O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DE SARMIENTO AO REXURDIMENTO PLENO
Traballo realizado para os INTERCAMBIOS MARTÍN SARMIENTO 2012 por alumnos/as de 3º da ESO do IES. VALLE INCLÁN de Pontevedra (Pontevedra) que coordinou Xosé Álvarez García.



Nas IV Xornadas Martín Sarmiento preocupámonos por situar na Historia da Literatura galega a obra de Sarmiento e a súa influencia para que logo tiveran lugar movementos como o Rexurdimento. Para afondar nesa perspectiva abordamos tamén este período achegándonos ao denominado Rexurdimento Pleno a través da figura de Rosalía de Castro.


Rosalía, motor do Rexurdimento

O século XIX foi un século de grandes cambios en Galicia. Na década de 1840, un grupo de intelectuais comezou a tomar conciencia diferencialista de Galiza con respecto ao resto de España. Antolín Faraldo, Neira de Mosquera, Romero Ortiz e Rodríguez Terrazo, entre outros, presentaron dúas innovacións que marcaran o inicio do Prerrexurdimento: un traballo de sistematización das principais características diferenciadoras de Galiza e o provincialismo, movemento que defende que Galiza é toda unha rexión e non pode dividirse en 4 provincias independentes, como se establecera.

O Rexurdimento pleno iniciouse con Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 1837 – Padrón, 15 de xullo de 1885). Filla dunha fidalga e un cura, pasou a súa infancia na aldea de Castro de Ortoño, onde entrou en contacto co mundo rural e coa lingua galega. Aos 15 anos, trasladouse a Santiago de Compostela a estudar e, aos 19 mudouse a vivir a Madrid. Alí coñecerá a Manuel Murguía, con quen casará, e, por mor do seu matrimonio, vese obrigada a vivir en diferentes lugares de fóra de Galiza. Murguía animaraa a escribir en galego. No 1863 escribiu o libro Cantares gallegos, o primeiro escrito totalmente en galego. Este libro ten un carácter puramente reivindicativo, e a propia Rosalía aclara as súas intencións no prólogo. Di que nos poemas cantará a beleza de Galicia (“…anque naide tampouco se pudo achar animado dun máis bon deseo pra cantar as bellezas da nosa terra naquel dialecto soave e mimoso que queren facer bárbaro os que non saben que aventaxa ás demais linguas en dozura e armonía. Por esto, inda achándome débil en forzas e non habendo deprendido en máis escola que a dos nosos probes aldeáns, guiada solo por aqueles cantares, aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan docemente resoaron nos meus oídos desde a cuna e que foran recollidos polo meu corazón como harencia propia, atrevínme a escribir estos cantares, esforzándome en dar a conocer como algunhas das nosas poéticas costumes inda conservan certa frescura patriarcal e primitiva, e como o noso dialecto doce e sonoro é tan apropósito como o pirmeiro para toda clase de versificación.”) e defendela dos ataques do resto de España (“Mais he aquí que o máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de aquí pintan así ós fillos de Galicia como a Galicia mesma, a quen xeneralmente xuzgan o máis despreciable e feio de España, cando acaso sea o máis hermoso e dino de alabanza.”). Os poemas deste libro son glosas de cantares típicos da Galiza rural. O outro libro no que Rosalía mostra o carácter reivindicativo é Follas novas (“Que o deixen pasar, como un romor máis, como un perfume agreste que nos trai consigo algo daquela poesía, que nacendo nas vastas soidades, nas campías sempre verdes da nosa terra e nas praias sempre hermosas dos nosos mares, ven direitamente a buscar o natural agarimo nos corazós que sufren e aman esta querida terra de Galicia.”)

Basicamente, Rosalía procuraba a dignificación de Galicia, dar a coñecer as tradicións e costumes galegos denunciar as inxustizas e marxinacións que padece Galicia, e defender o idioma galego.

Escribir en galego no s. XIX, non resultaba moi doado, xa que o idioma estaba considerado un mero dialecto desprezado e desprestixiado. Nun ambiente no que o castelán era a lingua da cultura, Rosalía de Castro rompeu a cantar, concedéndolle o prestixio merecido ao galego. Cantares gallegos é un canto colectivo, artisticamente logrado, que serviu de espello dignificante á comunidade galega ao empregarse a lingua desta, así como tamén foi útil para proseguir a tendencia timidamente iniciada polo pontevedrés Xoán Manuel Pintos coa súa obra A Gaita gallega (1853). Na segunda obra emprega símbolos para explicar o que non se pode con palabras e que xunto con Aires da miña terra (Curros Enríquez), Saudades gallegas (Valentín Lamas Carvajal) e Maxina ou a filla espúrea (Marcial Valladares Núñez) completan o conxunto de obras publicadas na época de 1880 que fixeron destes anos unha etapa clave no desenvolvemento da literatura galega, aínda que a obra de Rosalía sempre se mantivo nunha posición predominante con respecto ao resto.

O 15 de xullo do ano 1885, Rosalía morre en Padrón, na súa casa, como consecuencia dunha agravación do seu cancro de útero. Ao día seguinte, foi enterrada en Iria Flavia, aínda que en 1891 foi exhumada e trasladada ata o Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela.

Tras a súa morte, xurdiron os epígonos. Escritores que imitaban a súa obra, como por exemplo Carmen Prieto Rouco ou Manuel Leiras Pulpeiro, quen escribiu no ano 1911 o libro Cantares gallegos, imitando ao de Rosalía.

O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega, propuxeron celebrar o centenario da publicación de Cantares gallegos. O 28 de abril acordouse a creación do Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano. O primeiro ano, a figura á que se lle dedicou foi Rosalía.

Para entender a importancia do labor de Rosalía, temos que entender como estaba a situación do galego na época en que ela viviu e a situación da muller. O galego era unha lingua desprestixiada, considerado un dialecto do castelán ou unha deformación deste. Pensábase que nunca antes fora lingua escrita, non sendo nas obras dos precursores, e que non servía para crear literatura. Pero ademais, Rosalía era unha muller así que atreverse a escribir en galego e sendo muller ten máis mérito aínda. Por iso ela se desculpa no prólogo do seu libro e apela á súa ignorancia en canto a como escribir correctamente.

Cando ela escribiu Cantares gallegos, non houbo problemas, porque eran poesías inofensivas, pero cando escribiu Follas novas a cousa cambiou, porque Rosalía denuncia a situación de Galicia: a miseria, a emigración, o machismo, a inxustiza. Isto feito por unha muller e nunha lingua considerada de segunda ten un valor impresionante e molestou moito, por iso foi criticada e ignorada, pero tamén a converteu nun símbolo para os escritores posteriores, xa que ela tivo a honra de ser a primeira en escribir un libro completamente en galego, por iso se celebrou o centenario da publicación de Cantares gallegos en 1963 e a partir de aí cada 17 de maio (data da publicación da obra) todos os anos se conmemora e se lle adica a un escritor diferente.

Membros do grupo:
 Ariadna Pérez Sanmartín
 Eugenia Castro Calvo
 Theo Agustín Quintas Peralta
 Atreo Francisco Lozano Liste
 Alba María Hermida Augusto
(3ºA)

Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MORALES - Publicado o 15-07-2012 08:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal