O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO
CINCO ANOS DE ESPERA, DESESPERA
CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE SINATURAS
PRO CUMPRIMENTO DO CONVENIO DE RECONSTRUCCIÓN DA
CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO EN VILAFRANCA DO BIERZO.


Nesta primavera que se achega, o 18 de maio cumpriranse cinco anos da sinatura do acordo que comprometía á Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León a reconstruír a CASA NATAL DO PADRE SARMIENTO sita na máis emblemática rúa da vila que o veu nacer hai xa 312 anos. Por iso coincidindo co 9 de marzo comezamos unha campaña solicitando o cumprimento do acordo de reconstrucción de dita casa. As razois para facer necesaria esta reconstrucción son muitas, como poderedes comprobar se ledes o texto que precede ás sinaturas, pero, en primeiro lugar, solicitámolo porque foi asinado polos dous presidentes (Sr. Fraga e Sr Herrera) no ano 2002 data na que se celebraba tamén en Vilafranca o Día das Letras Galegas. É xusto lembrar hoxe que foi VIEIROS quen tamén puxera en marcha unha recollida de sinaturas con Sarmiento como protagonista e que contribuíu sen dúbida a facer posible que a Academia Galega saíse, por vez primeira na súa historia, das fronteiras administrativas para celebrar no Bierzo tal conmemoración.
A modo de augurio da campaña que emprendemos, era precisamente o Presidente da Academia, Xosé Ramón Barreiro, quen, tamén por vez primeira este ano, recordaba en Ponferrada no acto de entrega dos Premios Xarmenta ás autoridades das Comunidades de Galicia e de Castela e León alí presentes, que era preciso acometer a reconstrucción da Casa de Sarmiento.

Os prazos de execución do acordo están xa superados, pero non o acordo en si. Por elo, dende o goberno local de Vilafranca, a través do seu Alcalde, por vía administrativa e tamén nos medios de comunicación nestes últimos anos se denunciou o desinterese que demostraba a Junta de Castilla y León no tema. Pola súa parte, a Xunta, que foi sen dúbida a promotora do acordo, vén manifestando unha clara intención de converter a Casa de Sarmiento nun lugar referencial. De feito a Xunta de Galicia, a de Fraga, foi a que tomando a iniciativa anos atrás compraba a casa, para logo, aínda que con certas neglixencias (como a de deixar derruír o edificio orixinal sen garantías dunha reconstrucción inmediata) viuse na obriga de activar o asunto coa sinatura do convenio pola "casual" decisión da Real Academia de desprazarse a Vilafranca en pleno para homenaxear ao Pai das Letras no Bierzo. O proxecto para a Nova Casa tamén corría a cargo da Xunta que o realizou de inmediato e en decembro do 2002 remitíallo ao goberno de Castela e León quen debía a partir de aí licitar e contratar as obras. Obras que, a pesar de que a Xunta se comprometía a pagar ata o 50% do custe total, a día de hoxe goberno Castelán-leonés aínda non licitou. A Xunta, pois, o único que está incumprindo é realizar un seguimento efectivo da execución da obra, aínda que o novo goberno nos consta que ten manifestado a súa intención de impulsar o proxecto.
A pelota, en todo caso, está no tellado do goberno de Valladolid e cara alí principalmente dirixiremos esta campaña, coa intención de obter respostas e esperemos que logo das palabras veñan as obras.

A Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO naceu tamén á calor da celebración do Día das Letras en honor de Pedro Xosé García Balboa, o mesmo que logo sería o Padre Sarmiento. Nacemos para estudar e dar a coñecer a súa vida e obra, pero especialmente para poñer en práctica o seu "modus operandi", é dicir, ese ideario que o levou a ser un contundente defensor do nosos bens patrimoniais, ademais dun profundo coñecedor dos mesmos, patrimonio nun sentido amplo dende a Historia, a Arte e a Arqueoloxía ata a Natureza, a Literatura e a cultura inmaterial sen esquecer, como ben sabedes, a lingua. A Comisión Cultural leva tamén organizando actividades dende cinco anos. Cinco anos desenvolvendo parcialmente un Proxecto que leva o nome do ilustrado galego-berciano, pero para que tome corpo precisa da reconstrucción da Casa Natal, unha infraestrutura museística e/ou turística por estar ligada ao Camiño de Santiago singularmente, pero á vez un elemento de dinamización cultural de gran importancia.
Algunhas das iniciativas que se veñen realizando son, por exemplo, os INTERCAMBIOS ESCOLARES "MARTÍN SARMIENTO" entre escolares de Vilafranca e do Bierzo con centros educativos de Primaria e Secundaria de Pontevedra, a outra vila de Sarmiento. Os do presente curso xa foron parcialmente realizados. Corenta rapaces estudantes de galego dos centros escolares de Vilafranca, Cacabelos e Corullón viaxaron a Pontevedra, acompañados do seus mestres, o pasado día 1 e 2 de marzo. Agora esperan a visita dos pontevedreses a Vilafranca e ao Bierzo a finais do presente mes. Seguimos así fieis ao legado do polifacético bieito quen destacou tamén polas súas preocupacións e ideas adiantadas sobre a Educación.
Outra experiencia que puxemos en marcha son os denominados CIRCUÍTOS CULTURAIS coa intención de que música, teatro, literatura e calquera outra manifestación cultural en galego poida estar presente nas terras nas que Sarmiento escoitou galego por vez primeira. E estamos ultimando o programa do que serán as III XORNADAS MARTÍN SARMIENTO, que como vos podedes imaxinar xirarán este ano arredor do patrimonio e as infraestruturas museísticas.
Invitamos, pois, a que todos aqueles que queiran manifestar a súa simpatía co noso proxecto apoien esta campaña asinando nun moi frecuentado blog local http://miradas3-escola.blogspot.com/
que tivo a amabilidade de colgar os textos de encabezamento das sinaturas tanto en versión galega como en castelán, dirixida a Comunidade Autónoma á que pertencemos administrativamente, aínda que nestas ocasiois pareza mentira.

Héctor M. Silveiro Fdez, en calidade de representante da Comisión Cultural Martín Sarmiento.
Comentarios (0) - Categoría: CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 05-03-2008 06:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0