Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.
Un primeiro dato sobre a perspectiva do presente curso de galego nos centros escolares do Bierzo está na prensa, na que sae unha referencia ao aumento de alumnado matriculado en galego:
Un curso máis desprazáronse a Galicia alumnos/as do Programa de Promoción do galego no Bierzo, unha actividade que promove anualmente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia como un dos complementos que contribúen á dinamzación de actividades en galego entre o alumnado de galego do Bierzo. Acoden habitualmente tanto rapaces de Primaria como de Secundaria co seu profesorado.
Como vén sendo habitual os alumnos/as de galego no Bierzo viaxan a Galicia a proposta da Secretaría Xeral de Política Lingüística coa finalidade de crear unha dinámica de interacción entre os distintos centros do Programa de Promoción do Galego no Bierzo e Sanabria. Unha breve crónica aparece na propia páxina da SXPL.
Recomendamos tamén ler esta crónica feita dende o Bierzo por un dos docentes que participou da experiencia e que é director do CEIP JESÚS MAESTRO.
Este martes, 21 de novembro xuntouse en Compostela a Comisión de seguimento do Programa de Promoción do Galego nos centros escolares de Castela e León do Bierzo e Seabra. Fixéronse públicos os datos das matrículas que volveron a medrar ao aumentar o número de centros de Primaria que imparten dito programa.
Sabemos que cursar galego é un tanto un eufemismo, porque tanto en Primaria como nos primeiros cursos da ESO dáse en galego outra materia: Plástica na maioría dos centros de Primaria e unha hora semanal de Ciencias Sociais nas aulas da ESO. Cúrsase lingua galega como tal dende 4º da ESO e logo quen o desexa en Bacharelato, sempre que a LOMCE non o impida como así vén sendo nos cuatro últimos cursos nos que o posible alumnado da materia en bacharelato viuse mui reducida pola curiosa circunstancia de ter que asumir dar aulas de galego fóra do horario lectivo habitual no caso de escoller esta materia como optativa, cousa que a pesar dos mandatos unánimes do Parlamento Galego ou das protestas que chegaron tamén ao de Castilla e León, comeza un novo curso con esta clara discriminación. Habería muito logo que matizar sobre estes datos de 1001 alumnos/as de galego para o curso 2017/18. Benvido en todo caso este novo centro de Cubillos e o aumento de matrícula, mais debemos seguir pedindo unha ampliación do número de centros que impartan o Programa de Promoción do Galego no Bierzo como por exemplo: A Veiga de Valcarce, a Veiga de Espiñareda, Quilós, Viladepaus ou Carracedo.
Onte volveron para o Bierzo os alumnos e alumnas do galego no Bierzo de Primaria e Secundaria que este curso , como en cursos pasados, realizaron esta viaxe de estudos por Galicia como complemento do seu achegamento ao galego e a súa cultura, unha iniciativa e todo un agasallo da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Realizamos varias xestiois e nada sabemos sobre se o proximo curso 2016-17 o centro escolar CRA MARCIAL ALVAREZ CELA da Veiga de Valcare impartirá como optativa a materia de galego para os seus alumnos fillos/as e netos/as de familias galegofalantes.
Polo que temos sabido a Asociación de Pais e Nais do centro fixo saber do seu interese porque así sucedera (ademais das nosas xa reiteradas solicitudes en distintos eventos e ante diversas autoridades competentes). Non falta muito para saber se esta lóxica reivindicación ten un resultado positivo.
Por se hai algunha dúbida de que todo ou case todo está por facer poñan atención na cantidade de inercias que se poden apreciar nesta reportaxe sobre a Veiga de Valcarce e o galego en Castela e Léon que (a pesar de estar feita en Galicia) consolida un trato moi pouco axeitado cara a nosa lingua, a pesar de ser o tema central da reportaxe.
Nesta entrada detallamos os contidos do debate da Sección de Educación da Mesa de traballo das VIII Xornadas Martín Sarmiento que elaborou unhas propostas coa intención de que as autoridades educativas de Galicia e de Castela e León, que se reunían precisamente ao día seguinte en Valladolid, melloren o Programa de Promoción do Galego xa no curso que vén.
O pasado 9 de marzo na sesión de tarde das Xornadas elaborouse, efectivamente, un catálogo de propostas para a normalización do galego no Bierzo. Nunha mesa na que estaban sentadas as autoridades educativas das comunidades autónomas de Galicia e Castela e León, docentes de galego, alumnos, membros da Academia Galega e membros da Comisión Cultural organizadora abordáronse cuestiois tan importantes como a mellora do Programa de Promoción de Galego nos centros de ensino do Bierzo. Púxose, así, enriba da mesa a cuestión da ampliación da oferta de galego para que chegue a centros como os da Veiga de Valcarce (unha vella reivindicación por parte dos colectivos pola defensa do galego na comarca), a adecuación dos contidos de Primaria ao nivel Celga I que permita, ademais dunha programación máis coordinada para todos os docentes de galego desta etapa, a realización dunha entrega deste título que visualice o interese en seguir no Programa na Secundaria no conxunto dos centros que participan no mesmo e ante as familias bercianas en xeral.
Neste sentido tamén se abordaron os problemas de matriculación no paso á Secundaria, denunciando que existen centros como o de Camponaraia nos que os rapaces non teñen oportunidade de seguir na Secundaria ao non ofertar o instituto máis próximo a optativa de galego na ESO.
A publicidade e difusión do Programa neste momento do paso á Secundaria foi tamén obxecto de debate para poder vertebrar unha proposta que sexa eficaz e que faga chegar de xeito claro ao conxunto da poboación a existencia desta oportunidade para alumnos/as e as súas familias e para que esta oferta estea plenamente incorporada ás matrículas e ao proceso de matriculación procurando unha absoluta obxectividade de cara a impedir calquera tipo de obstáculospara que a meirande parte dos alumnos/as de Primaria permanezan no Programa ao chegar á Secundaria.
Logo tratouse a polémicacuestión da aplicación da LOMCEe como consecuencia sacar fóra do horario lectivo as horas de Lingua e Cultura Galegas amosouse como unha causa clara da caída de matrícula no Bacharelato (23 alumnos neste 1º curso da dita lei). Solicitouse logo unha revisión para que o curso que vén non se lesionen os dereitos lingüísticos dos bercianos ao non facilitar aos alumnos/as que entran no Bacharelato, como demostrou o baixón da matrícula deste curso, a súa continuidade natural no Programa (creando verdadeiros problemas de transorte e horarios, ademais dunha carga de traballo maior a quen opta por seguir cursando a materia). Neste punto lembramos que o Consello Comarcal do Bierzo facéndose eco desta discriminación que dana os dereitos recoñecidos dos bercianos tomou cartas no asunto e fixo chegar no transcurso das Xornadas a resolución previa que van aprobar no Plenario do próximo día 17 de marzo sobre a negativa a manter esta fórmula para os próximos cursos como consecuencia da aplicación da LOMCE. Ademais o Consello Comarcal solicitou participar na Comisión de Seguimento do Programa para evitar na medida do posible a demora na solución deste tipo de atrancos, xa tradicionais no Programa, e a mellora substancial do mesmo.
Nun último punto tocáronse os problemas de matriculación que se deron na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada que provocaron a existencia dun curso sen alumnado, o do 1º o ano pasado e o de 2º o presente curso. Solicítase que se abra unha matrícula no próximo ano para o curso intermedio co obxectivo de que non exista ningún curso baleiro e dada a transcendencia da existencia de alumnos/as a esta altura do currículo.