O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A TERRA DOS MIL RÍOS (Hidrotopónimos)
Galicia foi chamada polos poetas país dos mil ríos. En Galicia e no Bierzo son moi frecuentes os hidrotopónimos, os nomes dos ríos que nacen na montaña e atravesan vales para ir na procura do mar.

O río LAMEIRIÑA de Marín
Lameiriña nace ao pe do monte das Regueiras, no norte da península do morrazo, no lugar de Pardavila, en Marín, e realiza todo o seu curso no interior deste concello .Despois de cruzar o núcleo urbano de Marín, por onde vai parcialmente canalizado, desemboca no porto da Escola Naval Militar.
Lama significa “terra mesturada con auga, lago, lagoa”. A documentación medieval concentra o uso de lama na actual Galicia e reinos de León e Portugal. O latín lama-ae radica en que a lama latina é escasísima nos textos e só aparece dúas ou tres veces na literatura clásica.

Tamén presenta un sufixo diminutivo -iña, segundo vexo está tamén presente no nome doutros ríos como o río Barburiña do Bierzo.

O río BARBURIÑA de Vilafranca
É un dos ríos, ou máis ben un regueiro, que hai en Vilafranca, que agora mesmo está bastante oculto.
Este nome, segundo os investigadores parece ter relación coa raíz BHER-, que acumula as ideas de “auga a ferver, agurullar, abrollar, nacer” mais a terminación –IÑA, que é un diminutivo. A raíz BHER- aparece en moitos nomes galegos como: Borbella, Gorgullón, Borbén, Barbaña, Barbanza, Barbadás, Bermaña, As Burgas, etc., sen esquecer Borbón.


O RÍO SAR está en Marín
O máis coñecido e o que aparece entre outros lugares, no título do poemario en castelán "En las orillas del Sar" da máis grande autora das Letras Galegas, Rosalía de Castro , referíndose ao que pasa pola capital de Galicia.
Pero en Marín temos varios hidrotopónimos onde aparece a raíz Sar- do substrato precéltico, segundo Elixio Rivas, un pequeno relato que se une ao mar na praia de Mogor.

Hai outro río, tamén en Marín, chamado Sardiña, que seguramente non fai referencia ao peixe, senón que ´procede do mesmo étimo "sar" que significa "corrente que flúe". O étimo Sar- é común aos cursos de auga e ríos. A raíz *sar- "fluir, discorrer" produciu apelativos en diferentes linguas indoeuropeas. A raíz "sar- ou tamén "sor-" ou "ser-" ou pasando o r- a un l- én nomes de ríos como o río Sella, aparece en nomes de ríos de lugares moi diversos.

O río Sar de Rosalía é un afluente do río Ulla pola súa banda dereita. Nace na parroquia de Bando (Santiago de Compostela), e discorre polas parroquias tamén compostelás de Sar, Conxo e Laraño. Posteriormente, tras pasar por Iria Flavia e Padrón, desemboca no río Ulla facendo fronteira entre os concellos de Padrón e Dodro. Un tramo do río Sar está incluído na Rede Natura 2000. No ano 2005 estanse producindo mobilizacións en oposición á minicentral da Silvouta no río Sar, promovidas por un grupo de veciños afectados que viven en San Tomé de Obra, e co apoio da asociación ecoloxista ADEGA.

Por certo no río que antes citamos, río Sardiña, volvemos a atoparnos co sufixo diminutivo en -iña.

O río Sil
Sería moi longo recoller as referencias a este río, xa que desde sempre é o río máis importante que pasa polo Bierzo, concretamente pola súa capital, Ponferrada.
O nome Sil aparece nos diferentes textos antigos como sil; sili; silum; sileo, e incluso sullae. Chámase Sil polo vermello das súas augas. Parece que o nome de SIL é de orixe celta, pero cabe a posibilidade de que a orixe do nome sexa o etrusco SIL que significaría “ocre, óxido de ferro hidratado, que tamén podería chegar ata nós a través de Roma.
Raimundo de Miguel di que pode provir do grego ILUS (lodo de cor amarela ocre). P. Flórez di que deriva da palabra grega SORI. Pola súa parte Becerro de Bengoa di que SIL deriva de SILOA, que significa “o fondo”, porque a el van parar todos os demais ríos.
Da importancia deste río da mostra o refrán que di que “o Sil leva a auga e o Miño a fama”



- Watch more funny videos here




O río Miño
É o río máis importante que hai en Galicia, e a onde vai desembocar o Sil. Hai quen o relaciona coas Médulas, facendo coincidir estas co nome de “Mons Medulius”, polo que o verdadeiro Miño sería a póla berciana, ou sexa o actual Sil, e non a póla lucense. Este río chamaríase na antigüidade “Minio Eminens”. O nome MINIO procede de MINIUM e fai referencia á cor vermella que parece que terían as augas deste río.
Pero para outros autores, como Corominas, o nome do río non vén de MINIUM, senón que tería que ver con MINAS, é dicir, que tería que ver con lugares onde había actividade mineira, así parece indicalo a palabra francesa mine que procede do celta *MINA “metal, mineral”, o que dá lugar ao irlandés méin e ao galés muyn co mesmo significado. Polo tanto os Miño serían topónimos celtas autóctonos que nos falan da extracción mineira.
Por outro lado, Pokorny dános a raíz indoeuropea *MEIN “moverse, cambiar, viaxar” que produce numerosos nomes de río con *MOIN-, *MIN-, *MEIN-.
A historia deste río é moi longa, para min é un dos ríos máis bonitos que coñezo, que desemboca nunha praia que tamén me gusta moito.

GRISEL SANTIAGO GARCÍA do CPR. San Narciso e
DANIEL FERNÁNDEZ AMIGO do IES. Padre Sarmiento.

Comentarios (1) - Categoría: O CAMÍN DE SARMIENTO DE MARÍN AO BIERZO - Publicado o 30-05-2009 18:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 O Lameiriña (ou Lameira) leva ese nome porque o pequeno esteiro que formaba a súa desembocadura, e a carón do cal medrou a vila de Marín, convertíase nunha lameira na baixamar. Río arriba, dábanselle outros nomes. Hai outros hidrónimos curiosos en Marín: un deles é o río Loira, igual que o de Francia, só que este ten muíños en vez de c#blgtk08#astelos. Certo treito do Loira ten o nome de Londres, que tampouco ten que ver con Inglaterra, senón co feito de criarense aquí as lontras.
Outro río é o Cardadeiro, e o seu nome seguro que ten que ver con que aquí se cardara o liño, unha industria moi importante no Marín do século XVIII e que hoxe non deixou nin a lembranza.
Comentario por O'Padín (31-05-2009 10:48)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal