O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ITINERARIO SARMIENTO
Outra das novidades destas IV Xornadas foi o ITINERARIO SARMIENTO, un roteiro pola vila que resultou unha experiencia moi enriquecedora para ver Vilafranca dende a óptica da vida e da obra do ilustrado galego nado nesta vila. Espazos que percorreu Sarmiento con outros ollos que son os que quixemos imaxinar á hora de facer un percorrido pola contorna distinto do habitual.

Comezamos no Museo de Ciencias Naturais, que serviu de lugar de encontro e de referencia inicial deste itinerario. Unha visita guiada pola persoa que habitualmente mostra ás persoas que alí acoden a ver esta incrible caixa de sorpresas que é este Museo. Tanto ten aves e cunchas esóticas, coma fauna e achádegos arqueolóxicos da zona, ben interesantes. Neste primeiro momento lembramos a cela de Sarmiento e o seu gusto por coleccionar cunchas de todas as praias de Galicia ou por coñecer o mundo natural e os nomes de animais, plantas tanto os científicos, como os denominados vulgares,eses que usaba o pobo. Lola Fdez Álvarez que en todo momento foi quen marcou o ritmo do Itinerario fixo comentarios moi precisos e curiosos sobre o saber de Sarmiento acerca do uso de determinados minerais que están presentes nas vitrinas do Museo.
Logo fomos cara o busto que Sarmiento ten colocado na alameda e lembramos os negrillos, hoxe case por completo desaparecidos, que antes medraban na mesma. Fixemos unha foto ante a Colexiata que parece querer explicarnos o propio Sarmiento "... chámaselle Cruñego por causa de estar antes alí asentada unha abadía de Cluny..." e despois indo cara a igrexa relatamos a relación que esta Colexiata ten co mestre canteiro e pai de Sarmiento. Tamén falamos das vicisitudes do libro parroquial ao que lle faltan as follas onde debería estar rexistrado o nacemento e bautismo de Pedro Joseph García Balboa, que logo será o noso bieito sabio.
De seguir diriximos os nosos pasos cara ao lugar que hoxe é un solar onde estaba a súa casa natal. Fixámonos no sabugueiro e falamos dos seus atributos etnobotánicos, tamén do topónimo da “Portaxe” e do “Socubo” e por este barrio camiñamos cara o paseo do río Burbia onde comezamos unha visita que ía da botánica á historia. Á vista dos monumentos que se contemplan dende a beira do río, na confluencia houbo un momento para a poesía de Ramón González Alegre, máis adiante sería a de Enrique de Antón falando do Ciprés, ambos poemas recitados por Lola que fixo fincapé no seu valor sentimental. De todo os xeitos entre comentarios históricos e artísticos á vista de San Francisco, Santiago, da Anunciada ou do Castelo sobre a formación da vila e a súa evolución histórica, foise dando paso á paisaxe natural e a reparar en pequenas plantas como os couseliños e os seus usos como cicatrizantes, a verónica, a planta leitarega, a celidonia, falouse da galocrista que comentaba tamén Sarmiento ao seupaso por Vilela na súa viaxe de 1745, e seguiron aparecendo plantas a cicuta, a artemisa, e tamén árbores coma as salgueiras, de novo os babugueiros, ao pé dos cales houbo quen cantou unha coplas tradicionais, e a estrelamaris, ou un cardo seco que serviu para facer un instrumento, avanzando camiño de Vilela á que non chegamos por facerse xa algo tarde, aínda que a intención era achegarmos ao seu antigo Priorato onde o frade erudito pernoctara.
Foi unha experiencia enriquecedora que nos permitiu ver a vila natal de Sarmiento con outra perspectiva. Un itinerario novo sobre o que seguiremos afondando. A intención é ofertalo como un roteiro máis para veciños e visitantes de Vilafranca e do Bierzo, da capital cultural da comarca, dona dun fermoso patrimonio natural e histórico artístico.

Podes escoitar aquí un audio sobre dito itinerario.
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 14-03-2012 06:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal