O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

SARMIENTO E A EDUCACIÓN EN GALEGO
Traballo realizado para os INTERCAMBIOS MARTÍN SARMIENTO 2012 polo CEIP M.L. Ucieda de Toral dos Vados en colaboración co CRA. de Toral de Meraio coordinados por Celso Albino Abella, o seu mestre de galego.


" Por que estudamos nós galego hoxe nas escolas? (pregunta un rapaz dos da clase)
-Está claro porque os nosos pais queren o mellor para o noso futuro (contesta un)
- Tamén será porque lle teñen cariño á lingua que sempre falaron eles e os seus padres, é dicir, os nosos avós (contesta outra).
-Creo que un tal Sarmiento ten algo que ver con isto, que mo dixo meu tío (di o máis disposto e sabido da clase)
- Si iso tamén é o que di o mestre, e que fagamos un traballo sobre este tema.



Sarmiento naceu en Vilafranca unha vila da comarca do Bierzo onde se fala galego desde a Idade Media, mesmo daquela escribíase e todo, os mosteiros como o de Carracedo conservan textos daquela época en galego. Por qué razón non estando en Galicia pasa isto? Porque unha parte do Bierzo pertencía de vello ao Antigo Reino de Galicia e señores como os Condes de Lemos afincados aquí realizaban documentos nese idioma. Pero cando naceu Sarmiento deixárase de usar na escrita por parte dos nobres que mandaban que despois foron casteláns falantes. As xentes de Galicia e do Bierzo de todos os xeitos seguían falando galego, pero non o sabían escribir, a meirande parte non ía a escola.

O primeiro idioma que escoitou Sarmiento foi logo o galego, que era o idioma que falaban seus pais, que eran tamén eran galegos, pero que casaron en Vilafranca onde traballaba seu pai a causa das obras de construción da igrexa Colexiata da vila. Naceu un 9 de marzo e foi bautizado tamén nesta vila. Pero ese mesmo ano de 1695 desprazaríase a Pontevedra ao conseguir un novo traballo o cabeza de familia.
Alí en Pontevedra comezará os estudos e aprenderá a escribir sendo moi novo. Gardou sempre na memoria que lle ensinaran o latín que era o idioma da educación. Tivo que aprender latín e castelán porque o galego que era o que falaba el, a súa familia e os seus veciños, pero non se ensinaba nas escolas. Castigaban aos nenos que utilizaban o galego. Os mestres daqueles tempos que se denominan Séculos Escuros porque non se escribía nada en galego eran frades. E Sarmiento, que desde pequeno sentiu atracción polas Letras e pola Biblia, o libro sagrado, acabou ingresando nunha orde de monxes de San Bieito aos 15 anos de idade, marchando de contado a un convento en Madrid.

Axiña aprendeu coa lectura (que era una das súas grandes afeccións) ademais de castelán e latín outros idiomas como o grego e o árabe, pero non esqueceu nunca o galego, aínda que ninguén o tivese en conta nin o escribise, aínda que os seus compañeiros no convento se burlasen do seu acento galego. Contan que estando en Irache (Navarra estudando o equivalente a estudos universitarios ) en 1714 no seu tempo libre elaboraba un vocabulario de latín, galego e castelán co obxectivo de enriquecer e ampliar o número de palabras que xa coñecía e usaba. Por iso axudou a un dos seus mestres o Padre Feixóo na redacción e edición de libros e mesmo el publicaría un título defendendo as ideas e a luz da Ilustración que querían traer Educación e Cultura ás xentes destes Séculos Escuros.

Pero o seu afán por coñecer máis e mellor a súa lingua natal non rematou alí. En 1727 en Toledo atopou as Cantigas de Santa María de Afonso X, o rei sabio escritas en Galego e máis adiante nas súas viaxes comprobou que tanto en Galicia como no Bierzo nos mosteiros efectivamente había centos e centos de documentos da época medieval escritos en galego. Contan que en San Pedro de Montes no Bierzo un dos conventos que estivo nunha das súas viaxes, tivo ocasión de consultar os documentos moi antigos escritos en galego da nosa comarca.

Sarmiento será considerado o Pai das Letras Galegas por estudar tanto sobre a orixe do galego como afondar no seu vocabulario e mesmo escribir en plenos Séculos Escuros unha obra en galego iniciando así un movemento que no século XIX se chamou Rexurdimento, é dicir o re-nacemento da lingua galega escrita. En Pontevedra Xoán M. Pintos e no Bierzo Antonio Fernández Morales serán os primeiros en seguir os pasos de Sarmiento, e logo autores como Rosalía de Castro que escribiron poemas na fala dos labregos e xentes humildes cantando a súa terra e os costumes e tradicións, usando palabras e palabras que ao seren escritas poden ser aprendidas e conservadas na memoria. Logo chegarán os tempos nos que se reclame un espazo para o galego nas escolas na educación dos nenos e nenas dos lugares onde se fala este idioma, tal e como reivindicaba o propio Sarmiento.

Hoxe aqueles Séculos Escuros nos que vivía Sarmiento xa pasaron primeiro en Galicia, a agora no Bierzo o galego está presente nas escolas, aprendémolo porque é unha riqueza e é un dos idiomas desta terra como tamén demostrou o noso frade ilustrado. Nós ademais de falalo, estamos aprendendo a escribilo estamos saíndo tamén deses tempos de sombras nos que os nosos avós ou os nosos pais que falaban galego, non o sabían escribir porque en tempos de Franco tamén estaba mal visto e non se podía falar en público, pero coa volta da democracia o galego entrou por vez primeira nas escolas e desde hai dez anos nós podemos estudar galego eiquí no Bierzo.

- Cando vaiamos ao instituto e nos pregunten sobre Sarmiento imos sacar un dez! (di un dos rapaces da clase)
- E logo tu cres que no instituto estudan a Sarmiento? (pregunta outro)
- Claro, como non van estudar ao Pai das Letras Galegas se tamén no instituto se estuda o galego ! (contesta unha rapaza). Eu tamén penso seguir estudando galego cando comece a ESO. É a lingua dos meus avós e tamén a falan os meus pais.
- É unha riqueza e ademais danche un título ao rematar 4º da ESO que che vai servir para o teu futuro, iso é o que me dixo o meu tío que sabe desas cousas porque é profe no instituto (di outro dos rapaces).

Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MORALES - Publicado o 20-03-2012 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal