O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O BIERZO E O MORRAZO, DA MONTAÑA AO MAR
vista da península do MorrazoDESCRICIÓN XEOGRÁFICA DO BIERZO:
O Bierzo é unha comarca situada no noroeste da provincia de León, e abarca uns 3.000 quilómetros cadrados. Limita ao leste e ao sur con León, polo norte con Asturias, e polo oeste con Galicia. O máis característico da comarca é a súa forma de foxa, por estar rodeado por montañas.
Ten un turismo rural baseado na beleza das súas paisaxes naturais como os Ancares, ou creados polo home como As Medulas, unha explotación de ouro realizada polos romanos e agora declarada Patrimonio da Humanidade.
Para facernos unha idea de como é o Bierzo, o mellor é propoñer unha un percorrido por algúns dos seus lugares (de Leste a Oeste). Para empezar, sairemos de Balboa, onde cabe destacar a Igrexa Parroquial con mestura de estilos (románico, renacentista) en cuxo interior atópanse varios retablos, as ruínas dun Castelo, do cal téñense referencias xa no século XIV, e como non, as pallozas, que imita nas vivendas dos nosos antepasados. A continuación visitaremos Vilafranca do Bierzo, coñecida polas súas numerosas igrexas, e onde poderemos visitar a rúa da Auga, o castelo ou gozar das súas festas e celebracións, como a dos maios ou a festa da mestizaxe; e os vales do Burbia e do Valcarce. Seguiremos por Cacabelos que conta cunha ampla variedade de ofertas culturais, turísticas e gastronómicas, destacando as súas festas patronais (A Pascua) e as feiras de maio. Ademais, conta cun Museo de recente inauguración, no que se poden visitar diversos bens patrimoniais. E por último, estaremos en Ponferrada, onde merece a pena destacar o seu castelo, a basílica da Encina, e o Morredero (un monte).

HISTORIA É SIGNIFICADO DA PALABRA BIERZO:
Relacionase este nome co da cidade prerromana “BERGIDUM”. Nun discutido documento das Actas do Concilio de Lugo do ano 569 ao dar os limites entre as dioceses de Lugo e Astorga, atribúese a esta: (Se Ventosa é o actual Castroventosa, probaría que Bérgido non estivo neste monte). A partir de aquí desaparece o nome atribuído á cidade e empeza a atribuírse a toda a comarca.

ORIXE DO NOME
Adóitase ver na palabra “BERGIDUM” un composto de dúas bases prerromanas: por un lado a forma –DUNUM, que significa cidade; e por outro a forma BERG-, que presenta maiores dificultades:
Segundo Abelardo Moralejo trátase dunha base céltica co significado de “lugar alto”, mentres que Corominas di que a base BERGO significa “montaña”.
En calquera caso significa “lugar elevado”, polo que Bierzo podería significar “cidade nun lugar alto ou rodeado de montañas”. Podes ver un vídeo que fala do topónimo "Bierzo" nos enlaces de máis abaixo.

NATALIA FERNÁNDEZ GONZÁLEZ ( desde IES. Padre Sarmiento)

O MORRAZO
A comarca do Morrazo, na provincia de Pontevedra, está formada polos concellos de Bueu, Cangas, Marín e Moaña. Limita ó norte coa ría de Pontevedra, ó leste coa comarca de Pontevedra, ó sur coa ría de Vigo e ó oeste co Océano Atlántico.
É a comarca máis pequena de Galiza, pero ten 81.228 habitantes, e é unha das cinco máis densamente poboadas.
Na miña opinion é unha das comarcas con máis beleza, pois conta coas illas Cíes e Ons patrimonio cultural, o castro de Cabo Home, ademais dunhas espectaculares vistas da súa costa.
É unha das comarcas máis turísticas, xa que se encontra nas Rías Baixas e é moi pesqueira.
Os principais produtos do mar consumidos e explotados na zona son: o percebe, a navalla, a vieira, o ourizo, o polbo e todo tipo de peixes.

A COMARCA E OS SEUS NOMES:
A palabra comarca provén posiblemente dunha raíz xermánica "marka" que significa: país, fronteira.

MORRAZO: é unha palabra moito máis vella é preindoeuropea seguramente dunha raíz "morr-" que significa rocha ou monte, pois a península do Morrazo remata no Facho de Donón sobre as Illas Cíes, unha especie de espiñazo longo , ´máis ancho no centro e que ten alturas como as de Domaio de 560 mts.

Sobre os nomes dos seus concellos direi que:

Bueu,é un hidrónimo ( nome relacionada coa auga) paleoeuropeo precelta, é dicir, moi antigo. Pode proceder de Budetu(pasando por unha forma intermedia Buedo "lugar onde hai moita buda que en latín era a espadana, planta que nace en zonas de lagoas como defende o Elixio Rivas.

Cangas semella ser un nome de orixe céltica que vén significando "torto ou curvo" aínda que hai 3 teorías sobre a procedencia do nome Cangas:

De Marín xa falaran outros. Cangas é o lugar onde vivo e onde paso os meus mellores momentos da miña vida. En definitiva, para min é o mellor lugar do mundo.

ADRIÁN DAVILA ABAL ( desde o CPR. San Narciso)
VÍDEO TOPÓNIMO BIERZO Ben falado
A MIRADA CIRCULAR SOBRE O BIERZO
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 12-05-2009 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
Alumn@s do BIERZO e MARÍN comezan o camín
Trátase dun proxecto didáctico de comunicación e estudo sobre a cultura e a lingua galegas a desenvolver en conxunto entre alumn@s do Bierzo e de Marín, atendendo a unha invitación da Comisión Cultural Martín Sarmiento de Vilafranca.
Os centros que van participar desta iniciativa son o IES. Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e o CPR. San Narciso de Marín .

Os alumn@s que participan inicialmente son de 4ºda ESO coordinados polos seus profesores de galego en Vilafranca e en Marín, que son Xosé Álvarez e Héctor Silveiro,respectivamente.

Imos dar comezo cunha presentación das comarcas e localidades para logo entrar sempre seguindo o "modus opperandi" do Padre Sarmiento nunha peculiar panorámica da historia da lingua a través das súas palabras, procurando palabras que contrasten ou se complementen entre si.
Cada entrada será asinada polos seus autores que son un/unha do Bierzo e outr@ do Morrazo.
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 12-05-2009 20:40
# Ligazón permanente a este artigo
Máis dun centenar de alumn@s de galego en Galicia
Unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia fixo posible este mes de abril do 2009 que unha das solicitudes dos centros e dos colectivos que apoian a introdución do galego nos Centros se levase a cabo. Trátase pois dunha experiencia para alumn@s de primaria e secundaria de distintas localidades do Bierzo que ao longo dunha semana percorrerán lugares emblemáticos de Galicia ( castros, mosteiros , cidades monumentais e paisaxes naturais) ademais de procurar o contacto directo coa lingua en diversos centros de ensino con outros alumn@s galeg@s cos que, especialmente os estudantes de secundaria, teñen realizado intercambio por carta, lazos de comunicación na lingua que os une. Para un maior detalle podedes consultar máis abaixo algunhas das reseñas que recolleu a prensa nestes días.

Podes ver un vídeo do programa Ben Falado sobre este intercambio.
consultar referencia no Xornal de Galicia
VER reseña na prensa
VIDEO PROGRAMA TVG BEN FALADO!
Comentarios (1) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 15-04-2009 19:52
# Ligazón permanente a este artigo
Un nove de marzo máis sen a Casa Natal
Cando se cumpre o 314 aniversario do nacemento de Pedro Xosé García Balboa Gosende Sarmiento un 9 de marzo de 1695 en Vilafranca do Bierzo a súa Casa Natal que foi derruída a causa de que ameazaba con caerse a casa veciña en 1999. A casa daquela xa era propiedade da Xunta de Galicia que a mercara no ano do tricentenario(1995).
Foi no día 18 de maio ano 2002, ano da conmemoración do Día das Letras Galegas na honra de Sarmiento cando se asinou un acordo entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León para erguer un centro dedicado a difundir, neste enclave tan simbólico do Camiño a Compostela como é Vilafranca do Bierzo, a vida e a obra do ilustrado galego-berciano.
Nas pasadas Xornadas Martín Sarmiento, convocadas pola Comisión Cultural do mesmo nome, un dos actos logrou reunir nunha mesa a representantes da administración local, ao arquitecto do Proxecto de rehabilitación e a un representante da Xunta e do Xacobeo, confirmando o compromiso de Galicia para levantar a Casa, pero faltou a outra administración autonómica implicada que optou por non estar na mesa que analizaba a situación pola que atravesa este convenio para a construción dun Centro Cultural no solar da Casa Natal.

Nos enlaces que che proporcionamos máis abaixo podes consultar algunha das biografías de Frei Martín Sarmiento e un dos artigos reivindicando o cumprimento do acordo que contemplaba que no ano 2004 estaría rehabilitada a Casa onde veu á luz e escoitou por vez primeira a lingua que tanto amou dos beizos da súa nai Clara Balboa Sarmiento que posiblemente fose nativa da comarca berciana, aínda que descoñecemos o lugar.
Biografía de MARTÍN SARMIENTO
Comunicado sobre a Casa Natal
Sobre Sarmiento
Comentarios (0) - Categoría: CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 10-03-2009 05:32
# Ligazón permanente a este artigo
Os premios Xarmenta na súa IV edición
A Asociación Berciana da lingua Xarmenta vén de anunciar a próxima entrega dos premios que anualmente convoca para prestixiar o labor que a prol da lingua realizan tanto diversas personalidades ou entidades do Bierzo como de Galicia.
Este ano os premios foron para a gaiteira galega Susana Seivane, na categoría de personalidade que máis esforzos fixo a prol da defensa da lingua galega fóra da Galicia administrativa. Por outra banda, o Grupo Aira da Pedra, conxuntamente coa Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca,recibirán o galardón na categoría de institución que máis colaborou co desenvolvemento do galego no Bierzo. A gala celebrarase o vindeiro 15 de xaneiro no Teatro Bergidum de Ponferrada e será presentada polos xornalistas Ricardo López Témez e Soledad Figueroa.

ENTREGA dos IV PREMIOS XARMENTA
sobre os premios e os premiados
premios en Ben falado!
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 14-01-2009 05:32
# Ligazón permanente a este artigo
Un 25 % dos alumn@s de Secundaria en Vilafranca escollen galego

No IES Padre Sarmiento de Vilafranca este curso 08/09 van cursar galego de xeito optativo e voluntario aproximadamente un 25% dos alumn@s matrículados no centro.

Dende que comezou a impartirse o galego ano a ano vai medrando a cifra e a pesar das dificultades e malentendidos que presenta a presenza do galego no ensino no Bierzo é unha evidencia do éxito do programa que se vén aplicando dende que, tamén en Vilafranca, se asinara o primeiro convenio entre as autoriaddes da "Junta de Castilla y León" e da Xunta de Galicia, no mesmo ano que era homenaxeado no Día das Letras Galegas o Padre Sarmiento.

Este número de rapaces, rapazas e familias interesadas no estudo e coñecemento da cultura e da lingua galega, lingua patrimonial do Bierzo, favorecerá a súa conservación e dignificación á vez que permite un enriquecemento persoal e colectivo deste importante número de persoas que vén de confirmar,curso tras curso, a súa sensibilidade cara a lograr un achegamento útil e práctico ao que o galego como idioma ofrece a día de hoxe.
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 21-11-2008 22:35
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxe a Santiago
O idioma galego gaña adeptos, aínda que moi de vagar, entre os leoneses. Preto de mil alumnos estudan na actualidade no Bierzo a lingua de Rosalía, que falan alí entre 30.000 e 35.000 persoas. Fronte a unha transmisión familiar cada vez máis feble, Xunta e e Goberno castelán-leonés fixeron unha aposta: promover a lingua e a cultura galegas en zonas límítrofes como a devandita.

A experiencia funciona e, este venres, a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, Marisol López, recibiu en Santiago a un grupo de 48 alumnos bercianos de Ensino Secundario que participan no programa de difusión do galego.

Durante unha estadía de dous días, os alumnos dos Institutos de Educación Secundaria Padre Samiento de Villafranca del Bierzo, Bergidum Flavium de Cacabelos, María Luísa Ucieda de Toral de los Vados e Europa de Ponferrada terán un completo programa de actividades que inclúe visitas aos principais puntos de interese do casco histórico compostelán, a museos e outros lugares emblemáticos da comunidade autónoma.

O grupo de estudantes fixo tamén unha visita ao Instituto de Ensino Secundario Xelmírez I de Santiago, que en datas próximas vai desprazar un grupo de alumnos ao Bierzo para favorecer o intercambio e o coñecemento da zona.

Situación complicada

A situación do galego no Bierzo é "complicada", pero non moito máis que en Galicia, segundo un dos profesores que acompaña a expedición, o redondelano Xosé Álvarez García, que leva catro anos impartindo clases no IES Padre Sarmiento de Villafranca.

Os avós de rapaces como os que hoxe e mañá visitan Santiago son case na sú totalidade galegofalantes, algo que xa non é tan frecuente no caso dos seus pais. Mentres que avós e netos falan entre eles na lingua nai, Xosé Álvarez di xa non pasa tanto entre pais e fillos e menos entre os xóvenes, como sucede no caso de Galicia.

Pero eses máis de 30.000 bercianos que falan galego non proceden só das aldeas ou vilas limítrofes a Galicia, senón que hai moita poboación galega que foi vivir a Ponferrada.

Este profesor sinala que non hai máis que acudir un día a un mercado a Vilafranca e comprobar que "alí o que oies falar é galego, non oies outra cousa", afirma sen dubidar.

Noutros contextos é diferente, e sucede en parte como en Galicia, en que depedendo do organismo, a Administración ou entidade de que se trate, o idioma cambia. "Pero si vas, por exemplo, A Veiga do Valcarce, a xente fala alí en galego", sinala, porque o fala todo o mundo.

Xosé Álvarez e máis optimista que antano sobre o uso do galego no Bierzo. Afirma que, de feito, os rapaces que chegan agora ás escolas xa non teñen vergoña de falar galego entre eles.

Os estudantes empezan a entender tamén que o galego e algo seu, e segundo aseguraron algúns dos alumnos que hoxe chegaron a Compostela, estudan este idioma porque lles gusta. Aseguran, ademais, que é dodado de aprender.

Patrimonio común
Na reunión que mantivo Marisol López con este medio cento alumnos, a secretaria xeral destacou "o pasado común e os fortes lazos que nos achegan" xeográfica, cultural, social e lingüísticamente. Destacou tamén que á importancia de saber varias linguas súmase neste caso o valor engadido da condición da lingua "como patrimonio común" entre galegos e bercianos, polo que expresou o compromiso do seu departamento de seguir traballando para que o galego chegue cada vez a máis centros da comarca do Bierzo.

Na actualidade, este programa está presente non só nos centros de Primaria e Secundaria da comarca leonesa, senón que se ofrecen tamén cursos na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. (información reproducida do Galiciadiario.com)
Comentarios (0) - Categoría: INTERCAMBIOS ESCOLARES CON GALICIA - Publicado o 21-11-2008 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
EDITADO UN DVD RETROSPECTIVO SOBRE A FESTA DO MAIO
No mes de maio coincidindo coa festa saía ás rúas este DVD editado pola Escola de Gaitas de Vilafranca e que é unha retrospectiva sobre os máis de 25 anos que levan potenciando esta tradición que ten esta peculiar presenza no Bierzo.
Trátase do único maio mozo no territorio de Castela e León, un dos poucos que se conservan no ámbito da cultura galega, pois os as súas coplas que se conservan por tradición oral están no galego do Bierzo. Invitamos a que quen desexe ter este DVD que contén máis de 150 fotos ademais de dous documentais, gravados no ano 1991 por Benxamín Vázquez e outro emitido recentemente no programa da TVG Alalá. É en definitiva un magnífico e imprescindible documento para coñecer mellor o Bierzo Tradicional.
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 31-10-2008 08:57
# Ligazón permanente a este artigo
A FESTA DO MAIO
REVITALIZAR O MAIO : UN TRABALLO DE DIGNIFICACIÓN DO NOSO PATRIMONIO INMATERIAL

Unha vez máis en pleno século XXI unha festa ancestral marcará como todos os anos o comezo da primavera en Vilafranca e no Bierzo. Unha festa popular e participativa, unha festa distinta que vén a rachar coas tebras do escuro inverno, abre as portas e achega aos balcois das casas da vila medieval un rito sinxelo, acompañado dunha sinxela melodía e uns cantos tamén sinxelos que todos os nenos e nenas coñecen a pesar de ser unha vella letra. Todos a repiten desde non se sabe canto tempo. Aí está outra vez un maio mozo, un maio humano apañando as castañas como parte dun rito que soubemos conservar para o futuro, porque de tantos que había noutras vilas do norte, especialmente en Galicia, en todas elas desapareceu haiche ben de tempo. A casualidade e a fidelidade á tradición fixeron preservar unha reliquia viva do noso calendario tradicional, un verdadeiro símbolo desta tipoloxía de festexos e un modelo ideal para o tan cacareado turismo alternativo ou cultural que converte a Vilafranca, por outro motivo máis, nun lugar de referencia na comarca, para veciños e visitantes.

para ver imaxes dos maios no 2006 en BIERZOTV
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 12-04-2008 08:33
# Ligazón permanente a este artigo
Ola, un saúdo para os nosos colegas de Pontevedra.

Son Óscar espero vervos mañá ou pasado. A ver se xogamos un partido.

Eu son Nerea, gústame xogar ao fútbol. O meu equipo favorito é o Real Madrid.

Eu son Dani, Murdo para os amigos, Estou a morte co Barça., Morte ao Madrid.

Eu son Cecilia, gústame o rap, o meu grupo favorito é Eminen.

Eu son Toni, non vou a Pontevedra este ano, pero espero vervos cando veñades vós, e a ver se imos todos xuntos ás Médulas.
Comentarios (0) - Categoría: INTERCAMBIOS ESCOLARES CON GALICIA - Publicado o 02-04-2008 08:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal