O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

AS GUERRAS NAPOLEÓNICAS E O LIBERALISMO EN GALICIA
Traballo realizado para os INTERCAMBIOS MARTÍN SARMIENTO 2012 por alumnos/as de 3º da ESO do IES. VALLE INCLÁN de Pontevedra (Pontevedra) que coordinou Xosé Álvarez García

AS GUERRAS NAPOLEÓNICAS E O LIBERALISMO EN GALICIA

Napoleón e o Primeiro Ministro español, Godoy, estableceron a alianza hispano-francesa. Froito desta alianza asínase o tratado de Fontainebleau en 1807. Un dos seus puntos permitía ás tropas francesas atravesar o territorio español camiño da invasión de Portugal co fin de repartilo. Pero Napoleón enganou e colocou de rei ao seu irmán Xosé I. Empezou así o conflito hispano-francés, a Guerra da Independencia, que vai dende 1808 ata 1814.
Neste conflito, Galicia estivo un pouco á marxe, illada, e foi gobernada dun xeito autónomo pola Xunta Xeral do Reino de Galiza.
Napoleón entra co Gran Exército en España no ano 1809, facéndose cargo das operacións. A finais de ano, Napoleón xa ocupaba a maior parte de España.
Durante o período das guerras napoleónicas e tamén o posterior, restauración e loita entre absolutistas e liberais, a literatura en galego é de circunstancias, é dicir, o contido dos escritos é utilitario e serve como instrumento para os fins sociopolíticos do momento. Tamén houbo outra clase de escritos de tipo especificamente literarios: sonetos, algunha obra teatral…
A guerra contra os franceses ata 1809 foille “indiferente” a Galicia. A partir desta data comezan a aparecer textos en galego co fin de captar mozos para combater na fronte contra o exército invasor. Un destes escritos foi un poema anónimo titulado “Procrama na Guerra da Independencia por un labrador que foi sarxento ós soldados de novo alistamento.”
Tamén, coa mesma finalidade, sábese que houbo obras teatrais, pero perdéronse.
Xosé Fernández de Neira publica, en 1810, Proezas de Galicia. É unha obra dialogada entre dous personaxes – Chinto e Mingote- que narran a través da conversa a guerra napoleónica.
Ante os reveses sufridos, Napoleón tivo que vir a España a dirixir a guerra e enviou ao mariscal Soult, que entrou por Pedrafita e venceu ao exército británico na batalla de Elviña. Despois ocupou Galicia.
Os cregos encirraron o pobo galego para erguelo contra os franceses.
Os ilustrados foron acusados de traidores e alcumados afrancesados por seren partidarios das ideas que viñan de Francia.
En Galicia as brigadas de guerrilleiros, tamén chamadas alarmas, estaban formadas campesiños dirixidos por un crego ou por un militar retirado. As armas que utilizaban eran ferramentas de traballo: fouciños, legóns gadañas… Aínda que tamén utilizaban algunhas pistolas e fusís mercados aos ingleses.
A loita guerrilleira conseguiu botar aos franceses de Galicia. O xeneral Ney foi derrotado na batalla de Pontesampaio, onde os campesiños de Cotobade e Soutomaior usaron canóns de pau como artillería.
Tras a derrota do exército napoleónico e a súa retirada en 1814, comeza unha loita entre os partidarios do absolutismo e os liberais, que foran crecendo e lograron aprobar a Constitución de Cádiz, (a Pepa) en 1812.
Estas disputas e loitas entre ambos bandos tamén teñen reflexo na literatura galega. Trátase de publicacións puramente utilitarias, e propagandísticas. Son folletos para ser lidos aos veciños e aos correlixionarios. Moitas veces son diálogos entre personaxes populares. Tertulia, Coloquio, Conversa, son os títulos.



O liberalismo nace no ano 1820 cando as gornicións da Coruña e Ferrol levántanse contra o pronunciamento de Riego en Cabezas de San Juan. O goberno que cría telo controlado, viuse desbordado polo levantamento de Galicia, e non dubidou en entregarse ás mans dos liberais.
A conspiración xa se vira estendida polos cuarteis mais temíase que nalgúns sitios se frease pola presión clerical. E así sucedeu, cidades como A Coruña, Ferrol, Pontevedra ou Vigo levántanse e outras como Santiago, Lugo, Ourense, Mondoñedo e Tui (cidades episcopais), tiveron que ser sometidas militarmente.
O 9 de marzo xa fora tomada toda Galicia, a resistencia do xeneral Po, apenas durou unha semana. E así toda Galicia quedaba a mans dos liberais .
Con respecto á organización, dende o primeiro momento quedou moi claro que os liberais non se ían deixar sorprender. En cada unha das cidades creáronse unhas Sociedades Patrióticas, formadas polos liberais máis radicais, encargadas de vixiar as autoridades municipais e provinciais.
Creáronse 15 xornais, todos liberais, que se constituían como elementos ideolóxicos e de presión social e denunciaban a tibieza dalgunhas autoridades.
Os teatros galegos foron monopolizados e exixíase neles, a representación de obras coma “Porlier na última hora” ou “A sombra de Acevedo” (Acevedo foi o xeral que liderou o pronunciamento da Coruña).
En cada cidade de Galicia obrigouse a rotular as rúas principais con nomes como Porlier, Acevedo, Lacy e Sinfoniano López.
Foi creada a milicia nacional que impedía que se xerase calquera brote contrarrevolucionario, especialmente na zona rural, que estaba menos vixiada polo exército.
Debido á presión das Sociedades Patrióticas as novas autoridades víronse obrigadas a renovar todo o persoal administrativo, tendo que ser os novos contratados aprobados primeiro por estas sociedades.
Aos poucos meses de triunfar foron convocadas as cortes, os liberais para evitar sorpresas, controlaron todo o proceso asegurándose de que os 17 deputados elixidos foran indubidablemente liberais. O mesmo farían máis tarde nas eleccións de 1821.
O triúnfo da ideoloxía liberal vai ter consecuencias para a lingua galega e para Galiza, posto que os liberais eran partidarios da eliminación dos vellos reinos e da uniformización económica e cultural. Consideraban a diversidade lingüística un atranco para o progreso.

Traballo realizado por:
Miguel Gallego
Jorge Alegre
María Seoane
Nerea Arosa
(3º A) IES Valle Inclán de Pontevedra
Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MORALES - Publicado o 15-04-2012 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal