O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Brindeiro do Cebreiro e o fiandón de Burvbia






Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 04-03-2011 08:36
# Ligazón permanente a este artigo
PRESÉNTASE
Está prevista para o Próximo 18 de decembro ás 20 horas no Teatro Vilafranquino do 1º libro da Colección Bierzo Tradicional editado pola asociación Escola de Gaitas, un traballo arredor dos xa centenarios Xigantes de Vilafranca.



Así é como están agora os xigantes, namentres esperan unha nova oportunidade para saír a bailar polas rúas da vila.
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 08-12-2010 11:30
# Ligazón permanente a este artigo
Proximamente o 1º libro da Colección BIERZO TRADICIONAL
Neste mesmo mes de decembro pensa presentarse en Vilafranca o que vai ser o primeiro libro desta serie de materiais documentais sobre o patrimonio cultural da comarca que se denomina BIERZO TRADICIONAL e que é unha iniciativa da Asociación Cultural Escola de Gaitas. O traballo leva por título Palillos de Madeira. Os Xigantes de Vilafranca do Bierzo.

Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 28-11-2010 03:07
# Ligazón permanente a este artigo
PROPOSTAS DIDÁCTICAS SOBRE A FESTA DO MAIO
O CICLO FESTIVO TRADICIONAL DE MAIO:
OS MAIOS HUMANOS DE VILAFRANCA DO BIERZO ERAN HABITUAIS EN GALICIA HAI UN SÉCULO.

Tanto en Galicia como no Bierzo existe unha moi vella tradición que se celebra todos os anos o día 1 de maio. Pero a tradición dos maios con ter unha procedencia común a día de hoxe presenta diferentes tipos tanto na forma como tamén son distintas as canciois que se cantan.
O maio é un costume moi antigo relacionado coa fecundidade, co renacer da vida das plantas e animais na primavera que tras das flores darán froitos. É case seguro que xa os homes e mulleres na Prehistoria celebraban cerimonias coa intención de ter máis e mellores froitos, para agradecer ou mesmo favorecer que as divindades da natureza procurasen unha boa produción de alimentos, que os animais domesticados tivesen muitas crías e houbese máis nenos e nenas na aldea. Estes rituais foron transformándose ao longo da historia e chegaron ata nós como os coñecemos agora. Nestas festividades os vexetais son o símbolo do rexurdir e do renacer anual da natureza na nai Terra, da capacidade de crear novos cereais para facer o pan, pero tamén de novos xatos para carne e para leite.

Os maios de Vilafranca: unha festa tradicional nos lindes culturais de Galicia
Os maios mozos de Vilafranca son uns maios humanos moi semellantes aos que Álvaro Cunqueiro lembraba da súa vila natal. O coñecido escritor galego nacido en Mondoñedo no ano 1911, na súa nenez tomou parte da festa dos maios no seu pobo, que el logo describiría un 1º de Maio do ano 1963 nas páxinas do periódico que dirixía daquela, o Faro de Vigo:
"Tal día coma hoxe, e á primeira hora do serán, ían dúas ou tres pandillas de rillotes á fraga da Silva ou a do Rulo, e vestían a un deles coas espléndidas follas da pravía, cinguíndoo e coroándoo de loureiro. Mergullado naquela ramallada o maio, baixaba a sonora tropiña ás rúas e ás prazas, a cantar ritualmente a festa e a demanda-lo aguinaldo, que nos meus días infantís érao de noces e castañas maiolas— é dicir, as castañas que secaron no faio durante o longo inverno—, que rebotaban nas pedras: piñata feliz, barullenta rebatiña na que todos participabamos. O máis abondoso regalo saía do balcón de dona Amadora Louro, no Cantón. Demandando o agasallo, o Maio representaba unha pequena pantomima, que non me atrevo a interpretar. O Maio deitábase no chan tan longo como era, mentres o ledo coro dos compañeiros cantaba. Ó remate, sacábaselle daquel sono:
" ¡Levántate Maio que tanto durmiche,
que pasou o burro e ti non o viche!"

Axiña o Maio erguíase coa axuda dos cantores e seguía a feliz procesión."




Este maio como os maios de Lugo, Santiago, Monforte, As Nogais, Pontedeume ou A Coruña, era un tipo de maio humano ou vivinte, pero non tivo a sorte de sobrevivir neste século da "aldea global”, nun mundo que con frecuencia esquece os seus costumes e está chamado a vivir no desarraigo máis gris. Era un maio como o que aínda hoxe por sorte se conserva e manten en Vilafranca do Bierzo. Efectivamente algúns deles na Guerra Civil do 36, outros xa antes, fóronse perdendo, quedando só na memoria dos máis vellos, ou dunha vella fotografía, na crónica dun periódico da época ou no relato curioso dalgún escritor local.

Unha manifestación etnográfica única.
Actualmente este tipo de maio que era habitual en moitos puntos de Europa, dende a céltica Irlanda á mediterránea Catalunya, é difícil de atopalo coa fidelidade coa que milagrosamente subsistiu no Bierzo, nesa vila do Camiño de Santiago que no galego da zona e cunha música arcaica de cadencias medievais aínda perdura sen terse deixado de cantar máis que nun breve período da Guerra Civil do 36, segundo contan os nosos avós.
No Bierzo convivían ata fai pouco (comezos do século XX) os tres tipos de maios (“árbore maio”, “boneco de maio” e “maio humano”) citados por Alonso Ponga e Diéguez Ayerbe no seu traballo sobre a etnografía e o folclore do Bierzo. Xa é un clásico a cita de “árbore de maio” que aparece na entrada “mayo” no Vocabulario del Bierzo de García Rey onde na árbore pendúrase un espantallo ( dous en Bembibre; un en forma de muller, o outro de home). En Palacio de Compludo parece que había rivalidades por ser o maio máis alto. Este tipo de festexo aparece raramente en Galicia, o lugar máis coñecido é o da aldea de Laza. Pola contra aínda está vivo en distintos puntos de León e Castela.
Pero o maio humano é sen dúbida o máis chamativo dos que persisten no Bierzo e parece ser un maio común antigamente noutros lugares da comarca , aínda que hoxe só segue vivo en Vilafranca do Bierzo.
En Santalavilla era un mozo cuberto de xestas e que acompañado por un grupo de rapaces ían de casa en casa pedindo ao son de coplas tradicionais en galego da zona. Mais en Ferradillo curiosamente convivían as tres fórmulas nun mesmo lugar. O maio era un mozo que se disfrazaba con roupas semellantes ás do boneco que estaba pendurado da árbore, para facer a petición “baixaba” e tras percorrer o lugar volvíase a subir ao seu sitio.
Había no Bierzo, hai máis de cincuenta anos, outras manifestaciois primaverais ou maios semellantes aos de Vilafranca en Santalavilla ou Ferradillo que se foron perdendo, como tamén pasou cos maios humanos desaparecidos en Valdeorras, que só conserva hoxe os maios “cónicos ou figurados” recuperados á imitación dos de Ourense capital. A Festa do Maio en Vilafranca é pois un valioso tesouro do noso patrimonio, un sinal representativo da identidade dese Bierzo galego-falante e un aporte especial do Bierzo á cultura galega, unha peza única en Galicia e en Castela e León, unha mostra máis da diversidade coa que o Bierzo enriquece a Comunidade Autónoma á que pertence.

Propostas didácticas:

Cantos tipos de celebracíois do ciclo de maio aparecen citadas neste texto?

Cunqueiro relata un maio da súa infancia, é moi distinto ao maio de Vilafranca que segue a saír polas rúas no século XXI?

Investiga cales poden ser os motivos polos que os maios humanos que hai cen anos eran unha tradición viva en moitos lugares, hoxe estean practicamente desaparecidos e só pervivan en Vilafranca do Bierzo.
maios 2010 vídeo en bierzotv.
no diario de león os maios 2010
maios 2010 na prensa La crónica
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 20-04-2010 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
O Entroido de Vilar de Aceiro
Unha mostra do Entroido tradicional atopámolo en Vilar de Aceiro onde mesmo a festa segue a denominarse coa palabra galega que a fala conservou viva e que aparece tamén nos carteis que anuncia a festa.
Comentarios (1) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 27-02-2010 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
EDITADO UN DVD RETROSPECTIVO SOBRE A FESTA DO MAIO
No mes de maio coincidindo coa festa saía ás rúas este DVD editado pola Escola de Gaitas de Vilafranca e que é unha retrospectiva sobre os máis de 25 anos que levan potenciando esta tradición que ten esta peculiar presenza no Bierzo.
Trátase do único maio mozo no territorio de Castela e León, un dos poucos que se conservan no ámbito da cultura galega, pois os as súas coplas que se conservan por tradición oral están no galego do Bierzo. Invitamos a que quen desexe ter este DVD que contén máis de 150 fotos ademais de dous documentais, gravados no ano 1991 por Benxamín Vázquez e outro emitido recentemente no programa da TVG Alalá. É en definitiva un magnífico e imprescindible documento para coñecer mellor o Bierzo Tradicional.
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 31-10-2008 08:57
# Ligazón permanente a este artigo
A FESTA DO MAIO
REVITALIZAR O MAIO : UN TRABALLO DE DIGNIFICACIÓN DO NOSO PATRIMONIO INMATERIAL

Unha vez máis en pleno século XXI unha festa ancestral marcará como todos os anos o comezo da primavera en Vilafranca e no Bierzo. Unha festa popular e participativa, unha festa distinta que vén a rachar coas tebras do escuro inverno, abre as portas e achega aos balcois das casas da vila medieval un rito sinxelo, acompañado dunha sinxela melodía e uns cantos tamén sinxelos que todos os nenos e nenas coñecen a pesar de ser unha vella letra. Todos a repiten desde non se sabe canto tempo. Aí está outra vez un maio mozo, un maio humano apañando as castañas como parte dun rito que soubemos conservar para o futuro, porque de tantos que había noutras vilas do norte, especialmente en Galicia, en todas elas desapareceu haiche ben de tempo. A casualidade e a fidelidade á tradición fixeron preservar unha reliquia viva do noso calendario tradicional, un verdadeiro símbolo desta tipoloxía de festexos e un modelo ideal para o tan cacareado turismo alternativo ou cultural que converte a Vilafranca, por outro motivo máis, nun lugar de referencia na comarca, para veciños e visitantes.

para ver imaxes dos maios no 2006 en BIERZOTV
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 12-04-2008 08:33
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal