O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O CEIP S. LORENZO DE BRINDIS NAS V XORNADAS
Nesta ocasión os Intercambios Escolares " Martín Sarmiento" buscaban unha participación máis activa e dinámica dos distintos centros que quixeron conformar esta nova edición que cun formato semellante ao do curso pasado tivo lugar no Teatro de Vilafranca.
Precisamente a primeira das intervencións foi ados rapaces e rapazas do Programa de Galego do CEIP. San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo, que baixo a dirección da súa mestra Belén Fernández adaptaron unha parte do poema de Fernández Morales dedicado a Vilafranca, escollendo a parte inicial na que se describe unha xornada de mercado na praza maior da vila:

Se logo se vai á praza,
ailí verá pampalliños,
liño en cerros pequeniños,
de Dragonte leña e caza
e de Hornixa marraniños.

Leite fresco de Vilela;
as tarxas de Ponferrada;
as truitas de Paradela;
de Burbia a leite mazada
i estopa de Horta en manelas.

Manteca, en grandes roscois
de tripas, de Paradiña;
de Penoselo xamois;
perdices da Veigueliña,
e de Ruitelán castrois.

De Bembibre pimentón;
nas tabernas muitas “zorras”;
de Galicia pescao bon;
trigo e mel de Valdeorras,
e figos de Corullón.

Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 17-03-2013 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
INTERCAMBIOS ESCOLARES MARTÍN SARMIENTO 2013

O pasado 8 de marzo unha representación numerosa de distintos centros de ensinanza do Bierzo que imparten o Programa de Galego reuníronse no Teatro de Vilafranca, a vila natal de Sarmiento para homenaxear ao ilustre erudito. Ese é o motivo da celebración dos denominados Intercambios Escolares "Martín Sarmiento". Recibiu aos presentes o Concelleiro de Cultura en representación do propio Concello de Vilafranca do Bierzo que logo deu paso a Héctor Silveiro, que presentou, como coordinador das Xornadas e da Comisión Cultural, un traballo audiovisual baixo o título "Na cela de Sarmiento, un sabio das Letras e das Ciencias".

A continuación comezaron as representacións de pequenas pezas teatrais, non exentas de aparato escénico diverso, preparadas tanto polos centros de Primaria como de Secundaria presentes.

En primeiro lugar foi o CEIP. San Lorenzo de Brindis de Vilafranca que representou unha parte do poema dedicado a Vilafranca de Fernánndez Morales, na parte inicial na que se fai referencia a un día de feira na praza da vila.

Acto seguido o CP San Ildefonso de Camponaraia recitou dous acontecidos dramatizados en clave de humor moi divertidos.

A seguir o CEIPP "Divina Pastora" de Vilafranca representaron unha adpatación doutro poema de Morales, "O fiandón na aldea" na parte na que se recitan "as couseliñas".

No tocante aos centros de Secundaria, o primeiro en actuar foi o IES Bergidum Flavium de Cacabelos
que realizou un par de dramatizacións de autores galegos máis recentes.
Un grupo de alumnos/as de Bacharelato puxeron en escena un anaco da "Farsa de Bululú" de Manuel María para logo pasar a representar alumnos/as da ESO do mesmo centro unha pequena parte da obra de Manuel Núñez Singala "O achado do castro"

O IES. Europa de Ponferrada atreveuse a representar unha adaptación en clave de traxedia dun autor vilafranquino, Ramón González-Alegre, titulada " Un lóstrego na noite".

Para finalizar o IES Padre Sarmiento, de Vilafranca volveu ao poeta berciano Fernández Morales e ao poema "Vilafranca e a vendima" para reproducir en clave costumista a parte referida á vendima, incluíndo unha peza cantada.

Na clausura dos Intercambios Escolares en representación da Dirección Provincial de Educación, Rita Pérez Monteserín dirixiu unhas palabras ao conxunto de rapaces e rapazas, de profesoras e mestras,así como algún familiar dos alumnos/as participantes lembrando a Sarmiento como pai das Letras, galegas e castelás, da súa preocupación pola educación da xuventude e ademais, nun día no que se lle dedica á muller, lembrou que Sarmiento en pleno século XVIII foi defensor da capacidade intelectual da muller á par da do home, precursor pois das defensas dos seus dereitos no mundo contemporáneo.

As derradeiras palabras do acto foron da propia Comisión para agradecer ás autoridades locais e educativas, ao director do IES Padre Sarmiento e ao público, en xeral, a súa presenza. Houbo palabras de agradecemento aos alumnos/as participantes polo seu esforzo, a ás mestras: Belén Fernández, Virxinia Cal, Salo Núñez, así como ás profesoras María Novo, Mónica López, María E. Veiga e Mónica Lourido o seu bon facer grazas ao cal concluímos un ano máis esta edición de forma exitosa e con ánimo para continuar realizando experiencias deste tipo na honra de Sarmiento.

Esperamos, poder colgar nos próximos días unha reportaxe gráfica máis completa desta edición dos Intercambios Escolares 2013.
Comentarios (1) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 10-03-2013 20:24
# Ligazón permanente a este artigo
DAS IV ás V XORNADAS MARTÍN SARMIENTO
Empezamos a colgar o material de vídeo que gravamos nas Xornadas "Martín Sarmiento" do ano pasado. Irán aparecendo neste blog progresivamente.

Esta primeira parte inclúe as distintas intervenciois da Inauguración dos Intercambios Escolares "Martín Sarmiento" do 2012:
- Luisma Prieto Gaztelumendi, Concelleiro de Cultura de Vilafranca do Bierzo.
- Concepción López, Alcaldesa do Concello de Vilafranca do Bierzo.
- Sarmiento e o Bierzo por Héctor Silveiro, da Comisión Cultural Martín Sarmiento.
- Sarmiento e Morales, por Anxo Angueira da Universidade de Vigo.

vídeo 1ª parte IV Xornadas "Martín Sarmiento".


Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 05-03-2013 16:48
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCADAS AS V XORNADAS MARTÍN SARMIENTO
V XORNADAS “MARTÍN SARMIENTO”
8 - 9 marzo, Vilafranca do Bierzo.

A Comisión Cultural “Martín Sarmiento” aborda esta edición das Xornadas co título xenérico DAS LETRAS E DAS CIENCIAS CON SARMIENTO, por unha banda, coa intención de manter unha continuidade no seu traballo cos centros escolares á hora de afianzar a difusión da obra de Sarmiento e dar cabida a unha ampla participación no proxecto a través especialmente dos alumnos/as do Programa de Galego poñendo enriba da mesa un tríptico de autores e textos bercianos cos que traballar: Sarmiento, Morales e González-Alegre.
Por outra banda, desenvolvendo unha proposta de dinamización da oferta cultural da vila natal do erudito galego berciano con dúas mesas redondas de traballo unha sobre o Museo de Ciencias e Etnografía e outra arredor da cultura e Vilafranca.


PROGRAMA DE ACTOS
8 de marzo: Teatro de Vilafranca

11h: INAUGURACIÓN: Intervención da Alcaldesa e o Concelleiro de Cultura.

DAS LETRAS E DAS CIENCIAS
-Sarmiento: Na cela das letras e das ciencias por Héctor Silveiro Fernández.


11,30h. EXPOSICIÓN TRABALLOS DOS INTERCAMBIOS ESCOLARES:
-Centros de Primaria e IES do Bierzo.

13h.: Intervención das autoridades educativas presentes. Entrega de Diplomas aos participantes.



Sábado 9 de marzo.
DAS CIENCIAS E DAS LETRAS CON SARMIENTO





11h. ENCONTRO NO MUSEO DE CIENCIAS. Asociación Burval, A Morteira e Comisión Cultural Martín Sarmiento.

12,30h. ENCONTRO ABERTO SOBRE A DINAMIZACIÓN CULTURAL EN VILAFRANCA.



DO ENCONTRO ABERTO SOBRE A DINAMIZACIÓN CULTURAL EN VILAFRANCA.

As Xornadas Sarmiento tratan sempre de abrir portas, de poñer en marcha novas fórmulas de cara a mellorar o potencial cultura que Vilafranca, a capital histórica e cultural do Bierzo, ofrece. Convencidos de que a figura de Sarmiento debe ser un dos centros de interese a fomentar, conscientes de que este traballo en gran medida aínda está por deseñar e desenvolver insistimos no achegamento e na posta en común de puntos de encontro con outros colectivos culturais, coa administración local de cara a ir consolidando propostas e proxectos concretos cos que avanzar.
Esta mesa redonda esta aberta a participación de todas as asociacións e persoas interesadas na dimanización cultural coa idea de fortalecer proxectos en marcha como o da recuperación do Museo de Ciencias e favorecer todo tipo de iniciativas que poidan xurdir nesta posta en común.

SARMIENTO: NA CELA DAS LETRAS E DAS CIENCIAS.

Pedro Xosé García Balboa naceu en Vilafranca do Bierzo un 9 de marzo de 1695. Aos poucos meses trasladase coa súa familia a Pontevedra, onde pasará a súa infancia. Aos quince anos trasladouse a Madrid para ingresar no mosteiro bieito de San Martín.
Este será o lugar onde vivirá ata a morte, agás pequenos períodos de traballo en arquivos e bibliotecas e de docencia noutros mosteiros. Mais onde pasou a meirande parte da súa vida, o seu habitáculo de estudo e experimentación máis preciado era a súa cela. Unha cela de dimensiois maiores das que un monxe habitualmente usaba e que a mesma Orde lle ofrecera, como facía coa súa alta xerarquía, coa finalidade de rendabilizar a dedicación deste home sabio aos intereses da mesma. Só vai a abandonala para realizar unhas curtas viaxes a Galicia, pero que foron un revulsivo transcendental para o seus traballos.
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 26-02-2013 20:14
# Ligazón permanente a este artigo
ITINERARIO SARMIENTO
Outra das novidades destas IV Xornadas foi o ITINERARIO SARMIENTO, un roteiro pola vila que resultou unha experiencia moi enriquecedora para ver Vilafranca dende a óptica da vida e da obra do ilustrado galego nado nesta vila. Espazos que percorreu Sarmiento con outros ollos que son os que quixemos imaxinar á hora de facer un percorrido pola contorna distinto do habitual.

Comezamos no Museo de Ciencias Naturais, que serviu de lugar de encontro e de referencia inicial deste itinerario. Unha visita guiada pola persoa que habitualmente mostra ás persoas que alí acoden a ver esta incrible caixa de sorpresas que é este Museo. Tanto ten aves e cunchas esóticas, coma fauna e achádegos arqueolóxicos da zona, ben interesantes. Neste primeiro momento lembramos a cela de Sarmiento e o seu gusto por coleccionar cunchas de todas as praias de Galicia ou por coñecer o mundo natural e os nomes de animais, plantas tanto os científicos, como os denominados vulgares,eses que usaba o pobo. Lola Fdez Álvarez que en todo momento foi quen marcou o ritmo do Itinerario fixo comentarios moi precisos e curiosos sobre o saber de Sarmiento acerca do uso de determinados minerais que están presentes nas vitrinas do Museo.
Logo fomos cara o busto que Sarmiento ten colocado na alameda e lembramos os negrillos, hoxe case por completo desaparecidos, que antes medraban na mesma. Fixemos unha foto ante a Colexiata que parece querer explicarnos o propio Sarmiento "... chámaselle Cruñego por causa de estar antes alí asentada unha abadía de Cluny..." e despois indo cara a igrexa relatamos a relación que esta Colexiata ten co mestre canteiro e pai de Sarmiento. Tamén falamos das vicisitudes do libro parroquial ao que lle faltan as follas onde debería estar rexistrado o nacemento e bautismo de Pedro Joseph García Balboa, que logo será o noso bieito sabio.
De seguir diriximos os nosos pasos cara ao lugar que hoxe é un solar onde estaba a súa casa natal. Fixámonos no sabugueiro e falamos dos seus atributos etnobotánicos, tamén do topónimo da “Portaxe” e do “Socubo” e por este barrio camiñamos cara o paseo do río Burbia onde comezamos unha visita que ía da botánica á historia. Á vista dos monumentos que se contemplan dende a beira do río, na confluencia houbo un momento para a poesía de Ramón González Alegre, máis adiante sería a de Enrique de Antón falando do Ciprés, ambos poemas recitados por Lola que fixo fincapé no seu valor sentimental. De todo os xeitos entre comentarios históricos e artísticos á vista de San Francisco, Santiago, da Anunciada ou do Castelo sobre a formación da vila e a súa evolución histórica, foise dando paso á paisaxe natural e a reparar en pequenas plantas como os couseliños e os seus usos como cicatrizantes, a verónica, a planta leitarega, a celidonia, falouse da galocrista que comentaba tamén Sarmiento ao seupaso por Vilela na súa viaxe de 1745, e seguiron aparecendo plantas a cicuta, a artemisa, e tamén árbores coma as salgueiras, de novo os babugueiros, ao pé dos cales houbo quen cantou unha coplas tradicionais, e a estrelamaris, ou un cardo seco que serviu para facer un instrumento, avanzando camiño de Vilela á que non chegamos por facerse xa algo tarde, aínda que a intención era achegarmos ao seu antigo Priorato onde o frade erudito pernoctara.
Foi unha experiencia enriquecedora que nos permitiu ver a vila natal de Sarmiento con outra perspectiva. Un itinerario novo sobre o que seguiremos afondando. A intención é ofertalo como un roteiro máis para veciños e visitantes de Vilafranca e do Bierzo, da capital cultural da comarca, dona dun fermoso patrimonio natural e histórico artístico.

Podes escoitar aquí un audio sobre dito itinerario.
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 14-03-2012 06:32
# Ligazón permanente a este artigo
Acto central das IV Xornadas, 9 de marzo de 2012
O día 9 de marzo comezou a primavera en Vilafranca do Bierzo, non só porque houbo un día cálido e soleado, senón porque a celebración do primeiro dos actos, o que tiña carácter central, das IV Xornadas Martín Sarmiento, foi tamén moi acolledor e entrañable, así foi como o catalogou a propia Coordinadora do programa de promoción da lingua galega nos centros docentes do Bierzo a inspectora de Educación, Rita Pérez Monteserín que asistiu ao acto como representante oficial da Delegación de León da Conserjería de Educación da Junta de Castilla y León. Tamén estiveron presentes, por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Xoán Rivas Cid,subdirector xeral de Política Lingüística e a Margarita Sánchez Cabarcos, xefa do Gabinete de Normalización Lingüística da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Innovación Educativa da provincia de Lugo.
As autoridades locais, o Concelleiro de Cultura, Luisma Prieto Gaztelumendi e Conchi López Blanco, alcaldesa da vila, foron os encargados de agradecer a presenza no acto das autoridades educativas presentes e de dirixir as primeiras palabras de benvida aos alumnos/as dos centros bercianos de Primaria e Secundaria alí presentes, 12 centros vidos dende Ponferrada, Camponaraia, Carucedo, Cacabelos, Toral de Meraio e dos Vados, ademais dos tres centros existentes na propia Vilafranca, aos que tamén se lles deu ás grazas polo esforzo e traballo realizados.
De seguir iniciou a súa intervención a propia Comisión Cultural Martín Sarmiento na persoa que coordinou as presentes xornadas, Héctor Silveiro, cunha breve charla sobre a figura central dos actos, o Padre Sarmiento e a súa relación co Bierzo, por nacemento, na obra e na pegada presente da súa obra e intereses. Ademais explicou o sentido e filosofía das xornadas tanto á hora de recuperar a memoria do pasado, o noso pasado patrimonial que está intimamente relacionado con Sarmiento, como de conquistar espazos día a día no presente de cara a construír un proxecto de futuro e con futuro arredor da vida e obra de Sarmiento en Vilafranca e no Bierzo.
A continuación o escritor e catedrático da Universidade de Vigo, Anxo Angueira dirixiuse aos alumnos/as bercianas alí presentes para cautivalos coa súa calidade oratoria, recitando veros de Sarmiento e de Antonio Fdez. Morales para evidenciar o carácter de precursor e modelo no que se converteu o propio Sarmiento para os autores do Rexurdimento literario do galego tanto en Galicia coma no Bierzo. Pero se a súa dicción e palabras estiveron cargadas de emoción e sentimento, as intervenciois posteriores, de máis dun cento de rapaces e rapazas que estudan galego no Bierzo, mesmo dalguis dos docentes que coordinaron os traballos en cada centro foron as máis esperadas e emocionantes. Proxectouse primeiro unha breve presentación dos traballos que para Intercambio escolar Martín Sarmiento 2012 prepararon tamén alumnos/as de Pontevedra dos centros IES Valle Inclán e do CPR San Narciso, para dar paso aos institutos bercianos. Mozos e mozas que estudan galego no IES Virgen de la Encina, no IES. Padre Sarmiento, no IES Bergidum Flavium ou no IES Europa desglosaron os contidos dos seus traballos que se agrupaban baixo o título “De Sarmiento a Morales na procura da nosa identidade”. Tamén o departamento de Castelán do IES Padre Sarmiento fixo unha presentación para establecer un contraste entre a figura de Sarmiento e Morales e a de outros escritores bercianos como Enrique Gil y Carrasco.
Logo viñeron os nenos e nenos nerviosos uns, con soltura os outros, que tamén trataron de resumir en liña xeral as súas indagaciois sobre Sarmiento e Morales e sobre os motivos polos que se estuda galego no Bierzo. Foron os centros de Toral dos vados e Toral de Meraio que realizaron un traballo conxunto, San Lorenzo de Brindis de Vilafranca e da mesma vila o Colexio concertado da Divina Pastora que a pesar de non estra no Programa sumouse ás xornadas, o centro de Carucedo e o CEIP S. Ildefonso de Camponaraia e finalmente o CEIP Valentín García Yebra de Poferrada. Todos eles en formatos variados, case que todos combinando a intervención oral co apoio de imaxes que se proxectaban simultaneamente. hai que ter en conta qu eestes traballos íntegros van ser colgados neste mesmo blog proximamente e a medida que algúns deles que están en pleno desenvolvemento se vaian rematando e cheguen ás nosas maos.
Finalmente, para clausurar as xornadas e antes de recibir un agasallo e un diploma por parte da organización, tiveron lugar sendas intervenciois das autoridades educativas presentes que manifestaron ter asistido a un acto que amosa ás claras o éxito do Programa de Promoción do Galego nos Centros do Bierzo e desexar a continuidade de actividades como as presentes nas que o protagonismo recae nos propios alumnos/as e que son froito da colaboración entre entes sociais e educativos. Cunha invitación a participar na actividade programada para o día seguinte por parte da organización rematouse este acto central das IV Xornadas que tivo lugar no Teatro de Vilafranca.Podedes ver unha reportaxe gráfica máis completa aquí.
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 11-03-2012 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
O programa das IV Xornadas Martín Sarmiento


A Comisión Cultural Martín Sarmiento e a Concellalía de Cultura do Concello de Vilafranca do Bierzo á hora de relanzar estas xornadas intentan incidir na relación que mantén Sarmiento coa nosa comarca, non só polo mero feito de ter nacido na vila do Burbia, senón pola impronta que a súa obra ten en fenómenos como o do Rexurdimento do galego e do seu cultivo literario no Bierzo. Por iso aparece ao pé de Sarmiento outro autor como Antonio Fdez. Morales, do que vimos de celebrar o 150 aniversario da publicación dos seus "Ensayos poéticos en dialecto berciano" que reciben unha forte influencia da obra de Sarmiento titulada "Coloquio dos 24 galegos rústicos" composto en 1746.

Este ano facémonos eco tamén doutro aniversario, o do décimo curso escolar no que está presente nos centros docentes do Bierzo o “Programa de Promoción do Galego”. Por este motivo imos darlles protagonismo nestas xornadas aos centos de alumnos/as, as máis de mil familias que escolleron voluntariamente esta materia á hora de matricularse tanto en Primaria como na ESO ou Bacharelato, celebrar os bos resultados que está tendo e o éxito do programa tamén co profesorado e, por suposto, co conxunto dos centros nos que se imparte. O alumnado de Vilafranca, do resto do Bierzo e mesmo de Pontevedra exporán as liñas básicas dos traballos que está realizando para os INTERCAMBIOS ESCOLARES "MARTÍN SARMIENTO 2012”.
Este ano ademais inauguramos o ITINERARIO SARMIENTO, incorporando á oferta turística e patrimonial de Vilafranca do Bierzo, este percorrido multidisciplinar e moi singular polo núcleo urbano e os seus arredores, á imitación do “modus opperandi” do propio Sarmiento nas súas viaxes.

PROGRAMA DE ACTOS

Venres 9 de marzo: Teatro de Vilafranca

11h: INAUGURACIÓN: Intervención da Alcaldesa e o Concelleiro de Cultura.
CHARLAS: SARMIENTO E O BIERZO

-Sarmiento e o Bierzo,
por Héctor Silveiro, coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento e membro correspondente da RAG.

-De Sarmiento a Morales,
por Anxo Angueira, catedrático de Lit. Galega da Universidade de Vigo, escritor e recitador recoñecido.

12h. EXPOSICIÓN TRABALLOS DOS INTERCAMBIOS ESCOLARES:
“De Sarmiento a Morales, na procura da identidade”
-Centros de Primaria e IES do Bierzo e Pontevedra: (powerpoint)
Os centros participantes nos INTERCAMBIOS ESCOLARES MARTÍN SARMIENTO 2012:

CEIP e IES do BIERZO
CEIP S. Lorenzo de Brindis (Vilafranca)
CEIP V. García Yebra (Ponferrada)
CEIP Compostila, (Ponferrada)
CPEIP Divina Pastora (Vilafranca)
CRA Jimena Muñiz (Corullón)
CEIP Jesús Maestro, (Cuatroventos)
CEIP San Ildefonso, (Camponaraia)
CRA Toral de Merayo,
CEIP M.L.Ucieda (Toral dos Vados)
CRA Carucedo
CRA Ponte de Domingo Flórez.
CEIP Virgen del Carmen,(Placa)
CEIP V. de la Quinta Angustia (Cacabelos).
IES Bergidum Flavium (Cacabelos)
IES Europa (Ponferrada)
IES Padre Sarmiento (Vilafranca)
IES Virgen de la Encina (Ponferrada)

Centros de Galicia:
*Estes traballos froito do intercambio con centros de Pontevedra. Os centros son CPR San Narciso de Marín e IES Valle Inclán de Pontevedra.


13h. CLAUSURA:
Coa intervención do director do IES Padre Sarmiento como un dos centros participantes e das autoridades educativas presentes da Comunidades autónomas de Galicia e de Castela e León. Entrega de Diplomas aos participantes.

Sábado 10 de marzo.

11h. ITINERARIO SARMIENTO
O Itinerario SARMIENTO é unha iniciativa de promoción e reivindicación patrimonial da vila natal de Martín Sarmiento a través dos lugares que están estreitamente relacionados coa vida e coa obra do sabio ilustrado. Seguindo o seu lema “sapere aude”: “atrévete a saber” realizaremos un percorrrido por VILAFRANCA DO BIERZO e a súa contorna. Será unha posta en común de distintos estudosos locais de campos como a Natureza, a Historia e a Cultura tradicional e do que poden participar veciños e visitantes desta vila na que a primavera comeza un 9 de marzo.

O Itinerario comezará ás 11 horas na Alameda ao pé do busto de Sarmiento realizado por A. Nogueira.

Organiza este itinerario a Comisión Cultural “MARTÍN SARMIENTO” Colaboran: Asociación “BARANTÉS”, Asociación “A MORTEIRA” e Aso. Cultural “BURVAL” e a Oficina de Turismo Local.

Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 02-03-2012 06:44
# Ligazón permanente a este artigo
Convocadas as IV XORNADAS MARTÍN SARMIENTO

As IV XORNADAS "MARTÍN SARMIENTO" veñen de ser convocadas pola Comisión Cultural Martín Sarmiento de Vilafranca do Bierzo que conta ademais para a organización das mesmas coa implicación da Concellalía de Cultura desta mesma vila na que un 9 de marzo de 1695 nacera o erudito ilustrado e Pai das Letras Galegas.

Nesta ocasión o longo lema que rexirá as mesmas consta dun título xenérico: Sarmiento no Bierzo, ao que acompaña o subtítulo: De Sarmiento a Morales na procura da identidade. A intención da Comisión Cultural e da Concellalía de Cultura á hora de relanzar estas xornadas volve a insistir na relación que mantén Sarmiento coa nosa comarca, non só polo mero feito de ter nacido na vila do Burbia, senón pola impronta que a súa obra ten en fenómenos como o do Rexurdimento do galego e do seu cultivo literario no Bierzo. Por iso aparece nesta ocasión ao pé de Sarmiento outro autor como Antonio Fernández Morales, do que vimos de celebrar o 150 aniversario da publicación dos seus "Ensayos poéticos en dialecto berciano" que reciben unha forte influencia tanto na forma como nos contidos da obra de Sarmiento titulada "Coloquio dos 24 galegos rústicos",composto en 1200 coplas que escribiu en 1746.
Este ano quixemos tamén facernos eco doutro senlleiro aniversario. Trátase do décimo curso escolar no que está presente nos centros docentes do Bierzo o denominado Programa de Promoción do Galego. Por este motivo imos darlles protagonismo nestas xornadas aos centos de alumnos/as, as máis de mil familias que escolleron voluntariamente esta materia á hora de matricularse tanto en Primaria como na ESO ou Bacharelato, celebrar os bos resultados que está tendo e o éxito do programa tamén co profesorado que o fixo e o fai posible e por suposto co conxunto dos centros nos que se imparte pola dificultades que esta incorporación presenta e como se van superando. O alumnado de Vilafranca, do resto do Bierzo e mesmo de Pontevedra está preparando xa unha serie de propostas didácticas que servirán como fío condutor dos INTERCAMBIOS ESCOLARES "MARTÍN SARMIENTO" deste curso seguindo o camín das ediciois pasadas e que nesta ocasión amplíanse considerablemente no tocante tanto ao número de centros invitados a participar como no volume de traballos que se esperan reunir. Precisamente o próximo 9 de marzo está programado un acto no Teatro de Vilafranca que servirá de posta en común, concluído o período de elaboración e de dar paso a súa difusión na rede.
Comentarios (1) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 11-02-2012 09:11
# Ligazón permanente a este artigo
MEMORIA DAS III XORNADAS MARTÍN SARMIENTO
PROGRAMA DAS XORNADAS
1 e 2 de marzo: 1ª FASE DOS INTERCAMBIOS ESCOLARES “MARTÍN SARMIENTO”
Xornada Escolar “Martín Sarmiento”dos nen@s do Bierzo en Pontevedra.
9 de marzo, día do nacemento do ilustrado: CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE SINATURAS PRO CUMPRIMENTO DO ACORDO PARA A RECONSTRUCCIÓN DA CASA DE SARMIENTO
Sábado 24 de marzo: TEATRO VILAFRANQUINO
19,00 h Presentación:
PROXECTO DA COMISIÓN SARMIENTO PARA A CASA NATAL por HÉCTOR M. SILVEIRO,
coordinador da Comisión Martín Sarmiento
MESA REDONDA sobre:
INFRAESTRUTURAS MUSEÍSTICAS :
A CASA NATAL DE SARMIENTO,
REFERENTE DO CAMIÑO A SANTIAGO
Inservirán:
-Dna. CONCEPCIÓN LÓPEZ BLANCO,
Concejalía de Cultura de Vilafranca.
- D. VICENTE CELA QUIROGA
Alcalde de Vilafranca.
-D. AGUSTÍN GARCÍA MILLÁN,
Deputado Provicial e membro da oposición.
-D. RICARDO RODRÍGUEZ SAAVEDRA
Presidente Consello Comarcal do Bierzo.
-D. FRANCISCO SINGUL LORENZO
S. A. Do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia
-D. ANTONIO AMADO LORENZO
Arquitecto autor do Proxecto da Casa do Padre Sarmiento.
27 e 28 de marzo: 2ª FASE DOS INTERCAMBIOS ESCOLARES “MARTÍN SARMIENTO”
Xornada Escolar dos nen@s de Pontevedra no Bierzo.
- Recepción nos centros CEIP. San Lorenzo de Brindis e IES Padre Sarmiento.
- Visita a vila natal de Sarmiento.
- Visita ás Medulas e Mosteiro de Carracedo.
- Recepción oficial no Concello de Vilafranca.
XORNADA DE CLAUSURA
Sábado 28 de abril : TEATRO VILAFRANQUINO
18,00: Ponencia:
PASADO, PRESENTE E FUTURO DO MUSEO DE CIENCIAS DOS PADRES PAÚLES
por P. Manuel Peleteiro
18,30: MESA REDONDA sobre:
UN CONVENIO PARA O FUTURO: MUSEO DE CIENCIAS NATURAIS DOS P. PAÚIS.( participarán diversos expertos da museística, taxidermia e ciencias naturais)
19,30: Presentación nos Circuítos Culturais “Martín Sarmiento” coa intervención do director documental FRONTEIRAS,
de Rubén Pardiñas e Carlos Aguilera
Premio Xpresate no III Festival PLAYDOC de Tui ( 2007)
Con esta proxección daranse por clausuradas as Xornadas Martín Sarmiento 2007.
Organiza:
COMISIÓN CULTURAL
MARTÍN SARMIENTO
Patrocinan e colaboran:
Concejalía de Cultura M.I. Ayuntamiento
Villafranca del Bierzo
Concellería de Cultura
Concello de Pontevedra
Consejo Comarcal del Bierzo
Dirección Xeral de creación e difusión cultural
Consellería de Cultura e Deporte ( Xunta de Galicia.


A COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO naceu no inverno do 2001 con dous obxectivos que se celebrasen no ano 2002 o Día das Letras Galegas en Vilafranca do Bierzo e que se chegase a un acordo para a reconstrucción da Casa Natal. Os dous obxectivos foron conseguidos sumándonos así aos actos realizados en toda Galicia en homenaxe ao Pai das LETRAS GALEGAS e asinándo a Xunta de Galicia, a “Junta de Castillla y León” e o Concello de Vilafranca un convenio para a reconstrucción da súa Casa Natal de Sarmiento.
A Comisión Cultural, como unha coordinadora de asociaciois, entes culturais e educativos de Vilafranca, mesmo da Concellería de Cultura, vén traballando dende entón para poñer en valor os nosos bens patrimoniais a través dun proxecto de divulgación tomando como referencia a obra do ilustrado Martín Sarmiento un dos mellores baluartes na defensa do noso patrimonio natural, histórico, cultural e lingüístico.

As XORNADAS “MARTÍN SARMIENTO”Son a fórmula anual de seguimento dos proxectos deseñados de cara a consolidar infraestruturas válidas para o estudo e recuperación dos nosos recursos patrimoniais. As Xornadas Martín Sarmiento queren ser unha referencia necesaria na dinámica cultural do Bierzo, onde o ilustrado ten un papel que xogar indiscutible pola amplitude, vixencia e a modernidade dos seus traballos.

PATRIMONIO, MUSEOS E SABER
Cando pasaron case os 5 anos da sinatura do acordo para a reconstrucción da Casa Natal de Sarmiento pretendemos centrar o noso interese no cumprimento dito acordo. O día 9 de marzo comezamos unha campaña de recollida de sinaturas, tentamos tamén que as distintas autoridades implicadas no proxecto expliquen o pasado o presente e o futuro do acordo e da Casa, e finalmente a propia Comisión presenta as súas ideas e o seu compromiso na dinamización futura da Casa Natal de Sarmiento, que son parte esencial do seu proxecto dende a súa creación.
Hai outra infraestrutura museística de gran interese para Vilafranca pola que tamén apostamos que é o Museo de Ciencias Naturais dos P. Paúis para a que se vai asinar un acordo co goberno municipal coa intención de reubicalo e ampliar o seu contido, para o que a Comsión propón a creación da denominada Aula Ecocultural “Martín Sarmiento”, un espazo de interpretación da natureza, antropoloxía e etnografía como un todo.

Por último, seguimos traballando no PROGRAMA DIDÁCTICO “SARMIENTO NA ESCOLA”, a través dos INTERCAMBIOS ESCOLARES“MARTÍN SARMIENTO”(Bierzo-Pontevedra).
1-2 de marzo: Intercambio escolar en Pontevedra: Desprazamento a Pontevedra dos alumn@s bercianos de 6º de Primaria do CEIP S.: LORENZO DE BRINDIS (Vilafranca)e CRA Ximena Muñiz ( Corullón) e de 1º ESO de Lingua galega dos centros IES.BERGIDUM FLAVIUM (Cacabelos) e IES. PADRE SARMIENTO (Vilafranca do Bierzo).
27-28 de marzo: Intercambio escolar en Vilafranca e no Bierzo: Recepción en Vilafranca dos alumn@S de Primaria e de Secundaria dos centros CEIP. XUNQUEIRA II e IES. GONZALO TORRENTE BALLESTER de Pontevedra.
Xa é o terceiro curso con esta experiencia de intercambio escolar, cultural e lingüístico para unha aula de Primaria e outra de Secundaria entre centros Bercianos e Pontevedreses. O fío conductor son a figura e obra de Sarmiento e os valores patrimoniais. Para esta actividade a Comisión Cultural edita as propostas didácticas denominadas “O MEGO NA ESCOLA” .
Debemos indicar que ademais dos centros citados colaboran outras entidades para que estes intercambios se leven a cabo como o propio Concello de Vilafranca do Bierzo e a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, a Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.

CIRCUÍTOS CULTURAIS “MARTÍN SARMIENTO”
O interese por promover unha relación cultural, enriquecedora e fluída entre O BIERZO e GALICIA, a Comisión Sarmiento coordine de novo este ano os CIRCUÍTOS CULTURAIS MARTÍN SARMIENTO buscando a súa continuidade coa colaboración do Consello Comarcal do Bierzo e a Dirección Xeral de Creación e difusión cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.
para ver máis
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 05-03-2008 00:19
# Ligazón permanente a este artigo
MEMORIA DAS II XORNADAS MARTÍN SARMIENTO
PROGRAMA DAS XORNADAS

Xoves 9 de marzo 2006
Xornada Escolar “Martín Sarmiento”

Sábado 18 de marzo: CASA DA CULTURA

18,00 h PONENCIAS E COMUNICACIOIS:

INTERCAMBIO ESCOLAR “MARTÍN SARMIENTO”
por XOSÉ ÁLVAREZ GARCÍA,
profesor de galego no IES Padre Sarmiento

A MEMORIA DA SOMOZA NA REDE
por OSWALDO PEREIRA
coodinador das páxinas villafrancadelbierzo.org,
miradas3 e do foro
sobre Vilar de Aceiro.

UN CIPRÉS NUN CONVENTO
NA ÉPOCA DE SARMIENTO
por LOLA FERNÁNDEZ ÁLVAREZ,
investigadora e etnobotánica, da Comisión
Pro IV Centenario do Ciprés da Anunciada.

UN COMPROMISO CO PATRIMONIO:
XXV ANOS DA ESCOLA DE GAITAS
por HÉCTOR M. SILVEIRO,
coordinador da Comisión Martín Sarmiento
e Pte. da Asociación Escola de Gaitas.

PROXECCIÓN:
BIERZO NATURAL:
HERPETOFAUNA BERCIANA
por PEPO NIETO SANTÍN
fotógrafo e estudioso de fauna berciana.

20.00 h. CONFERENCIA-DIAPORAMA

“UN PASEO POLA ARQUEOLOXÍA DE VALDEORRAS E O BIERZO EN MEMORIA DE MARTÍN SARMIENTO”
por JOSÉ FERNÁNDEZ PÉREZ,
Pte. da Sección de Arqueoloxía e Ecoloxía
do Instituto.de Estudos Valdeorreses(IEV)


CIRCUÍTOS CULTURAIS“MARTÍN SARMIENTO”

Sábado 27 de maio : TEATRO VILAFRANQUINO
19,30: Presentación dos Circuítos Culturais “Martín Sarmiento” coa intervención do Pte. Consello Comarcal e Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia .
20.00 h. A continuación a actuación teatral:

O HEROE, de Manuel Rivas
a cargo da compañía
SARABELA TEATRO


Con esta actuación daránse por clausuradas as Xornadas Martín Sarmiento 2006.

Organiza:
COMISIÓN CULTURAL "MARTÍN SARMIENTO"

Patrocinan e colaboran:

Concejalía de Cultura M.I. Ayuntamiento
Villafranca del Bierzo

Concellería de Cultura
Concello de Pontevedra

Dirección xeral de creación e difusión cultural, da Consellaría e Cultura e Deporte da Xunta e Galicia


II XORNADAS “MARTÍN SARMIENTO” Vilafranca do Bierzo

MEMORIA, PATRIMONIO E LINGUA
9 e 18 de marzo - 27 de maio 2006

"AUDE SAPERE" Atrévete a saber!


A COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO naceu no inverno do 2001 para celebrar no ano 2002 unha homenaxe ao Pai das LETRAS GALEGAS sumándonos aos actos realizados en toda Galicia e solicitar da Xunta de Galicia e a “Junta de Castillla y León” a sinatura dun convenio para a reconstrucción da súa Casa Natal en Vilafranca.
A Comisión Cultural é unha posta en común aberta de todas as asociaciois e entes culturais e educativos de Vilafranca, mesmo da Concellería de Cultura, para poñer en valor os nosos bens patrimoniais a través dun proxecto de divulgación da obra e figura do ilustrado Martín Sarmiento e un labor de defensa do noso patrimonio natural, histórico, cultural e lingüístico.

As XORNADAS “MARTÍN SARMIENTO”Son a fórmula anual de seguimento dos proxectos deseñados de cara a consolidar infraestruturas válidas para o estudo e recuperación dos nosos recursos patrimoniais. As Xornadas Martín Sarmiento queren ser unha referencia necesaria na dinámica cultural do Bierzo, onde o ilustrado ten un papel que xogar indiscutible pola amplitude, vixencia e a modernidade dos seus traballos.

MEMORIA, PATRIMONIO E LINGUA
O valor da Memoria como chamamento á reflexión, a mirada ao noso pasado para entender o presente e afrontar o futuro é un elemento imprescindible sempre á hora de abordar un traballo arredor do Patrimonio. Este ano 2006 é ademais un ano no que se dá a circunstancia de que no ámbito comarcal é rico en aniversarios e celebraciois ás que non podemos ser alleos. Destacaremos tamén os importantes traballos que a través das novas tecnoloxías como a Internet están dando os seus froitos na recuperación da memoria.

Unha estreita e vella relación do Bierzo con Valdeorras non nos pode pasar desapercibida de cara a un traballo conxunto sobre un patrimonio común, unha das grandes metas dos proxectos que tentamos poñer a andar.

CIRCUÍTOS CULTURAIS “MARTÍN SARMIENTO”
O interese por promover unha relación cultural, enriquecedora e fluída entre O BIERZO e GALICIA fai que, tras do primeiro paso que supuxo o intercambio propiciado polo goberno municipal de Pontevedra das Xornadas pasadas, a Comisión Sarmiento coordine a posta en marcha este ano dos CIRCUÍTOS CULTURAIS MARTÍN SARMIENTO nos que participan igualmente concellos como os de Pontevedra e Vilafranca, pero que buscando a continuidade e a superación dos actos aillados auspiciamos un convenio entre o Consello Comarcal do Bierzo e a Dirección Xeral de Creación e difusión cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta para facer realidade esa ligazón activa, necesaria e prometedora no terreo da cultura.

INTERCAMBIO ESCOLAR “MARTÍN SARMIENTO” ( Bierzo-Pontevedra)

13-14 de marzo:
1ª sesión Intercambio escolar en Vilafranca:
Recepción en Vilafranca dos alumn@S de Primaria de secundaria dos centros CEIP. XUNQUEIRA II e IES. GONZALO TORRENTE BALLESTER de Pontevedra.

30-31 de marzo:
2ª sesión Intercambio escolar en Pontevedra:
Desprazamento a Pontevedra dos alumn@s bercianos de 6º de Primaria do CEIP S.: LORENZO DE BRINDIS (Vilafranca) e de Lingua galega dos centros IES. EUROPA e VIRGEN DE LA ENCINA (Ponferrada), IES.BERGIDUM FLAVIUM (Cacabelos) e IES. PADRE SARMIENTO (Vilafranca do Bierzo).


Xa ano pasado as Xornadas tiveron unha compoñente educativa e desenvolveron un traballo escolar moi significativo, que nos levan a presentar no presente curso unha experiencia de intercambio escolar, cultural e lingüístico para unha aula de Primaria e outra de Secundaria entre centros Bercianos e Pontevedreses. O fío conductor serán a figura e obra de Sarmiento. Para esta actividade a Comisión Cultural edita as propostas didácticas denominadas “O MEGO NA ESCOLA” .
Debemos indicar que ademais dos centros citados colaboran outras entidades para que estes intercambios se leven a cabo como a Asociación Berciana da Lingua XARMENTA e do propio Concello de Vilafranca do Bierzo e a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, a Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia .

Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 05-03-2008 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal