O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A polémica da toponimia galega no Bierzo

Nestes meses de vrau foi creándose nos medios unha polémica sobre a rotulación da toponimia berciana. Non hai dúbida da presenza da toponimia galega nunha gran parte do Bierzo. Aira da Pedra, San Fiz do Seo, Vilela, Balboa...

Como abordar esta cuestión da súa recuperación plena? Dito doutro xeito, como ir asentando na conciencia dos bercianos de que Teixeira, Veigueliña, Barxas, Soutoparada deberían ser as denominaciois oficiais e non as formas castelanizadas que só aparecen nos rótulos da DGT?

Partindo de que o máis correcto sería que se usase a fórmula que o propio pobo escolle para denominarse, non se nos pode esquecer que ao longo da historia houbo e segue habendo unha forte presión sobre os nomes de lugar por parte das autoridades xerando a confusión e as falsas polémicas entre a xente do común. Con frecuencia por ignorancia e falta de respecto á diversidade cultural a deturpación e a castelanización máis burda da toponimia orixinal e autóctona por parte dos poderes insensibles foron impoñendo nesta parte tan substancial da cultura patrimonial do pobo denominaciois impropias. Traemos eiquí un artigo de opinión de Gaspar Méndez sobre a proposta da Xunta de rotular os sinais de tráfico no Bierzo en bilingüe como un intento de introdución e defensa da toponimia galega no Bierzo.

OPINIÓN / EL PROGRESO DE LUGO
A polémica sobre a toponimia en galego no Bierzo

GASPAR MÉNDEZ
20/AGO./23

Hai uns días, polo San Roque, acopleime a unha presentación de libros, xunto a autores como Ruy Vega, Berta Pichel e Amador Fonfría, na miña vila, que é a Veiga do Valcarce. No meu caso tratábase dos dous volumes de ‘Nós tamén temos historia’, obra dos meus alumnos.
A presentación transcorreu sen novidade. Os editores venderon libros, nós dedicámolos e todos tomamos un viño e uns petiscos por cortesía do Concello.


Finalizado o acto, dúas ou tres persoas recrimináronme que a miña presentación fose en galego; algo que, para min, non ten moito sentido, xa que o galego é a lingua do país, é a miña lingua e, ademais, os dous volumes están escritos en galego.

Á sentenza de que estamos na provincia de León, respondín eu dicindo que a provincia aínda non ten douscentos anos, mentres que a lingua lévase falando na Veiga de forma ininterrompida desde hai máis de mil.

Estas críticas veñen engadirse ás que estamos a recibir os que defendemos a rotulación bilingüe da nosa toponimia ou, o que é o mesmo, oficializar dalgunha maneira os topónimos tradicionais, como mínimo das vilas e aldeas.

A Galicia acúsaselle de inxerencia, cando o propio Estatuto de Castela e León, no seu artigo 4, recolle que «gozarán de respeto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen». Por outra banda, os estatutos da Real Academia Galega inclúen, entre as finalidades da mesma, a defensa e promoción do idioma galego (artigo 2), mentres que no artigo 4 din textualmente: «Enténdese por idioma galego o propio de Galicia, así como as súas variantes faladas nos territorios exteriores (Asturias, León e Zamora)».
A situación na zona occidental do Bierzo non é distinta da existente na Galicia predemocrática, cos topónimos castelanizados e deturpados polos funcionarios do Estado liberal decimonónico. Ao oeste de Pedrafita recuperáronse as formas tradicionais co Estado autonómico; ao leste aínda non.

Da mesma forma que dicir Sanjenjo é unha auténtica gañanada (a tradución ao castelán sería San Ginés), tamén o é Teijeira ou Barjas. Con todo, hai que dicir que, durante estes case douscentos anos, estas formas adquiriron uso, polo que podería ser recomendable que ambas coincidisen na sinalización viaria. De calquera forma, os concellos teñen potestade para modificar a toponimia menor, pero non o nome do concello.

Resulta tamén curioso ler a documentación do Antigo Réxime, na que os escribáns casteláns do Estado de Vilafranca, por poñer un exemplo que coñezo, trataban de buscar unha grafía para representar o son /ks/ e escribían Campo Roggio para o lugar acasarado de Campo Roxío. Tamén o último notario da Veiga do Valcarce escribía Valiña do SSardón para dicir Xardón.

Dábase nesta época unha convivencia entre formas autóctonas e traducións ‘daquela maneira’. Así era frecuente ler Valbuena, Balbuena, Valboa ou Balboa, mentres que noutros casos decantábanse polas formas tradicionais como Lagúa de Fontemulleres para designar ao que agora chamamos Laguna de Castilla. Destacar que o apelido ‘de Castilla’ é posterior á división provincial e aplicóuselle en contraposición coa outra Lagoa, pertencente esta última á parroquia do Cebreiro, á que alcumaron ‘de Galicia’, sen que neste último caso triunfase a proposta.
Debemos destacar tamén que, desde tempos inmemoriais e ata a reordenación parroquial de 1955, unha boa parte da zona galegofalante do Bierzo estaba integrada no bispado de Lugo.

Polo demais, a situación actual do idioma galego fóra da Galicia administrativa non é moi distinta á do interior. Ou sexa, en claro retroceso, agudizado neste caso polo despoboamento e a súa presencia testemuñal no ensino.

Así, recuperar e oficializar as formas tradicionais da nosa toponimia non é tan só cuestión de xustiza, senón tamén de sentido común e, por suposto, de cultura e de educación.

Ver o artigo:
No Progreso de Lugo
No Diario de León
A suposta polémica na TV de Castilla y León
Comentarios (0) - Categoría: DEBATES e POLÉMICAS - Publicado o 24-08-2023 08:22
# Ligazón permanente a este artigo
AS LETRAS GALEGAS E OS ICEBERGS CONTRA O ENTUSIAMO

No Bierzo segue sendo dificultosa a travesía dos dereitos lingüísticos.

En Galicia celébrase hoxe o Día das Letras Galegas, mais no Bierzo, con respecto a lingua galega, esa que nos confire identidade, lamentablemente non estamos para celebraciois. Unha inxustificada negativa a introducir o galego nun instituto berciano, como un iceberg nunha viaxe por mar, pon en evidencia a fraxilidade na que se atopa, unha vez máis, esta riqueza patrimonial que posuímos e amosa a debilidade do Programa de Promoción do Galego que vén sendo a vangarda do traballo a prol do idioma na comarca e a esperanza dun futuro mellor.
Efectivamente hoxe 17 de maio é o Día das Letras Galegas, unha data festiva que se estende a todos os territorios galegofalantes. Conmemórase nesta data dende o 1963 o aniversario da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, obra que inaugura a literatura galega contemporánea. Foi un evento que naceu hai 60 a proposta dun académico, Francisco Fernández del Riego, un lugués casado cunha valdeorresa, un dos fundadores da editorial Galaxia que este ano é precisamente o homenaxeado pola Real Academia Galega. No Bierzo deberíamos estar de festa, pero a negativa do equipo directivo do IES de Fuentesnuevas á introdución do galego nese centro de ensinanza berciano, a pesar do reiterado interese das nais e pais do seu alumnado, semella ser un novo iceberg que pon en perigo unha vez máis a difícil travesía dos dereitos lingüísticos nesta comarca.
Todo o mundo sabe o que é un iceberg. Está asociado ineludiblemente na nosa mente ao triste naufraxio do Titánic. Pero vaiamos da metáfora ao asunto. Non é unha, nin dúas, son tres as AMPAS que reclaman formal e publicamente que, no próximo curso académico, se lle abran as portas ao galego no Instituto de Fuentesnuevas, algo que a dirección e o claustro de dito centro seica se negan a tramitar sen argumentación algunha que sosteña tal torpe determinación por parte dos docentes. Por outro lado, dita solicitude de parte da comunidade educativa dos centros de Primaria adscritos ao instituto de Cuatroventos e Camponaraia e do propio centro de Secundaria de Fuentesnuevas constitúe unha razón de máis como para poñer en marcha o pertinente protocolo de introdución da lingua. Invitan a realizar dicho trámite tanto unha orde publicada o pasado 4 de abril por Educación de Valladolid como outras directrices anteriores tan válidas como a presente. Estamos falando dun dereito que os galegofalantes bercianos temos e que se concreta na posibilidade de matricularse no Programa de Promoción do Galego de xeito voluntario, unha opción cargada de oportunidades laborais de futuro ao poder titular o alumnado no remate da ESO cun certificado CELGA, un dereito que, no caso de non activar este proceso, digámolo unha vez máis, se lle está imposibilitando exercer á cidadanía. Lembremos que unha parte considerable de alumnos/as estiveron matriculados durante os cursos de Primaria no chamado Programa de Promoción da Lingua Galega. Resulta, na nosa opinión, aínda máis grave o feito de que a raíz desta negativa inicial por parte dos profesores, a administración educativa se amose insensible e fría ante a firme reivindicación e demandas xustas das familias. Parece obvio que a administración debería actuar de oficio a través da inspección de León, por exemplo, para facilitar unha solución que resolva o conflito.
Debemos concluír entón que os bercianos e bercianas en 2023 seguimos navegando contra a historia, esquivando un mar de obstáculos coma se estivésemos aínda baixo a bota antidemocrática de Franco, xa que as autoridades educativas actuais parecen perpetuar, co seu silencio administrativo, aqueles tempos grises nos que os gobernantes desoían por norma as reclamaciois dos cidadáns. Pero a realidade é que os nosos dereitos resultan hoxe legalmente evidentes e palpables, formando parte indiscutible da nosa identidade. Hai xa vinte anos que existe un Programa de Promoción do Galego no Bierzo que é un éxito grazas a que máis de mil familias bercianas, en 11 centros de Primaria e 4 de Secundaria, corroboran e ratifican coa súa matrícula curso a curso a súa necesidade, a súa razón de ser.
A pesar da gravidade destas circunstancias que denunciamos quixeramos, de todos os xeitos, ver a botella medio chea e unha navegación ceibe de obstáculos. É posible? Como? Resulta mui sinxelo. Aínda se está a tempo de abrir a matrícula para o curso que vén no IES de Fuentesnuevas incluíndo a opción do Programa de Galego. Insistimos, a pelota certamente está no tellado da administración educativa que polo de agora garda un silencio digamos habitual, pero pouco tranquilizador. Nace así a lóxica preocupación e as nosas dúbidas. Estase apostando realmente polo Programa de Promoción do Galego asinado pola Junta de Castela e León e a Xunta de Galicia cuando se mostra esta falta de sensibilidade cara ás familias dun importante número de alumnos/as bercianos que resultan claramente perxudicados?
Cremos que esta situación ben merecía unha reunión extraordinaria da Comisión de Seguimento do citado Programa de Promoción do Galego no Bierzo antes de que remate o actual curso escolar. Espérase da administración educativa que exerza como tal, que manifeste unha implicación e dilixencia maiores atendendo as demandas que se lle fixeron chegar polas propias AMPAS de Fuentesnuevas, Camponaraia e Cuatroventos e que se derivan do acordo establecido entre a Xunta e a Junta e que aconsellan mesmo as instituciois da Comunidade Europea a través da Carta das Linguas Rexionais e Minoritarias de Europa que asinou no seu día o Estado Español.
Neste Día das Letras, botamos en falta unha figura como a Francisco Fernández del Riego, un presidente da Academia entusiasta aos 84 anos de idade que foi quen de anovar dinámicas na vella institución e de albiscar un futuro esperanzador para a nosa lingua, precisamente animado polo vigor da presenza do galego en muitos centros de ensino. Elevamos, logo, neste día tan sinalado unha solicitude de urxencia dende O Bierzo ao actual Presidente da Academia, fiel continuador de Fernández del Riego, para que se procuren vías de acordo entre a cidadanía, o profesorado e as autoridades educativas implicadas neste tema tan transcendente e importante para a nosa lingua. Desexamos, pois, se faga posible unha travesía sen icebergs, co entusiasmo desas mil primaveras máis para o galego das que falaba Cunqueiro, un bon amigo de Don Paco, para todos os territorios galegofalantes incluíndo, claro está, a comarca berciana.

Héctor M Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega.

O DÍA DAS LETRAS NO SAN LORENZO DE BRINDIS DE VILAFRANCA e na EOI de PONFERRADA


Na prensa:
bierzodiario
bierzodigital
Nueva crónica
Nós diario
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2023 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
TRES AMPAS SOLICITAN A INTRODUCIÓN DO GALEGO NO IES DE FUENTESNUEVAS
As asociaciois de madres e padres dos centros públicos de Educación Primaria de Camponaraia, Fuentesnuevas e Cuatroventos denunciaron publicamente a través dun comunicado a situación existente sobre a falta de continuidade do programa de Lingua Galega no centro educativo ao que está adscrito o alumnado da ensinanza primaria, que é o IES Fuentesnuevas.
Os tres colexios imparten a Lingua Galega de maneira voluntaria ao alumnado que así o solicita, de forma que ao finalizar o ciclo da ESO e o Bacharelato se certifica un nivel oficial de CELGA (Coñecemento de Lingua Galega). Sen embargo, atopanse con que ao finalizar a Primaria no seu centro de Secundaria de referenia non está implantado o programa de Lingua Galega, a pesar de solicitalo representantes da Ampa de Fuentesnuevas en varias ocasiois, sen éxito.

No IES de Fuentesnuevas impártense módulos de Formación Profesional (especialmente sanitarios) nos que o CELGA é imprescindible para traballar en Galicia, pero ante a imposibilidade de continuar co programa de galego «a única opción que se nos presenta, é a de solicitar praza noutro instituto onde si existe este programa, sen ter en conta a adscrición dos nosos centros educativos ou a proximidade ao IES Fuentesnuevas»

« Sabemos que tanto a Dirección General de Educación de la Junta como a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, ambas ligadas á aprobación e ao seguimento do Programa de Promoción de Lingua Galega, non poñen obstáculos de ningún tipo á hora de incorporar un novo centro a dito programa», explican as asociaciois, que efectúan «un chamamento á reconsideración da dirección do IES Fuentesnuevas, para implantar o Programa de Promoción da Lingua Galega».

Esta solicitude foi apoiada por distintas entidades e colectivos bercianos como son Xarmenta, a Comisión Cultural Martín Sarmiento e o Grupo As Médulas.

Na prensa:
bierzodiario
infobieerzo
Bierzodigital
diario de león
leonoticias
nueva crónica
noticias bierzo
nós diario
diariodeleón
praza pública
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 17-05-2023 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
CRÓNICA DO DÍA DO GALEGO NO BIERZO, AS XV XORNADAS MARTÍN SARMIENTO


Este pasado 9 de marzo, día do nacemento de Martín Sarmiento levamos a cabo unha nova edición recuperando para o Día do Galego no Bierzo a normalidade cos encontros dos distintos centros de ensino que participan no Programa de Promoción do Galego, nesta ocasión en Cacabelos (outra das novidades). Cun lixeiro aumento na matrícula por vez primeira tamén en Secundaria (había máis dunha década que isto non ocorría) reunímonos na vila do Cúa para facer a Entrega dos III Premios Antonio Fernández Morales .

DA MAO DO FILANDÓN BERCIANO

Todo o alummado de Secundaria (164 alumnos/as) achegáronse ao CINE FABA dende os cuatro institutos que dan galego no Bierzo para coñecer por boca de Raúl Ochoa, membro do Filandón Berciano, que persegue e como traballa este colectivo. Raúl falou tanto dos obxectivos que perseguen como asociación ata detallar como rescataron falando cos maiores o Entroido de Valtuille de Arriba. Combinou a súa exposición cunha serie de vídeos gravados por el baixo a dirección de Umberto Corral para o Instituto Leonés de Cultura que amosan cal é a súa filosofía de escuitar e darlle importancia ao que nos teñen que contar os maiores, e entre esas cousas fixarse na fala, no léxico que usan nos costumes que relatan. Rematou precisamente poñendo o valor da lingua e no uso das redes para comunicar e dar a coñecer o Patrimonio cultural inmaterial invitando a que entrasen coñecesen máis puntualmente as súas actividades e mesmo entrasen en contacto por medio delas co seu colectivo.

ENTREGA DOS PREMIOS MORALES PAR AO BIERZO E SANABRIA-A SEABRA

Ás 11,3O incorporados ata encher o Cine Faba unha representación dos distintos centros de Primaria que imparten o Programa de Galego no Bierzo ao que se sumaron as autoridades educativas da Junta e da Xunta, provinciais (Instituto Leonés de Cultura da Deputación de León), locais (representantes dos concellos de Cacabelos, Corullón e Vilafranca) e comarcais (tanto do Consello Comarcal como do Instituto de Estudios Bercianos) que colaboran coas Xornadas Martín Sarmiento, tras unha breve lembranza da figura de Sarmiento e da de Morales por parte de Héctor Silveiro da Comisión Cultural Martín Sarmiento, comezou a Entrega de Premios coa presentación da edición do terceiro volume que editou Edicións Positivas, representada por Franciasco Macías e que coa subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia inclúe todo os debuxos de Primaria e textos de Secundaria premiados correspondentes aos cursos 2020-21 e 2021-22 tanto de alumnos/as baixo que son creaciois a partir dun dos poemas dos Ensayos poéticos en dialecto berciano que se sintetizou baixo o lema "Chegaron os romanos".
Houbo previamente ao acto de entrega en si, unha breve alocución das distintas entidades que apoian este evento. Interviron a Alcaldesa de Cacabelos Irene González, Samuel Martínez representando ao Consello Comarcal do Bierzo, Emilio Gancedo do Instituto Leonés de Cultura (como promotor dun dos premios do concurso), Javier López da Dirección Provincial de Educación de León e Valentín García como Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

ESTREO DA PÁXINA WEB: OGALEGONOBIERZO.ORG

Foi Paco Macías quen presentou a iniciativa que aspira a servir de referente e un fondo bibliográfico virtual dunha gran parte do material existente ademais de informar sobre todo tipo de eventos sobre a lingua galega na nosa comarca, que a partir do 9 de marzo xa está dando os seus primeiros pasos polas redes. Podedes consultala: ogalegonobierzo.org

ACTUACIÓN DE PAKOLAS

Finalmente houbo unha actuación musical especielmente dirixida ao alumnado de Primaria de Pakolas co espectáculo RAMONA ÓRBITA músico rock en galego que presentaba un novo espectáculo co que brincaron e cantaron ata pasadas as 13 horas, hora prevista para a conclusión desta sesión matinal.

MESA DE TRABALLO: AS ARELAS DE SARMIENTO

Xa en sesión de tarde e e nas instalaciois do MARCA de Cacabelos tivo lugar unha mesa de traballo co profesorado do Programa e distintos representantes das entidades que apoian e colaboran habitualmente coas Xornadas Martín Sarmiento. Tratamos sobre os seguintes temas:
- Situación actual do Programa do Galego no Bierzo
- IV Convocatoria dos Premios Morales para o mes de marzo do curso que vén.
- Nova emisión de Microprogramas de radio escolar en galego nas emisoras bercianas par apromocionar a IV Convocatoria dos Premios Morales.
- Introdución de novas dinámicas nas próximas Xornadas Martín Sarmiento e o Día do Galego no Bierzo.
- Iniciativas da Academia Galega (RAG) e posibles acordos para seguir avanzando no Decálogo de Novos Espazos para o Galego no Bierzo.

Repercusión nos medios:
Bierzodiario
noticias bierzo

Nós Diario
Real Academia Galega


Diario de León
Xunta de Galicia
Radio Galega

Outros artigos relacionados:
A 9 de marzo coas casas natais ás voltas
Falamos Galego

Outras actividades en do 9 de marzo relacionadas con Sarmiento en Galicia:
_ Unha obra de Sarmiento editada polo O Consello da Cultura Galega

Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 10-03-2023 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
O 9 DE MARZO DECLARADO DÍA DO NATURALISMO EN GALICIA NA HONRA DE SARMIENTO

Unha proposta do mestre Rafael López Loureiro ante a
Real Academia Galega das Ciencias e o Consello da Cultura Galega que servirá para homenaxear á figura de Martín Sarmiento no día no que naceu en Vilafranca do Bierzo, o 9 de marzo.
Logo será un bon día para achegarse aos estudos naturais do erudito e mesmo de facer actividades mesmo nas terras do Bierzo ligadas ao coñecemento da Natureza.
Podemos ver a nova en distintos medios:
Nós Diario
Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: CURIOSIDADES SOBRE SARMIENTO - Publicado o 01-03-2023 22:25
# Ligazón permanente a este artigo
XV- XORNADAS MARTÍN SARMIENTO

PROGRAMA DAS XV XORNADAS MARTÍN SARMIENTO

CELEBRAMOS O DÍA DO GALEGO NO BIERZO

Este 9 de marzo na décimo quinta edición das Xornadas Martín Sarmiento desprazámonos a Cacabelos para celebrar o Día do Galego nos Centros Docentes do Bierzo. O motivo fundamental é promocionar o PREMIO MORALES cuxo lema “Chegaron os romanos” aparece ligado a esta vila berciana onde viviu e está soterrado o cantor en galego do Bierzo, Antonio Fernández Morales. Recuperamos os intercambios didácticos e lúdicos das Xornadas para alumnos/as do Programa de Galego que vidos de distintos puntos do Bierzo presumen de cultura e identidade. Temos a certeza de que máis aló das aulas este sentimento estámosllo a contaxiar a outros sectores da sociedade berciana que perciben que vai sendo hora de arroupar o acordo de Promoción da Lingua Galega que leva 21 anos aplicándose e reclama xa un novo pulo.

ENTREGA DE PREMIOS E NOVA CONVOCATORIA DO
PREMIO MORALES 2024


O acto central que se levará a cabo no Cine Faba será a entrega de premios,ademais da presentación da web: OGALEGONOBIERZO.ORG e a convocatoria da IV edición dos Premio Morales 2024. Faremos tamén lembranza do centenario do poeta e narrador de Vilafranca, Antonio Pereira que ten obra traducida ao galego.

A Comisión Cultural “Martín Sarmiento” de Vilafranca, os centros docentes do Programa do Galego na comarca, a Real Academia Galega, as autoridades educativas autonómicas, entes culturais como O Filandón Berciano e o Instituto de Estudios Bercianos, alcaldes do Bierzo e o seu Consello Comarcal manterán un encontro de traballo de cara a programar outras iniciativas coa fin de seguir abrindo novos espazos para o galego no Bierzo.

Xoves 9 de marzo 2023, Cacabelos
1.ª SESIÓN MATINAL : MUSEO MARCA de Cacabelos
9,30 APERTURA DO INTERCAMBIO DE SECUNDARIA: ENCONTRO CO FILANDÓN BERCIANO: O colectivo cultural exporá o seu modus operandi e o valor da lingua en especial, nas actividades que leva realizando co patrimonio inmaterial do Bierzo. Asistirán os alumnos/as do Programa de Galego de SECUNDARIA dos centros:
IES Padre Sarmiento (Vilafranca)
IES Bergidum Flavium (Cacabelos)
IES Europa (Ponferrada)
IES Virgen de la Encina. (Ponferrada)
Alumnos/a de Galego da EOI de Ponferrada.

11,00 h.: Dirixiranse cara ao Cine Faba para participar no acto de entrega dos Premios Morales.

2.ª SESIÓN MATINAL: CINE FABA
11,30 APERTURA DA SESIÓN DE PRIMARIA:
ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DA III EDICIÓN DO PREMIO ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES
Intervirán as entidades e autoridades organizadoras desta III Edición que ademais de facer entrega dos premios e presentarán a WEB: OGALEGONOBIERZO.ORG e anunciarán a convocatoria da IV edición dos Premios Morales.

A CONVOCATORIA DA IVª EDICIÓN DOS PREMIOS MORALES PARA A PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA
NO BIERZO E SANABRIA, impulsados polo Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo coa colaboración das autoridades e entes que tamén contribúen á posta en marcha das presentes Xornadas.


12,00: ACTUACIÓN PARA O ALUMNADO DE PRIMARIA: Actuación musical de Pakolas subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Cultura e Educación da Xunta de Galicia. Asisten alumnos/as dos centros de PRIMARIA de:
CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca,
CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos,
CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada,
CEIP Compostilla de Ponferrada,
CEIP Jesús Maestro de Ponferrada,
CEIP San Ildefonso de Camponaraia,
CEIP Virgen del Carmen de Ponferrada,
CEIP Toral de Meraio,
CEIP M.L.Ucieda de Toral dos Vados,
CRA Carucedo,
CRA Cubillos do Sil,
CRA Ximena Muñiz de Corullón,
CRA Ponte de Domingo Flórez
SESIÓN DE TARDE 9 de marzo

16,30 h. CACABELOS
(Salón de actos do MARCA)

MESA DE TRABALLO (Sesión de tarde)

1º CONVOCATORIA DA IVª EDICIÓN DOS PREMIOS MORALES PARA A PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA
NO BIERZO E SANABRIA. Impulsados polo Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo coa colaboración das autoridades e entes que tamén contribúen á posta en marcha das presentes Xornadas.

2º AS ARELAS DE SARMIENTO. Trátase dun encontro de docentes, autoridades educativas, Real Academia Galega, administraciois e asociaciois culturais bercianas para realizar un seguimento das actividades levadas a cabo e concretar novos compromisos coa lingua galega no Bierzo, entre outros a elaboración do borrador dun convenio de colaboración entre a Real Academia Galega e o Consello Comarcal e outras entidades culturais do Bierzo.

Nos medios:
bierzodiario
Comentarios (1) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 22-02-2023 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
O 250 ANIVERSARIO DA MORTE DE MARTÍN SARMIENTO, CONCLUÍDA A POLÉMICA DO SEU LUGAR DE NACEMENTO

AS CEN VILAFRANCAS (12ª Entrega)


O 250 ANIVERSARIO DA MORTE DE MARTÍN SARMIENTO CONCLUÍDA A POLÉMICA DO SEU LUGAR DE NACEMENTO

Cuando se celebraron os 300 anos do seu nacemento en Vilafranca, na súa vila natal houbo varios actos que o honraron, aínda que non foron o propio 9 de marzo, data que habitualmente dedicamos a súa memoria. O 7 de decembro cuando fai os 250 da súa morte, estamos seguros (e gustaríanos equivocarnos) que en Madrid, a capital de España onde morreu aos 77 anos de idade, nada nin ninguén lembrará a Martín Sarmiento. Pola contra en Galicia e no Bierzo o seu recordo segue vivo. Coincidindo con esta efeméride, o Instituto de Estudos Galegos que leva o seu nome e o Consello da Cultura Galega clausuraron xa dous eventos singulares: unha serie de charlas e unha exposición, o primeiro, e un simposio que inclúe unha nova edición dunha das súas obras, o segundo. Ademais na comarca berciana, Sarmiento como cada mes de marzo, inaugurará a primavera cultural pois eiquí ese 9 de marzo no que naceu, celebraremos de novo o Día do Galego no Bierzo. A modo de prólogo invernal do que ha vir, falaremos hoxe dalgúas curiosidades e anécdotas dos últimos días da súa vida á vez de lamentar logo que sexa imposible deixarlle unhas flores na súa tumba debido ao extravío dos seus ósos, as cinzas tristemente perdidas dun dos maiores sabios do denominado século das luces da España do XVIII. Unha mala fortuna, unha especie de maldición que parece perseguir a distintas personalidades nadas en Vilafranca.

Pedro Joseph García Balboa ingresaba co nome de Martín Sarmiento en 1710 con 15 anos no convento de San Martín de Madrid onde pasará a meirande parte da súa vida, cuatro longos decenios case sen moverse daquela cela que abandonaría en contadas e afortunadas ocasiois como el deixou documentado meticulosamente. A súa fortaleza física permitiulle estar moi activo intelectualmente ata unha idade avanzada: No tengo achaque alguno, sino el que voy caminando para el año 64 de mi edad, ocupados los cincuenta en leer, estudiar y escribir aseguraba chanceándose da súa boa saúde á altura do ano 1759. Pero no seu “ano 13”, como chamaba en chiste ao seu 75 aniversario, el mesmo, nas cartas ao seu amigo o Duque de Medina Sidonia confesa: Ya no estoy yo para escribir, leer ni censurar, estoy totalmente impedido con 75 años y medio á cuestas y con una visible decadencia de mis sentidos; ya he perdido mi antigua forma de letra. Corría o ano 1770. Os que o atenderon no día da súa morte destacan que morreu de enfermedad natural de vejez y caducidad a que había dado principio tres años antes, sin que se hubiese sujetado a médicos ni boticarios.

A morte do frade aconteceu na corte madrileña o 7 de decembro de 1772 e, como se pode comprobar, non pasou desapercibida para os seus contemporáneos. As exequias foron solemnes e foi soterrado na Capela de Santo Cristo do convento de San Martín ao día seguinte. Na prensa española do século XVIII El Mercurio Histórico y Político y La Gaceta de Madrid gabaron a súa figura afirmando entre outros eloxios que era amado en toda la monarquía, como verdadero sabio, y filósofo cristiano, honra de su siglo. Colocouse entón unha lápida sepulcral obra do escultor noiés, colaborador e amigo de Sarmiento, Felipe de Castro ao que cabe engadir a realización (talvez coa idea de erguer unha escultura mortuoria) un busto sufragado por outro leal amigo, o Duque de Medina Sidonia.

Este bo e íntimo amigo da nobreza propiciou tamén a publicación laudatoria que realizou o mosteiro beneditino de San Martín coas Oraciones fúnebres, libro que recolle 32 composiciois elexíacas en distintos idiomas na honra do erudito padre bieito e que veu a luz o 7 de febreiro de 1773, dous meses despois do seu pasamento nun acto moi ostentoso e solemne na propia capela onde repousaba xa o seu corpo. Podemos dicir que o trato dispensado tanto pola corte de Carlos III como dos poderosos amigos e coñecidos permitiu unha meticulosa catalogación dos seus escritos garantindo o seu legado para o futuro e a pesar da inminente dispersión da súa voluminosa biblioteca.
No tomo V do libro de Viaxes por España de Antonio Ponz na súa visita ao convento de San Martín en 1776 recoñece que esta lápida sepulcral (de Martín Sarmiento) puesta en el suelo, sirviendo de pavimento, apenas se podrá leer dentro de pocos años,...ademais de recordar que D. Felipe de Castro ha hecho el busto de este famoso literato; pero no se ha puesto en parage público. Mais a cousa tomou aínda peor cariz poucos anos despois. A lamentable peripecia do monumento funerario e das súas cinzas é, sen dúbida, resultado da falta de atención que recibiu por parte das autoridades nos convulsos anos da segunda década do século XIX.

Tras da invasión da francesada, no reinado de rei invasor José I vaise ordenar a demolición da igrexa de San Martín para ampliar a praza madrileña que hoxe segue chamándose de San Martín. A execución do derribo chega á capela do Santo Cristo en 1812. Segundo conta Filgueira Valverde prodúcese a exhumación dos restos de Sarmiento en 1813, pasando de seguido ás bóvedas das Casas Consistoriales coa intención de que fosen instalados con posterioridade no cemiterio do distrito da parroquia e namentres non se acababa de habilitar un panteón, deposítanse na bóveda da Igrexa,...onde parece ser que se perde o seu rastro. Esa é a última noticia certeira que se puido atopar polo de agora ao igual que a referencia á lápida que se atopaba na Casa da Obrería aquel mesmo día, o 24 de novembro de 1813. O resultado é que a día de hoxe, cinzas e lápida, están en paradoiro descoñecido, non sabemos se baixo o asfalto madrileño da mesma Praza de San Martín ou da que hoxe coñecemos como Casa das Alhajas (que se ergueu posteriormente no lugar onde estaba o convento) ou ben chegaron a ser trasladados finalmente ao cemiterio do distrito da parroquia como se pensaba facer segundo a documentación antedita.

Cuando se celebraron en 1995 os 300 anos do nacemento de Sarmiento, Filgueira Valverde estimulou varias actuaciois de recuperación do legado de Sarmiento, entre elas a que facía referencia á busca dos seus restos mortais nos que se chegou a implicar tanto o coñecido cardeal Suquía como o propio Goberno municipal de Madrid por iniciativa do daquela Presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga.

O curioso desleixo co que tratou a Historia ao noso conveciño ilustre facendo desaparecer tanto a partida de nacemento no libro de bautismos parroquial da Colexiata de Vilafranca como os seus restos óseos son algo do que non podemos máis que lamentarnos.
Precisamente aquel día do óbito, 7 de decembro de 1772, comezou para alguis prestixiosos estudosos da vida e da obra de Sarmiento, como o cacabelense Santos Puerto, a dilatada polémica sobre o lugar do seu nacemento xa que Frei Anselmo Avalle introduciu na súa disertación laudatoria aquela afirmación categórica de que Martín Sarmiento nacera en Vilafranca. Desde hai non muito tempo, esta controversia parece darse por pechada grazas a Ferro Ruibal que deu a coñecer en 2018 o documento de ingreso no convento de San Martín escrito de puño e letra do asinante que tiña daquela, como xa dixemos 15 anos, o 20 de maio de 1710 :
"Ego Martinus Garcia â Sarmiento, ex Villafranca Dioecesis Astorga accepi sanctissimum habitum Sancti P[atris] N[ostri] Benedicti in hoc Monasteiro Sancti Martini Matritensis Ordinis eiusdem Sanctissimi Patris â R[everendissi]mo Patre Magistro fratre Joanne Bap[tista] Lardito ipsius Monasterii Abate. Anno Domini millessimo septingentesimo decimo die vigesima Martis hora decima. Frater Martinus Garcia a Sarmien[to]".


Non obstante unha persoa como Sarmiento, un sabio humilde coma el, seguro que non querería pompas fúnebres ostentosas e viviría alleo a debates pouco substanciosos, pero si desexaría ser recordado polos seus escritos, pola súa monumental obra, á que lle dedicou tanto tempo e entrega. Tan inmensa é que aínda segue en parte inédita, xa non digamos pendente de estudo e difusión. Existen neste sentido iniciativas loables como a do Proxecto Sarmiento do Consello da Cultura Galega que presenta neste ano a súa edición dos 660 plegos á vez que son constantes as referencias aos seus traballos considerados ben vangarda, ben modélicos para os que se están a desenvolver no presente, 250 anos despois do seu falecemento. Novas empresas e investigaciois relevantes e á vez curiosas como, por exemplo, a da recuperación de especies animais que se está a realizar con éxito a día de hoxe co lince ibérico na nosa península. Outro caso sería o monumental traballo de xeolocalización da toponimia do Noroeste que leva o nome de Galicia Nomeada. A pesar de ser transcendental o seu aporte, hai facetas del descoñecidas ou escasamente divulgadas. Segue, en certos aspectos, sendo un descoñecido, mesmo para especialistas e estudosos destacados, cousa que non nos deixa de sorprender.

A celebración do tricentenario do seu nacemento, e logo en 2002 ao dedicarlle o Día das Letras Galegas provocou unha actualización e unha divulgación notable da súa obra, mais a súa grandeza é tal que aínda resta por abordar en condiciois traballos e proxectos que o noso ilustrado galego-berciano pensou e deseñou se non de xeito absoluto, conformando un bosquexo inicial de interese a modo de punto de partida. Non poderiamos reiterar un por un (é imposible neste espazo) a copiosa e enorme listaxe de temas e facetas que abordou en vida. Pero si desexamos nomear algún de fondura especial como é o traballo lexicográfico co que engade un total de 9000 palabras da súa lingua, aquela que escuitara por vez primeira na boca da súa mai, Clara Balboa, natural de Samos e casada en Vilafranca, á beira do Burbia. Un conxunto de palabras que estudou e restaurou para enriquecer o futuro dicionario de termos que anos despois da súa morte vería a luz, sempre fruito dos desvelos dos que seguiron o modelo e o camiño que Sarmiento iniciara. El foi, sen dúbida, o primeiro en iniciar unha recolleita do léxico e da toponimia bercianos, propósito que dalgún xeito comprometémonos a continuar e enriquecer conscientes de que é un monumento marabilloso do que el colocara antes de morrer a primeira pedra. Máis importante logo son estas herdanzas que conservamos que os seus ósos que parece perdemos para sempre entre as ruínas daquela cela na que vivira tanto tempo recluído daquel convento madrileño derruído onde talvez aínda repousan ignoradas. Mais Sarmiento defunctus adhuc loquitur.

Héctor M. Silveiro Fernández,
académico correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega.

No BIERZO DIARIO
Comentarios (0) - Categoría: 250 ANIVERSARIO DA MORTE DE SARMIENTO - Publicado o 07-12-2022 15:48
# Ligazón permanente a este artigo
A clausura do 250 aniversario do Instituto de Estudos Galegos Martín Sarmiento

Comentarios (0) - Categoría: 250 ANIVERSARIO DA MORTE DE SARMIENTO - Publicado o 06-12-2022 13:41
# Ligazón permanente a este artigo
O Consello da Cultura remata a edición dos 660 plegos de Sarmiento

O Consello da Cultura Galega presenta o tomo I co que conclúe a edición dos 660 plegos de Sarmiento.
O pasado 28 de novembro celebrouse un acto para presentar esta voluminosa edición que se encadra no denominado Proxecto Sarmiento e que se fai coincidir co 250 aniversario da súa morte.

Proxecto Sarmiento no que se inclúen os 660 plegos

Ver a publicación do TOMO I

Galiciaexpress
Comentarios (0) - Categoría: 250 ANIVERSARIO DA MORTE DE SARMIENTO - Publicado o 30-10-2022 15:16
# Ligazón permanente a este artigo
MORREU ELIXIO RIVAS QUINTAS, EMULADOR DE SARMIENTO

Tomando a Sarmiento como un modelo, Elixio Rivas Quintás realizou un labor inconmensurable co léxico galego en pleno século XX. Naceu un 31 de agosto de 1925 e acaba de morrer onte, 24 de setembro de 2022. Nos seus case que cen anos de vida dedicaou unha gran parte dela a estudar e investigar sobre o léxico do galego. Tivo unha especial querencia sempre pola toponimia e foi neste campo vangarda da edición con libros tan emblemáticos como Toponimia de Marín (cuxo traballo, por certo, requeriría unha nova edición pola súa funcionalidade). Son máis de vinte as publicaciois que sobre lexicografía galega deu á luz e, claro está, ese infatigable labor fixo del un home imprescindible para prestixiosos entes de estudo como a Comisión de Toponimia de Galicia, muitas tamén as homenaxes e recoñecementos que ten recibido nos últimos anos.

Foi recentemente cando tras doar ao Concello de Marín os autógrafos orixinais da súa Toponimia de Marín tivemos a sorte de recibir xenerosamente das súas maos un traballo espléndido sobre o Bierzo occidental centrado no concello de Corullón que el en persoa tivo ocasión de patear nos anos 80 (era mui bon camiñante) e do que gardaba gratos das paisaxes e sobre todo das xentes que coñecía e coas que conversara distendidamente. El residiu unha longa tempada en Vilafranca do Bierzo no Convento dos Padres Paúis. Editamos este libriño no ano 2019 grazas á boa disposición de Paco Macías da Editorial Positivas e, aínda que por achaques da súa avanzada idade, non puído estar na presentación que realizamos en Corullón, agradeceu e alegrouse de corazón que fose editado.

Emulou e seguiu os pasos de Martín Sarmiento, mesmo coa súa vida sinxela nunha cela dun convento. Elixio era, como xa saberán, irmao Paúl e morreu no Santuario que esta orde ten nos Milagres en Baños de Molgas(Ourense) onde será soterrado mañá. Os Milagres alberga un Museo Etnográfico Os Devanceiros que é fruito do seu labor de recolleita etnográfica, outra faceta da súa axitada vida. Neste Museo está unha parte do que a orde dos Paúis tiña en Vilafranca agora se garda eilí e que desde este blog animamos a visitar para coñecer parte do legado que nos deixou este sabio filólogo, un deses bos e xenerosos ao que hoxe despedimos con cariño e admiración.

Na prensa: Bierzodiario
Falando do cinematógrafo de Mariano Díez:
Comentarios (0) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 25-09-2022 12:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0