O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

SARMIENTO na viaxe sobre a idea e a palabra Rexurdimento.

Organizado polo Ateneo Atlántico de Vigo na Biblioteca da EMAO, onte día 3 de decembro presentouse o libro de Anxo Angueira recentemente editado en Xerais titulado: REXURDIMENTO, A IDEA E A PALABRA.

Manuel Forcadela e Méndez Ferrín acompañaron ao autor… Manuel Forcadela destacou que o Anxo Angueira que se presentaba non era nin o poeta, non o narrador senón o Angueira profesor, docente e investigador, crítico literario para poñer no centro do debate un concepto que se asenta no ano 1980: O Rexurdimento. Como logo dixo Ferrín efectivamente na Historia da literatura Galega podemos dicir que houbo moitos rexurdimentos, pero se cadra no sentido estrito da palabra e do concepto dependente do Renacimento, italiano ( ou a Renacenza en Calatunya) o que en Galicia hoxe se entende por Rexurdimento é máis ben a Renacenza e habería que situala, como puntualizou logo Angueira, no comezo do século XX coincidindo coas Irmandades da Fala e a Xeración Nós.

Outro dos eixes deste estudo pretende situar, despois de ler o contexto no que xorden as denominaciois do Renacemento na crítica literaria europea, un punto central da nosa Literatura Contemporánea na singular figura Sarmiento, poñendo de paso en solfa o perverso concepto de Séculos Escuros. Este autor do XVIII é referencia esencial para os autores que ben se podían denominar precursores no XIX.

A idea da Alba e o espertar ligado máis a un comezo que un rexurdir no que hai que tamén saber analizar textos que como En las Orillas del Sar, tan galegos como Cantares ou Follas Novas.

Ferrín comentou que a nosa Literatura Clásica está escrita en latín, no latín da Gallaecia romana de Prisciliano, Egeria ou Orosio e sinalou como a literatura feminina atópase poderosamente representada como nun continuum ao longo da historia da nosa literatura. Insistiu en que houbo un período anterior máis humilde e arcaico que o que logo será o esplendor da Lírica galaica medieval descoñecido, pero evidente. Denuncia que Carballo Calero non citase a Sarmiento porque as súas 1200 coplas lideradas por unha muller traballadora (outra de tantas nese continuum literario da muller nas nosas letras) non debeu consideralo representativo. Angueira confesou que o discurso de Méndez Ferrín en 2002 no Teatro de Vilafranca do Bierzo no Día das Letras Galegas dedicadas a Sarmiento cambiara a súa visión deste autor central e do seu Coloquio de 24 galegos rústicos. como precedente de X. M. Pintos en Pontevedra, de Morales no Bierzo, de Rosalía de tantos e tantos outros... e dunha literatura que non é romántica no sentido do Romantismo da literatura castelá, afirmou Ferrín ao que logo Angueira insistiu indicando que a literatura galega do XIX é realista non romántica.

Unha fortuna poder asistir a esta presentación dun libro que nos invita a repensar a nomenclatura coa que bautizamos aos períodos da Literatura Galega. Como reza no limiar do libro unha lectura que é unha viaxe enriquecedora e fértil sobre a idea e a palabra.
Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIOIS - Publicado o 04-12-2019 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
A Comisión Cultural promove a edición dunha Cala no Bierzo Occidental de Elixio Rivas.

Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIOIS - Publicado o 19-11-2019 06:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal