Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.
DO SILENCIO DO BIERZO EN MANUEL MARÍA AO BIERZO SONORO DE MORALES.
O Bierzo é unha fermosura tan perfecta
que me fire moi fondo. E que me manca.
MANUEL MARÍA
Celebramos o Día das Letras deste 2016 ollando a Galicia a través dos ollos asombrados e o sentir de Manuel María, non canta na Chá ninguén, dicía o poeta que no existir ferinte procura da súa Terra unha resposta e será dela quen atopa un son contundente, un reclamo permanente de identidade saudosa na propia fala. Manuel María é por iso un poeta comprometido e sensible que descobre nas Médulas e no seu vermello sangrante, a propia patria inmortal e eilí abríuselle a ferida do Bierzo que describe como unha bandeira na néboa azul e branca, esfarrapada, inconcreta e esvaída, unha soidá desamparada no silencio.
Magoáballe no Bierzo o silencio desa lingua irrenunciable xurdindo, coma unha árbore, do mesmo ser da terra dun xeito necesario e natural. Iso dixo Manuel María naquela festa da poesía en Vilafranca á que fora invitado e falara aos bercianos en galego. E falou de como no silencio dos Séculos Escuros un galego berciano, o Padre Sarmiento sementara escritos que, sen o prever o sabio, serían, sobre o modelo da tradición oral, coma un monte ou unha fonte daquel que o ilustrado vilafranquino chamaba o seu reino dos mil ríos e serviría para erguer ese idioma tan descoñecido de todos e tan desprezado. Terra e auga da que beberon Rosalía, Castelao ou Manuel María na procura dunha identidade. Mais Manuel María, sensible ao son das zocas ou o canto do carro, non reparou entón nos versos sonoros de Antonio Fdez. Morales, un poeta da fala da nosa xente humilde do XIX , porque apenas era coñecido e ata os anos 90 Morales foi para a crítica, galega e berciana, unha cita breve e inconcreta como a néboa...
Pero os tempos mudan, a fala dos pobos e as palabras son teimudas. De Pontevedra a Vilafranca desprazouse en 2002 a Academia para homenaxear ao erudito Sarmiento e facer visible aos galegos, e aos non galegos, esta comarca que fala, conta e canta en galego. Nun Bierzo no que día a día perdemos falantes da lingua de Sarmiento e Rosalía, para rachar con ese silencio ferinte do que se queixaba Manuel María, hoxe reclamamos un Día das Letras para Antonio Fernández Morales que, seguindo a Sarmiento e antes que Rosalía,en 1861, cantou e escribiu a esta terra berciana nun libro valente no que podemos ler miles de versos cheos de sons que luitan por non morrer:
No mesmo medio do xardín berciano
onde situada estuvo a populosa
Bergidum Flavium que o poder romano
non pudo defender da belicosa
xente goda; nun val que rega ufano
o Cúa, ó pé do Castro da Ventosa
veise unha villa do xardín delicia,
porta de flores da feraz Galicia...
Sobre túa frente de nubes gualdas
coronas teis,
dormes de flores entre guirnaldas
y o Sil bicando túas ricas faldas
corre a teus peis...
Con fala ignota vai murmurando
con muito afán
das túas neniñas o nome blando;
ou, porq´ as deixan, quizá chorando
as ondas van?
Este lugar é unha villa
franca, garrida, sencilla,
cos honores de Ciudá,
que de dous ríos na orilla
e nun val clavada está...
Cual tesoro q´ a codicia
de dous avaros escolta
con xusticia, ou sin xusticia,
tira por ela Galicia,
mais Castilla non a solta.
Coa mesma valentía e sensibilidade dos poetas, mirando ao futuro esperanzador que nace no presente, o bicentenario deste autor que se celebrará no 2017 é logo unha ocasión innegable para que bercianos e galegos definitivamente renunciemos a ese silencio ferinte ao que a historia pasada nos quixo relegar. Proclamemos xuntos aos ventos, que ignoran as fronteiras, a esencia singular deste rico patrimonio cultural que compartimos e que nos imprime personalidade, a uns e a outros,a un lado e a outro do Cebreiro.