O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

POLÍTICA MUNICIPAL, EDUCACIÓN E LINGUA NO BIERZO

Na mesa sentados de esquerda a dereita: Luis Alberto Arias González,alcalde de Corullón, Héctor Silveiro Fdez, Coordinador da Comisión Cultural, Samuel Folgueral, alcalde de Ponferrada, Emilia Villanueva, Directora Provincial de Educación de León, Conchi López Blanco, alcaldesa de Vilafranca, Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Jose M. Monteserín, ex-alcalde de Balboa e Marta González, xefa do departamento de galego do EOI de Ponferrada.


Crónica dunha mesa redonda con alcaldes, autoridades educativas e docentes sobre o galego no Bierzo.

Os alcaldes bercianos de Ponferrada, Vilafranca, Corullón e Balboa (este último J.M. Monteserín, acaba de deixar o cargo hai dous meses) invitados pola Comisión Cultural Martín Sarmiento xunto a unha representación de docentes do Programa de Promoción do Galego e representantes da Administración Educativa de Galicia e de Castilla y León, debateron na sesión inaugural das VII Xornadas Martín Sarmiento sobre a Política municipal, Educación e Lingua. Realizamos hoxe esta pequena crónica desa mesa redonda pois cremos que debería alimentar as propostas que aparecerán nos programas electorais que a nivel municipal se están pechando estes días. Trátase da necesaria e urxente planificación lingüística para o Bierzo como parte esencial dun dos seus patrimonios (o lingüístico e cultural) que é dos máis descoidados e faltos de atención como proba alarmante perda de falantes de lingua galega.

Non se trata - como ben comentou o Alcalde de Ponferrada, Samuel Folgueral- dun debate de bandeiras e territorios, si un debate de reafirmación berciana”. A alcaldesa de Vilafranca, Conchi Blanco, resaltaba a semellanza que teñen para os bercianos, especialmente, para os villafranquinos a costumes e a fala de Galicia e a importancia do seu mantemento. Os alcaldes presentes, tras analizar a situación cultural e lingüística, a incidencia do Programa de Promoción do Galego no Bierzo entre os máis de mil matriculados en distintos centros educativos da comarca, coincidiron na necesidade de avanzar na Planificación Lingüística do Bierzo pois as boas cifras de matriculados non deben de ocultar outras problemáticas tanto nos centros como no conxunto da sociedade que se deben abordar. A propia Comisión Cultural Martín Sarmiento realizou unha invitación a concretar nun próximo Simposio esta cuestión. O Alcalde de Corullón manifestou a necesidade de “amergullar” con maior profundidade na situación ante a ruptura da transmisión interxeracional ata agora viva.

Outramente foron tratados de xeito máis específico os claros-escuros do Programa de Promoción do Galego nos centros educativos do Bierzo, pois se ben se constata o éxito nas cifras de matriculados como destacaron as autoridades educativas e a posibilidade de lograr o título Celga para os alumnos/as que rematen a ESO e/ou Bacharelato cursando o Programa, tamén existen algúns problemas na aplicación do mesmo que non contentan a Comunidade educativa e se deben resolver. Como é o caso de que no centro da Veiga de Valcarce non se ofreza o galego como optativa, como sinalou o coordinador da Comisión, Héctor Silveiro. A este respecto, o ex-alcalde de Balboa, incidía na necesidade de que nun entorno onde o 90% das familias falan galego non pode haber centros escolares onde non se ofreza a posibilidade de estudar o idioma materno de xeito voluntario. Outra denuncia semellante realizou a xefa do Departamento de Galego do EOI de Ponferrada relativa aos problemas das matrículas do 1º no presente curso.
É importante lograr que a administración directamente implicada escoite, tome nota e intente resolver os problemas existentes, con esa intención foi convocada esta mesa, e a Dirección Provincial de León, Emilia Villanueva, en cumprimento do seu cargo explicou que para ampliar a oferta había que seguir o protocolo establecido e que se se seguían eses pasos non habería maior problema. Volveron a saír as discrepancias da discriminación positiva para o galego e a consideración do programa como un programa de Promoción, cuestións nas que se centraron algunhas das intervencións do público asistente. Pola súa parte, o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, aceptou a invitación que se lle facía para asesorar nese simposio sobre a Planificación Lingüística do Bierzo, se así se estimaba conveniente, incidindo nas oportunidades que o galego ofrece.
O debate segue necesariamente aberto e, despois do novo panorama que se presente tras dos procesos electorais inminentes, será un bo momento para abordalo e amergullar.

A mesa tamén tivo o seu eco na prensa
no blog o recuncho das palabras
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 24-03-2015 06:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal