O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XIII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO A PESAR DO CONFINAMENTO

As XIII Xornadas Martín Sarmiento este ano 2021 terán un formato especial ao ter que celebrar o Día do Galego nos centros docentes do Bierzo dun xeito diferente á forza.

A Comisión Cultural organizadora do evento está xa procurando os apoios habituais que se deron nas anterioes ediciois das Xornadas para editar un material didáctico que chegará o próximo 9 de marzo aos centros educativos en forma dunha revista para cada alumno/a do Programa de Promoción do Galego no Bierzo. O alumnado poderá desenvolver diversas actividades propostas a partir desta iniciativa coa axuda do profesorado que imparte esta materia, tanto nos centros de Primaria como os de Secundaria.

A PERSONALIDADE DO BIERZO: TERRITORIO E LINGUA
O lema deste ano xira arredor da personalidade do Bierzo na que xogan un papel relevante a lingua e o territorio. É a lingua coa que nomeamos a terra na que vivimos e configuramos a paisaxe a medida que identificamos os lugares polo seu nome. Ademais ao coincidir este ano co bicentenario da proclamación da Provincia de Vilafranca en 1821 cremos que é un boa ocasión para coñecer algunhas das razois polas que hoxe existe a Comarca do Bierzo.

A Comisión Cultural Martín Sarmiento con esta celebración pretende manter a sensación de continuidade con respecto aos programas de actos realizados en anos anteriores. Tenta achegar á comunidade educativa berciana o uso do galego nas aulas creando dinámicas enriquecedoras de encontro cunha compoñente lúdica á vez de formativa. Era para nós un reto procurar unha vez máis ese contacto anual, esa presenza nas aulas da figura e do modus operandi de Martín Sarmiento, o ilustrado vilafranquino homenaxeado.
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 09-02-2021 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
O carballo de Santa Margarida
Comentarios (0) - Categoría: CURIOSIDADES SOBRE SARMIENTO - Publicado o 27-10-2020 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
ÁS VOLTAS COA CASA NATAL DE SARMIENTO
Un novo artigo de Carlos Fifdalgo faise eco dos últimos movementos sobre o futuro uso do solar onde estaba a Casa Natal de Sarmiento en Vilafranca do Bierzo. Un parcho para tapar unha falta de compromiso coa figura do erudito, coa vila que o viu nacer e co Bierzo en xeral. A casa debería estar reconstruída con cuartos que a Junta de Castilla y León asinou invertir nun acordo algo que incumpriu ante a Xunta de Galicia e os cidadáns que vemos como ese diñeiro público non chega nunca ao seu destino, deixando a Vilafranca sen unha das infraestruturas museísticas máis importantes que debería terse posto en marcha arredor do 2004. Para cuando se atenderán as necesidades dunha vila histórica que precisa unha serie de inversiois básicas para poder emprender un novo camín e asentar iniciativas que fixen poboación no territorio e que procuren abrir novas fontes de progreso?

Artigo de CARLOS FIDALGO Diario de León.
Comentarios (0) - Categoría: CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 21-09-2020 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
De Sarmiento a Juan Carlos Mestre. Unha viaxe a través de tres textos na Tribuna da RAG

Na Tribuna da RAG acaba de publicarse un artigo que liga grazas a tres textos, a tres autores relacionados co galego do Bierzo.
Na cabeceira faise referencia a aparición dun deles na Revista de pensamento crítico A TRABE DE OURO no seu último número, o 113 editado neste ano 2020.
Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIOIS - Publicado o 13-07-2020 23:34
# Ligazón permanente a este artigo
Conta saldada para Carvalho Calero, conta debida para Fernández Morales
O Bierzo reivindicará de novo ante a Academia Galega ao autor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano como candidato ao Día das Letras Galegas do 2021, unha conta debida.

Certamente se convertera nunha especie de litixio a candidatura de Ricardo Carvalho Calero ao Día das Letras Galegas, e, polo tanto, había unha clara necesidade por resolver a súa proclamación como homenaxeado. Este litixio formal, aínda que hai quen diga que non era tanto (véxanse mesmo as raíces de tal pendencia na grafía coa que se reproduce o apelido Carballo/ Carvalho) este ano 2020 queda zanxado e á vez tamén desaparece outro vello conflito que parecía existir entre o noso Antonio Fernández Molares e Don Ricardo porque de vello viñan sendo rivais como candidatos en pugna ante o Plenario dos académicos. Logo, alegrámonos desta decisión porque se abre a posibilidade por fin de que se salde a conta debida co segundo dos veteranos candidatos. Reunamos logo as razois obxectivas que se formularon no seu día e renovemos argumentos para que o autor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano sexa o candidato elixido para o próximo Días das Letras.

Comecemos por lembrar que foi curiosamente Don Ricardo o que no ano 1969 publica un aparentemente novidoso traballo sobre Mariano Cubí (o filólogo catalán un dos maiores responsables de que Morales escribirá en galego) quen logo na súa magna e loada obra Historia da Literatura Galega Contemporánea marxine no canon literario galego a obra poética do berciano, facendo gala, ao noso humilde parecer, duns prexuízos inxustificados nese estudo crítico citado. Afortunadamente os estudos da crítica máis recente e os traballos que, dende a morte de Don Ricardo atá hoxe, se deron a coñecer acerca de Fernández Morales camiñan cara ao seu recoñecemento e posta en valor.

Efectivamente, coa participación da Academia, tanto no ano 2011 con motivo do 150 aniversario da publicación dos Ensayos poétocos de Morales (lembren en 1861 dous anos antes dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro) como no Bicentenario do nacemento do autor no 2017, foron corrixíndose e sacando do esquecemento os valores desta magnífica e voluminosa obra. Tamén esas dúas datas foron dúas boas oportunidades perdidas para celebrar do Día das Letras no Bierzo. Non imos reiterar as contrastadas e valiosas opiniois que os críticos da Literatura Galega Contemporánea foron aportando para incluír a este autor berciano (aínda que astorgano de nacemento), cada vez con maior peso e relevancia en acreditados e prestixiosos traballos publicados recentemente, libros de texto, numerosas relatorios e mesmo artigos de prensa . Descubriuse incluso que unha boa parte dos textos editados en 1861 por Morales foran escritos dúas décadas antes, converténdoos en verdadeiras primicias da Literatura Galega Contemporánea formando parte ineludible dese movemento que adoita denominarse Rexurdimento.

Quixeramos si apuntar un par de cuestois que poden animar aos académicos a rematar con esta demora e saldar a conta. A primeira e fundamental que cremos que a ninguén se lle escapa , pero é necesario indicala, por máis que sexa unha obviedade. O galego no Bierzo precisa unha urxente e decidida intervención á hora de ofrecer un cambio á situación secular de deterioro que pode ser irreversible. Unha acción puntual , pero que se estende ao logo dun ano, como esta celebración do Día das Letras debe servir de punto de punto de inflexión para introducir unha nova dinámica de traballo cos territorios galegófonos que se achan fóra da Galicia administrativa e que se vén dilatando ano a ano, co que isto supón de dano á saúde, xa de por si fráxil, do noso idioma nesta comarca. Unha comarca que, nestes últimos anos, vén manifestando e madurando unha asunción dos valores implícitos na preservación da riqueza lingüística con programas como o da Promoción do galegos nos Centros Docentes, e que vive como á espera ou, se se quer, como en demanda de que se dea axiña un paso máis. A Academia soubo compartir a celebración no 2002 dun Día das Letras entre Pontevedra e o Bierzo, vinte anos despois corresponde celebrar o Día completo no Bierzo.

Precisamente é oportuno e inevitable destacar que, non só existe un precedente literario de Morales no século XVIII, ligado a esta comarca, como é o do consabido galego?berciano Martín Sarmiento, senón que existen outros autores bercianos futuros candidatos que son continuadores desta veta en lingua galega de orixe berciana como son Ramón González ?Alegre xa no século XX e, na actualidade, acabamos presenciar o arrebatador debut cun libro en galego de J.C. Mestre ( un autor que acumula importantes e recoñecidos premios en castelán) e cuxa publicación, hai agora un ano, obriga a establecer un antes e un despois non só para a literatura berciana, senón tamén, dalgún xeito, para a literatura galega ao ofrecer cos seus 200 gramos de patacas tristes unha estética novidosa e sumar para a república das Letras Galegas unha sinatura netamente berciana.

Por último, non queriamos desaproveitar a ocasión para incorporar unha curiosa e casual, pero non pouco poderosa razón máis no noso argumentario. Celebrar no ano 21 o Día das Letras sería un perfecto precedente lingüístico e literario, cargado de identidade, para o ano 2022 no que se vai conmemorar no Bierzo un aniversario profundamente simbólico e ligado a cuestión da personalidade histórica da comarca como é o bicentenario da proclamación de Vilafranca como Provincia en 1822, punto de partida do que hoxe é o trato singular que recibe por parte da Comunidade Autónoma de Castilla y León, ao ser a único territorio cun Consello Comarcal con competencias recoñecido no Estatuto. Consello Comarcal que ten asinado por unanimidade no 2017 un texto para a conservación dos usos e a promoción dos novos espazos do galego no Bierzo que busca a implicación das administraciois locais e atutonómicas, estatais e europeas nun decálogo de medidas ao que pode contribuír e muito a Academia coa celebración do próximo Día das Letras na bisbarra, onde está soterrado Antonio Fernández Morales. Que así sexa.

No BIERZO DIARIO

Nueva Crónica
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2020 10:32
# Ligazón permanente a este artigo
CRÓNICA DAS XII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO


Las jornadas Martín Sarmiento hacen de altavoz para reivindicar el gallego en el Bierzo from Bierzotv on Vimeo.



As XII Xornadas Martín Sarmiento centradas este ano na celebración do centenario do nacemento en Vilafranca do Bierzo do poeta, dramaturgo , editor e ensaísta vilafranquino Ramón González-Alegre acadaron unha vez máis un eco na prensa e nos medios de comunicación que recollen en diferentes titulares algunhas das claves sobre as que xiraron estas xornadas, aínda que case todas destacan o momento no que se realizou a ofrenda floral ante o monumento a González-Alegre na Alameda da súa vila natal.

Comezamos o día coa boa nova da publicación da páxina web do Consello Comarcal do Bierzo en galego.

A SESIÓN COS ALUMNOS/AS DE SECUNDARIA NO TEATRO DE VILAFRANCA: RECITADOS, TEATRO LIDO E DRAMATIZACIOIS DE TEXTOS DE GONZÁLEZ-ALEGRE

Despois dun saúdo de benvida aos alumnos/as e dun agradecemento mui especial aos docentes que prepararon este encontro poético-dramático dos cuatro institutos do Programa de Galego no Bierzo e da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, comezaron os alumnos/as do IES PADRE SARMIENTO de Vilafranca que a modo de anfitriois recitaron un bon número de poemas do libro de Ramón tituladoOs namoros (1961).

A seguir recitou con acompañamento musical o alumnado do IES Virxe da Encina de Ponferrada, antes de cederlle o escenario ao IES Europa, tamén de Ponferrada, que levou a cabo unha versión adaptada, con vestiario e todo, da peza de Teatro Galego Un lóstrego na noite.

Logo o Departamento de Galego da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada trouxo a dous alumnos que fixeron un recitado inesquecible de poemas pertencentes á revista Alba asinados polo seudónimo de González-Alegre, Fernando Burbia Valcarce, títulos como Urro por Galicia .

Rematou esta primeira sesión no teatro cunha lectura dramatizada na que se entrelazaban tamén versos do noso autor lidos por alumnos/as do IES Bergidum Flavium de Cacabelos aos que se sumou o propio docente de galego.

Crónica fotográfica dos encontros de Secundaria

OFRENDA CONXUNTA DE SECUNDARIA E PRIMARIA DE FLORES DE PAPEL E VERSOS NO MONUMENTO AO AUTOR NA ALAMEDA

Unha vez concluída esta primeira parte do encontro, saímos do teatro cara ao monumento na honra de Ramón González-Alegre na Alameda da vila para participar xunto cos alumnos/as de 14 centros do Programa en Primaria que, unha vez chegados eilí, realizaron unha ofrenda floral de papel e versos dos máis pequeniños, dous recitados, un en representación do alumnado de Primaria (un alumno do CEIP.Valentín García Yebra de Ponferrada) e outro por Secundaria (outro alumno do IES Padre Sarmiento de Vilafranca) na que interviñeron ademais as distintas administraciois que colaboran coa organización das Xornadas Martín Sarmiento, momento que foi amplamente recollido polos medios de comunicación.

SESIÓN MUSICAL NO TEATRO PARA PRIMARIA
A continuación o alumnado de Primaria dirixiuse cara ao Teatro Enrique Gil y Carrasco para ver o espectáculo musical Enredando con Pakolas subvencionado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Crónica fotográfica dos encontros de Primaria

ADEUS NA CASA NATAL DE GONZÁLEZ-ALEGRE
Os alumnos/as de Secundaria e a Escola Oficial de Idiomas, entidades colaboradoras como o Instituto de Estudos Bercianos, a Comisión Cultural Martín Sarmiento ademais das autoridades educativas, locais, comarcais e autonómicas partindo do monumento ao noso poeta na Alameda vilafranquina, tras da ofrenda floral, realizaron acto seguido un breve percorrido que foi parando no busto a Sarmiento na propia Alameda, no espazo onde estivo no seu día a casa natal do erudito na Rúa da Auga e poucos metros despois (case en fronte da casa doutro poeta do XIX, natural tamén desta vila, Enrique Gil) detívose a comitiva ante a casa nativa de Ramón. Héctor Silveiro coordinador da Comisión Cultural organizadora dos actos comentou alguis aspectos biográficos sobre o homenaxeado antes de que pechasen a actividade cun recitado musicado do poema Adeus os rapaces/as do IES Virxe da Encina de Ponferrada.

BIERZOTV
BIERZODIARIO
PÁXINA DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA XUNTA DE GALICIA
Bierzodigital
DIARIO DE LEÓN
NUEVA CRÓNICA
OSILinfo
Twiter do CEIP Jesús Maestro
PÁXINA WEB CONSELLO COMARCAL DO BIERZO
PÁXINA WEB DA REAL ACADEMIA GALEGA

A CONVOCATORIA DOS III PREMIOS MORALES EN CACABELOS

Ás 13 horas no Salón de actos do Museo Arqueolóxico de Cacabelos, recibiron á comitiva de autoridades e organizadores das XII Xornadas Martín Sarmiento, membros do Grupo As Médulas e o Alcalde e a Concelleira de Cultura do Concello da vila do Cúa para proceder a anunciar publicamente a convocatoria da III Edición dos Premios Morales.

Foi o editor de Edicións Positivas e membro do Grupo As Médulas quen presentou o lema e poema escollido como inspiración para o concurso desta edición dos Premios "Chegaron os romanos"
tirado do poema dedicado á Virxe da Quinta Angustia de Cacabelos e logo foron intervindo as entidades colaboradoras, a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Bercianos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, un representante da Dirección Provincial de León de Educación en representación da Junta de Castilla y León e os
concellos de Vilafranca, anfitrión das Xornadas Sarmiento e propio Concello de Cacabelos que será o lugar escollido para a entrega dos III Premios Morales.


A MESA DE TRABALLO NA SESIÓN DE TARDE

Esta sesión de tarde celebrouse no Salón de plenos do Concello de Vilafranca estando presentes docentes do Programa de galego no Bierzo, entidades organizadoras e colaboradoras das Xornadas e as administraciois que tamén colaboran coa organización das mesmas. Tras unha análise descritiva que realizou Héctor Silveiro, establecéronse dous puntos na orde do día:
1- Propostas para a mellora do Programa de Promoción do Galego no Bierzo.
2- Borrador para un convenio da RAG e entidades bercianas.

PRESENTACIÓN DA 1ª PUBLICACIÓN DE MATERIAIS PARA O GALEGO NO BIERZO EN CORULLÓN.

No Local social de Corullón coa presenza dun nutrido grupo da corporación municipal de Corullón co alcalde á cabeza, a Comisión Cultural Martín Sarmiento presentou o primeiro libro que edita de cara a abrir novos espazos para o galego no Bierzo cunha serie de materias publicados que recollan aspectos substanciais do patrimonio cultural da fala galega do Bierzo. Para comezar esta vía de traballo escolleuse Unha Cala no Bierzo Occidental (Corullón)de Elixio Rivas Quintas. O autor que estaba previsto estivese presente, por motivos de saúde (ten 94 anos de idade), declinou nos últimos días achegarse ata Corullón. O Alcalde Luis Arias de Corullón con agarimo anunciou que o visitaría na súa residencia en Os Milagres de Ourense para lle agradecer as facilidades que fixeron posible finalmente esta publicación de tanto interese para o concello.
Interviñeron ademais tanto o editor Paco Macías de Positivas como o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que subvencionou a edición, Valentín García e o autor do Prólogo, Héctor Silveiro, tentando describir os contidos e peculiaridades deste magnífico traballo realizado por Elixio Rivas a finais dos anos 80 e concluído a comezos dos 90 en Corullón.


En conclusión, estas Xornadas rematan coa sensación de cumprir cos obxectivos coas que foron deseñadas de acompañar e potenciar o Programa de Promoción do galego na comarca e de ampliar espazos para a nosa fala, deron á luz novas importantes para o galego no Bierzo e viñeron cargadas de novos proxectos que iremos concretando nos próximos meses que servirán á vez de preparación da próxima edición do Día do Galego no Bierzo.


Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 10-03-2020 06:31
# Ligazón permanente a este artigo
UN BREVE APUNTAMENTO E UN POEMA DE RAMÓN GONZÁLEZ-ALEGRE BÁLGOMA

Ramón González-Alegre Bálgoma (Vilafranca do Bierzo 1920- Vigo 1968)

Naceu na mesma rúa e a uns poucos metros da casa natal do Padre Sarmiento en Vilafranca do Bierzo da que marchou sendo un nino, pero terá sempre mui presente, de feito volverá ao longo da súa vida por tempadas e períodos vacacionais de xeito continuado. En 1924 trasladouse á Coruña, cidade do seu pai, pero en 1926 a familia mudouse a Vilagarcía de Arousa, onde realizou o bacharelato.

Fixo Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, e foi membro do SEU, primeiro como Delegado provincial de bibliotecas e logo como Xefe provincial de prensa e propaganda. Logo de pasar un tempo como profesor de Universidade en Madrid, e na Coruña, instalouse definitivamente en Vigo (1949).

Dirixiu a revista literaria Alba, clave no rexurdir da poesía galega despois da guerra civil. Da súa obra ensaística destacamos Poesía galega contemporánea (1954) O libro abrangue a poesía do segundo cuarto do século XX, desde 1925 ata a publicación do volume, unha visión xeral de aspectos da poesía galega que o autor considera destacados, seguido dunha análise de diferentes autores e autoras.

Escribiu e publicou varios libros de poemas en castelán entre os que destacamos Clamor de tierra (1950) e El ágape de Dios (1964) e en galego Os namoros (1961), ademais dun conxunto de pezas teatrais baixo o título Teatro Galego (1968).

A causa da súa morte prematura deixou unha parte importante de escritos sen publicar, sendo unha personalidade destacada para o mundo literario galego e berciano en pleno Franquismo dedicando aos galego-falantes do Bierzo ademais de muitos versos, aquela peza de teatro que titulou Farsa dos veciños que aínda segue pendente de ser levada a escena por vez primeira.


Adeus

Adeus tardiña nova en Vilafranca,
porta da señardá que tanto dóe
nas cinzas da i-alma.

Xunto das herbas o fungar do vento
bica as azas dos anxos invisibres,
i-eu che digo adeus, campiño amado,
onde os fillos xogaron co teu nome.

Adeus, adeus, arbres do horto,
os meus choplos amigos, carballeiras
por onde os bicos cheiran a namoro.

Adeus tristura moza das campás
que á tardiña levades os rumores.
En sospiros me vou. Adeus, meus prados,
Que a tristura da noite vén calada.


Os Namoros (1961)




XII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO (na Crónica de León)
(No Bierzodiario)

Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 02-03-2020 20:24
# Ligazón permanente a este artigo
PROGRAMA DAS XII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO HOMENAXE A GONZÁLEZ-ALEGRE

PROGRAMA DE ACTOS

NO CENTENARIO DE
RAMÓN GONZÁLEZ-ALEGRE


En 1920 nacía en Vilafranca do Bierzo Ramón González-Alegre. Destacado poeta, crítico literario e dramaturgo. Na súa obra en galego emerxe recorrente o seu Bierzo natal. O río Burbia e o Valcarce serán constante fonte de inspiración ao igual que os seus veciños, os galego-falantes da comarca aos que lles dedica o seu teatro en lingua galega.

A Comisión Cultural ?Martín Sarmiento? de Vilafranca, os alumnos/as e docentes do Programa de Promoción do galego na comarca, coa participación da Real Academia Galega, as autoridades educativas autonómicas, alcaldes do Bierzo e o seu Consello Comarcal entre outros entes bercianos renderán homenaxe a súa figura nestas Xornadas, conscientes da necesidade de incorporar novas iniciativas, xunto ao importantísimo labor educativo, para fortalecer o uso da nosa fala onde habitualmente é utilizada, mellorar o actual Programa de Promoción nos centros escolares e seguir abrindo novos espazos para o galego no Bierzo.

CELEBRAMOS
O DÍA DO GALEGO NO BIERZO

Chegamos xa á doceava edición das Xornadas Martín Sarmiento en Vilafranca asentando, curso a curso, o Día do Galego nos Centros Docentes do Bierzo e sumando iniciativas e administraciois locais implicadas. Este día, 9 de marzo, centos de alumnos/as vidos de distintos puntos da comarca presumen de cultura e identidade. Temos a certeza de que máis aló das aulas este sentimento estámosllo a contaxiar a outros sectores da sociedade berciana que perciben que vai sendo hora de arroupar o acordo de Promoción da Lingua Galega que leva 18 anos aplicándose e reclama un novo pulo.


Luns 9 de marzo 2020, VILAFRANCA DO BIERZO.
1.ª SESIÓN: : TEATRO VILLAFRANQUINO
?ENRIQUE GIL Y CARRASCO?

9,30 APERTURA DO INTERCAMBIO DE SECUNDARIA:
HOMENAXE A GONZÁLEZ-ALEGRE NO SEU CENTENARIO: Intercambio Escolar dos IES do Bierzo que representarán unhas escenas teatrais e recitarán poemas do autor. Están presentes a totalidade dos alumnos/as do Programa de SECUNDARIA dos centros:
IES Padre Sarmiento (Vilafranca)
IES Bergidum Flavium (Cacabelos)
IES Europa (Ponferrada)
IES Virgen de la Encina. (Ponferrada)
Alumnos/a de Galego da EOI de Ponferrada.

11,00 h.: No monumento a González- Alegre Ofrenda floral e intervención das autoridades presentes do Concello de Vilafranca, Consello Comarcal do Bierzo, Xunta de Galicia e da Junta Castilla y León, ante o alumnado de Primaria e Secundaria do Programa de Promoción do Galego no Bierzo. A continuación o alumnado de Secundaria, docentes e as autoridades realizan un pequeno itinerario ata a Casa Natal do autor homenaxeado.

2.ª SESIÓN: Teatro de Vilafranquino.

11,30 APERTURA DA SESIÓN DE PRIMARIA:
- ENREDANDO CON PAKOLAS, actuación musical de Paco Cerdeira subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
Asisten alumnos/as dos centros de PRIMARIA de:
CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca,
CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos,
CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada,
CEIP Compostilla de Ponferrada,
CEIP Jesús Maestro de Ponferrada,
CEIP San Ildefonso de Camponaraia,
CEIP Virgen del Carmen de Ponferrada,
CEIP Toral de Merallo,
CEIP M.L.Ucieda de Toral dos Vados,
CRA Carucedo,
CRA Cubillos do Sil,
CRA Ximena Muñiz de Corullón,
CRA Ponte de Domingo Flórez,
Colexio Divina Pastora Vilafranca.

13,00 h. CACABELOS
(Salón de actos do MARCA)


CONVOCATORIA DA IIIª EDICIÓN DOS PREMIOS MORALES PARA A PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA
NO BIERZO E SANABRIA. Impulsados polo Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo coa colaboración das autoridades e entes que tamén contribúen á posta en marcha das presentes Xornadas

SESIÓN DE TARDE 9 de marzo
Teatro vilafranquino
?Enrique Gil y Carrasco?


16:30 h. MESA DE DEBATE: As arelas de Sarmiento.
Trátase dun encontro de docentes, autoridades educativas, Real Academia Galega, administraciois e asociaciois culturais bercianas para realizar un seguimento das actividades levadas a cabo e concretar novos compromisos coa lingua galega no Bierzo, entre outros a elaboración dun borrador de convenio de colaboración entre a Real Academia Galega e o Consello Comarcal e outras entidades do Bierzo.

18.00 h. CORULLÓN
(Local Social de Corullón)


PRESENTACIÓN DA PRIMEIRA EDICIÓN DE
MATERIAIS PARA O GALEGO NO BIERZO
DA COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO


?UNHA CALA NO BIERZO OCCIDENTAL (Corullón)?
de Elixio Rivas Quintás (Edicións Positivas)

Contaremos coa presenza do autor, da editorial e do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, entidade que subvenciona a edición. Trátase da primera publicación da Comisión Cultural Martín Sarmiento sobre aspectos culturais e lingüísticos localizados nestes caso en Corullón. Este acto servirá de Clausura das XII-Xornadas Martín Sarmiento no Día do Galego no Bierzo.

Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 10-02-2020 05:43
# Ligazón permanente a este artigo
Un novo toque de atención do Consello de Europa sobre o galego

De novo o Consello de Europa advirte que no tocante á promoción, ao uso e ao ensino en galego hai que abordar un cambio porque se considera insuficiente o que se está realizando ata o de agora.

Diversos medios analizan o recente estudo que levou a cabo o Comité de expertos do Consello de Europa tomando como referencia a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias asinada polo Estado Español en 2001.

Este informe provoca a disconformidade do goberno galego, namentres alimenta a crítica dos grupos da oposición e de entes como a RAG ou ILG ou a Mesa que reclaman un cambio.

Sobre o galego exterior ou estremeiro, o Comité sobrancea a escaseza ou ausencia de medidas efectivas no ensino e na administración en Asturias e Estremadura, mentres segue a considerar moi deficiente a oferta educativa en Castela-León.

As administracións asturiana, castelá-leonesa e estremeña ignoran na práctica o seu patrimonio lingüístico e permiten o esmorecemento do galego nestas zonas. O Comité recomenda o establecemento de contactos con comunidades onde se falen ?linguas semellantes ou idénticas?, algo ao que se negan repetidamente Asturias e Estremadura, ignorando deste xeito o mandato de Europa.


A Voz de Galicia

RAG

Sermos

Prolingua
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 27-12-2019 08:56
# Ligazón permanente a este artigo
SARMIENTO na viaxe sobre a idea e a palabra Rexurdimento.

Organizado polo Ateneo Atlántico de Vigo na Biblioteca da EMAO, onte día 3 de decembro presentouse o libro de Anxo Angueira recentemente editado en Xerais titulado: REXURDIMENTO, A IDEA E A PALABRA.

Manuel Forcadela e Méndez Ferrín acompañaron ao autor? Manuel Forcadela destacou que o Anxo Angueira que se presentaba non era nin o poeta, non o narrador senón o Angueira profesor, docente e investigador, crítico literario para poñer no centro do debate un concepto que se asenta no ano 1980: O Rexurdimento. Como logo dixo Ferrín efectivamente na Historia da literatura Galega podemos dicir que houbo moitos rexurdimentos, pero se cadra no sentido estrito da palabra e do concepto dependente do Renacimento, italiano ( ou a Renacenza en Calatunya) o que en Galicia hoxe se entende por Rexurdimento é máis ben a Renacenza e habería que situala, como puntualizou logo Angueira, no comezo do século XX coincidindo coas Irmandades da Fala e a Xeración Nós.

Outro dos eixes deste estudo pretende situar, despois de ler o contexto no que xorden as denominaciois do Renacemento na crítica literaria europea, un punto central da nosa Literatura Contemporánea na singular figura Sarmiento, poñendo de paso en solfa o perverso concepto de Séculos Escuros. Este autor do XVIII é referencia esencial para os autores que ben se podían denominar precursores no XIX.

A idea da Alba e o espertar ligado máis a un comezo que un rexurdir no que hai que tamén saber analizar textos que como En las Orillas del Sar, tan galegos como Cantares ou Follas Novas.

Ferrín comentou que a nosa Literatura Clásica está escrita en latín, no latín da Gallaecia romana de Prisciliano, Egeria ou Orosio e sinalou como a literatura feminina atópase poderosamente representada como nun continuum ao longo da historia da nosa literatura. Insistiu en que houbo un período anterior máis humilde e arcaico que o que logo será o esplendor da Lírica galaica medieval descoñecido, pero evidente. Denuncia que Carballo Calero non citase a Sarmiento porque as súas 1200 coplas lideradas por unha muller traballadora (outra de tantas nese continuum literario da muller nas nosas letras) non debeu consideralo representativo. Angueira confesou que o discurso de Méndez Ferrín en 2002 no Teatro de Vilafranca do Bierzo no Día das Letras Galegas dedicadas a Sarmiento cambiara a súa visión deste autor central e do seu Coloquio de 24 galegos rústicos. como precedente de X. M. Pintos en Pontevedra, de Morales no Bierzo, de Rosalía de tantos e tantos outros... e dunha literatura que non é romántica no sentido do Romantismo da literatura castelá, afirmou Ferrín ao que logo Angueira insistiu indicando que a literatura galega do XIX é realista non romántica.

Unha fortuna poder asistir a esta presentación dun libro que nos invita a repensar a nomenclatura coa que bautizamos aos períodos da Literatura Galega. Como reza no limiar do libro unha lectura que é unha viaxe enriquecedora e fértil sobre a idea e a palabra.
Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIOIS - Publicado o 04-12-2019 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0