sar- ou tamén "sor-" ou "ser-" ou pasando o r- a un l- én nomes de ríos como o río Sella, aparece en nomes de ríos de lugares moi diversos.

O río Sar de Rosalía é un afluente do río Ulla pola súa banda dereita. Nace na parroquia de Bando (Santiago de Compostela), e discorre polas parroquias tamén compostelás de Sar, Conxo e Laraño. Posteriormente, tras pasar por Iria Flavia e Padrón, desemboca no río Ulla facendo fronteira entre os concellos de Padrón e Dodro. Un tramo do río Sar está incluído na Rede Natura 2000. No ano 2005 estanse producindo mobilizacións en oposición á minicentral da Silvouta no río Sar, promovidas por un grupo de veciños afectados que viven en San Tomé de Obra, e co apoio da asociación ecoloxista ADEGA.

Por certo no río que antes citamos, río Sardiña, volvemos a atoparnos co sufixo diminutivo en -iña.

O río Sil
Sería moi longo recoller as referencias a este río, xa que desde sempre é o río máis importante que pasa polo Bierzo, concretamente pola súa capital, Ponferrada.
O nome Sil aparece nos diferentes textos antigos como sil; sili; silum; sileo, e incluso sullae. Chámase Sil polo vermello das súas augas. Parece que o nome de SIL é de orixe celta, pero cabe a posibilidade de que a orixe do nome sexa o etrusco SIL que significaría ?ocre, óxido de ferro hidratado, que tamén podería chegar ata nós a través de Roma.
Raimundo de Miguel di que pode provir do grego ILUS (lodo de cor amarela ocre). P. Flórez di que deriva da palabra grega SORI. Pola súa parte Becerro de Bengoa di que SIL deriva de SILOA, que significa ?o fondo?, porque a el van parar todos os demais ríos.
Da importancia deste río da mostra o refrán que di que ?o Sil leva a auga e o Miño a fama?



- Watch more funny videos here




O río Miño
É o río máis importante que hai en Galicia, e a onde vai desembocar o Sil. Hai quen o relaciona coas Médulas, facendo coincidir estas co nome de ?Mons Medulius?, polo que o verdadeiro Miño sería a póla berciana, ou sexa o actual Sil, e non a póla lucense. Este río chamaríase na antigüidade ?Minio Eminens?. O nome MINIO procede de MINIUM e fai referencia á cor vermella que parece que terían as augas deste río.
Pero para outros autores, como Corominas, o nome do río non vén de MINIUM, senón que tería que ver con MINAS, é dicir, que tería que ver con lugares onde había actividade mineira, así parece indicalo a palabra francesa mine que procede do celta *MINA ?metal, mineral?, o que dá lugar ao irlandés méin e ao galés muyn co mesmo significado. Polo tanto os Miño serían topónimos celtas autóctonos que nos falan da extracción mineira.
Por outro lado, Pokorny dános a raíz indoeuropea *MEIN ?moverse, cambiar, viaxar? que produce numerosos nomes de río con *MOIN-, *MIN-, *MEIN-.
A historia deste río é moi longa, para min é un dos ríos máis bonitos que coñezo, que desemboca nunha praia que tamén me gusta moito.

GRISEL SANTIAGO GARCÍA do CPR. San Narciso e
DANIEL FERNÁNDEZ AMIGO do IES. Padre Sarmiento.

Comentarios (1) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 30-05-2009 18:14
# Ligazón permanente a este artigo
PALABRAS QUE LOGO SERÁN APELIDOS
Da máis antiga toponimia aos apelidos de hoxe

Barxas: Barxas é una poboación berciana que se encontra ao final da estrada de Veiga do Valcarce, cunha superfice de 62,66 km², na que viven 292 habitantes.



Este nome é una variante da palabra BARCIA, que pode significar ?pequeno chan?. A palabra Barcia é considerada precéltica e preindoeuropea. Relaciónanse con o Vasco IBAR que ven sinificar, igual que Barcia ?pequeno chan?.
Tanto a palabra Barxa como Barcia teñen numerosas variantes por toda a xeografía galega e portuguesa, a maioría delas diminutivos, así podemos atopar: Barcelos, Bacelar, Barxiña, Barciela, etc.
Como curiosidade podemos dicir que a variante Barciela, por exemplo pasou a ser apelido e hoxe en día teñen este apelido en toda España 1096 persoas, que se reparten polas provincias de Pontevedra, A Coruña e mesmo Valladolid, Biscaia ou Sevilla
Veiga:
A palabra Veiga aparece en numerosos topónimos. No Bierzo a vila de Veiga do Valcarce é a Veiga máis importante, aínda que hai unhas cantas, encóntrase na estrada da Coruña, en dirección a Galicia, saíndo de Vilafranca.
A palabra veiga é de orixe prelatina e propia da península Ibérica, o seu significado pode expresar a idea de ?terra fértil? e adoita situarse entre as palabras de posible orixe euroafricana. Por outro lado, a palabra parece que está relacionada co vasco IBAI, que significa ?rio?, a partir de aí fórmase IBAIKA, que é un ?lugar á beira dun río?, de onde derivará veiga que aparece documentado xa no ano 757. Pero a primeira noticia sobre veiga áchase nunha ara romana sita en Reiriz de Veiga (Ourense).
Tamén este topónimo pasou a ser apelido e hoxe en España hai 2430 persoas co apelido Veiga, repartidas por Lugo, A Coruña, Málaga e Madrid.

Héctor Gallego Rico(IES. Padre Sarmiento)

Lama:Lama significa ?terra mesturada con auga, lago, lagoa". A documentación medieval concentra o uso de lama na actual Galicia e reinos de León e Portugal. O latín lama-ae radica en que a lama latina e escasísima nos textos e so aparece duas ou tres veces na literatura clasica.


Bouzas
É un apelido galego. O nome común bouza significa en galego, ?terreo inculto, monte baixo?, na documentación medieval latina aparece como bauza:?terras, pumares, soutos, bouzas, pesqueiras?.
Outra interpretación asocia bouza con balsa, palabra que gorentaba moito a Menéndez Pidal. Elixio Rivas esfórzase en ligar ambas voces pro fáltalle a idea de <> na primeira e non ficamos convencidos, alén do incómodo pobrete que é touza. Xerardo Sacau, ao se ocupar do nome da vila de Bouzas, resumiu con moito detalle as diferentes hipótesis que sobre esta palabra se teñen aventurado. Resignémonos: a orixe de Bouzas e o do nome común bouza é descoñecida aínda que poidamos situala no substrato preindoeuropeo.

Leticia Filgueira Valverde (CPR. San Narciso)
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 30-05-2009 17:06
# Ligazón permanente a este artigo
RICAS ANTIGAS PALABRAS DA FLORA
Os merodos
Nos montes do Bierzo, igual ca nos montes de Galicia, existe un arbusto de dous a tres metros chamado érbedo ou morogueira cuxos froitos son os merodos. O seu nome científico é Arbutus Unedo L.
O nome de érbedo vén precisamente de ARBUTUS, que era como se coñecía en latín, mentres que o nome de morogueira coincide co da planta herbácea que produce os amorodos, morotes, etc, precisamente porque os froitos da amorodeira son parecidos aos do érbedo. Polo tanto convén non confundir os merodos ou amorodos do érbedo (madroño en castelán), cos amorodos da amorodeira (fresa en castelán).
O nome de morogueira e merodo, xunto coas súas variantes, provén do latín MORU, que significaba ?mouro?, posiblemente facendo referencia á color moi vermella que acada cando está maduro o froito.
A árbore ten o tronco coa cortiza áspera e de cor parda avermellada que se desprende en placas, as follas, que son perennes, de cor verde intensa e brillante, de forma lanceolada, recórdannos ás do loureiro.
Os seus froitos como xa dixemos son os merodos, son redondos, pequenos e rugosos, comestibles e coa polpa de cor laranxa ou vermella. Maduran no outono das flores do ano anterior, é dicir, tardan un ano en madurar. Cando está maduro presenta unha cor vermella intensa e, tanto se os compramos na froitería como se imos recollelos ao campo, hai que escoller os de mellor aspecto visual, sen golpes nin mazaduras, xa que son moi perecedoiros, polo que convén consumilos en pouco tempo despois da súa recolección.
Este froito contén un 10 % de azucre, polo que antigamente empregábase para facer augardente e vinagre. Tamén se adoita utilizar para elaborar xelatinas e marmeladas polo seu contido en pectina e ácido málico, aínda que tamén pode consumirse cru. Unha vez cociñado é apropiado para adubar carnes, caza e tamén para acompañar froitas tropicais.
Tamén ten usos medicinais, e os estudos máis recentes apuntan a unha actividade cardioprotectora grazas ao seu contido en taninos e flavonoides.
Os merodos cando están maduros conteñen certa cantidade de alcol que é a causante da súa infundada toxicidade, xa que se se toman en abundancia poden provocar dor de cabeza ou certa embriaguez . De feito o seu nome latino UNEDO significa ?un? e é a orixe que se atribúe á recomendación popular de tomar esa froita con moderación (dun en un).
No Bierzo hai lugares que fan referencia a esta árbore, así atopamos Herbededo, Erbedal en Sanvitul que nos están a falar de lugares onde abundaban os érbedos.
Polo que respecta ao froito, hoxe atopamos persoas co apelido Merodo, que fai referencia precisamente ao froito desta árbore. No dominio lingüístico do galego é bastante frecuente atopar como apelidos nomes de árbores ou froitos.

Os morangos
Desta palabra hai quen asegura que como a de amorodo (coas súas variantes: amorodo, morodo, morote, morogo)>é de SUBSTRATO PREINDOEUROPEO. unha raíz -mor- que está estendida pola Europa meridional,desde o Atlántico até o Cáucaso e quizás sostida por unha etnia (emparentada cos protovascos) chegada a estas terras do Leste.

Aínda hai outras palabras con raíz preindoeuropea como: Coto, outra das nosas antigas palabras (alá polo terceiro milenio a.C.) e tamén sobaco ou unha que usamos en Marín: "cosco" unha curiosa palabra para referirnos ao lixo.

DIEGO RAFAEL SANTÍN (IES. Padres Sarmiento)
e JESSICA PASTORIZA DEL RÍO (CPR. San Narciso)
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 30-05-2009 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0