O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DE SARMIENTO A MORALES: O REXURDIMENTO DO GALEGO NO BIERZO

Traballo realizado para os INTERCAMBIOS MARTÍN SARMIENTO 2012 polo CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo coordinado por Belén Fernández

Somos un grupo de nenos e nenas de 5º e 6º do Colexio San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo que fixemos un traballo baseado en Sarmiento e na terra que o viu nacer tal día coma hoxe, un 9 de marzo do ano 1.695.

VILAFRANCA DO BIERZO
Vilafranca está situada ao oeste da provincia de León, está considerada como a capital cultural da comarca do Bierzo e un dos seus principias atractivos turísticos pola riqueza do seu patrimonio histórico- artístico, o seu emprazamento no Camiño de Santiago e a súa diversidade da paisaxe ao estar situada ás portas da Serra dos Ancares.
Esta vila ten como lingua oficial o castelán pero con importantes influencias do galego ,idioma que se fala aquí dende a Idade Media.
En Vilafranca podemos ver moitos monumentos como: A igrexa de Santiago (onde posiblemente se bautizou Sarmiento), a igrexa de San Francisco, a Igrexa de San Nicolás o Real,a Colexiata ,o Castelo, entre outros.

A VIDA DE SARMIENTO
Pero tamén temos escritores como é Martín Sarmiento, do que imos contar un pouco da súa vida.
Pedro Xosé García Balboa, máis coñecido como Frei Martín Sarmiento, naceu en Vilafranca do Bierzo o 9 de marzo do 1.695
Seus pais, Afonso e Clara casaran tamén aquí no ano 1.683 e tiñan xa dous fillos e unha filla cando naceu Sarmiento.
Seu pai falaba o galego da zona da costa pontevedresa e traballaba de mestre dos canteiros das obras na Colexiata que era un dos moitos edificios da vila que financiaba o Marqués de Vilafranca.
Súa nai nace na provincia de Lugo, nun lugar próximo a Samos e polo tanto falaba un galego moi semellante ao que falamos no Bierzo.
Con catro meses trasládase coa súa familia a Pontevedra, onde pasará a súa infancia e parte da mocidade. O 3 de maio de 1.710 con 15 anos de idade, marcha a Madrid para ingresar na orde de San Bieito.

OS ESTUDOS DE SARMIENTO
Ó pouco cambiou o seu nome de pía, Pedro, polo de Martín, xa que este era o nome do patrón do Mosteiro onde residiría despois de varios anos de estudos en distintos conventos de España; e algún tempo despois tomou o segundo apelido da súa nai, Sarmiento.
Realizou estudos de Artes e de Filosofía no mosteiro que a súa orde tiña en Irache,despois foi a Salamanca có fin de estudar Teoloxía.
Rematados os seus estudos pasou a ser profesor en varios mosteiros da orde benedictina.
No 1.720, foi ordeado presbítero e pasará un tempo en Asturias,ata 1.725, como profesor en Celorio e Oviedo.
Dende 1.723 coidar,a a súa amizade có Padre Feixóo, co que manterá correspondencia ata a súa morte.
En xuño de 1.725, con 30 anos, Sarmiento volta a Galicia. Despois dunha estancia en Pontevedra, despídese de súa nai e aséntase definitivamente en Madrid, estancia interrumpida entre febreiro de 1.726 e maio de 1.727 cando se traslada a Toledo a catalogar os libros da catedral.

AS LINGUAS
Aos 35 anos reaparece nel un gran interés pola lingua, pois estaba convencido de que a xente descoñecía moitos significados das palabras que empregaba. Sentía unha gran curiosidade polas linguas en xeral , especialmente polas románicas, pero sobre todo polo castelán e o galego.
Sarmiento pensaba que o galego deberíase ensinar nas escolas e que os curas deberían coñecelo para poder confesar aos seus fregueses.
En 1.745 volta a Galicia , nesta viaxe vai anotando nun caderno os nomes dos lugares polos que vai pasando. Gustáballe investigar a etimoloxía das palabras galegas que escoitaba.
Escribiu o libro en galego “Coloquio de veinticatro galegos rústicos”, grazas a este libro coñecemos o galego que se falaba na época. Son 1.200 coplas postas en boca dun grupo de Galegos que regresan de Madrid e contan como foi a morte do rei Felipe V e describen os festexos da subida o trono de Fernando VI.
.No ano 1748 foi elixido abade do seu Monasterio de San Martín de Madrid.

OS SEUS INTERESES
Era un home moi preocupado pola mellora do nivel técnico e económico do seu país, moi na línea do pensamento da Ilustración.
Sarmiento pensaba que era necesario coñecer, recuperar e salvagardar as tradicións e a cultura popular. Niso foi un gran precursor e contribuiu á investigación e recuperación da cultura galega.
A instancias de Sarmiento créase o Real Xardín Botánico de Madrid e dende 1.743 reclama a creación de bibliotecas públicas e xardíns botánicos en diversas cidades.
Sarmiento non só estaba interesado na lingüística, tamén na botánica, na medicina; tiña coñecemento detallado dos nomes das prantas e das súas propiedades.
Frei Martín foi un home adiantado o seu tempo. Aparte dos seus traballos relacionados coa botánica e as ciencias naturais, realizou un labor moi importante de análise da lingua galega.

A LINGUA GALEGA
Adicouselle o Día das Letras Galegas no 2.002.
Un século antes da aparición do Rexurdimento, Sarmiento foi quen asentou, en certo modo, unha das razóns de ser deste movemento de intelectuais dispostos a reivindicar con escritos un lugar para esta lingua que fora usada por reis e trobadores, pero que se deixara de escribir desde finais da Idade Media.
Sarmiento tamén se fixou na rica tradición oral que soaba na boca das xentes humildes e iletradas, que non sabían escribir, pero que durante os Séculos Escuros cos seus cantos, contos e coplas mantiveron viva a súa lingua a pesar de non haber escritos.
Podemos dicir que Martín Sarmiento pode ser considerado precursor do Rexurdimento, este movemento que vai ter como interese principal o de volver a escribir en galego, e o de recuperar esta lingua.

OS SEUS SUCESORES
Aínda que sabemos que esta reivindicación tivo os seus precedentes en Sarmiento, vai ser un autor pontevedrés, Xoán Pintos, quen anos despois e seguindo os seus pasos publique en 1.853 un libro “A gaita gallega”, no que un gaiteiro vai ensinar ao seu tamborileiro, que non é galego, a falar e escribir neste idioma.
O segundo libro de intencións semellantes nesta época será o que publique no ano 1.861 o autor berciano Antonio Fernández y Morales ,”Ensayos poéticos en dialecto berciano”. Este libro, responde ás mesmas preocupacións pola lingua que tiñan Sarmiento e Pintos.
Poucos anos despois, no 1.863 unha muller, Rosalía de Castro, publica a que se considera a obra que dá lugar ao nacemento do Rexurdimento. Trátase de “Cantares Gallegos” que xunto coas obras de Curros Enríquez e de Eduardo Pondal forman os piares deste movemento de reivindicación lingüística e de dignificación da cultura e da terra.
Sarmiento morreu no convento de San Martín de Madrid o 7 de decembro de 1.772, aos 77 anos.

O GALEGO NO BIERZO
Os rapaces e rapaces do Bierzo temos moita sorte porque grazas a Sarmiento ou a Fernández Morales temos obras nas que podemos aprender e coñecer mellor a lingua que falan os nosos avós e que hoxe nola ensinen na Escola.

Este traballo fixémolo os alumnos de galego de 5º e 6º do Colexio San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo:Carlos,César,Cristian,Jorge Óscar,Alejandro,Álvaro,Diego, Fátima,Ikram,Marta,Pedro,Raúl e Sergio, coordinados pola nosa mestra de galego, Belén Fernández.
Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MORALES - Publicado o 20-03-2012 22:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal