O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un novo toque de atención do Consello de Europa sobre o galego

De novo o Consello de Europa advirte que no tocante á promoción, ao uso e ao ensino en galego hai que abordar un cambio porque se considera insuficiente o que se está realizando ata o de agora.

Diversos medios analizan o recente estudo que levou a cabo o Comité de expertos do Consello de Europa tomando como referencia a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias asinada polo Estado Español en 2001.

Este informe provoca a disconformidade do goberno galego, namentres alimenta a crítica dos grupos da oposición e de entes como a RAG ou ILG ou a Mesa que reclaman un cambio.

Sobre o galego exterior ou estremeiro, o Comité sobrancea a escaseza ou ausencia de medidas efectivas no ensino e na administración en Asturias e Estremadura, mentres segue a considerar moi deficiente a oferta educativa en Castela-León.

As administracións asturiana, castelá-leonesa e estremeña ignoran na práctica o seu patrimonio lingüístico e permiten o esmorecemento do galego nestas zonas. O Comité recomenda o establecemento de contactos con comunidades onde se falen ?linguas semellantes ou idénticas?, algo ao que se negan repetidamente Asturias e Estremadura, ignorando deste xeito o mandato de Europa.


A Voz de Galicia

RAG

Sermos

Prolingua
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 27-12-2019 08:56
# Ligazón permanente a este artigo
Sarmiento na Lanzada
Sarmiento un gran precursor de tantas cousas, que capacidade de intuir a historia. Un exemplo na Lanzada.





Comentarios (2) - Categoría: XERAL - Publicado o 28-11-2016 06:10
# Ligazón permanente a este artigo
NA VEIGA, UN CONCELLO DO GALEGO DE ASTURIAS
Acaba de saberse que nun concello do galego de Asturias, Veigadeo, veñen de facer unha proposta moi interesante, a de poder usar o galego da zona na administración do propio concello.

Podedes ver a nova eiquí ou máis ampla eiquí

Hai uns 70.000 galegofalantes en 51 concellos de Asturias, León, Zamora e Estremadura

Esta semana o concello asturiano da Veiga declaraba oficial o galego, recoñecendo así o dereito da súa veciñanza a empregalo nas mesmas condicións que o castelán. Un paso importante, pois era a primeira vez que un municipio da comarca de Navia declaraba o galego oficial no seu territorio. O galego ? tal e como lembra o portal lingua.gal- ten falantes en 15 concellos que fan parte do Principado de Asturias: Allande, Boal, Castropol, Coaña, Eilao, El Franco, Grandas de Salime, Ibias, Navia, Pezós, San Martín de Ozcos, Santalla de Ozcos, Santiso de Abres, Tapia de Casarego, Taramundi, A Veiga, Vilanova de Ozcos e Villaión.

Mais non é A Veiga do Eo o primeiro concello fóra da Galiza administrativa en declarar oficial o galego. En 2006 declarou cooficial no seu territorio o galego o pequeno concello de Lubián (Zamora). E xa no Bierzo en 2001, A Veiga de Valcárce (León), mais poucos meses despois a alcaldesa decidiu retirar e anular o acordo de goberno que declaraba oficial o galego. En León son 25 os concellos con habitantes galego-falantes e en Zamora, cinco. Na comunidade de Estremadura existe tamén un pequeno núcleo (Val do Xálima) de tres lugares nos que se fala unha variedade da lingua galega: Valverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 11-01-2016 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
O galego en León (da prensa escrita)
Atopamos este artigo que se fai eco dun xeito singular da presenza do galego en León.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 19-12-2015 09:10
# Ligazón permanente a este artigo
Patrimonio natural e cultural do Bierzo: Home e paisaxe.

A asociación BURVAl convoca o V encontro sobre Patrimonio Natural e Cultural do Bierzo. Nesta edición xirará arredor do Home e a Paisaxe. E terá lugar o 10-12 de xullo en Vilafranca do Bierzo.

Neste documental da tv francesa vese moi ben a comuñon entre o home e a paisaxe, mesmo percébese a forza da fala popular que se deixa oir nas distintas intervenciois dos veciños da Peno do Seo.

Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 30-06-2015 20:21
# Ligazón permanente a este artigo
Burval organiza o curso de Extensión Universitaria sobre Patrimonio

Os enlaces de contacto para realizar a matrícula no que aparecen os cursos da Universidade de Vigo:

Nestoutro enlace de información están todos os datos necesarios para realizar a matrícula, ademais de teléfonos de contacto.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 22-06-2013 07:55
# Ligazón permanente a este artigo
O galego estremeiro: Val do Ellas, Eo-Navia, O Bierzo e as Portelas
Un blog irmao que aparece no Val de Xalime sobre a fala do Ellas en Estremadura e no que podemos ler entre outras unha entrevista a Henrique Costas no seguinte enlace



Isto permítenos botarlle unha ollada ao galego denominado estremeiro porque está fóra da Galicia administrativa, como é o caso do galego no Eo- Navia:



Este mesmo programa do Ben falado que emite a TVG tamén tratou a lingua do Bierzo e das Portelas de Zamora:




Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 15-03-2011 22:53
# Ligazón permanente a este artigo
Achéganse as Letras Galegas do 2010
O ano 2010 o Día das Letras Galegas será homenaxeado UXÍO NOVONEYRA o poeta do Caurel e que lembraba hai anos no Teatro de Vilafranca a súa relación co Bierzo e tamén a súa querencia pola lingua.

Do texto "Homenaxe Póstumo a NOVONEYRA" escrito da Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafrannca coa ocasión do seu falecemento en 1999, deixamos aquí este anaco:

Pouco, case que nada, tense escrito no Bierzo acerca do recente e lamentable pasamento do poeta do Caurel, do poeta da fala galega oriental, como el mesmo gustaba dicir. Quizás non sexa un home moi coñecido nos círculos literarios leoneses, pero sen dúbida non era un descoñecido no Bierzo. A súa voz está considerada como unha das mellores voces poéticas do século XX e desempeñou un papel destacado no mundo da cultura galega, mesmo nos derradeiros anos da súa vida cando foi nomeado, entre outras cousas, presidente da asociación de escritores en lingua Galega. Pois ben, Uxío Nononeyra tamén se soubo achegar ao Bierzo, que como veremos sentiu dende neno moi próximo a el. Unha das últimas intervenciois na variopinta vida cultural do Bierzo que este home protagonizou foi fai xa hai uns anos en Vilafranca do Bierzo, nun recital poético que abarrotou o Teatro Vilafranquino con motivo da clausura das II Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo ( 21 de agosto de 1994). Naquela ocasión Uxío Novoneyra deu as claves nas que o Bierzo aparece nos seus poemas, no seu mundo poético. Dixo daquela:
? Cando nos anos anteriores ós corenta do Courel se tiña que saír a unha vila grande, estaban á mesma distancia Sarria, Quiroga, O Barco e Vilafranca. Para aquí viñan arrieiros ó viño i os vendedores de cabalos. Era pois unha vila habitual da que se contaban cousas. E na miña mente de neno estaba pousada na nunha distancia íntima, realizable? Era terra de un que logo se distanciou ó dirixírense as vías de comunicación para outro lado, ó deixarse o cabalo?pero sin que caise nunca fóra do meu tempo, nin fóra de Galicia. Logo, -proseguía o poeta- soupen que senón na Galicia administrativa, Vilafranca era Lingua de Galicia, a que falaron os homes que a construíron. Os mesmos que fixeron a Lingua que nos fixo e na que logo quedaremos cando se esqueza o noso nome i o noso rostro.-Finalmente remataba- O meu soño cara o Universo-Mundo e cara o Futuro soñeino mirando cara o Leste?

O Leste para Uxío Novoneyra era sempre cara Vilafranca, mirando o camiño que vai polo monte:

? Eu non sei para onde vai
Méntre-lo quedo mirando.
Sólo sei que eilí se compre
O soño que estou soñando??


É pois un poeta que debe ser necesaria e xustamente lembrado dende o Bierzo, mesmo utilizando esa Lingua que nos é común, que nos comunica coa Galicia ? Do Courel a Compostela?, esa Lingua que nos fixo e na que logo quedaremos, Lingua de labregos destas terras do Leste onde hoxe Galicia acaba en soave transcurso, como Uxío Novoneyra diría.


Tamén podedes escoitar a súa voz e os seus poemas neste magnífico programa que realizou recentemente o Diario Cultural da Radio Galega.


E a maiores se queredes escoitar e ver este pequeno vídeo que acompaña a unha peza de Emilio Cao coa letra de Uxío Novoneyra con imaxes do Caurel aquí os queda:

Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 08-04-2010 21:29
# Ligazón permanente a este artigo
Celebrada a 5ª Escola Fermín Penzol no Bierzo

O programa da 5ª Escola Fermín Penzol organizada pola Universidade de Vigo desenvolveuse como estaba previsto en tres lugares emblemáticos das terras bercianas.
A primeira das Xornadas en Ponferrada centrada na figura de "Antonio Fernández Morales e a súa inserción no sistema literario galego", unha conferencia inaugural do poeta e profesor Anxo Angueira
Acto seguido presentouse o número 4 da revista da asociación Xarmenta, presentación que realizou Ricardo López Témez.
Despois tivo lugar un brillante Recital poético sobre textos de Morales a cargo dos rapaces e rapazas dos IES de Ponferrada que cursan galego acompañados da música do Ensemble de saxos do Conservatorio desta mesma localidade. Podedes ver un resumo na crónica que realizou a cadea comarcal Bierzo TV.

Rematou esta xornada no Teatro Bergidum cun magnífico monólogo de Quico Cadaval o coñecidísimo actor e director teatral que tamén ten unha longa, recoñecida e prestixiosa traxectoria como contador de acontecidos. Narrou no seu estilo habitual cargado de ironía e reflexión dende o sucedido cos presos na guerra na Illa de San Simón ata o mito de Edipo, memoria histórica e mitoloxía grega que cobraron vida a partir do entorno familiar da taberna que rexentaba a súa nai en Ribeira.

A segunda xornada trasladouse ao Teatro Vilafranquino e comezou, tras un saúdo de cortesía do Alcalde de Vilafranca, cunha Mesa redonda sobre os 8 anos do ensino do Galego no Bierzo e as Portelas mesa na que estiveron Rafa Adán de Xarmenta que en esencia describiu cal é o acordo entre a Xunta e a Junta e como se concreta en número de horas en Primaria e Secundaria, indicando o éxito que supuxo que hoxe contemos con máis de 1000 matriculados a este ensino de carácter voluntario. Alfonso Díaz, profesor de Lingua Galega do IES Europa fixo fincapé no terreo avanzado e tamén citou varias eivas como é o tema da falta de continuidade do profesorado que está realizando este programa coa conseguinte dificultade para os profesores que se incorporan ex novo ao mesmo. A continuación foi Héctor Silveiro, membro da Comisión Martín Sarmiento, que afondou na complexidade e pluralidade de iniciativas nas que se asentou a posta en marcha e o éxito do programa, a madurez que manifestou unha parte considerable das familias e rapaces que se apuntaron a esta oferta (no caso de Vilafranca é algo máis do 25% do alumnado do IES Padre Sarmiento) a pesar de certas trabas como a falta de información á hora de matricularse, a certa pasividade no seguimento da experiencia por parte das administraciois educativas implicadas e o valor que ten a profesionalidade dos profesores para superar ano tras ano o éxito deste programa. Falou a continuación a profesora Marta Louzao da demanda na Escola Oficial de Idiomas do Bierzo do idioma galego, por parte de ensinantes e profesionais da sanidade e tamén de persoas que con agarimo queren cultivarse no idioma dos seus maiores. Unha demanda que fai do galego o segundo idioma que se cursa e arredor de 80 solicitantes cada ano. Rematou esta Mesa coa intervención de Felipe Lubián en calidade de alcalde de Lubián (Zamora) e como dixo Rafa Adán un dos impulsores de propostas no Parlamento de Castela e León sobre a introdución do galego tanto no Bierzo como nas Portelas, lugar este último ao que chegaría máis tarde despois de vencer tamén varios obstáculos que Felipe coa retranca que o caracteriza describiu sucintamente.
Tampouco faltou un recital poético de textos do poemario de Fernández Morales , presentados de novo por Anxo Angueira, que tamén recitou, e esta vez os rapaces e rapazas do IES Padre Sarmiento de Vilafranca, acompañados polo Ensemble de saxos do Conservatorio ponferradino. Ao rematar os asistentes ao acto desprazáronse a Cacabelos onde no cemiterio da Hedrada ante a tumba do poeta e militar fixéronse varias alocuciois e a Banda de Gaitas de Lubián interpretou varios temas na honra do autor dos ?Ensayos poéticos en dialecto berciano? momento en que tamén se lembrou a figura do tristemente desaparecido gaiteiro Firme de Batribán.
Á tarde houbo outra Mesa redonda sobre os partidos políticos e a lingua no Bierzo que foi precedida por una curiosa sorpresa da que daremos conta en próximas entradas, varias intervenciois de alumn@s da 2ª promoción de galego no Bierzo que deron a súa opinión sobre o porque escolleran no seu día esta opción. A mesa redonda á que estaban invitados todos os partidos con representación no Bierzo, asistiron Susana Carballo de IU, concelleira en Cacabelos e Iván Alonso polo Partido do Bierzo e tamén concelleiro en Ponferrada. Ademais participou en calidade de membro do grupo do PSOE en Castela e León, Felipe Lubián. Os participantes da mesa deron o seu apoio ao proceso de incorporación do galego nos centros de educación e volveron os seus ollos fundamentalmente cara o Consello Comarcal e a futura revisión da Lei da comarca onde debería estar explícito un apoio á lingua galega no Bierzo como lingua propia e riqueza patrimonial que nos identifica e singulariza, Finalmente saíu, como non podía ser doutro xeito, a reivindicación da garantía na recepción na comarca da TVG, tras do apagón analóxico e a importancia de reivindicar para o autor berciano Fernández Morales o próximo Día das Letras Galegas, ano 2011 cun dobre propósito o da difusión da súa obra fóra do Bierzo, en toda Galicia especialmente, e, por outra banda, a solicitude que aquí o noso Consello Comarcal na Lei da Comarca que se pensa aprobar no 2011 teña un recoñecemento como se debe a lingua que Fernández Morales utilizou ata facer súa, a lingua dunha boa parte dos bercianos.
Chegou finalmente a Conferencia sobre ? Frei Martín Sarmiento, Fernández Morales, Martínez Salazar, Fermín Penzol e outros arrainos? coa que comezaba a recta final da 5ª Escola, non sen antes outorgar o II Premio Fermín Penzol deste ano ex aequo: a Marisa Cela, polo seu labor a prol da ?música da lingua no Bierzo? e a Paco Velasco neste caso polo seu doce e consistente aporte a do ? mel da lingua no Bierzo?. Ambos falaron, Marisa facendo extensivo o premio aos seus compañeir@s da Escola de Gaitas de Vilafranca e Paco reivindicou a ausencia de fronteiras entre Valdeorras e O Bierzo, como el sempre di ?o antigo Marquesado de Villafranca?. Fixo entrega dos diplomas acreditativos o profesor Henrique Costas que a continuación pronunciou a conferencia antedita.
Desculpado a non asistencia por motivos de saúde de Pablo Carpintero, foi Anxo Pintos quen realizou o concerto didáctico sobre a Zanfona co que se concluía esta edición da 5ª Escola Fermín Penzol. Anxo Pintos que pasa por ser un dos mellores instrumentistas , compositor de grande sona e recoñecido mestre deste instrumento fixo un repaso da historia da zanfona ilustrado con numerosas intervenciois: cantigas de Santa María, música do Barroco, composiciois modernas, de autores europeos e de autores galegos como Antón Seoane a a supercoñecida ? A bruxa? e rematou cun tema de creación propia, en parte musicado e gravado en traballos de Berrogüetto, a petición do entregado público que enchía o teatro.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 17-03-2010 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
5ª-ESCOLA FERMÍN PENZOL NO BIERZO
Os próximos 12 e 13 de marzo en Ponferrada, Cacabelos e Vilafranca terá lugar a 5ª edición da Escola Fermín Penzol que organiza a Universidade de Vigo coa colaboración de diversos entes bercianos e que se trata dunha iniciativa itinerante que realiza un seguimento , unha análise da situación na que se encontra o galego fóra da Galicia administrativa, é dicir, no Bierzo, no Eo-Navia, nas Portelas e do val do Ellas en Estramadura.
Esta edición contará cunha conferencia inaugural sobre Antonio Fernández Morales a cargo de Anxo Angueira, especiallista en literatura galega e un gran coñecedor da obra do autor, acompañada dun recitado por parte dos alumn@s de galego dos IES de Ponferrada que é o lugar onde se desenvolverá a primeira das Xornadas e que rematará no Teatro Bergidum cunha actuación do actor e director Quico Cadaval, actividade que organiza o depatrtamento de Galego da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.
Ao día seguinte o sábado 13 a escola trasládase ao Teatro Vilafranquino onde se farán varias Mesas Redondas, Unha sobre o ensino do galego no Bierzo, e outra sobre os Partidos políticos bercianos ante a lingua, ademais dun recitado de poemas con alumn@s de galego de Vilafranca e Cacabalos e unha homenaxe a Fernández Morales para o que a Escola se trasladará ao Cemiterio de Cacabelos onde repousan os seus restos. A xornada rematará de novo en Vilafranca cunha conferencia sobre Sarmiento, Morales e Fermín Penzol e outros arraianos a cargo de Xosé Costas, profesor da Universidade de Vigo. O broche final será un concerto didáctico do coñecido músico Pablo Carpintero.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 12-03-2010 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0