O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

INTERCAMBIOS ESCOLARES MARTÍN SARMIENTO 2013

O pasado 8 de marzo unha representación numerosa de distintos centros de ensinanza do Bierzo que imparten o Programa de Galego reuníronse no Teatro de Vilafranca, a vila natal de Sarmiento para homenaxear ao ilustre erudito. Ese é o motivo da celebración dos denominados Intercambios Escolares "Martín Sarmiento". Recibiu aos presentes o Concelleiro de Cultura en representación do propio Concello de Vilafranca do Bierzo que logo deu paso a Héctor Silveiro, que presentou, como coordinador das Xornadas e da Comisión Cultural, un traballo audiovisual baixo o título "Na cela de Sarmiento, un sabio das Letras e das Ciencias".

A continuación comezaron as representacións de pequenas pezas teatrais, non exentas de aparato escénico diverso, preparadas tanto polos centros de Primaria como de Secundaria presentes.

En primeiro lugar foi o CEIP. San Lorenzo de Brindis de Vilafranca que representou unha parte do poema dedicado a Vilafranca de Fernánndez Morales, na parte inicial na que se fai referencia a un día de feira na praza da vila.

Acto seguido o CP San Ildefonso de Camponaraia recitou dous acontecidos dramatizados en clave de humor moi divertidos.

A seguir o CEIPP "Divina Pastora" de Vilafranca representaron unha adpatación doutro poema de Morales, "O fiandón na aldea" na parte na que se recitan "as couseliñas".

No tocante aos centros de Secundaria, o primeiro en actuar foi o IES Bergidum Flavium de Cacabelos
que realizou un par de dramatizacións de autores galegos máis recentes.
Un grupo de alumnos/as de Bacharelato puxeron en escena un anaco da "Farsa de Bululú" de Manuel María para logo pasar a representar alumnos/as da ESO do mesmo centro unha pequena parte da obra de Manuel Núñez Singala "O achado do castro"

O IES. Europa de Ponferrada atreveuse a representar unha adaptación en clave de traxedia dun autor vilafranquino, Ramón González-Alegre, titulada " Un lóstrego na noite".

Para finalizar o IES Padre Sarmiento, de Vilafranca volveu ao poeta berciano Fernández Morales e ao poema "Vilafranca e a vendima" para reproducir en clave costumista a parte referida á vendima, incluíndo unha peza cantada.

Na clausura dos Intercambios Escolares en representación da Dirección Provincial de Educación, Rita Pérez Monteserín dirixiu unhas palabras ao conxunto de rapaces e rapazas, de profesoras e mestras,así como algún familiar dos alumnos/as participantes lembrando a Sarmiento como pai das Letras, galegas e castelás, da súa preocupación pola educación da xuventude e ademais, nun día no que se lle dedica á muller, lembrou que Sarmiento en pleno século XVIII foi defensor da capacidade intelectual da muller á par da do home, precursor pois das defensas dos seus dereitos no mundo contemporáneo.

As derradeiras palabras do acto foron da propia Comisión para agradecer ás autoridades locais e educativas, ao director do IES Padre Sarmiento e ao público, en xeral, a súa presenza. Houbo palabras de agradecemento aos alumnos/as participantes polo seu esforzo, a ás mestras: Belén Fernández, Virxinia Cal, Salo Núñez, así como ás profesoras María Novo, Mónica López, María E. Veiga e Mónica Lourido o seu bon facer grazas ao cal concluímos un ano máis esta edición de forma exitosa e con ánimo para continuar realizando experiencias deste tipo na honra de Sarmiento.

Esperamos, poder colgar nos próximos días unha reportaxe gráfica máis completa desta edición dos Intercambios Escolares 2013.
Comentarios (1) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 10-03-2013 20:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Que boas lembranzas me traen estas xornadas. Aga#blgtk08#rdo ver máis fotos do acto.
Parabéns!!!!
Comentario por Teresa (10-03-2013 22:06)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal