O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DA GALICIA DE ROSALÍA ATA O FRANQUISMO
Traballos realizados para os INTERCAMBIOS MARTÍN SARMIENTO 2012 por alumnos/as de 3º da ESO do IES. VALLE INCLÁN de Pontevedra (Pontevedra) que coordinou Xosé Álvarez García.

DA GALICIA DE ROSALÍA ATA O SÉCULO XX.

Os últimos traballos que realizaron alumnos/as do IES Valle Inclán para estas IV Xornadas Martín Sarmiento dunha serie que partía da obra de Sarmiento achégase ata o Século XX dividindo esta parta da Historia da Literatura Galega en dous apartados. O primeiro iría dende o Rexurdimento ata a Xeración Nós (comezos do XX) e o segundo dende os tempos de Castelao ata o Franquismo.


Da Galicia de Rosalía á Galicia da Xeración Nós

No século XIX nace unha ideoloxía galeguista que defenderá a dignidade da lingua galega, e potenciará a creación literaria.
A principios deste século aparecen os primeiros escritores galeguistas, chamados Precursores do Rexurdimento, estes son todos os que teñen obras publicadas antes da publicación de Cantares gallegos por parte de Rosalía.
Os temas tratados na literatura desta época van dende a exaltación da paisaxe galega, ata a denuncia dos males, ataques e desprezos que padece o país.
Os principais escritores deste período son: Xoán Manuel Pintos, autor de A gaita gallega (1853), e Francisco Añón, que publicou en revistas e xornais composicións de temática costumista e reinvindicativa.
A consolidación da lingua galega prodúcese no período denominado Rexurdimento, iniciado no 1863 coa publicación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, e finaliza cara a 1916 coa creación das Irmandades da Fala.
Nesta etapa pretendese consolidar a lingua galega, por iso empezáronse a facer dicionarios (Dicionario gallego-castellano de Francisco Xavier Rodríguez 1865), estudos sobre a gramática (Gramática gallega de Saco e Arce, 1868) e as primeiras editoriais ( Biblioteca Gallega, 1885).
Tamén nesta etapa aparece a prensa en galego. A primeira publicación periódica escrita totalmente en galego foi O Tío Marcos da Portela creada en 1976 en Ourense por Valentín Lamas Carvajal. (autor tamén de libros en poesía e narrativa como O catecismo do labrego). Entre os anos 1886 e 1888 consolídase o xornalismo en galego, e van aparecendo por toda Galicia novos xornais baixo o nome de: O Galiciano (1884–1889), O Fungueiro (1885) ou As Burgas (1894-1895).
Os autores máis importantes do Rexurdimento son sen dúbida Rosalía, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, pero xunto a eles destacan tamén polas súas obras: Manuel Leiras Pulpeiro (Cantares Gallegos, 1911, de temática costumista, social e anticlerical), Marcial Valladares (publicou, ademais da súa gramática e do dicionario, a primeira novela escrita en galego Maxina ou a filla espúrea, 1880) ou Antonio López Ferreiro (autor de tres novelas históricas de carácter romántico como: A tecedeira de Bonaval, O niño de pombas e O Castelo de Pambre).
En 1916 créase na Coruña unha organización que será o inicio do nacionalismo galego, as Irmandades da Fala, co fin de promover un movemento galeguista que por primeira vez asumirá o monolingüismo en galego.
As Irmandades da Fala naceron pola iniciativa dos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, que conseguiron xuntar na Coruña un grupo de persoas preocupadas pola cultura galega.
Se consideramos a importancia das Irmandades na vertente lingüística e cultural, estas foron un revulsivo na sociedade da súa época. Concienciaron a sociedade da defensa do seu sinal de identidade, a lingua.
Creáronse agrupacións locais que defendían ese fin común, unha delas, por exemplo, foi creada en Pontevedra, e dirixida por Castelao.
Durante a época das Irmandades creouse a revista Nós, dirixida por un grupo galeguista formado por ilustres personaxes como Castelao ou Risco, eles intentaron modernizar e superar o illamento da cultura galega facéndoa partícipe dos movementos que estaban a darse no resto de Europa.
Nesta época é importante destacar tamén a creación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos, no que participarán mozos que daquela eran universitarios e que acabarán sendo importantes figuras da cultura galega.
Tanto a xente das Irmandades, como os que estaban arredor da revista Nós ou a xente do Seminario de Estudos Galegos realizaron un traballo importantísimo de dignificación da lingua e da cultura galega. Introduciron o galego nas mais diversas manifestacións culturais, como o ensaio e trataron de crear unha conciencia colectiva da importancia no noso idioma como sinal que nos caracteriza e nos fai partícipes no mundo
Outro fito importante foi a creación do Partido Galeguista. En 1931 convócase en Pontevedra a Asamblea Nacionalista. Nesta asemblea acordouse a creación dun partido político que aglutinase o galeguismo, constituíndose deste xeito o Partido Galeguista, que tivo un papel fundamental na defensa dun Estatuto de Autonomía para Galiza, que finalmente sería aprobado e refrendado polo pobo en xuño de 1936. Nel recollíase por primeira vez a oficialidade do galego, pero este Estatuto, que supoñía un avance importantísimo, non chegou a entrar en vigor debido ao golpe de Estado franquista en xullo de 1936. Moitos dos intelectuais e políticos galeguistas da época foron fusilados ou encarcerados, outros tiveron que marchar de Galiza. O galego perdeu os avances que conseguira.

Traballo feito por:
José Manuel Amoedo Meijide
Celia Cerviño Ruiz
Carla Isabel Arca García
Roberto Ramos Casal
Andrea de Sousa Romero
Laura López Garnil
Eloísa Prieto Artime
Santiago Álvarez Zambrano

Podedes ver unha reseña do conxunto de traballos presentados polo IES VALLE INCLÁN a continuación:



Da Galicia do Franquismo ata os nosos días


Unha vez que triunfa o franquismo prodúcese un retroceso nos avances que se conseguiran para o galego, porque a maioría dos intelectuais tivera que marchar ou foran eliminados. Ademais o franquismo considerará o galego un sinal de incultura ou de separatismo.

Na etapa do franquismo o galego estaba fóra de todo uso oficial e público, tamén desapareceu da gran maioría dos eventos culturais.

A súa vez o castelán vai gañando terreo e a gran parte das persoas, maioritariamente dunha clase social alta, que falan en castelán.

O franquismo desprestixiou a lingua galega e provocou un retroceso na sociedade galega. A etapa franquista supón unha involución cultural debido aos ataques e desprezos que recibe do sistema franquista.

O galego déixase de utilizar tamén nos diferentes textos e escritos, polo menos ata que se volva iniciar a lenta recuperación.

Realmente non existía ningunha lei que prohibira falar en galego pero interpretábase coma un enfrontamento ó réxime de Franco e a xente tiña medo das consecuencias, porque moitos dos galeguistas pagárano coa vida. Nos primeiros anos, Franco desata unha inxusta violencia contra a cidadanía. Moita xente foi asasinada por mostrar rexeitamento ante as proclamas do bando militar.

Tamén executaban a xente de estados sociais altos como militares opostos ó golpe, sendo fusiladas algunhas das maiores autoridades militares de Galicia.

Tamén mataban ás mulleres que pedían a co home e por último a todas as persoas que eran sospeitosas ante o réxime. Así que non é de estrañar que nos primeiros anos da ditadura ninguén se atrevese a levantar a voz na defensa do galego, por si acaso. Só os exiliados galegos en América continuaban coa defensa da lingua.

Nos anos cincuenta hai unha pequena mellora ao cal axudará a creación de editoriais como a Editorial Galaxia, que axudou a prestixiar de novo a lingua galega e xunto con outras comezou a publicar libros de antigos e novos escritores galegos. Pero hai que ter en conta que o público lector en galego era moi reducido.

Nos anos sesenta o réxime vai cedendo terreo ó galego, porque necesita mostrar unha cara máis amable. Así en 1963 concédeselle permiso á Real Academia Galega para celebrar o centenario da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, polo que se instaura a celebración do Días das Letras Galegas, aínda que a finalidade nesas datas, era a de xuntar ós galeguistas, xa que non existía a liberdade de reunión.

Durante o franquismo produciuse un grande avance do castelán, en primeiro lugar, porque estenderon a idea de que falar castelán era un sinal de progreso, de cultura e de educación. Tamén porque avanzou a escolarización dos nenos galegos e a escola só era en castelán. Ademais, a chegada da televisión e da radio permitiron que o castelán chegase a todas partes. Daquela non había radio non televisión en galego. Tampouco podemos esquecer o labor da Igrexa a favor do castelán e en contra do galego. Nalgúns seminarios incluso se chegaba a perseguir aos que falaban en galego. Na Coruña apareceran uns papeis pola rúa nos que se dicía que non había que ser bárbaros e que había que falar castelán. Así que non é raro que o castelán avanzase nesta época.

No ano 1975, termínase o réxime franquista e establécese uns anos despois a democracia. Galicia á parte da poesía, produce máis e diferentes xéneros literarios para unha sociedade libre.

Coa chegada da democracia, o galego volve adquirir rango legal e pódese falar e escribir libremente en galego. O galego empeza a ter maior presenza na educación e tamén nos medios de comunicación.

Có réxime democrático Galicia apróbase o Estatuto de Autonomía polo que Galiza convértese en Comunidade Autónoma con dúas linguas oficias: galego e castelán. O galego é considerado como a lingua propia de Galiza, pero aínda así saber castelán é un deber e o galego só teñen o dereito de coñecelo os cidadáns galegos.

Nos anos oitenta hai un acontecemento importantísimo: xorden a Televisión e Radio Galega, que axudan a difundir a lingua e a cultura galegas.

Hai un grande avance no prestixio da lingua galega, xa que aparecen gramáticas, dicionarios e gramáticas históricas do idioma. Pero tamén cada vez avanza máis o castelán e chega a xente e lugares onde nunca antes estivera presente.

No ano 1982 adóptase oficialmente unha normativa acordada polo Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega. Esta norma, que é a que está vixente hoxe, recibe pequenas modificacións no 1995 e tamén no 2003.

Hoxe en día o español é a lingua escrita para a maioría dos galegos. O galego segue perdendo falantes, a maioría das familias galegas falan en castelán e en concreto as familias dunha alta clase social.

Nos núcleos urbanos o castelán avanza a maior velocidade aínda que na función laboral hai unha mesma proporción entre o galego e o castelán.

En eventos internacionais ou culturais cada vez é maior o número de falantes en castelán.

Aínda que o galego recuperou terreo e avanzou nalgúns ámbitos e nalgunhas clases sociais cultas, a castelanización de Galicia aumenta e medida que avanzan os anos, sobre todo nas xeracións máis novas. Con todo, o galego aínda segue sendo a lingua maioritaria en Galiza.

Traballo feito por: Miguel Rózpide, Miguel Fernández, Alejandra Salgado, Guillermo Santos, Nadal Viñas, Raquel Arias e Javier Bouzas. (3º B)
Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MORALES - Publicado o 15-07-2012 08:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal