O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A ORIXE BERCIANA DA FAMILIA MATERNA DE SARMIENTO

No concello de Sarria, na aldea de Perros naceu a mai de Sarmiento, da que vai tomar o apelido que o identificará ao entrar no convento de San Martín en Madrid. Clara Balboa Sarmiento segundo parece está relacionada co Pazo-Torre de Perros

Apuntamos as palabras do Presidente da Academia Galega ditas en Vilafranca do Bierzo un 18 de maio de 2002 ante o plenario de académicos e o presidente da Xunta nun acto público celebrado no Teatro Vilafranquino:

"...Como Sarmiento abriu unha época e marcou unha liña intelectual na que os tópicos deben ser destituidos pola verdade unha e outra vez asediada, eu quixera agora presentar a Xosé Perucho, aquel meniño, coma berciano de estirpe por parte da súa nai e por Balboa dereito se cadra dos García Rodríguez de Valcarce Balboa que J:A. Balboa (tamén), historiador de Cacabelos, recorda orgullosos e poderosos pertigueiros, entre outras cousas, do mosteiro de Carracedo..."
Comentarios (0) - Categoría: CURIOSIDADES SOBRE SARMIENTO - Publicado o 03-09-2022 07:20
# Ligazón permanente a este artigo
SOBRE SARMIENTO: OUTRAS EDICIOIS A TER EN CONTA
Unha vida e obra sobre Sarmiento escrita pouco despois da súa morte, por un autor anónimo, que non coñeceu a Sarmiento, pero entrevistou a varios dos seus coñecidos. A edición moderna fíxoa isidoro García Tato e Felipe Castro Hansen
Podemos lela nesta versión dixital que editou o Conselo da Cultura Galega

Outra edición con motivo do Día das Letras do 2002 o Boletín da Academia Galega 363:

Aínda hai outra edición anterior do Boletín da Academia do ano 1972 nº 343-344 (neste tomo está o "Discurso apologético por el arte de rastrear las mas oportunas etimologías de las voces vulgares" que Sarmiento escribe en 1770)
Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIOIS - Publicado o 21-07-2022 11:49
# Ligazón permanente a este artigo
PROGRAMAS DE RADIO DO DÍA DO GALEGO NO BIERZO

Con motivo das XIV Xornadas Martín Sarmiento as actividades didácticas habituais que se viñan realizando o 9 de marzo, Día do Galego no Bierzo, foron substituídas por estes programas radiofónicos a causa das restricciois debidas á Pandemia.

DÚAS EMISORAS E 18 PROGRAMAS
De xeito voluntario dúas emisoras como son RADIO BIERZO e ONDA BIERZO interesáronse nesta iniciativa que lles ofreceu a Comisión Cultural Martín Sarmiento abrindo un novo espazo para o galego no Bierzo con esta serie de microprogramas radiofónicos que se emitirán unha vez por semana do Día do Galego no Bierzo ata o 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Os microprogramas serán realizados polos centros docentes que participan no Programa de Promoción do Galego no Bierzo e Sanabria.
O fío condutor será o lema das XIV Xornadas Martín Sarmiento: A FALA QUE COMPARTIMOS BIERZO E VALDEORRAS dado que este ano o Día das Letras Galegas homenaxea ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.

A Comisión Cultural Martín Sarmiento quere facer chegar o seu agradecemento a todos os centros participantes pola súa colaboración neste proxecto ilusionante e innovador para a lingua galega na nosa comarca. Damos as grazas especialmente a alumnos/as e docentes do Programa de Promoción do Galego polo esforzo qu eisto supón e, por suposto, destacar e agradecer tamén a sensibilidade das emisoras radiofónicas e dos seus profesionais que fixeron posible esta experiencia didáctica.

Anuncio das actividades o 9 de marzo

Hoy por Hoy Bierzo y Laciana RADIO BIERZO (a partir do minuto 01:23)

Informativo local e comarcal ONDA BIERZO 9 de marzo 2022 (a partir do minuto 13:49)

1º Programa SARMIENTO: O BIERZO E VALDEORRAS
Programa realizado polo IES. Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo coa colaboración de ONDA BIERZO emitido o 11 de marzo de 2022 (a partir do minuto 17:17)

2º Programa: Sobre FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN
Entrevista realizada ás Profesoras de Galego da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. Emitido por RADIO BIERZO 11 de marzo (a partir do minuto 25)

3º Programa: O CALDEIRO DAS PALABRAS realizado polo IES Bergidum Flavium de Cacabelos emitido o 25 de marzo por ONDA BIERZO.

4ª Programa: O RÍO SIL QUE UNE AO BIERZO E A VALDEORRAS realizado polo CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada e emitido o 1 de abril do 2022 en RADIO BIERZO (a partir do minuto 23)

5º Programa:UN AUTOR DO GALEGO NO BIERZO: AQUILINO PONCELAS ABELLA realizado polo CEIP. San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo emitido o 1 de abril de 2022 por ONDA BIERZO (a partir do minuto 18 aproximadamente).

6º Programa:O AUTOR BERCIANO RAMÓN GONZÁLEZ-ALEGRE realizado polo CEIP. Jesús Maestro de Ponferrada emitido por ONDA BIERZO o venres 8 de abril 2022 (a partir do minuto 32,55 aproximadamente)

7º Programa: A FALA DO BIERZO E VALDEORRAS realizado polo CRA Ximena Muñiz de Corullón emitido o venres 22 de abril de 2022 por ONDA BIERZO (a partir do minuto 17,30 aproximadamente)

8º Programa: OS DÍAS DAS LETRAS GALEGAS realizado polo CEIP. Maria Luisa Ucieda de Toral dos Vados emitido o venres 29 de abril de 2022 por RADIO BIERZO (a partir do minuto 34 aproximadamente)

9º Programa: COSTUMES E TRADICIOIS DO BIERZO E VALDEORRAS realizado polo CEIP. Compostilla de Ponferrada emitido o venres 29 de abril de 2022 por ONDA BIERZO (a partir do minuto 41,56 aprox. )

10º Programa: AUTORES DO GALEGO NO BIERZO: JUAN C. MESTRE realizado polo IES. Virgen de la Encina de Ponferrada emitido o venres 6 de maio de 2022 por RADIO BIERZO (a partir do minuto 23,35 aproximadamente)

11º Programa: AS MÉDULAS E O MONTE FURADO realizado polo CRA de Carucedo emitido o venres 6 de maio de 2022 por ONDA BIERZO (a partir do minuto 28,24 aproximadamente)

12º Programa: AS XORNADAS MARTÍN SARMIENTO realizado polo CRA de Toral de Merallo emitido o venres 13 de maio de 2022 por RADIO BIERZO (a partir do 35 aprox)

13º Programa: O PROGRAMA DE PROMOCIÓN DO GALEGO NO BIERZO realizado polo CRA Ponte de Domingo Flórez emitido o venres 13 de maio de 2022 por ONDA BIERZO (a partir do 40,30 aprox)

14º Programa:ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES, O CANTOR DO BIERZO realizado polo IES Europa emitido o sábado 14 de maio de 2022 por ONDA BIERZO (a partir do 64,25 aproximadamente)
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 12-03-2022 05:59
# Ligazón permanente a este artigo
DAS XIV XORNADAS MARTÍN SARMIENTO

Coa celebración do Día do Galego no Bierzo o 9 de marzo en Vilafranca do Bierzo comezaron as XIV Xormadas do Galego no Bierzo que nesta edición se prolongarán ata o 17 de maio, o Día das Letras Galegas que se celebrará en Valdeorras. Como principal novidade terán este ano dúas emisiois radiofónicas semanais, unha na emisora da SER BIERZO e a outra en ONDA BIERZO, e xirarán arredor do lema das Xornadas: A FALA QUE COMPARTIMOS BIERZO E VALDEORRAS. Serán realizadas polos alumnos/as e docentes dos distintos centros educativos adscritos ao Programa de Promoción do Galego na comarca.

O evento comezou coa benvida do Alcalde de Vilafranca ao salón de plenos municipal onde tivo lugar unha rolda de prensa nas que se presentaron distintas iniciativas entre as que se destacou a convocatoria dos Premios Morales organizada polo Grupo As Médulas, que presentou Francisco Macías de Edicións Positivas, editorail que se encarga da publicación dos mesmos. Son uns premios que cuntan con sinalados apoios como o do Instituto Leonés de Cultura, da Diputación Provincial de León, ademais dos concellos que se citan máis abaixo e as administraciois autonómicas responsables do Protocolo de colaboración no que se asenta o Programa de Promoción do Galego nos centros de ensino do Bierzo e Sanabria, ademais do Consello Comarcal do Bierzo.

A seguir pasouse á preestrea dunha serie documental titulada Fálame sempre de Umberto Corral Prieto e da produtora Boulla, subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para pasar de inmediato a unha Mesa de Traballo: Mellorar o Programa de Promoción tras 20 anos de existencia. que contou coa presenza de representantes das administraciois educativas da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León, dos docentes de Galego na comarca dirixida e moderada polo Académico Correspondente para o Bierzo da Real Academia Galega e coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento, contando coa participación de entidades bercianas como o Consello Comarcal e os concellos de Vilafranca do Bierzo, Corullón e Cacabelos e o Instituto de Estudios Bercianos.

A Sesión de tarde centrouse nunha serie de iniciativas que desenvolverán conxuntamente entdades galegas e bercianas (Comisión Cultural Martín Sarmiento, Real Academia Galega, Instituto de Estudios Bercianos, o propio Consello Comarcal, distintos concellos do Bierzo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta) para desenvolver o Decálogo Novos Espazos para o Galego no Bierzo (asinado e aprobado o 2 de marzo de 2018 polo Consello Comarcal do Bierzo e auspiciado polos colectivos e administraciois antes citadas) tocándose tamén o tema do Inventario de Patrimonio Inmaterial que se está levando a cabo por parte do IEB e abordando principalmente a presenza da lingua no proceso e difusión de dito traballo.

Distintas Crónicas do Día do Galego no Bierzo:
INFOBIERZO
SER BIERZO
Diario de León

BIERZODIGITAL
O progreso de Lugo
Unha profesora do Bierzo consigue dotar de 300 libros en galego...
Neofalantes
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 10-03-2022 03:47
# Ligazón permanente a este artigo
PROGRAMA DAS XIV XORNADAS MARTÍN SARMIENTO

CELEBRAMOS O DÍA DO GALEGO NO BIERZO
Chegamos xa á decimo cuarta edición das Xornadas Martín Sarmiento asentando, curso a curso, o Día do Galego nos Centros Docentes do Bierzo. Este ano de novo está rodeado dunhas circunstancias pouco favorables á realización dos habituais encontros multitudinarios dos alumnos/as do Programa de Promoción dos distintos institutos e colexios onde se imparte. Funcionarán como fío condutor dos actos dúas referencias que coinciden no tempo neste ano 2022 como son: O Bicentenario da Provincia de Vilafranca do Bierzo e o próximo Día das Letras dedicado ao autor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. De aí que evidenciemos no lema a unión histórica que O Bierzo e Valdeorras manteñen grazas á lingua.

A FALA DO BIERZO E VALDEORRAS NAS RADIOS
As actividades didácticas do profesorado e alumnado tanto de Infantil e Primaria, como da ESO e Bacharelato, tamén da Escola de Idiomas, xirarán ao redor do lema das propias Xornadas. Trátase de iniciar unha experiencia singular como é a elaboración de microprogramas de radio que logo se emitirán nas emisoras profesionais da comarca dispostas a colaborar con este proxecto escolar. As emisiois destes microprogramas seguirán un calendario que principia o 9 de marzo e remataría o 17 de maio.

MELLORAR O PROGRAMA DE PROMOCIÓN TRAS 20 ANOS
Por outra parte, a Comisión Cultural Martín Sarmiento dado o papel de vangarda que xoga o Programa de Promoción do Galego na comarca propicia unha mesa de traballo de análise e de propostas de millora á que asistirán os docentes desta materia, as autoridades educativas autonómicas da Junta de Castilla y León e da Xunta de Galicia e o Consello Comarcal, ademais dunha representación da Real Academia Galega e outros entes bercianos conscientes do importantísimo labor que se realiza nos centros escolares e de seguir abrindo novos espazos para o galego no Bierzo.

DÚAS PRESENTACIOIS E OUTRAS INICIATIVAS
As Xornadas contarán ademais cunha dobre presentación ante os medios de comunicación nunha rolda de prensa coa que iniciaremos a mañá do 9 de marzo.
A primeira estrea é a da serie documental recentemente gravada en terras bercianas “Fálame sempre“ do Umberto Corral Prieto da produtora Boulla. Unha creación audiovisual financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.
A segunda está relacionada coa convocatoria dos Premios Morales para a promoción da Lingua Galega no Bierzo e Sanabria que procuran ser un apoio e á vez unha homenaxe á ensinanza da lingua galega nestas comarcas. Estes premios iniciativa anual do Grupo As Médulas conta co apoio da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León e o Consello Comarcal do Bierzo, aos que se suman outras entidades galegas e bercianas como a Real Academia Galega, o Instituto de Estudios Bercianos e o Instituto Leonés de Cultura ademais dos concellos de Cacabelos, Corullón e Vilafranca. Na presente edición preténdense incorporar unha serie de novidades que serán presentadas no transcurso da citada rolda de prensa.

PROGRAMA DE ACTOS Mércores 9 de marzo 2022
VILAFRANCA DO BIERZO

(Teatro vilafranquino “Enrique Gil y Carrasco”)

10,00 h ROLDA DE PRENSA:
Micro-Programas de Radio en galego do 9 de marzo ao 17 de maio nas emisoras bercianas.
Pre-estrea da serie documental FÁLAME SEMPRE subvencionada pola Secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Nova convocatoria dos Premios Morales que o Grupo As Médulas realiza anualmente.
Próximas iniciativas de colaboración entre entidades bercianas e galegas sobre o Patrimonio Inmaterial e a Lingua.
Valoración por parte das autoridades educativas dos 20 anos da presenza do galego nas aulas bercianas e das posibilidades de mellora futura do Programa de Promoción do Galego no Bierzo e Sanabria.

11,00- SESIÓN MATINAL: MESA DE TRABALLO
- Proxección do documental:
FÁLAME SEMPRE (1º capítulo)
de Umberto C. Prieto
Boulla Creación Audiovisual.
11,30 Debates da Mesa:
20 ANOS DO PROGRAMA DE PROMOCIÓN DO GALEGO E A SÚA MELLORA

PARTICIPAN NOS MICROPROGRAMAS DE RADIO
Participarán da elaboración dos mesmos a totalidade dos centros do Programa de Promoción do Galego no Bierzo e Sanabria:

PRIMARIA
CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca,
CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos,
CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada,
CEIP Compostilla de Ponferrada,
CEIP Jesús Maestro de Ponferrada,
CEIP San Ildefonso de Camponaraia,
CEIP Virgen del Carmen de Ponferrada,
CEIP Toral de Meraio,
CEIP M.L.Ucieda de Toral dos Vados,
CRA Carucedo,
CRA Cubillos do Sil,
CRA Ximena Muñiz de Corullón,
CRA Ponte de Domingo Flórez,
CEIP Tuela Bibei de Lubián (Zamora)
SECUNDARIA
IES Padre Sarmiento (Vilafranca)
IES Bergidum Flavium (Cacabelos)
IES Europa (Ponferrada)
IES Virgen de la Encina. (Ponferrada)

ESCOLA OFICIAL DE IDIOMAS de Ponferrada.

SESIÓN DE TARDE 9 de marzo

16:30 h. As arelas de Sarmiento:
NOVOS ESPAZOS PARA O GALEGO NO BIERZO

Nesta sesión serán as entidades bercianas e galegas que apoian estas Xornadas as que a proposta da Comisión Cultural Martín Sarmiento concretarán unha serie de pasos a dar para desenvolver o Decálogo novos espazos para o galego no Bierzo que elaborado en anteriores ediciois das xornadas foi aprobado por unanimidade no Consello Comarcal (2 de marzo de 2018) coa idea de favorecer tanto os ámbitos tradicionais da fala como a creación de novos usos na comarca. Abordaranse iniciativas como as que se enuncian a seguir:
- Anuario do Galego no Bierzo. (Publicación de materiais sobre o galego do Bierzo)
- Proxecto Toponimia berciana (Iniciativa de recolleita de microtoponimia e da súa xeolocalización coa idea de sumarse posteriormente a Galicia nomeada)
- Patrimonio Inmaterial e Lingua (colaboración desde o punto de vista idiomático á recolleita de patrimonio inmaterial posta en marcha recentemente no Bierzo).


O BIERZO, VALDEORRAS E A LINGUA
Os lazos históricos que unen a estas dúas comarcas veciñas están intimamente ligados á xeografía de montes e ríos que bercianos e valdeorreses converteron nunha paisaxe común de convivencia milenaria como certifican, por exemplo, os enclaves castrexos e as explotaciois auríferas romanas. Trato e veciñanza que enriqueceron e consolidaron entre ambos espazos unha ligazón que se formulou máis poderosa e viva, coa lingua. Aínda que a poidamos considerar un patrimonio inmaterial, a súa debilidade aparente foi capaz de manifestar a súa fortaleza na boca dos seus falantes por séculos e séculos ata que persoas como o galego-berciano Martín Sarmiento foron quen de reparar no seu uso habitual en todo tipo de documentos, e mesmo cancioneiros, nos nosos castelos e mosteiros da Idade Media. Porén cumpría, reflexionou o frade erudito, dar un paso máis como é o de facer da fala marxinada do seu tempo unha ferramenta de futuro, material e útil a través das artes da literatura e do rigor científico da gramática.
O legado do noso bieito non caeu en saco rachado. Autores bercianos e valdeorreses contribuíron desde aquela a fornecer cos seus escritos a lingua común que compartían. Mesmo nos debates daquela Provincia de Vilafranca, (da que celebramos este ano o Bicentenario) que segue sendo un soño frustrado, a lingua era un dos condicionantes que favorecía a unión soñada.
A vida cotiá de homes e mulleres humildes que poboan estas terras asentou, a pesares de todo, un enorme acerbo que se concreta e define con palabras como: cocho, viño, castañeiros, botelo, fiandois, entroido, mego e cochorras... que queremos evidenciar para as novas xeraciois de bercianos e bercianas reparen na estreita cohesión na que vivimos con Valdeorras.
É necesario vencer un rancio proceder que deriva de prexuízos e torpezas pasadas, como é o de esquecer que o idioma suma. Temos que facer valer os novos tempos con mensaxes valentes cargados de tradición que din alto e forte “non hai fronteiras”, porque certamente entre o Bierzo e Valdeorras non as houbo, non as hai, nin as haberá.

PARA AS EMISIOIS RADIOFÓNICAS
Nos microprogramas radiofónicos que se emitirán desde o 9 de marzo ao 17 de maio elaborados polos alumnos/as do Programa de Promoción do Galego no Bierzo tocaranse aspectos tan variados como:
- Patrimonio e tradiciois culturais das comarcas.
- Escritos de Sarmiento sobre Valdeorras e o Bierzo.
- Autores e textos do galego bercianos e valdeorreses como Antonio Fernández Morales, Casimiro Fernández Villagómez, Ramón González-Alegre, Florencio Delgado Gurriarán, Aquilino Poncelas, Camilo Fernández, Juan Carlos Mestre e por suposto autoras en galego que viviron ou viven no Bierzo ou en Valdeorras como Dora Vázquez e María J. Montero.
- Entrevistas con valdeorreses ou bercianos/as

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN
Autor do Día das Letras Galegas do 2022
Tesouro de lembranzas;
garimosas, acedas,
ou mouras de tristura,
ou dóces e sinxelas.
Acubilladas todas,
do pasado, antre a néboa.
¿Por qué xurden agora
na miña mente inqueda?
Arastora, na longa lonxanía,
volto a vivir a vida do pasado.
Lembro a nenez e lembro a mocedade,
lembro a noiva sinxela dos quince anos.

Meu Córgomo de Valdeorras
e bocarribeira crara.
Por Córgomo de Valdeorras
non anda a Santa Compaña,
porque o bon viño escorrenta
medos, trasnos e pantasmas.


Bierzodiario
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 28-02-2022 12:08
# Ligazón permanente a este artigo
Novo aumento de matrículas nas aulas de Galego no Bierzo

Alegrámonos dos datos que a prensa berciana recolle deste novo aumento de matriculados nas aulas de galego en Castela e León. Xa temos dito que o galego no Bierzo podía aumentar de matrícula (de feito faino este curso), pero aínda podería facelo muito máis se mudasen as condiciois nas que se está impartindo, é dicir, se eliminasen certas barreiras que fan que cada curso o número de estudantes de galego en Secundaria non aumente ou manteña a proporción que se dá na Primaria e que lamentablemente exista un obstáculo real tanto nese paso á ESO ou sexa especialmente delicada e limitada a matrícula no Bacharelato.

Por outra banda, non podemos esquecer que existen centros da primeira etapa educativa en zonas claramente galegofalantes, como o da Veiga de Valcarce, que a pesar de ser unha histórica reivindicación e pasados vinte anos da introdución do Programa de Promoción do Galego no Bierzo segue desatendida por parte das autoridades.

Por último insistir que o resultado exitoso deste programa fruito do esforzo do profesorado e das administraciois implicadas e, sobre todo, da vontade das familias que curso a curso renovan o seu interese pola docencia do galego, non se ve compensado nun dos termómetros máis rigorosos á hora de medir a saúde do galego no Bierzo como é o serio asunto da perda de falantes. Neste caso debemos constatar unha tendencia preocupante e descorazonadora na que a cidadanía e as administraciois aínda non atoparon a fórmula necesaria e urxente que faría que o esforzo que se realiza no terreo da vangarda en Educación se vexa reflectido tamén noutros ámbitos da sociedade, nos vellos espazos tradicionais de uso do galego na nosa comarca e nos novos que se deben abrir e planificar se se quere avanzar.

Finalmente reiterar que está pendente, que seguimos reclamando, tras xa dúas longas décadas de aplicación, afrontar unha Reforma do Programa de Promoción por parte das administraciois que elimine as eivas sinaladas máis arriba e algunhas outras que melloren os resultados tamén en Secundaria e Bacharelato, ademais de iniciar a planificación doutras acciois necesarias noutros ámbitos da sociedade coa intención de lograr novos espazos e novos falantes. Estes serán os dous dos temas centrais que se aborden nas próximas Xornadas Martín Sarmiento que se celebrarán no próximo mes de marzo.

o aumento de matrícula no portal da lingua


Sobre a lingua galega no Bierzo (Mesa redonda
do Festival Villar de los Mundos
)
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 07-12-2021 06:33
# Ligazón permanente a este artigo
AS LETRAS ESGAZADAS PARA O GALEGO NO BIERZO

UNHA EXPRESIÓN NATURAL E RICA REDUCIDA AO IMPOSIBLE

Un Día das Letras Galegas máis coas costuras sen coser. Parafraseando á poeta luguesa Xela Arias, homenaxeada este 2021, faremos nesta columna unha denuncia do equilibrio, falaremos das Letras esgazadas. Por que? Porque unha das máis vellas tradiciois do Bierzo como é a lingua galega, esencia da súa personalidade segue estando eiquí e agora en perigo de extinción. E preocupados preguntámonos, cuanto tempo resistirá?

Lamentablemente os idiomas son como os seres vivos, e coma eles as linguas nacen e medran ou poden morrer. No Bierzo a naturalidade coa que se produce no día a día o fenómeno da comunicación oral, a fala, é unha proba rotunda da súa capacidade de resistencia secular. Pero, cada ano que pasa, vai máis envellecida e é menos nova. A pesar das mil familias que cada curso escolar apostan polo galego nos centros escolares, a pesar de que Mestre esperte a esperanza en nosoutros cos seus 200 gramos de patacas tristes e que na teoría haxa xente moza que podería romper a falar en galego e frear a perda de falantes, a sociedade berciana non ten acondicionados os espazos imprescindibles para que isto se produza e aqueles lugares e ámbitos de uso tradicionais son máis débiles, estanse quedando baleiros, sen xente e non se asentaron en ningures dinámicas fértiles de fortaleza futura.

Por suposto que sabemos que o galego para o Bierzo supón unha riqueza, pero a caixa de seguridade que gardaba este tesouro está desmantelada e os colchois baixo os cales se agochaba en tantas e tantas casas, hoxe abandonadas, cos seus antigos donos e falantes ben mortos, ben anciáns ou emigrados, están pois á intemperie, á espera de que as inclemencias, as chuvias e as xeadas fagan o seu traballo, ou tan só o paso ineludible do tempo rematen con todo vestixio do dialecto berciano no que cantou Morales. Porque as fronteiras autonómicas actuais nun estado tremendamente conservador no terreo lingüístico impiden que se transforme o modelo monolingüe para España que asentou Franco. Un marco que se impuxo a pesar da restauración da Democracia e da creación de Comunidades Autónomas que ata recoñecen formalmente a diversidade cultural existente, mesmo inverten recursos en que haxa aulas de galego, pero non son quen de dar máis pasos firmes.

Logo falta por abordar as iniciativas precisas para facer posible o máis básico, como é estender a naturalidade coa que dialoga o pobo e que a normalidade do uso nas casas e entre a veciñanza galegofalante chegue na boca da cidadanía a calquera ámbito sen obstáculos. Sería preciso algo tan simple como que se mantivese aló onde está aínda presente e se potenciase nos ámbitos que de vello foron vetados. Se xa está nas feiras e mercados que agora o estea nos centros comerciais e nos etiquetados dos produtos. Que se segue viva nas bodegas e no mundo laboral, agora se abra camiño con complicidade nos telexornais e as radios, en todos os medios de comunicación diarios. Se cumpre a súa función comunicadora nas pedanías e nos debates dos concellos, pase a ser agora natural tamén nas actas e comunicados das administraciois locais ou nos centros de saúde ou en algo tan esencial como que os letreiros e mapas as localidades sexan recoñecidas co nome do lugar que os seus habitantes usan normalmente e que as fronteiras de aceiro non impidan recuperar os milleiros de microtopónimos que se perden sen remedio porque o proxecto que os recolla se chame Galicia nomeada e o noso territorio pertenza a outra Comunidade autónoma. Que non haxa unha lexislación sobre a lingua que trate aos galegofalantes do Bierzo como falantes de segunda cuando botando mao da lexislación europea vixente poderíamos desenvolver un proceso de Planificación e Normalización excelente e exemplar en materia de linguas para a Comarca do Bierzo.

Saudamos a data de hoxe, Día das Letras Galegas, ademais de denunciar a falta de harmonía entre o mundo da lingua galega a un lado e ao outro de Pedrafita. Os Días das Letras deben ser marcas de celebración, pero a comunidade lingüística do Bierzo, ademais de reivindicar un Día das Letras para festexar a un poeta da Comarca que puidera axudar a cambiar a tendencia de derrota presente, quixeramos que este legado idiomático e de privilexio que custodian en común como irmaos, Galicia e O Bierzo, non nos dera a sensación de estar esgazado, nunha deriva imposible de transferir. Somos conscientes que toca resistir, seguir traballando por cambiar en positivo unha inercia que impera. Non renunciamos a elo e reclamamos iso si o equilibro.

Héctor M Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega.

Na prensa:
Bierzo diario
O Sil
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 18-05-2021 05:49
# Ligazón permanente a este artigo
XA PODES CONSULTAR NA REDE: A Personalidade do Bierzo: Territorio e Linguas

NA PÁXINA DO CONSELLO COMARCAL

Xa podedes acceder e descargar o material didáctico sobre a relación da lingua galega coa identidade berciana na páxina web do Consello Conmarcal do Bierzo

A PERSONALIDADE DO BIERZO: TERRITORIO E LINGUAS (PDF PRIMARIA)

A PERSONALIDADE DO BIERZO: TERRITORIO E LINGUAS (PDF SECUNDARIA)
Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIOIS - Publicado o 28-03-2021 09:36
# Ligazón permanente a este artigo
Casualidades que son necesidades

UN DÍA DO GALEGO NO BIERZO: CASUALIDADES QUE SON NECESIDADES

No 326 aniversario do nacemento de Sarmiento en Vilafranca

Podemos crer nas casualidades porque o mundo non é outra cousa que unha combinación ou suma curiosa de eventualidade e necesidade, pero se Sarmiento naceu por azar nesta vila de Vilafranca do Bierzo un 9 de marzo de 1695, hai 326 anos, bendita sexa esta fortuna. Mais non é casualidade que os seus pais casaran eiquí. A familia de Sarmiento formouse nesta vila onde nacerían ademais a maioría dos seus irmaos e da que logo partirían cara a Pontevedra. Tampouco é casualidade que en Vilafranca onde hoxe celebramos o Día do Galego no Bierzo (coincidindo coa data de nacemento do ilustrado) se estea a piques de celebrar tamén a proclamación da Provincia en 1821. Esta é a razón pola que abordaremos nestas liñas brevemente a relación nada azarosa, pero si complexa da personalidade berciana, no medio dese debate das fronteiras administrativas e das culturas que, como é evidente na nosa comarca, son cousas distintas, pero cuxa controversia parte da necesidade de ambas de asentarense nun territorio. Non resulta nada azaroso que un falar anónimo e secular de xentes do común da contorna desta localidade faga posible a pervivencia non casual, pero si histórica da súa lingua, aquela que mamou no Bierzo e en Galicia, e da que logo Martín Sarmiento sería recoñecido como o Pai das súas Letras. Tampouco parece casualidade, pero si triste e lamentable, dito sexa de paso, o desleixo e esquecemento habitual das administraciois para con Vilafranca, neste caso de Castela e León, xa que aínda estamos esperando pola reconstrución (compromiso asinado no 2002) da Casa Natal do erudito galaico berciano.

Non foi produto da boa sorte, senón dun traballo arduo o feito de que Sarmiento ademais de pai de centos de pregos en castelán, escribise o seu Coloquio en 1200 coplas (considerada primeira obra da literatura galega contemporánea) usando aquel idioma que por vez primeira, ao igual que o rumor do Burbia que levaba os cachois da auga toda da montaña da Somoza cara ao Sil, escuitara xunto co arrolo doce e agarimoso da súa mai, Clara Balboa cantándolle ao oído:
- Perucho, Peruchiño, durme, durme, meu meniño.
Son emociois que non se esquecen, intimamente unidas aos sons e aos sentires das palabras que se pronuncian. Pedro J. García Balboa que marcharía do seu reino á capital madrileña nunca esqueceu aqueles sons que xa oíra e recoñecía como propios no mesmo ventre da súa mai. Por iso en 1725 quixo e puido viaxar a Galicia para se despedir da persoa amada na que os mamara. Naquela viaxe partía con dúas leciois tremendamente poderosas na súa mente. Unha era a importancia das nais e das mulleres ás que o ilustrado reivindicaba en pleno século XVIII como tan capaces como os homes, e a outra, a transcendencia para o ser humano da lingua materna, esa que elas xenerosamente portaban. Por iso, cuando a súa mai faltou, o seu ollar de Galicia converteuse nunha mirada con vistas ao futuro.
Mais sabía que para voar había que ter raíces. Non por ventura, púxose a indagar na orixe do galego, era o primeiro que o facía e, naquela investigación científica como Pai da Filoloxía Galega, descobre e testemuña a presenza do Bierzo. En San Pedro de Montes como en Samos atopou escritos nesa lingua de reis e tamén de labregos, en galego do século XIII. Tamén nos camiños, falando coa veciñanza recolleu o falar contemporáneo e, o mellor de todo, deixou soterrada na terra deste seu reino unha semente, imaxinemos que cun rostro riseiro, para que, como el xa fixera, logo florecesen nela novos fruitos.
Non é casualidade que escribisen a imitación do beneditino amante da lingua materna tan desprestixiada autores como Rosalía de Castro e antes ca ela no Bierzo o noso Fernández Morales ou en Pontevedra X. M. Pintos, completando e ampliando de xeito natural a súa produción.
Non foi fortuíto que un home humilde do XVIII sabio e xeneroso cos estudos que iniciaba fose á vez paciente tanto como Rosalía de Castro, outra autora altruísta, seguramente por ser muller e escritora no século XIX. Ambos esperaron a que tempo despois os verdadeiros protagonistas e destinatarios sen nome dos seus textos puidesen lelos e aprecialos. Haiche tanta falta de escrúpulos coma ignorancia, (xa o deixou escrito Pondal nun himno), imbéciles e duros que non entenden, non. Como é lóxico muitos bercianos e bercianas consideramos un tesouro o nacemento de Sarmiento porque é muito o que os seus habitantes en particular lle debemos, aínda que haxa tantos ou máis pouco ou nada conscientes de tal débeda.
Non é aleatorio que o Bierzo reivindique a este ilustrado galaico-berciano aínda que non haxa nin un só segundo para el nos vídeos que circulan pola rede e comprimen en 13 minutos a nosa historia tanto como para que non citar nin a Sarmiento nin tampouco os Ensayos poéticos en dialecto berciano de Morales. Pero para a personalidade do Bierzo anónimo que falou e fala galego, isto importa. Non é un accidente, como demostrou un vilafranquino que naceu na mesma rúa e a poucos metros de onde o fixera Sarmiento, Ramón González-Alegre no século XX ao escribir Os Namoros ou cinco pezas de Teatro Galego, a pesar de vivir na longa noite de pedra do Franquismo ou, se cuadra, por ese motivo como testemuña de resistencia secular. Non é casual que Sarmiento fose homenaxeado en 1995 polo Consello da Cultura Galega e logo no 2004 con motivo do Día das Letras Galegas a mesma Real Academia Galega e o Presidente da Xunta de novo fixesen acto de presenza nesta vila para honrar a súa memoria e procurar unha dignificación dun trazo esencial da nosa personalidade e da nosa riqueza cultural como é a lingua que nos une a Galicia. Sería de esperar, pois, que o prometido Centro Cultural Martín Sarmiento ligado ao Xacobeo se acometese como, aínda que con pés de chumbo, se introduciu xa daquela o galego nos centros de ensino do Bierzo seguindo as directrices que imperan leis democráticas europeas dirixidas á garantir os dereitos dos falantes das linguas minorizadas, pero non foi así. Tamén daquela se puxo na mesa a posibilidade de que este centro, hoxe evaporado, servise de referente no proceso de normalización do galego do Bierzo, unha auténtica necesidade.
Non é fortuíto finalmente que nesta capitalidade cultural do galego, J.C. Mestre en pleno século XXI reclame cos seus 200 gramos de patacas tristes un Bierzo bilingüe e rico. Este innovador e aplaudido libro contra o esquecemento, fillo da memoria negada e do compromiso cos humildes, unha reivindicación xusta e creativa, debuxa na boca do noso ilustrado un novo sorriso. Non nos pode ser estraño algo que, ademais dun dereito, nos define e enriquece á vez de facernos diferentes aos outros cidadáns de León e de Castela. Quen non entenda que o noso carácter fronteirizo se conxuga coa presenza do galego, esencia da diversidade que fai posible ao Bierzo, é tan torpe como quen non comprende que a presenza do leonés, outra lingua malferida na súa convivencia secular co castelán, indiscutiblemente fortalece tamén a nosa personalidade nacida desa irmandade histórica con Galicia.

Ante tal cúmulo de nada ventureiras circunstancias e casualidades separemos logo o ruído das noces e pasemos a concretar necesidades. No debate sobre as fronteiras bercianas faise necesario distinguir con criterio o territorio e a cultura, sendo á vez pertinente falar de linguas. Non se pode nin se debe obviar algo primordial como é a normalización e a ampliación dos espazos de uso da lingua galega do Bierzo, segue sendo imprescindible tanto como conmemorar aquela Provincia de Vilafranca e facer memoria do pasado para construír un futuro ben asentado e certo que non teña pés de barro.
Comentarios (0) - Categoría: CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 09-03-2021 20:30
# Ligazón permanente a este artigo
XIII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO DO CONFINAMENTO

A Comisión Cultural Martín Sarmiento quere facer público neste DÍA DO GALEGO NO BIERZO do 2021, 9 de marzo, día no que nacía en 1695 Martín Sarmiento en Vilafranca do Bierzo, a única actividade escolar que como consecuencia da COVID 19 realizaremos neste curso para celebrar as XIII Xornadas Martín Sarmiento, dedicadas ao erudito galego-berciano. Trátase da entrega dunha publicación específica realizada para esta ocasión, un material escolar para cada un dos alumnos/as do Programa de Promoción do Galego no Bierzo que chegará aos centros que imparten dito nos próximos días. O obxectivo é ofrecer un novo material didáctico que se poida usar nas aulas, no que lembremos a figura do Pai das Letras Galegas unha vez máis e que isto dea ao conxunto da Comunidade Educativa do Galego no Bierzo unha sensación de continuidade con respecto a outras actividades presenciais que viñamos desenvolvendo en cursos anteriores.
O material didáctico editado pola Editorial Edicións Positivas leva como título A personalidade do Bierzo: Linguas e territorio con textos de Héctor M. Silveiro, membro correspondente da Real Academia Galega para o Bierzo. Conta cunha edición adaptada para o nivel de Primaria e outra distinta para o alumnado de Secundaria. Ambas tentan explicar de que forma a lingua galega se vai configurando como un dos trazos máis significativos que definen a identidade berciana ao longo dos tempos ligada a outro tipo de elementos e fitos históricos destacables entre os que se mencionan, neste ano de aniversario, a constitución da Provincia de Vilafranca en 1821.
A publicación conta co apoio institucional de costume da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ademais da Real Academia Galega, o Consello Comarcal do Bierzo, os concellos bercianos de Cacabelos, Corullón e Vilafranca e outras entidades culturais bercianas como son o Instituto de Estudios Bercianos e o Grupo As Médulas para a lingua galega do Bierzo.
A Comisión Cultural Martín Sarmiento ten previsto realizar unha reunión ou encontro telemático co profesorado do Programa de Promoción do Galego no Bierzo e da EOI de Ponferrada para explicar en detalle os contidos e propostas adicionais que sirvan de guía para o uso da publicación e manter á vez o contacto que habitualmente se tiña con carácter presencial con motivo das Xornadas Martín Sarmiento de ediciois anteriores.

Na prensa do Bierzo:
Bierzodiario
InfoBierzo
Bierzotv
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 09-03-2021 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0