O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Outro documento que dá testemuña do nacemento de Sarmiento en Vilafranca


Reproducimos a seguir o texto que acaba de publicar o académico Xesús Ferro Ruibal na web da RAG:

Ego Martinus Garcia â Sarmiento, ex Villafranca Dioecesis Astorga accepi sanctissimum habitum Sancti P[atris] N[ostri] Benedicti in hoc Monasteiro Sancti Martini Matritensis Ordinis eiusdem Sanctissimi Patris â R[everendissi]mo Patre Magistro fratre Joanne Bap[tista] Lardito ipsius Monasterii Abate. Anno Domini millessimo septingentesimo decimo die vigesima Martis hora decima. Frater Martinus Garcia a Sarmien[to].
Fonte: AHN: CLERO SECULAR REGULAR -L.8520_464v

"Eu Martín García Sarmiento, de Vilafranca, diocese de Astorga, recibín o santísimo hábito do noso santo pai Bieito neste mosteiro de San Martín de Madrid, da mesma Orde do Santo Pai, de mans do Reverendísimo Padre Maestro frei Juan Bautista Lardito, abade do dito mosteiro no ano mil setecentos dez o día 20, martes, ás dez horas".
O texto é ben coñecido dos frades bieitos; de feito debo ó P. Maté, actual abade de Silos, esta imaxe. Actualmente o libro custódiase no Archivo Histórico Nacional (Madrid) coa denominación Archivo Clero Secular Regular (L.8520) e estes datos están no folio 464v.
Estas liñas, quizais nunca antes difundidas, son o asento autógrafo de dous mozos postulantes que o 20.5.1710 declaran por escrito que acaban de recibi-lo hábito monástico beneditino en Madrid. Entrando na relixión podíase cambia-lo nome e así un Manuel García Sedaño (de Villatorrecilla, diocese de Calahorra) muda o seu nome en Fr. Benito Texera Quijano. O outro, do que sabemos que se chamaba Pedro José García Balboa, xa anota nas dúas columnas o seu nome definitivo: Fr. Martín García Sarmiento. Quizais se viu obrigado a prescindir do apelido materno Balboa, porque nese mosteiro xa había un P. Balboa e pon o segundo apelido da nai (Sarmiento) que será o único que use e polo que será coñecido.
O hábito entrégallelo no mesmo día e cerimonia ós dous postulantes o abade do mosteiro de San Martín de Madrid, P. Lardito. A profesión, que implicaba superar un tempo de estudo e de conduta e uns informes completos e xurados (dados por veciños da familia do postulante ante o párroco de orixe) pero tamén comprometerse a vivir para sempre nese mosteiro, era un acto que viña un ano ou varios despois: o primeiro destes dous postulantes acabaría abandonando o mosteiro e no texto anótase posteriormente: no profesó.
Para este primeiro acto de ingresar nun mosteiro, o postulante tiña que acreditar uns coñecementos mínimos e presentar partidas de bautismo e informes do cura da parroquia. Posteriormente pedíanse informes moi detallados da familia a veciños das respectivas parroquias. A novidade deste rexistro autógrafo é que aí Sarmiento consigna expresamente algo que poucas veces dixo na súa vida: que el nacera en Vilafranca da diocese de Astorga. Esta declaración autógrafa, feita ós quince anos, aclara definitivamente o lugar de nacemento do P. Sarmiento.
Unha nota recente a lapis expresa na marxe inferior a dúbida de alguén de se a data die vigesima Martis haberá que entendela como "día 20 de marzo". Non é posible, porque no rexistro as inscricións son sucesivas e a anterior é claramente de maio; ademais sabemos que o mozo Sarmiento saíra de Pontevedra para Madrid o 3 de maio. E debería dicir martii non martis.Unha calculadora permítenos saber que o 20.5.1710 cadrou en martes: así que tomaron o hábito un martes 20 de maio de 1710, ás dez da mañá.
Se en Fr. Benito Texera vémo-la anotación de que No professo, tamén parece haber un retoque na sinatura de Sarmiento, onde debe dicir Fr(ater) Martinus parece lerse Pater Martinus. Como é sabido, a diferenza entre frater e pater no mundo relixioso é que un frater non pode dicir misa nin administra-la maior parte dos sacramentos pero un pater si, porque recibiu tódalas ordes menores (tonsura, hostiario, exorcista, acólito) e maiores (subdiácono, diacono e presbítero). Esta presunta reinscrición ben puido facela moitos anos despois o propio Sarmiento, que nunha época da súa vida foi arquiveiro dese mosteiro.
¿Pode Sarmiento nacer en Vilafranca e dicir, como dixo tantas veces, que era natural de Pontevedra? Hoxe non sería posible porque hoxe ser natural de significa nacer en. Pero dende o 2003 temos unha segunda proba complementaria: a edición dunha biografía redactada en 1785 (ós trece anos da morte de Sarmiento) por un autor beneditino anónimo que loxicamente tiña diante toda a documentación monástica. Nela dise (ANÓNIMO: p.47)1 que el día 9 de marzo de 1695 [...] nació el niño Pedro Joseph García [futuro P. Sarmiento], pues con este nombre le bautizaron, en la parroquia de Santiago de Villafranca del Vierzo, reyno de León. E nese mesmo texto (p. 42) hai unha nota que explica que segundo a Lei 19, tít. 3, lib I (I) da Novísima Recopilación, daquela vixente, os fillos eran legalmente naturais do lugar da residencia habitual dos pais, aínda que ocasionalmente estes estivesen fóra do Reino e os fillos nacesen fóra del. Por iso Sarmiento, aínda nacendo en Vilafranca, sempre se considerou natural de Pontevedra, porque alí estaba a residencia habitual dos pais del e porque ademais, "de la edad de quatro meses fue trasladado al país de sus padres, Pontevedra" (p. 42), a onde a familia regresara definitivamente.
Para entende-lo nacer nun sitio e ser natural doutro, tamén cómpre lembra-la mentalidade bíblica: Xesús de Nazaré (Galilea) naceu realmente en Belén (Xudea) pero foi a tódolos efectos de Nazaret (Galilea) e en Xerusalén referíanse a el como O Galileoou O Nazareno porque alí vivían ou viviran os seus pais ou, como se di no dereito galego, tiñan casa aberta e con fume. Nótese que de Nazaret a Belén hoxe hai 156 km e a Xerusalén 149. Sarmiento naceu en Vilafranca do Bierzo e estivo alí ata os catro meses pero criouse en Pontevedra (ata os 15 anos) e alí vivían os seus pais e irmáns. Fóra dos anos de estudos en Irache e Salamanca, de profesor en Eslonza, Celorio e Oviedo e de arquiveiro en Toledo, viviu os outros 40 anos en Madrid, consonte os votos beneditinos.
O 3.5.1710 (con quince anos) Pedro Joseph García marcha a Madrid (ANÓNIMO: 62) e, como queda dito, o 20.5.1710 admíteno a toma-lo hábito e, tras pedir e recibir informes un ano despois admitiríano a face-los votos definitivos o segundo día da Pentecoste. Pero ós tres votos monásticos de pobreza, castidade e obediencia, os benedictinos unen un cuarto voto que se formula así: y me dono perpetuamente a este Monasterio de... [neste caso S. Martín de Madrid]. Este cuarto voto acaboulle resultando moi pesado a Sarmiento, como se ve nas cartas ó seu irmán (SARMIENTO:Epistolario 1757/25; 1760/63; 1757/147;1757/149)2. Quizais a súa insistencia na súa patria pontevedresa sexa a manifestación da ansia de volver a Pontevedra.
No 21.3.1743 tivo que redactar un informe interno da Orde en España e aí tivo que consignar que nese momento a súa Orde tiña en Galicia tres grandes mosteiros (San Martiño Pinario de Santiago, San Miguel de Celanova e San Xulian de Samos), tres Casas-Colexios (de Teoloxía San Xoán de Poio e de Artes en Ribas de Sil e en Lérez), unha Casa mediana (San Salvador de Lourenzá), unha Casa menor (San Pedro de Tenorio), unha Casa anexa a Valladolid (S. Vicenzo de Monforte) e un Convento de monxas (San Paio de Santiago). A seu irmán dille que de boa gana deixaría en Madrid a súa biblioteca e arquivo persoal se puidese trasladarse a Galicia. Quizais a iso haxa que atribuír tanta insistencia en ser "de Pontevedra". Quizais Sarmiento sexa o primeiro pontevedrés que tivo a psicoloxía PTV ("de Pontevedra de toda a vida").

1ANÓNIMO (1785): Vida y obra del Rvdmo. P. M. Fray Martín Sarmiento (1965-1772), sacada a la letra de un manuscrito anónimo del siglo XVIII. Edición de Isidro GARCÍA TATO e Felipe VALDÉS HANSEN (eds.) (2003). Santiago de Compostela: Instituto P. Sarmiento de Estudios Gallegos "Padre Sarmiento". CSIC; XXXVIII + 352 pp.

2SARMIENTO, Fr. Martín (1995): Epistolario. Disposto por Xosé Filgueira Valverde e Mª Xesús Fortes Alén. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. Extracto en FERRO RUIBAL, X.(1995): "Sarmiento no espello escachado das súas cartas" en Encrucillada 94, 1995; pp. 5-36).

Xesús Ferro Ruibal
Membro de número da Academia
Comentarios (0) - Categoría: CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 09-06-2018 07:31
# Ligazón permanente a este artigo
Un paso máis para crear un centro na vila natal de Sarmiento?

Hoxe 25 de abril nas Cortes de Castela e León volveu a saír o asunto do Centro Martín Sarmiento que levou o grupo do PSOE e na Comisión da Presidencia acadou o respaldo á proposta por unanimidade.

Pódese ler a nova en infobierzo
Comentarios (0) - Categoría: CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 25-04-2016 22:39
# Ligazón permanente a este artigo
Unha nova reclamación da restauración da casa natal de Sarmiento
Pasado o 9 de marzo coa entrada da primavera do 2016 salta na prensa esta inesperada aínda que xusta reclamación que o PSOE realiza nas Cortes de Castela e León sobre un compromiso asinado inicialmente tras do tricentenario do nacemento do ilustrado galego-berciano no ano 1995 e que aínda non se levou a cabo, alomenos pola parte que corresponde á Junta castelá-leonesa, segundo parece tamén aparece no convenio asinado en 2010 polos actuais presidentes de Feijóo e Herrera.

Varios medios publicaban a nova : diariodeleón, tamén no bierzodiario, ou no infobierzo

Varios días despois tamén se publicaba isto: bierzodiario
Comentarios (0) - Categoría: CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 20-03-2016 14:55
# Ligazón permanente a este artigo
Un ano máis sen a súa casa, pero o Proxecto Sarmiento segue avanzando en Galicia
Levamos anos reivindicando a recuperación da Casa Natal, mellor dito a construcción dun edificio no solar onde estaba a casa onde naceu Sarmiento en Vilafranca do Bierzo. Será algún día, iso esperamos, un lugar onde este personaxe fundamental das Letras Galegas e da Ilustración Europea, en pleno Camiño a Compostela teña unha referencia permanente para os milleiros de peregrinos que seguen pasando a Compostela que entran a Galicia pola Portaxe de Vilafranca e pasan sen saber que a poucos metros do río que cruzan naceu un insigne ilustrado, un mestre erudito que nos pode servir de magnífico guía por estas terras as do Bierzo e as de Galicia que tanto amaba, polas que el tamén foi viaxeiro incansable e das que elten escrito miles e miles de páxinas, de curiosidades e de tratados específicos, algúns moi importantes (como os referidos á súa lingua materna, o galego) outras máis anecdóticos e chocantes ( como o referido a un misterioso animal, exemplar cazado en San Pedro de Montes. Sarmiento segue a ser unha signatura pendente das Comunidades Autónomas de Castela e León e de Galicia, unha asignatura pendente do Xacobeo e o propio Concello de Vilafranca incapaces de comezar unha obra que contaba con informes e planos e á que só restaba poñer data para colocar a acostumada primeira pedra.
Namentres na súa vila natal nada se move, mesmo está gardada a Exposición que sobre Sarmiento e a Galicia do seu Tempo foi cedida ao Concello de Vilafranca polo Consello da Cultura Galega para a súa colocación na Casa Natal, cando o proxecto de rehabilitación do espazo estaba xa en trámites da aprobación definitiva e que segue sen atoparse para ela unha ubicación nos locais dos que o goberno municipal dispón.
No seu día o Congreso Internacional Sarmiento e o seu tempo realizado polo Consello da Cultura Galega foi un fito fundamental para realizar posteriormente outros poñer en marcha outras iniciativas como a que se denomina "Proxecto Sarmiento" unha das fontes máis completas para coñecer en profundidade a vida e mais a obra do erudito e ilustrado galego-berciano.
Comentarios (0) - Categoría: CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 12-03-2010 10:13
# Ligazón permanente a este artigo
Un nove de marzo máis sen a Casa Natal
Cando se cumpre o 314 aniversario do nacemento de Pedro Xosé García Balboa Gosende Sarmiento un 9 de marzo de 1695 en Vilafranca do Bierzo a súa Casa Natal que foi derruída a causa de que ameazaba con caerse a casa veciña en 1999. A casa daquela xa era propiedade da Xunta de Galicia que a mercara no ano do tricentenario(1995).
Foi no día 18 de maio ano 2002, ano da conmemoración do Día das Letras Galegas na honra de Sarmiento cando se asinou un acordo entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León para erguer un centro dedicado a difundir, neste enclave tan simbólico do Camiño a Compostela como é Vilafranca do Bierzo, a vida e a obra do ilustrado galego-berciano.
Nas pasadas Xornadas Martín Sarmiento, convocadas pola Comisión Cultural do mesmo nome, un dos actos logrou reunir nunha mesa a representantes da administración local, ao arquitecto do Proxecto de rehabilitación e a un representante da Xunta e do Xacobeo, confirmando o compromiso de Galicia para levantar a Casa, pero faltou a outra administración autonómica implicada que optou por non estar na mesa que analizaba a situación pola que atravesa este convenio para a construción dun Centro Cultural no solar da Casa Natal.

