O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ECOS DE SARMIENTO NA OBRA DE PINTOS
Traballo realizado para os INTERCAMBIOS MARTÍN SARMIENTO 2012 por alumnos/as de 3º da ESO do IES. VALLE INCLÁN de Pontevedra (Pontevedra) que coordinou Xosé Álvarez García

Ecos na obra de Pintos e outros precursores
Os precursores son aqueles escritores do século XIX anteriores ao Rexurdimento e foron uns dos primeiros que fixeron grandes progresos na dignificación de Galicia, dos galegos e da lingua galega. Estes precursores nacen de dous movementos político-sociais da época, que son o Provincialismo e o Rexionalismo.
O Provincialismo foi un movemento político e cultural que xurdiu en Galicia arredor do 1840 e constituíu un dos antecedentes para os grupos políticos e culturais do galego que terían lugar no século XX.
Este movemento naceu principalmente en Santiago de Compostela grazas aos estudantes desta cidade. Xurdiu como consecuencia do ambiente político da época, para defender os intereses dos galegos e para dignificar Galicia do desprestixio que tiña. De feito, debe o seu nome á oposición por parte dos provincialistas á división de Galicia en provincias, de forma incoherente, pola administración en 1833. O Provincialismo pretendía que se vise Galicia como unha soa provincia e fose chamada como era no pasado, como Reino de Galicia.
A este primeiro movemento que se divide en dous períodos (o primeiro de 1840 ata 1846, que tivo moita actividade política e literaria e o segundo desde 1854, que sobre todo tivo actividade literaria) pertencen numerosos precursores, que publicaban as súas obras en xornais e facían poemas e concursos ou grupos de intelectuais a favor da lingua galega. Os principais precursores desta época son:
-Francisco Añón: Foi poeta e tratou temas como os costumes galegos (como a obra ``Alma en pena´´) ou a morriña e o amor por Galicia, póndoa como un lugar idílico cunha lingua idílica, intentando borrar así os antigos prexuízos que tiñan os estranxeiros sobre Galicia (como en ``Recordos da infanza´´). Ademais fomentou a lingua galega a través de xornais nos que participou activamente como no El Idólatra de Galicia. Serviu como referencia para autores do Rexurdimento como Curros, que o representa nunha das súas obras (O divino sainete).
-Antonio Neira: Foi basicamente xornalista, e fixo un gran traballo para promover o uso do galego mediante os xornais nos que participou activamente, como, por exemplo, en El recreo compostelano, La Situación de Galicia, ou El Idólatra de Galicia.
-Antolín Faraldo: Foi escritor galego e xornalista no xornal de El Recreo Compostelano. Realizou, sobre todo, unha grande activdade política, incitando aos mozos galegos a que se deran conta da mala situación na que vivía Galicia e mediante as súas obras alentaba os levantamentos provincialistas.
O precursor máis importante da época do Provincialismo e dos que virían máis tarde co Rexionalismo foi Xoán Manuel Pintos (Pontevedra 1811-Vigo, 1876). Pintos, escritor, poeta e lexicógrafo, estudou filosofía na Coruña, fixo a carreira de dereito en Santiago de Compostela (1829-1835), exerceu como avogado na Coruña (1837-1840), foi xuíz en Cambados e Pontevedra (1840-1844) e rexistrador da propiedade en Vigo (1862).
Casou en 1841 con Serafina Amando, coa que tería catorce fillos. Sabía tocar o violín e participou na Real Academia Galega en 1906. Pertenceu ao segundo grupo provincialista e defendeu a lingua e cultura galega e aos galegos mediante as súas obras poéticas e literatura.
Foi o primeiro poeta importante do Rexurdimento, ou se se prefire, do Prerrexurdimento. As súas obras reflicten o seu estudo para a recuperación do galego e a súa preocupación pola eliminación dos defectos que puidese haber no galego, escribindo así, con dozura, sonoridade e sen defectos. Tamén, en moitas das súas obras, podemos ver como incita aos galegos ao uso da lingua propia de maneira correcta.
Esta preocupación pola normativización da lingua, vémola na súa obra Breve diccionario gallego, escrito por un tamborileiro para facilitar a comprensión de A Gaita Gallega, de feito axudou á Real Academia Galega co seu Glosario.
A maioría dos seus poemas e dalgunhas das súas obras foron publicadas en xornais ou revistas como no xornal pontevedrés El Circulador.
A súa obra máis importante e coa que se centrou máis na lingua galega foi A Gaita Gallega, publicada en 1853 e da que xa se publicaran algunhas partes no xornal pontevedrés Los Misterios de Pontevedra. Os personaxes fundamentais desta obra son Cristus que é un gaiteiro galego que fala da súa lingua e dos seus costumes galegos e Pedro Luces, tamborilero non galego que é o destinatario do contado por Cristus. Este, vaille ensinando que o galego non é una mala lingua e vaille desmentindo os prexuízos que teñen os casteláns sobre os galegos. Nesta obra, Pintos defende notablemente a nosa lingua e dignifícaa, combatendo os prexuízos sobre ela dos pasados séculos escuros. Esta obra servirá de referencia para moitos autores do Rexurdimento xa que é unha das primeiras grandes obras que defenden o uso da lingua galega e a Galicia.
Ademais destas obras Pintos escribiu outras vinte composicións poéticas e, antes de morrer estaba escribindo unha ao xa defunto Vesteiro Torres, que fundara en Madrid a agrupación Galicia Literaria.
Máis tarde, Pintos será un escritor de referencia non só para os poetas do Rexurdimento, senón tamén para os posteriores, polo seu labor na defensa da lingua galega. Un exemplo deste respecto que sentirán por el os escritores do Rexurdimento pódese observar na obra de Curros Enríquez O divino sainete, na que fai referencia, ademais de a outros autores do Provincialismo como é Añón [interpreta nesta obra un dos papeis de protagonista] a Pintos que tamén aparecerá nesta obra.
Volvendo ao resto dos precursores, cabe destacar aos dous últimos máis importantes, pertencentes xa ao Rexionalismo: Alfredo Brañas e Manuel Murguía.
-Alfredo Brañas foi un escritor do Rexionalismo, que fixo numerosos estudos sobre a sociedade e lingua galega. Defendía que a tradición e a sociedade galega non merecían o esquecemento no que estaban e incitaba a que se seguise loitando polo galego.
-Manuel Murguía (marido de Rosalía) foi un escritor, poeta e xornalista do Rexionalismo que estivo en contacto con moitos dos outros precursores. Entre as súas obras destacan algunhas como Historia de Galicia. Tampouco debemos esquecer o seu labor animando á súa muller Rosalía para que escribise en galego. Foi un dos intelectuais que máis traballou polo galego e por Galicia.

Todos estes Precursores anteriormente nomeados, incluído Pintos, realizaron un gran labor de dignificación da nosa lingua e da nosa cultura. Fomentaron o uso da lingua galega entre os galegos, trataron de dignificala demostrando que non era un dialecto, como se pensaba, e que tamén valía para escribir literatura. Grazas a eles foron posibles os grandes movementos literarios, socias e políticos como o Rexurdimento ou o nacionalismo galego, porque estes personaxes, mediante diferentes métodos (revistas, poemas, novelas, conferencias…) intentaron e conseguiron fomentar a nosa lingua e que os nosos costumes non se perdesen e, sobre todo, prepararon o camiño para o avance dos que viñeron despois deles.

Compoñentes do grupo: Mateo Guillermo Gómez-Randulfe Rodríguez, Nazaret Lizer Crespo, Antonio Fernández Fraguas, Paula García Bodaño e Marta Fernández Padrón. (3º A)
Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MORALES - Publicado o 21-04-2012 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal