O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A APERTA DA ANTIGA GALLAECIA (I)

LEMBRANZA DUN ENCONTRO CASUAL CON ANTÓN FRAGUAS
As persoas viaxamos neste mundo coma as augas dun río, o río da vida, e nesa viaxe atopámonos rodando como os cantos que arrastra a corrente. Aquel día, cuando soubo que era do Bierzo, nun fluír áxil na mente dun vello estudoso do propio, pensou de inmediato no Medulio e no río Sil e, como non, deixándose levar, faloume do río Miño: Eu penso -dixo- que o Sil e o Miño eran para os romanos o mesmo río. Estábamos na porta de entrada da Facultade de Filoloxía na Praza de Mazarelos de Compostela onde o abordara tras dunha charla á que asistira, el agardaba por alguén e con naturalidade derivou a conversa cara ao campo da lingua. A etimoloxía, a orixe da palabra Sil é celta e a do Miño, en latín, Minius, significan o mesmo. Ambas fan referencia ao mesmo, á cor terrosa da auga pola arxila, logo o Sil debería ser o Miño, que máis tarde a historia posterior confundiu. A ubicación da famosa batalla contra os galaicos, como contan as fontes latinas máis antigas, podemos situala á beira do Minius, é dicir, do Sil que é o que leva a auga e que conflúe co que hoxe chamamos río Miño

Corría o ano 82 ou 83, Antón Fraguas lembro levaba boina e cunha complicidade e confidencialidade absolutas, que me sorprenderon, contoume sen coñecerme de nada a súa teoría sobre a localización do Medulio no Bierzo nun plis-plas. Aquel home de carácter afable e humilde, que gustaba do saber popular e da historia, reivindicaba para o Bierzo con argumentos que nunca oíra unha galeguidade ben fonda e milenaria. Don Antón Fraguas era un vello galeguista, amante da nosa Terra, podo dicir que aquela tarde, naquelas palabras que non deixei que levara a corrente e das que hoxe simplemente fago memoria, sentín o agarimoso e sincero abrazo da antiga Gallaecia.

Antón Fraguas nos máis de 1300 artigos e traballos que publicou iniciara o seu andar galeguista falando do culto aos mortos. Estas letras que escribo hoxe son sen dúbida unha homenaxe ao seu bon facer e ao seu compromiso pola Terra que o viu nacer, algo máis que unha obriga e un dereito que comparte con tantos outros mortos e vivos que tamén amaron esta Terra. Antón Fraguas que foi un gran observador do discorrer do tempo, do calendario tradicional, rematou os seus días dándolle voltas ás festas populares. El era un home do pobo, e, como tal, é honrado con razón e con alegría no Día das Letras deste 2019. Logo das chuvas e folerpas vein días nos que entre os nosos dedos, como a auga, escorrentan palabras e encontros con persoeiros vivos ou mortos, cos que temos coincidido muitas veces en festas, homes e mulleres que insistiron nas mesmas teimas e conflúen co mesmo cariño na eterna cantinela que resoa, coma cuando leva un río auga a cachois, ese murmurio secular lembrando que o Bierzo é unha parte inseparable do celme de Galicia.

Héctor M. Silveiro Fernández. Académico correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega.

Na prensa berciana:
BierzoDiario
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2019 08:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0