Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.
Este ano a Festa do Maio sufriu as inclemencias do tempo. O programa comezou o día 30 coa preparación da Ronda teatreira este ano dedicada a Fernández Morales no 150 aniversario dos "Ensayos poéticos en dialecto berciano", que tivo que realizarse a cuberto, no Teatro tamén decimonónico de Vilafranca onde se representaron pequenas escenas dramatizando poemas como "Villafranca y a Vendima", " N´a volta da sega" e "A boda de Petriña" ademais dalgún dos epigramas compostos en castelán. Os textos nos que o grupo de Teatro Local ían intercalándose coa música da música da Escola nun teatro cheo de xente que presentaba un aspecto florido. lo go viñeron as intervenciois musicais dos grupos da Escola de Música municipal, dalguis dos máis veteranos membros de Orión e do grupo arousán invitado Borderline 79.
Foi unha xornada divertida que preludiaba un día 1º de maio alegre ao que tamén acompañou a chuvia. Esta non foi quen de impedir que tres grupos de maios ( o das Veigas, o do Castelo e o da Rúa da Auga)
percorreran as rúas de Vilafranca como todos os anos, aínda que tivo que ser ás veces baixo cuberto (baixo os paraugas) os claros que houbo permitiron o esperado encontro de todos eles na Praza Maior.
Como xa vén sendo habitual no programa de introduvción do galego nos centros do Bierzo, aparece esta saída cultural a Galicia deseñada dende a secretaría Xeral de Politica Lingüística da Xunta para que os alumnos/as de galego do Bierzo coñezan e teñan un contacto directo coa realidade galega e a súa cultura. Podemos ver dpolo de agra unha reseña na páxina oficial de Política Lingüística. Estamos á espera dunha fotos e unha crónica realizada nos propios centros participantes.
Esta crónica que segue está realizada por alumnos do IES Europa que participaron na viaxe a Galicia:
Como en anos anteriores, os alumnos de galego fixemos unha viaxe a Galicia de tres días, xunto cos nosos compañeiros de Vilafranca, Cacabelos e Ponferrada.
1º día: Ponferrada ? Gandarío ? A Coruña
Saímos de Ponferrada ás 8.45 e chegamos ao albergue de Gandarío, en Sada, ás 12horas. Recibíronnos os monitores e, tras un xogo de presentación, fomos xantar. Pola tarde, marchamos á Coruña para visitar a Domus,; o que máis nos chamou a atención foi unha cinta na que poñías a fronte e dependendo do tranquilo que estiveras, movíase unha bóla cara ao teu lado ou cara o outro.
Despois, fomos ao Acuario, no que vimos focas, tabeiróns e moitos máis peixes. E finalmente, a Torre de Hércules, un dos faros máis antigos e patrimonio da Humanidade. Estaba moi bo día pero case voabamos co vento que facía ao lado da Torre.
Cando regresamos ao albergue, estabamos todos con moita fame. Despois de cear, os monitores prepararon un xogo no que tiñamos que buscar unha persoa en especial para superar a proba que nos puxese. E despois da unha, a durmir.
2º día: Santiago de Compostela ? Duna de Corrubedo ? Castro de Baroña ? Mar de Lira ? Carnota
O primeiro que fixemos, ao levantarnos, vestirnos e tra salmorzar, marchamos para Santiago de Compostela, onde nos recibiron no Museo Pedagóxico. E despois, xa nos diriximos ata o complexo dunar de Corrubedo, onde puidemos observar a enorme duna. Despois de Corrubedo, fomos visitar o castro de Baroña, un castro ao lado do mar, alí, ademais, vimos ao lonxe golfiños. Máis tarde, comemos e fomos ata a praia de Lira, preto de Carnota, onde nos ensinaron embarcacións antigas e as mariscadoras nos contaron cousas do seu traballo. Facía moi bo tempo e chegou un dos momentos máis divertidos: na praia de Lira puidémonos bañar , montar en kayak e en planeadora. Xa de noite, volvemos ao albergue de Gandarío onde ceamos e ao acabar fixemos unha festa.
3º día: Ferrol ? Cabanas ? Ponferrada
O último día fomos a Ferrol, vimos os barcos e a ría e percorremos as rúas do barrio da Madalena. A anécdota do día foi o ataque das pombas na praza de Armas e unha señora bailando; foi moi divertido. Despois dirixímonos a un piñeiral ao lado da praia de Cabanas, onde comemos. Ás catro fomos deixar á xente. E, despois de tres días de viaxe, de novo no Bierzo. Ata outra!
Texto: Aitor, Estela e Urz (1º ESO). Fotos: Laura (2º ESO)
Xa están o maio florido e fermoso á espera de que pase este mes de abril sempre tan chuvioso, de novo os maios percorrerán as rúas de Vilafranca, xa penduran das cristaleiras da vila e de todo o Bierzo os carteis que anuncian a FESTA DO MAIO 2011 que coma dende hai máis de 30 anos vén organizando a Asociación Cultural " Escola de Gaitas" coa colaboración dunha morea de xente.
Este ano como precedente ao tradicional desfile de maios polas rúas do día 1º de maio, a noite anterior( a do día 30 de abril) poderemos asistir ao seguinte programa de actos:
Ás 5 da tarde no Campairo preparación dos adornos da Rúa da Auga.
Ás 10 da noite RONDA TEATREIRA PRIMAVERAL coa DRAMATIZACIÓN DE POEMAS EN DIALECTO BERCIANO dedicada a Antonio Fernández Morales ao cumprirse os 150 anos da publicación dos ?Ensayos poéticos en dialecto berciano? coa participación dos alumn@s do IES Padre Sarmiento, o grupo de teatro local e mais a inestimable colaboración doutros artistas.
A continuación e para rematar esta velada un nutrido número de músicos bercianos actuarán en compaña dun grupo invitado BORDERLINE 79 que vén de Vilagarcía de Arousa e acaba de gañar na capital das Rías Baixas o 1º premio do Encontro dos Locais de Ensaio.
Lembrade que o día 1 de maio saímos cedo a cortar as cañaveiras para vestir en cada barrio aos nosos maios para logo percorrer as rúas e rematar na praza cara as 2 da tarde. Despois terá lugar un xantar para todos os participantes na Praza do Campairo, antiga paraza do mercado de verdura e un dos centros neurálxicos da vila medieval.
Un blog irmao que aparece no Val de Xalime sobre a fala do Ellas en Estremadura e no que podemos ler entre outras unha entrevista a Henrique Costas no seguinte enlace
Isto permítenos botarlle unha ollada ao galego denominado estremeiro porque está fóra da Galicia administrativa, como é o caso do galego no Eo- Navia:
Este mesmo programa do Ben falado que emite a TVG tamén tratou a lingua do Bierzo e das Portelas de Zamora:
Está prevista para o Próximo 18 de decembro ás 20 horas no Teatro Vilafranquino do 1º libro da Colección Bierzo Tradicional editado pola asociación Escola de Gaitas, un traballo arredor dos xa centenarios Xigantes de Vilafranca.
Así é como están agora os xigantes, namentres esperan unha nova oportunidade para saír a bailar polas rúas da vila.
O Museo de Ciencias Naturais que nacera como proxecto dos Padres Paúis para o seu Seminario en Madrid a finais do século XIX pasou diversas vicesitudes desde o feliz momento en que se instalou definitivamente en Vilafranca do Bierzo. A intención inicial coa que se creou foi didáctica pois os Padres Paúis nesta vila mercaran o edificio de San Nicolás en 1899 coa intención de instalar nel unha comunidade e un Seminario. Os moitos lugares en que os Paúis tiñan misioneiros foron facendo chegar pezas claramente exóticas para que os taxidermistas da época ( as pezas máis antigas son de finais do XIX) lograran a súa conservación no cada vez mellor dotado Museo, de tal xeito que a fauna máis dispar e diversa do mundo podía contemplarse nunha visita amena e cargada de sorpresas ás súas instalacións. Non podía faltar unha boa colección de animais da zona e dos lugares próximos, polo que no Museo atopamos desde unha magnífica colección de cunchas mariñas ata un lobo, unha pita do monte ou un crocodilo. Foiselle sumando tamén unha curiosa colección de fósiles, outra de animais deformes e mesmo un feto humano conservado en formol. Mais o deterioro natural dunha colección xa bastante vella cara finais dos anos 70, precisaba unha limpeza e unha posta ao día. Coincidiron estas necesidades coas premuras dos Paúis, vidos a menos que despois de pechar o seu Seminario e un centro privado de Ensino nos anos 80 do século pasado, entraron en tremenda decadencia ata procurar un aluguer de parte do edificio monumental, que rexentaban e que permanecía medio baleiro, a un empresario hosteleiro o que provocou a reubicación do Museo que estaba situado no claustro interior, espazo que foi unha das partes do Convento Paúl alugado. A nova ubicación máis húmida e peor acondicionada xunto co propio traslado pouco coidadoso, provocou serios danos nos fondos do Museo que ante o seu evidente deterioro provocou varias iniciativas de recuperación, propiciadas polos propios Paúis entre as que se atopa o intento, apoiado pola Comisión Cultural Martín Sarmiento que con ese motivo, nos anos iniciais do XXI, realizou varias charlas e chamamentos públicos chamando a atención sobre o estado do Museo, solicitando do Alcalde de Vilafranca que tomase algunha determinación ao respecto.
Tivo que cambiar o goberno municipal para que o novo Alcalde, Vicente Cela, e a súa concelleira de Cultura, Conchi López, lograran asinar ao fin un convenio por 30 anos para a recuperación do Museo colocándose enriba da mesa a posibilidade dunha ubicación mellor nun antigo lavadoiro do Convento que cederían os mesmos Paúis a cambio da adecuación do edificio para esta nova finalidade. Foi un primeiro paso transcendental para os pasos que se están a dar no presente.
Por iniciativa de Josefina Garrido, profesora da Universidade de Vigo, constitúese unha Asociación en 2010 que comeza por procuarar axuda de dita Universidade nun proxecto de limpeza e catalogación que unha vez levado a cabo posibilita a reapaertura do Museo cun éxito total de afluencia (1500 persoas nos meses de verán)e que permitiu finalmente unha nova sinatura, co novo goberno Municipal, a asociación BURVAL, a Comunidade Paúl e a Universidade de Vigo para a dinamización do Museo.Diversos proxectos están pendentes de concreción e esperemos que sexan proximamente realidade a pesar da xa anunciada marcha da Comunidade Paúl desta vila.
Neste mesmo mes de decembro pensa presentarse en Vilafranca o que vai ser o primeiro libro desta serie de materiais documentais sobre o patrimonio cultural da comarca que se denomina BIERZO TRADICIONAL e que é unha iniciativa da Asociación Cultural Escola de Gaitas. O traballo leva por título Palillos de Madeira. Os Xigantes de Vilafranca do Bierzo.
A solicitude para que o Día das Letras do 2011 sexa para Fernández Morales segue recibindo apoios públicos esta vez a través dun anuncio conxunto na prensa de 9 entes culturais do Bierzo.
Trátase de asociaciois de diversa índole, dende a máis veterana, O Insttituto de Estudios Bercianos (IEB) atá prácticamente todos os entes que protagonizan actividades da defensa da lingua galega na comarca: Escola de Gaitas de Vilafranca (que na foto aparece ante a tumba do poeta en cacabelos no ano 2002) Fala ceibe, Vagalume ou Xarmenta (que ten convocado xunto co concello de Cacebelos un premio literario para nen@s e moz@s que leva o nome do poeta). Tamén están presentes asociaciois de carácter ecoloxista e amantes da cultura popular, A Morteira ou Taxus. Non podían faltar o colectivo de mestres do galego no Bierzo e a mesma Comisión Cultural Martín Sarmiento, que no seu día, ano 2002, invitara a Academia a realizar un acto de homenaxe ao erudito galego-berciano na sua vila natal.
Pola outra banda sabemos que enviaron á Academia unha solicitude semellant tanto o Concello de Cacabelos como o Consello Comarcal do Bierzo, dúas administraciois, a local e a comarcal que non podían deixar de ratificar o apoio a que Fernández Morales sexa homenaxeado o Dçia das Letras Galegas do 2011.