Nos enlaces que che proporcionamos máis abaixo podes consultar algunha das biografías de Frei Martín Sarmiento e un dos artigos reivindicando o cumprimento do acordo que contemplaba que no ano 2004 estaría rehabilitada a Casa onde veu á luz e escoitou por vez primeira a lingua que tanto amou dos beizos da súa nai Clara Balboa Sarmiento que posiblemente fose nativa da comarca berciana, aínda que descoñecemos o lugar.
Biografía de MARTÍN SARMIENTO
Comunicado sobre a Casa Natal
Sobre Sarmiento
Comentarios (0) - Categoría: CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 10-03-2009 05:32
# Ligazón permanente a este artigo
CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO
CINCO ANOS DE ESPERA, DESESPERA
CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE SINATURAS
PRO CUMPRIMENTO DO CONVENIO DE RECONSTRUCCIÓN DA
CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO EN VILAFRANCA DO BIERZO.


Nesta primavera que se achega, o 18 de maio cumpriranse cinco anos da sinatura do acordo que comprometía á Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León a reconstruír a CASA NATAL DO PADRE SARMIENTO sita na máis emblemática rúa da vila que o veu nacer hai xa 312 anos. Por iso coincidindo co 9 de marzo comezamos unha campaña solicitando o cumprimento do acordo de reconstrucción de dita casa. As razois para facer necesaria esta reconstrucción son muitas, como poderedes comprobar se ledes o texto que precede ás sinaturas, pero, en primeiro lugar, solicitámolo porque foi asinado polos dous presidentes (Sr. Fraga e Sr Herrera) no ano 2002 data na que se celebraba tamén en Vilafranca o Día das Letras Galegas. É xusto lembrar hoxe que foi VIEIROS quen tamén puxera en marcha unha recollida de sinaturas con Sarmiento como protagonista e que contribuíu sen dúbida a facer posible que a Academia Galega saíse, por vez primeira na súa historia, das fronteiras administrativas para celebrar no Bierzo tal conmemoración.
A modo de augurio da campaña que emprendemos, era precisamente o Presidente da Academia, Xosé Ramón Barreiro, quen, tamén por vez primeira este ano, recordaba en Ponferrada no acto de entrega dos Premios Xarmenta ás autoridades das Comunidades de Galicia e de Castela e León alí presentes, que era preciso acometer a reconstrucción da Casa de Sarmiento.

Os prazos de execución do acordo están xa superados, pero non o acordo en si. Por elo, dende o goberno local de Vilafranca, a través do seu Alcalde, por vía administrativa e tamén nos medios de comunicación nestes últimos anos se denunciou o desinterese que demostraba a Junta de Castilla y León no tema. Pola súa parte, a Xunta, que foi sen dúbida a promotora do acordo, vén manifestando unha clara intención de converter a Casa de Sarmiento nun lugar referencial. De feito a Xunta de Galicia, a de Fraga, foi a que tomando a iniciativa anos atrás compraba a casa, para logo, aínda que con certas neglixencias (como a de deixar derruír o edificio orixinal sen garantías dunha reconstrucción inmediata) viuse na obriga de activar o asunto coa sinatura do convenio pola "casual" decisión da Real Academia de desprazarse a Vilafranca en pleno para homenaxear ao Pai das Letras no Bierzo. O proxecto para a Nova Casa tamén corría a cargo da Xunta que o realizou de inmediato e en decembro do 2002 remitíallo ao goberno de Castela e León quen debía a partir de aí licitar e contratar as obras. Obras que, a pesar de que a Xunta se comprometía a pagar ata o 50% do custe total, a día de hoxe goberno Castelán-leonés aínda non licitou. A Xunta, pois, o único que está incumprindo é realizar un seguimento efectivo da execución da obra, aínda que o novo goberno nos consta que ten manifestado a súa intención de impulsar o proxecto.
A pelota, en todo caso, está no tellado do goberno de Valladolid e cara alí principalmente dirixiremos esta campaña, coa intención de obter respostas e esperemos que logo das palabras veñan as obras.

A Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO naceu tamén á calor da celebración do Día das Letras en honor de Pedro Xosé García Balboa, o mesmo que logo sería o Padre Sarmiento. Nacemos para estudar e dar a coñecer a súa vida e obra, pero especialmente para poñer en práctica o seu "modus operandi", é dicir, ese ideario que o levou a ser un contundente defensor do nosos bens patrimoniais, ademais dun profundo coñecedor dos mesmos, patrimonio nun sentido amplo dende a Historia, a Arte e a Arqueoloxía ata a Natureza, a Literatura e a cultura inmaterial sen esquecer, como ben sabedes, a lingua. A Comisión Cultural leva tamén organizando actividades dende cinco anos. Cinco anos desenvolvendo parcialmente un Proxecto que leva o nome do ilustrado galego-berciano, pero para que tome corpo precisa da reconstrucción da Casa Natal, unha infraestrutura museística e/ou turística por estar ligada ao Camiño de Santiago singularmente, pero á vez un elemento de dinamización cultural de gran importancia.
Algunhas das iniciativas que se veñen realizando son, por exemplo, os INTERCAMBIOS ESCOLARES "MARTÍN SARMIENTO" entre escolares de Vilafranca e do Bierzo con centros educativos de Primaria e Secundaria de Pontevedra, a outra vila de Sarmiento. Os do presente curso xa foron parcialmente realizados. Corenta rapaces estudantes de galego dos centros escolares de Vilafranca, Cacabelos e Corullón viaxaron a Pontevedra, acompañados do seus mestres, o pasado día 1 e 2 de marzo. Agora esperan a visita dos pontevedreses a Vilafranca e ao Bierzo a finais do presente mes. Seguimos así fieis ao legado do polifacético bieito quen destacou tamén polas súas preocupacións e ideas adiantadas sobre a Educación.
Outra experiencia que puxemos en marcha son os denominados CIRCUÍTOS CULTURAIS coa intención de que música, teatro, literatura e calquera outra manifestación cultural en galego poida estar presente nas terras nas que Sarmiento escoitou galego por vez primeira. E estamos ultimando o programa do que serán as III XORNADAS MARTÍN SARMIENTO, que como vos podedes imaxinar xirarán este ano arredor do patrimonio e as infraestruturas museísticas.
Invitamos, pois, a que todos aqueles que queiran manifestar a súa simpatía co noso proxecto apoien esta campaña asinando nun moi frecuentado blog local http://miradas3-escola.blogspot.com/
que tivo a amabilidade de colgar os textos de encabezamento das sinaturas tanto en versión galega como en castelán, dirixida a Comunidade Autónoma á que pertencemos administrativamente, aínda que nestas ocasiois pareza mentira.

Héctor M. Silveiro Fdez, en calidade de representante da Comisión Cultural Martín Sarmiento.
Comentarios (0) - Categoría: CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 05-03-2008 06:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal