O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

UN BURRO NOS MAIOS DE VILAFRANCA

Anunciamos de novo a próxima celebración dos maios de Vilafranca do Bierzo, unha festa diferente que non te podes perder. No seu programa aparece o seguinte texto que acompaña ao cartel realizado este ano pola ceramista vilafranquina Carolina Nieto Martín.

Pasou un burro e non o sentiche…Por que un burro?
Todo ten a súa razón de ser. Cuando celebramos a “festa do maio” estamos no mes que leva este nome, pero ineludiblemente no noso camiñar ao longo do calendario, ano tras ano, vimos sempre do mes de abril, que resulta tamén tein de vello, xunto co mes de maio, unha relación mui especial co burro.

"O 1 de abril van os burros onde non deben de ir”. Así reza un refrán que os vellos da vella Galicia gardan na memoria. Era costume nesa data do primeiro do mes realizar todo tipo de bromas, algo así como o “día das trampas”. Esta tradición, equivalente ás inocentadas do mes de decembro ou da noite de fin de ano, vein da antiga celebración precristiá que perviviu en distintos lugares de fonda raigame agraria de Europa onde o comezo do ano celebrábase coa primavera, é dicir, a finais de marzo. Pero sinceramente cremos que a copla do noso maio debe facer referencia ao burro por outros motivos para os que de novo debemos facer indagaciois noutros territorios vecinos, poñamos por caso o norte de Portugal.

“Maio, mes dos burros”. Así é como por varios lugares de Portugal se coñece a este mes. Imos na procura de respostas. Hai quen asegura que no mes de maio “empreñan as burras” e como as burras permanecen 12 meses grávidas, os burriños nacen precisamente no mes de maio. Esta podería ser unha razón para cantar así a nosa canción se ademais temos en conta que para os nosos veciños, ben o sabemos tamén os bercianos, o mes de maio é o mes no que proliferan as feiras de burros e cabalos. Non é preciso lembrar a feira de maio de Cacabelos.

“Para o Maio ou o Burro non entrarem”. Mais se seguimos tirando do fío atoparemos como o burro pasa de ser simple animal á personificación, deberíamos dicir mellor transmutación animal do mal, entendido este ben como un ser que pode traer un mal concreto, ben como símbolo dun mal máis abstracto e impreciso, en todo caso relacionado, iso si, coa estación primaveral e/ou a fertilidade.
O motivo polo que no Norte de Portugal, en diversos lugares, se realizan distintos ritos coa entrada do mes (como colocar nas casas e ventás xestas floridas) está intimamente asociado a outro ritual que tamén atopamos no Bierzo: “o primeiro de maio comer castañas maias, é dicir, secas, para que non che dea o desmaio”. Ese “desmaio” que podemos considerar un mal propio da época, curiosamente foi na mentalidade das poboaciois rurais personalizado, dándolle varios nomes: “Maio”, como o nome do mes vital para colleitas e rabaños no mundo agrario, ou tamén “Burro”, seguramente por ser maio, o mes dos burros. Para que o mal baixo a denominación de Maio ou Burro, (con maiúscula e chamado por veces “Carrapato”), non entrase debíase cumprir coa tradición.
Son varios os ditos e refráns que confirman estas crenzas ancestrais, orixe seguramente das celebraciois dos maios. En Tras os Montes “no 1º de maio débense comer castañas. Caso contrario, ao atoparse cun burro, este tírase à persoa e mórdeo”. Outros ditos advirten que se non comes as maias, váiseche morrer o burro ou o gando. Hai quen aventura que o uso de comer castañas secas en maio, viría da tradición mui antiga de que, nese día 1º do mes, o pater familias ía á fonte e esconxuraba ou afastaba con fabas pretas aos espíritos (é dicir, o «Maio») da súa casa. De aí a expresión “vai à feira e tráeme as maias”.

Logo nas coplas da nosa vila que reclaman castañas e que rematan pedíndolle ao maio que se levante, ten lóxica que se mencione tamén a un burro no que, a modo de oración ou ladaíña propiciatoria, solicítase a entrada do ben da fecunda primavera e deixar atrás o duro e improdutivo inverno (ao que poderiamos identificar tamén co “burro” da nosa cantiga).

Héctor M. Silveiro Fdez, maio 2013


Colgamos a continuación unha montaxe realizada pola Asociación Cultural "Escola de Gaitas" o ano pasado facendo memoria visual da revilatización da tradición nas últimas décadas:





Comentarios (1) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 26-04-2013 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Por aló andaremos un ano máis... Boa x#blgtk08#ente a Berciana, boa festa a dos maios
Comentario por Lucio (27-04-2013 01:20)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal